martes, 25 de febreiro de 2014

As mouras lousas do Castro da Torre


“Hein d'ir a Cido i a Castro de Brío
baixar i andar pola aurela do río.
Hein d'ir a Céramo cruzal'o Faro i entón
debrocar pra baixo cara Oéncia e León.
Hein d'ir a Vales i a Pena da Airexa
i a un eido solo onde ninguén me vexa”.
Uxío Novoneyra

Na nosa última viaxe ás feiticeiras terras de Novoneyra, ós solitarios eidos do Courel, tivemos a sorte de coñecer unha pequena mostra das máis esquecidas e silenciosas aldeas que aínda resisten nesta dura pero fascinante serra. Logo da visita ós fogares dos nosos avós, procuramos aldeas aínda máis antigas, silenciosas i esquecidas.  A serra do Courel agocha unha boa mostra de restos de castros espallados polos picos e ladeiras que albiscan o curso do Lor. Somentes uns poucos están catalogados, como os de Cido e Brío, presentes na escrita de Novoneyra, ou os de Vilar, Megoxe e A Torre. Este último, o da Torre, é o único que foi escavado i estudado en profundidade; recuperado. Na nosa primeira viaxe a estas terras caurelás xa tiveramos ocasión de coñecer as enloitadas lousas que conforman as antigas e recuperadas vivendas deste castro, así como as fabulosas vistas que se albiscan dende alí. Nembargantes, non nos deteramos moito a analizar a súa localización nin as súas principais características. Na nosa segunda viaxe ó Caurel, quixemos regresar ó Castro da Torre para retratar este antigo asentamento e recrear parte da historia destes nosos esquecidos castros. 


Viaxamos pois cara a parroquia de Folgoso, i en concreto, até o lugar de Sobredo. Adoecía por ensinarlles ós meus amigos Samuel e Adrián os escuros muros de lousa dos primeiros habitantes do Courel e as impresionantes paisaxes que se albiscan dende o Castro da Torre. Un persistente orballo semellaba querer acompañarnos até o castro. Chegamos a Sobredo e agardamos un anaco a ver se escampaba. O ceo mostrábase escuro e con poucas trazas de mudar a mellor, polo que decidimos abrigarnos ben e comezar a ascender a pé até o cumio dun meandro conformado polo Lor onde, a uns 760 metros de altitude, se localiza o Castro da Torre. Non tardamos en chegar, somentes nos restaba aguantar a chuvieira. O Castro da Torre aséntase sobre dun promontorio de lousa dunhas dimensións aproximadas de 150 por 50 metros que se ergue uns 30 metros sobre do terreo que o arrodea. A rocha do chan deste outeiro preséntase núa. Comezamos a percorrer o castro pola rúa principal que o atravesa, ollando as vivendas.  Este castro coñécese como o da Torre porque hai quen di que eiquí existiu, en tempos pasados, unha torre de vixilancia. Este antigo fogar castrexo preséntase ante nós ateigado de maleza e poboado polos breixos. 


As edificacións foron erixidas con muros de lousa, mais tamén se acharon seixos nas fiadas inferiores das zonas máis húmidas. As estruturas das vivendas varían entre planta circular, rectangular con vértices redondeados e rectangulares con esquinas vivas. O castro conserva unha serie de socalcos ou rebaixes na propia rocha onde se asentan parte das vivendas, conformando un foxo defensivo duns 100 metros de lonxitude e uns 15 de profundidade. Tamén conserva un alxibe que a bo seguro debeu apagar a sede daqueles primeiros poboadores. Non resulta doado establecer con certeza o preciso momento no que se comezou a desenrolar a cultura castrexa no noso país, nembargantes, sábese que ocorreu entrámbolos séculos X e V denantes e Cristo, coincidindo co tempo no que os castrexos comezaban a levar unha vida máis estable e sedentaria e co desenrolo das primeiras actividades agrarias. Non é frecuente ver castros no fondo de vales sombrizos, os castrexos adoitaban erixilos nos outeiros, nas ladeiras ou nos máis intricados cumios, ó igual que este Castro da Torre. O obxectivo era situarse nos altos para controlar a contorna, albiscar posibles perigos e anticiparse a eles. 


As zonas altas son moito máis seguras, pois o desnivel do terreo dificulta enormemente a entrada no castro de posibles invasores. As vivendas dos castrexos ficaban, ademais, arrodeadas por fortes murallas e profundos foxos, que, dalgún xeito, aumentaban a súa seguridade. A partires do século II denantes de Cristo, coa progresiva chegada do Imperio Romano, a estrutura, a utilidade e a vida dos castros foi mudando. O declive da cultura castrexa comezaría entre finais do século I e o III despois de Cristo, coa imposición da nova organización política e social galaico-romana. Os castros fóronse abandonando e mesmo sendo empregados para outros usos. Moitos estudosos semellan relacionar a existencia dos castros do Courel coa riqueza mineral que agochan estas terras e que reflicten e descobren, as augas do Río Lor. A meirande parte destes castros da conca do Lor eran mineiros, é dicir, o lugar onde se asentaba a poboación civil que traballaba nas explotacións auríferas e mesmo as tropas romanas que dominaban o noso territorio. Os materiais achados na escavación arqueolóxica sitúan o uso deste castro entrámbolos séculos I e IV despois de Cristo. Dende o alto do Castro da Torre ollamos as fantásticas paisaxes que se estendían baixo de nós, aínda a pesares de que estaba orballando. Logo de coñecer estoutro castro galego e papar unha boa molladura, decidimos abandonar o lugar para procuralo refuxio nalgún que outro recanto máis desta fascinante e paradisíaca Serra do Courel

mércores, 19 de febreiro de 2014

Anta de Argalo, anhelo de poetas e ilustrados


“Vin revelarse as antas na afinidade da morte 
todo se pode ler nesta páxina atlántica 
na sustancia unitaria do narcisismo celta
Na camelia gaélica do xardín de Bínn Eadair”
Luz Pozo Garza, As arpas de Iwerddon

Xa facía tempo que non pisabamos o chan de antigas mámoas, os funestos recantos ancestrais que aínda hoxe temos o enorme privilexio de conservar espallados polo noso territorio. Xa facía tempo que non visitabamos algunha das moitas mostras milenarias que nos achegan ós monumentos máis senlleiros dunha Galiza pura e primitiva. Xa fai que non falabamos do noso pasado máis remoto, aquel onde a morte ficaba sempre presente. Nas nosas últimas viaxes pola sempre bravía Costa da Morte, tivemos a sorte de atopar abondosas mámoas e dolmens que se perden polos húmidos montes dos confíns da terra, entre eles os dolmens do Val da Soneira, a Arca da Piosa, a Casota de Freáns e a Fornela dos Mouros. Logo de coñecer máis polo miúdo estes milenarios monumentos funerarios da Costa da Morte, decidimos abandonar a ferocidade destas costas para internármonos nunhas prácidas rías atlánticas onde temos previsto coñecer, non somentes dolmens e mámoas, senón unha gran cantidade de petróglifos, castros e outros moitos achados milenarios. Collemos rumbo ó sur, para detérmonos na Ría de Muros e Noia, onde comezaremos unha longa travesía que nos conducirá até os achados megalíticos máis impresionantes que agochan tras de si as faldras da Serra do Barbanza. Demos comezo a esta longa e particular viaxe cara o xénese da historia do noso pobo, cara os máis descoñecidos tempos do noso país, tratando de atopar un dolmen de gran sona que aínda resiste na Comarca de Noia


Andabamos na procura da Cova da Moura, tamén coñecida como Anta do Argalo, unha mámoa que se localiza na ladeira norte do Monte Tállara, a uns 483 metros de altitude, no concello coruñés de Noia. Polo que sabiamos, a mámoa ficaría no lugar de Páramo, na parroquia de Santa María de Argalo, e moi preto do cemiterio do lugar. Para chegar tivemos que cruzar a Ría de Noia e coller rumbo cara Boiro. Ó pouco de deixar atrás esta histórica vila, collemos o primeiro desvío á dereita que atopamos, camiño de Canabal. Nada máis albiscar ó lonxe as cruces e o aparcadoiro do moderno cemiterio, puidemos ollar á nosa esquerda un panel informativo. Tras del, sorprendente e fortuitamente, achamos a senlleira Anta de Argalo. Resulta curioso que este cemiterio dos nosos días fique a escasos metros desta mámoa, deste monumento funerario dos galegos máis primitivos. Logo descubrimos, de feito, que a carón mesmo desta mámoa pasaba o camiño sacramental a través do cal os veciños levaban a soterrar ós seus defuntos á Igrexa de Santa María de Argalo dende Sobreviñas. Estabamos de novo a carón doutro funesto monumento megalítico, ante outra mámoa galega de gran sona e importancia. As mámoas son montículos de terra con forma de mama que agochan no seu interior importantes achados arqueolóxicos que semellan corresponderse con soterramentos funerarios prehistóricos. 


Estas mámoas foron empregadas no noso territorio durante o Neolítico, e non tivo que ser nada doado para aqueles devanceiros primitivos moveren estas xigantescas laxes coas súas mans e coas súas propias forzas, debeu requirir dun esforzo colectivo, coordinado e, por suposto, previamente concertado. O motivo de ergueren estas mámoas non está claro, mais os estudosos pensan que pode responder a un sinxelo afán de perpetuación. Hai quen mesmo di tamén que estas herdanzas ancestrais dos galegos primitivos, tan presentes na paisaxe da Galiza doutrora, non somentes exerceron de meros monumentos funerarios, senón que tamén tiñan un obxectivo territorial. Ó parecer, estes dolmens puideron exercer tamén como marcos de deslinde durante séculos.  A Cova da Moura é unha misteriosa mámoa herdada dos galegos primitivos que conserva unha cámara poligonal, que tende a circular, conformada por sete robustos e graníticos esteos, así como un corredor de dous tramos orientado cara o leste, formado este último por outros dous esteos. Tamén se conservan unhas primitivas cuñas que se sitúan entre os esteos para garantir a contención e, dalgún xeito, impedir que parte da masa de terra e pedras que conforma o túmulo penetre na cámara. O conxunto mantense nun bo estado de conservación, a pesares de que nos nosos días xa non conserva a anta que cubría a parte superior da cámara funeraria. Ó parecer, esta laxe de cubrición desapareceu a finais do século XIX. 


A mámoa posúe unhas dimensións de 20 metros de diámetro por 1,30 de altura. Nos nosos días aínda conserva parte da masa tumularia, agás na súa cara leste, que foi descuberta no ano 1980, na única escavación arqueolóxica levada a cabo nesta mámoa. Esta Cova da Moura, este Dolmen de Argalo, conseguiu atraer a atención de grandes escritores, historiadores e intelectuais galegos que se achegaron até eiquí para tratar de sacar á luz os segredos, o significado e a historia deste achado milenario nunha Galiza escura, calada, probe e cristianizada. A primeira investigación levada a cabo nesta mámoa tivo lugar no ano 1838, da man do estudoso Xosé Verea y Aguiar. Pouco tempo despois, no 1865, sería obxecto de análise de Benito Vicetto, e no 1875, tamén de Ramón Barros Sibelo. Anos despois, no 1901, a Anta de Argalo sería estudada e investigada polo gran Manuel Murguía. Curiosamente, nese mesmo ano 1901 nacería en Ponteareas Fermín Bouza Brey. Este escritor, etnógrafo e historiador, xunto a Florentino López Cuevillas, continuaría anos despois, no 1937, a laboura de estudo que iniciara Murguía nesta mámoa 36 anos antes. Semella incrible que Bouza Brey nacese no mesmo ano no que Murguía investigou a Anta de Argalo. E que despois, coma movido polo destino, sentise a necesidade, o anhelo, de achegarse até eiquí para dar continuidade ás investigacións denantes realizadas e aínda cheas de preguntas.  


Malia todo, a presenza dos devanditos intelectuais no lugar non impediu que se producisen numerosos danos e roubos na mámoa. Contan que, amais da xa citada laxe de cubrición, que fora espoliada a finais do século XIX, esta mámoa tivo que sufrir unha nova desgraza a finais do século XX. Ao parecer, parte do acceso á cámara funeraria foi derrubado por unha escavadora. Froito desta fatal desgraza, iniciouse no 1980 unha prospección arqueolóxica urxente na que, como diciamos anteriormente, foi escavada a cara leste da mámoa. Nesta última investigación  achouse un anel de pedras que circunda a mámoa, así como unha gran cantidade de utensilios que formaban parte da vida cotiá dos galegos do Neolítico. No que respecta ós materiais cerámicos, acháronse numerosos anacos de vaixelas con todo tipo de decoracións, así como restos de cerámica campaniforme. O material pétreo atopado comprende dende unha gran cantidade de puntas de frecha, ciceis, prismas de cuarzo e machadas ata bolos de pedra con fendas e formas diversas que poderían representar ós ídolos daqueles galegos primitivos. Logo de coñecer máis de preto as características desta mámoa, e un anaco da súa historia máis recente, liscamos camiño de novos vieiros milenarios cavilando na cantidade de importantes pensadores, escritores, etnógrafos e historiadores que se sentiron atraídos por esta misteriosa Cova da Moura. O que non resulta estraño é que por estas terras nacese o seguinte dito: “desde a Cova da Moura ata a ponte de Argalo, hai os saberes de sete reinados”.

domingo, 16 de febreiro de 2014

Caldeiras do Castro, escenario da miña nenez


“Xa non hai sol, foise a lúa,
xa non cantan os poetas...
¡Hai que facer a decrúa
nas estradas dos planetas!
O río da noite fonda
os seus cabelos destrenza,
con duro balbor que estronda
nos abisos da fervenza.
Os perdidos viaxeiros
buscan daquel río os vaos.
Andan chorando os luceiros
extraviados no caos”.
Gonzalo López Abente, Decrúa

Hai cousa dun ano, namentres pasaba unha tempada na miña terra nai, sentín o profundo desexo de volver a pisar certos lugares da contorna da Costa da Morte nos que pasei boa parte da miña nenez. O certo é que todos, a bo seguro, algunha que outra vez sentimos o desexo de volver a visitar aqueles recunchos que teñen conformado o escenario dos nosos xogos, os pequenos universos da nosa infancia. Quixen aproveitar unha solleira tarde de outono para achegarme até un recuncho do concello coruñés de Muxía onde de neno adoitaba pasar coa miña familia e amigos algunha que outra calorosa xornada de verán. A pesares de que viviamos a carón mesmo das fermosas praias que arrodean a máxica e indómita península de Fisterra, de vez en cando tamén nos deixabamos levar polas doces e translúcidas augas dos ríos da nosa comarca. Collín camiño de volta á nenez, camiño daqueles inocentes anos, para que o son das  augas do Castro, coma vellas cancións que nos enchen de nostalxia, logren transportarme até os meus máis doces e inocentes días.  


Viaxamos desta volta cara un fermoso encrave onde o Río Castro é o eterno protagonista. Collemos rumbo ó interior do Concello de Muxía, i en concreto cara a parroquia de Coucieiro. Alí agardaba por nós o estrondo das Caldeiras do Castro, un fermoso encrave fluvial onde se pode ollar unha impresionante fervenza que deixa tras de si todo tipo de pozas e pequenas ruxidoiras onde resulta marabilloso refrescarse nas máis calorosas xornadas de verán. Ogallá puideramos chegar a tódolos lugares da nosa Galiza do mesmo xeito e coa mesma facilidade que chegamos até eiquí. Non había perda, coma ía dicindo, estas terras coñézoas dende ben meniño. De camiño, xa moi preto da fervenza do Castro, comezaron a pasar pola miña mente constantes e fugaces momentos vividos que semellaban mesturarse coa paisaxe, coas rochas, coas árbores. Estaba a retornar até aquel doce e minúsculo universo onde teño pasado parte dos máis ledos momentos da miña infancia. Nada máis chegar xa puidemos ver unha diminuta capela que ficaba a carón da área de descanso onde adoitabamos xantar cando eu era meniño. A capela foi erixida aló polo ano 1660 en honor a Santo Eutel. Pouco semellou mudar a paisaxe deste lugar. 


Logo de deixar atrás a pequena capeliña, comezamos a descender por unha corredoira cara o “duro balbor que estronda”, como diría o poeta muxián López Abente, “nos abisos da fervenza”. Comezamos a descender a intricada ribeira do Castro sobre dunha pasarela de madeira que non existía cando eu era cativo. Anos atrás había que descender con moito coidado e atención, xa que había tramos do camiño perigosos i esvaradíos. Chegamos ás Caldeiras do Castro coma “perdidos viaxeiros” para procurar “daquel río os vaos” que salpiquen de lembranzas a miña desmemoria. Estabamos ante a fermosa paraxe onte tiven a oportunidade de gozar destas augas e xogar cos meus amigos. Aínda lembro as veces que nos temos arrexuntado todos naquelas pequenas piscinas naturais, ou caldeiras, que eiquí tanto abundan e que mesmo dan nome ó lugar. As augas do Río Castro foron conformando durante milleiros de anos diferentes formacións ocas nas rochas das ribeiras, creando maxistralmente unha serie de pozas ou piscinas de auga doce, bautizadas como “caldeiras”, nas que se pode un bañar sen medo a ser arrastrado polas fortísimas correntes do Castro. 


O Río Castro nace no alto do Monte Escaleira, preto do lugar de Berdoias onde coñeceramos o dolmen de A Casota de Freáns, e viaxa nutrindo as extensas e fértiles pradarías que adormecen no verdescente Val da Soneira para logo exercer de linde natural que une e separa os concellos de Dumbría e Muxía. Este río desemboca na pequena Ría de Lires, a carón da Praia de Nemiña, exercendo de fronteira natural até na súa morte no mar, neste caso delimitando os concellos de Cee e Muxía. Denantes desta fin, eiquí en Coucieiro, as augas do Castro descenden por un salto duns oito metros de altitude, erosionando extraordinariamente as rochas ó seu antollo, conformando as súas caldeiras. Aínda me lembro de cando mollaba os pés nestas frías augas, cando me somerxía baixo as pequenas ruxidoiras, cando nos arremuiñabamos todos nas caldeiras. Logo de empaparme de recordos de tempos pasados, de fugaces instantes da vida que semellan arrastrados polas correntes, perdidos no tempo e na memoria, liscamos das Caldeiras do Castro escoitando o estrondo das augas, satisfeitos por matar a nostalxia e coa sensación de haberme achegado ás máis ledas lembranzas da miña nenez. 

mércores, 12 de febreiro de 2014

A descoñecida Fervenza de Mince


“Xa embolta se mira
N' espuma que salta,
Do chorro que ferve
Na rouca cascada”
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos

Este pasado verán tratamos de fuxir da ardente Compostela para procuralo aire fresco baixo a sombra das fragas e ramaxes que arrodean as innumerables fervenzas que se perden polo noso húmido e verdescente país. Por estas mesmas datas xa tiveramos ocasión de coñecer a Fervenza das Brañas e as augas do Río Furelos no Concello de Toques, aló polas Terras de Melide, nembargantes, liscaramos d’alí coa sensación de non ter coñecido aquela fervenza no seu mellor momento, no seu maior esplendor. O certo é que o estío non é a mellor época para contemplar o enorme caudal destes saltos de auga, mais si para refrescarse e ollar a natureza que os envolve, a infinidade de verdes que os arrodea. Durante a nosa visita á anteriormente citada Fervenza das Brañas, o meu amigo Santi, compostelán de Basquiños e descendente de labregos das terras do Ulla, faloume dunha fervenza moi pouco coñecida que fica perdida nunha aldeíña do Concello de Touro. Ao parecer, o meu amigo adoitaba pasar as súas vacacións de verán por estas terras e a cotío se achegaba, xunto cos amigos do lugar, até aquela fervenza para mergullárense no río. Como non podía ser doutro xeito, convidei a Santi a que me acompañase até alí, devecía por coñecer ese lugar. 


Dirixímonos pois cara o concello coruñés de Touro, i en concreto até a parroquia de Santiago de Prevediños. Namentres viaxabamos, Santi foime contando as particularidades desta fervenza que estabamos a procurar. Ao parecer, carece de todo tipo de indicadores, e para chegar ata alí deberiamos atravesar un intricado e case que selvático acceso. A procurada ruxidoira non era outra que a Fervenza de Mince, un espectacular salto de auga do Rego de Prevediños, un afluente do Ulla que se localiza entrámbolos lugares de Insúa e Mince. Entramos na freguesía de Prevediños e achegámonos ó axitado leito do río pola beira do lugar de Insúa, a través dunha longa estrada que se estende a carón de infindas campiñas. Detivémonos ó final da recta daquela estrada, e tal e como me dixera de camiño o meu bo amigo Santi, alí non atopamos ningún panel informativo nin indicador que nos guiase até a fervenza. Descendemos camiño do río a carón dunha leira de millo, procurando non estragar o traballo dos últimos labregos do lugar. Logo de deixar atrás as verdes leiras traballadas, internámonos na escuridade da fraga, onde xa comezabamos a escoitar o estrondo das augas do Rego de Prevediños. 


Estabamos moi preto da Fervenza de Mince, nembargantes aínda debiamos atravesar unha fraga que xa se presentaba selvática e asolagada de cheo pola maleza. Non existía ningún vieiro marcado que nos conducise ata o lugar. Aínda recordo a cantidade de silveiras que tivemos que sortear, a cantidade de pólas humedecidas que ficaban estragadas pola fraga. Pouco a pouco, o desnivel do terreo foise incrementando de xeito importante, e dende o lonxe xa comezabamos a percibir o bafo da ruxida. Non nos foi nada doado chegar, foi unha auténtica aventura. A humidade e o calor fixéronnos suar abondo, mais a curiosidade por coñecer de preto esta fervenza, tan única e tan descoñecida, íanse incrementando a cada paso. O chan daquela fraga ficaba tan húmido que tivemos que agarrarnos ós troncos das árbores para non esvarar e poder continuar. Somentes nos restaba descender un profundo barranco, a vertixinosa ribeira do Rego de Prevediños, para achegármonos ó mesmo leito do río. Nos derradeiros metros percorridos, o terreo era case impracticable. De non ser por unha longa póla que atopamos na fraga e que empregamos como apoio para descender, non teriamos chegado até a vertixinosa ribeira do regato. Con moito sixilo e por momentos case que a chimpos, conseguimos chegar até o mesmo leito do río. 


Agora si estabamos de fronte á sorprendente e fascinante, a solitaria e descoñecida Fervenza de Mince. Fincamos as punteiras dos nosos pés nas fendas das rochas para non esvarar, pois estas semellaban máis cheas limo e humidade que o chan da fraga que acabaramos de atravesar. Ollamos, inmóbiles, os dous impresionantes saltos de auga do Rego de Prevediños. Como diciamos ó comezo, este caudaloso regato, tamén coñecido por estas terras como Rego de Vilapedre ou Rego de Quintás, é un afluente do mesmísimo Río Ulla. No alto da impresionante fervenza achamos un pequeno muíño abandonado pero en moi bo estado de conservación e ficamos pampos ante a cantidade de auga que baixaba por esta ruxidoira a pesares de que estabamos no verán. Malia que semella moito máis impresionante, esta fervenza acada pouco máis de dez metros de altitude dende o seu primeiro salto. A fraga que arrodea a Fervenza de Mince componse principalmente de árbores tan senlleiras como bidueiros, freixos, salgueiros e ameneiros. Ademais, froito da constante humidade que se respira neste verxel, puidemos ollar tamén unha gran cantidade de fentos e musgos. 


Semella incrible que nos tempos nos que vivimos aínda poidamos achar na nosa Galiza lugares tan fascinantes, e ó mesmo tempo, tan descoñecidos. Deixamos tras de nós este marabilloso verxel, este auténtico descubrimento, con algún que outro apuro. Ó chegar de novo á estrada decatámonos do luxadas e suadas que tiñamos as nosas roupas. Os nosos pantalóns ficaban cheos de lama e desenfiados polas silveiras; as nosas pernas, ensanguentadas. Namentres marchabamos cara Compostela, fomos pensando de novo en cómo é posible que un lugar de tal beleza fique á súa vez tan esquecido e deixado, sen indicadores nin paneis informativos que nos alerten da súa presenza e nos mostren as súas características, a súa historia; sen tan sequera un vieiro que nos achegue ata alí. Por outra banda, tamén poida que estas carencias propicien que esta fraga i esta fervenza semellen máis máxicas e impresionantes aínda; máis auténticas. Sexa como sexa, nos nosos días resulta case imposible, e mesmo un serio risco, achegarnos ata o lugar sen irmos suficientemente preparados. Sería conveniente dar a coñecer esta fervenza e poñela en valor como se merece, pois tanto os veciños de Touro como tódolos galegos e galegas, temos dereito a coñecer e gozar desta ruxidoira, deste afluente do mesmísimo Ulla, sen medo a luxarnos nin mancarnos. Somentes me resta agradecer ó meu amigo Santi a súa axuda nesta aventura e desexar que a sona desta fervenza chegue moito máis lonxe que o terreal camiño das súas augas. 

domingo, 9 de febreiro de 2014

O milagreiro San Campio de Lonxe


“Levo un pecado fondo, orixinal,
desmemoriado río afagadizo
no que se expreme a noite e o arreguizo
da miña vida inútil, do meu mal.
Pequei contra o meu ser, luxei as galas
que ó lonxe me acenaban no futuro,
de xeonllos na igrexa, mouro, impuro,
humillei o meu peito, as miñas alas”.
Antón Tovar, Cadáver adiado

Volvemos a retomar o camiño da fe e a espiritualidade para achegármonos até outro dos templos máis senlleiros e representativos do noso país. Desexabamos coñecer de preto unha das igrexas con máis sona da nosa Galiza, un punto de peregrinación e de romaxes, de ofrendas i espranzas, de ritos e curacións. Collemos rumbo ó sur, cara a fronteiriza Comarca do Baixo Miño. O noso destino ficaba, desta volta, no Concello de Tomiño. Chegamos a este fermoso concello pontevedrés unha solleira e primaveral mañá, coma romeiros pouco afeitos a camiñar. Na parroquia de San Martiño e San Campio de Figueiró atopamos o santuario onde cada ano se celebra a romaría das romarías galegas, e onde cada día se achegan de tódalas partes da Galiza e incluso do Norte de Portugal, numerosos fieis para procurar un milagre que axude a sandar as súas doenzas i enfermidades. Estabamos a carón mesmo da Igrexa de San Campio de Lonxe. Namentres contemplabamos a fermosa fachada e as particulares torres do santuario, preguntámonos por qué será que se lle coñece como San Campio “de lonxe”. Este alcume ou sobrenome semella virlle dado polos milleiros de romeiros que se achegan camiñando até eiquí dende as máis afastadas terras. Non debemos esquecer que estamos no extremo suroeste do país, moi lonxe da meirande parte dos territorios galegos. Este santuario é moi visitado tamén polos milleiros de fieis portugueses que se achegan até San Campio dende ben lonxe pero coas mesmas tristuras, coas mesmas ofrendas, coas mesmas espranzas. Amais de todo o dito, o alcume, sexa “de lonxe” ou calquera outro, cumpre a misión de diferenciar este San Campio doutros moitos santuarios e parroquias en honor a este mesmo santo que se perden polo noso país. 

O Santuario de San Campio de Lonxe ou San Campio do Monte, de estilo Manuelino Portugués, foi erixido aló polo ano 1804 sobre dos restos dunha primitiva capela en honor a San Antonio de Padua. Pouco tempo despois, entrámbolos anos 1871 e 1874, sufriu importantes modificacións. As últimas reformas no edificio terían lugar no 1974 e no 1993. 
Nos nosos días, o edificio conserva catro altares laterais e varias capelas. No interior deste templo achamos o altar onde se pode ollar a imaxe do milagreiro San Campio. A talla  data do século XVII. San Campio foi un soldado romano e cristián, que pola confesión da súa condición relixiosa, sufriu unha dura tortura denantes de morrer no ano 306 despois de Cristo. Os seus restos foron soterrados nas catacumbas do cemiterio de San Calisto de Roma, ó igual que os da súa muller e os dos seus fillos. Nos nosos días consérvase tamén, nas entrañas deste templo e nun relicario protexido por unha vitrina, un anaco de oso de San Campio. Son moitos os fieis e devotos que se ofrecen a este santo, a este San Campio milagreiro, para curárense de todo tipo de doenzas i enfermidades, tal que reumas, cancros, nervios, trastornos, e un longo etcétera. Para elo, e ó igual que viramos no Santo Andresiño do Cabo do Mundo, estes fieis deberán depositar no altar figuras de cera que representen a parte do corpo que queren sandar. Tamén existe unha ofrenda que consiste en pagar con trigo, centeo ou sal, o peso da persoa que se ofrece ó santo. Para elo aínda existe unha balanza romana onde por unha banda se coloca o romeiro ou fiel, e na outra, o trigo, o centeo ou a sal. Como non podía ser doutro xeito, tamén se acepta o pago en metálico do importe resultante. Hai quen di que este santuario foi o “médico ventureiro” de moitos fieis que dende antano até os nosos días, se achegan até eiquí para curar non só as súas enfermidades senón tamén toda clase de meigallos e posesións demoníacas. Boa proba disto é que o actual párroco de San Campio aínda adoita realizar, case que a diario, todo tipo de rituais de exorcismo a todo tipo de xentes chegadas dende máis ou menos lonxe de eiquí. Deixamos tras de nós o San Campio de Lonxe, este afastado e senlleiro santuario galego, cavilando no sufrimento que debeu empurrar a moitos a viren camiñando até eiquí na procura dun milagre de camiño á desespranza, aínda impedidos e desvalidos polas doenzas e pola desgraza. Este santuario é pois, a derradeira espranza de moitos a quen somentes lles queda fe e un longo camiño até o lonxe. 

xoves, 6 de febreiro de 2014

O Castelo de Doiras e a lenda de Aldara


“Nos Ancares unha néboa mesta
agocha os lugares agochados,
enfariñados de ausencias.
Pariu o orballo na friaxe
pingas acedas que son pranto
de estériles primaveras.
O pranto do desespero
O pranto da soidade
O pranto da desfeita.
Fuxiu a pita do monte,
fuxiu a corza branca da esperanza
dos seus prados a silveiras
No Cuíña, no Tres Bispos, no Mustallar
esmorecen de tristura
os capudres e as acivreiras”.
Toño Núñez

Este pasado Nadal, namentres percorriámola muda e solitaria Serra dos Ancares, e logo de deixar atrás o histórico lugar de Pontes de Gatín, collemos rumbo ós brancos cumios de Vilarello de Donís e San Miguel de Cervantes, onde quedaramos tirados por culpa do xeo, a neve e a inconsciencia. Denantes de que todo isto sucedera, tivemos a sorte de topármonos, case que por casualidade, baixo a sombra dunha fortaleza impresionante que resiste, nestas duras montañas, os séculos, os fríos e as nevaradas. Nesta mesma viaxe xa tiveramos oportunidade de coñecer a Torre de Doncos e parte da súa historia, e agora, case sen decatármonos, estabamos a carón doutro castelo galego que, a pesares de ficar abandonado nos nosos días, é un dos meirandes atractivos que conserva esta extrema comarca. Non podiamos proseguir o noso camiño sen coñecer máis polo miúdo o estado de conservación deste castelo, a súa historia e as súas lendas. Detivémonos pois, ante o impoñente Castelo de Doiras. Esta fortaleza sitúase a uns 750 metros de altitude i é o monumento máis importante do concello lugués de Cervantes. Este castelo, tamén coñecido como Torre de Ferreira, Ponte de Doiras ou Castelo da Ferrería, fica na parroquia de San Xoán de Vilaspasantes, no alto dun petouto a carón do Río Cancelada. 


Estabamos de novo na Reserva Natural e da Biosfera dos Ancares Lucenses, na terra esquecida e deixada onde “esmorecen de tristura os capudres e as acivreiras”. A pesares de que se albisca dende varias leguas á redonda, non resulta nada doado achar a entrada desta vella fortaleza. Somentes puidemos acceder pola parte sur, onde ollamos un letreiro que o sinalaba. Detivémonos fronte unha rexa cancela que semellaba ser a entrada principal do castelo. A pesares de que sabiamos que aquela fortaleza era privada, e que non sería sinxelo coñecela de preto nin moito menos entrar nela, o meu amigo Adrián tivo o acerto de comprobar se a cancela estaba de todo pechada. Para sorpresa de todos, a porta estaba aberta. 

De non ser pola iniciativa e o atrevemento dos meus camaradas, Samuel e Adrián,  non tería traspasado aquela cancela.  O certo é que xa estabamos alí, non había volta atrás. Decidimos aproveitar o momento e retratar estoutro castelo galego esquecido e abandonado. Entramos na vella fortaleza privada paseniño, ollando cada recanto, cada torre, cada amea, pensando se estabamos a facer o correcto. O certo é que Doiras mostrounos máis do que agardabamos; as súas entrañas, os seus pasadizos, a súa historia e a súa lenda. A construción inicial desta fortaleza medieval, segundo a apreciación do estudoso Ángel  del Castillo, semella datar da segunda metade do século XV. Nun principio pertenceu á familia Moirón, mais co tempo pasaría a mans do Conde de Graxal de Campos, Señor de Cervantes. Este título recaería tempo despois no Duque de Sesto, que o ostentou até o ano 1909. A comezos do século XX, a Fortaleza de Doiras sería adquirida polos Martínez Baladrón, mais logo iría pasando de man en man ata que na década dos noventa sería novamente habitada, mais desta volta non serían condes nin señores os seus donos, senón unha parella de artesáns. Nos nosos días, en concreto dende o ano 2000, o Castelo de Doiras pertence á Fundación Xosé Soto de Fión. Agardemos que os seus actuais propietarios non tomen represalias contra nós, deixamos todo como estaba... Esta fortaleza, erixida integramente en cachotería de lousa, posúe unha planta rectangular, duns 25 por 21 metros, e uns rexos muros que acadan os oito metros de altura en 1,5 de grosor. Entramos no patio da honra a través dunha porta de madeira cun arco de medio punto abrazado polas hedras. 

A fortaleza posúe dúas torres en moi bo estado de conservación. Unha delas, a da homenaxe, acada os 16 metros de altura e posúe unha planta rectangular, duns dez por oito metros. A outra, de planta circular, é moito máis pequena. Ámbalas dúas torres conservan todas e cada unha das súas ameas. Logo de percorrérmolo patio da honra, subimos ó alto dos muros a través dunha escalinata que achamos no vértice onde se sitúa a torre circular. Ficamos mudos e abraiados pola fermosura e a dureza da paisaxe. Dende o alto daqueles muros albiscamos a contorna de Doiras, os nevados cumios dos Ancares e os vales infindos que espertan inmersos nas preguizosas sabas da bruma. Todo aquel universo semellaba ficar baixo as nosas miradas. Logo de contemplar as marabillosas paisaxes dende o alto dos muros, decidín achegarme onda os meus camaradas, que xa andaban a percorrer os tres principais andares e demais dependencias da Torre da Homenaxe. No interior da mesma puidemos visitar as principais estancias e diferentes andares onde achamos unha enorme lareira, así como numerosos mobles antigos e moito lixo en xeral. Movémonos polos tres principais andares a través dunha escaleira de madeira que parecía virse abaixo en calquera momento. Tratamos de ascender paseniño até o terceiro andar a pesares de que aquelas táboas rinchaban máis e máis a cada paso. 


Detivémonos no terceiro andar, pois non podiamos subir até o alto da Torre da Homenaxe, debido a que non existían escaleiras. Logo de contemplar dende a torre unha paisaxe máis vertixinosa que a que acabaramos de ver dende o alto dos muros, decidimos descender e coñecer as estancias inferiores desta torre. Volvemos a pisar aquelas escaleiras con moitísimo tento e precaución. Ó chegar ó primeiro andar, decidimos descender até a planta baixa da torre. Alí achamos unhas celas escuras e húmidas ateigadas de lixo i escombros. Poucas veces na miña vida teño gozado tanto nas entrañas dun castelo, pois aínda a pesares de que este fique abandonado, garda todo tipo de recordos dos seus antigos moradores, e ademais, a súa estrutura non está danada, todo o contrario, fica nun excelente estado de conservación. Logo de coñecer as escuras entrañas desta fascinante Torre da Homenaxe, decidimos saír ó patio da honra para tratar de recrear a triste lenda que atesoura este castelo. Contan que fai moitos anos eiquí viviu unha moza fermosa, unha auténtica doncela coñecida como Aldara. Esta guapa rapaza estaba prometida cun cabaleiro da contorna, e pronto ía ter lugar o casamento. De xeito misterioso, Aldara desaparece da fortaleza. O pai da doncela, un cabaleiro coñecido como Froiaz, estívoa buscando coa axuda do seu fillo Egas e seu futuro xenro. Fixérono durante anos, nas máis escuras noites e nos máis fríos invernos. Logo de moito buscar sen obter ningún resultado, a familia acabou dando á  rapaza por morta, pensando quizais que fora devorada por algún lobo famento ou algunha outra fera salvaxe. 


Anos despois Egas, o fillo do cabaleiro Froiaz e irmán de Aldara, saíu ó monte co obxectivo de dar caza a algún animal para o xantar. Namentres camiñaba puido albiscar ó lonxe unha corza branca como a neve. Apuntou co seu arco e sen pensalo dúas veces, cunha soa frecha abateu ó animal. Egas non pensara no difícil que sería transportar o corpo do animal dende o monte ata o castelo, pois pesaba moito e a neve non axudaba nada. Foi entón cando decidiu cortarlle unha das patas dianteiras para levala consigo e dar proba da súa fazaña. Cando Egas chegou de volta ó castelo, foi onda o seu pai para mostrarlle a peza que cazara. Mais no momento no que baleirou o seu saco, o que apareceu non foi precisamente a pata dianteira daquela corza branca, senón unha man pálida, fina e suave; de fidalga. Nun dos dedos daquela man ensanguentada lucía un brillante anel de ouro cunha pedriña vermella. Naquel preciso momento, pai e fillo miráronse fixamente e lembraron que aquel anel era o da súa Aldara. Ámbolos dous colleron rumbo ó monte, cara o lugar onde Egas dera morte a aquela corza branca. Cando chegaron ó lugar atoparon o resto do corpo da fermosa doncela tirado no chan, ensanguentado e sen unha das súas mans. Ó parecer, Aldara fora enfeitizada e transformada en corza. Coa súa morte, volveu ó seu estado natural. Pénsase que esta desgraza puido ser obra dalgún mouro, mais nunca se soubo o por qué. Deixamos tras de nós este impresionante e lendario Castelo de Doiras pra seguir a percorrer os máis esquecidos recunchos que agocha tras de si esta máxica e fría Comarca dos Ancares

mércores, 5 de febreiro de 2014

O Río Furelos e a Fervenza das Brañas


“Sober ao Páramo, nunha Oímbra do Sil
e Fisterrar no Barco para sempre
baixo a Bóveda Sandiás
até ir perdendo de vista a Mezquita
na Irixoa dun Brión que nos Melide.
Eu Muxía
mentres ti Ramirás A Guarda.
E dime que Oia
dime Ponte Nova neste momento novo
que viviMos nas Trabadas do Touro bravú.
Teo,
é todo para ti,
para que me Toques”
Estíbaliz Espinosa, mecánica celeste

Este pasado verán, a pesares de non ser a estación máis propicia para elo, achegámonos até unha fervenza de gran fermosura que fica á beira dun muíño abanado aló polas Terras de Melide. A fervenza que procurabamos, duns corenta metros de altura, fica nunha contorna de gran valor natural do concello coruñés de Toques. Xa nos advertiran de que por estas datas estivais apenas baixaba auga pola fervenza, mais nós decidimos achegármonos ó lugar na procura dun ar fresco que non estabamos a ter en Compostela. Saímos da Capital do país unha tarde de agosto cuns 36 graos de temperatura. Collemos camiño de Melide para dende alí dirixírmonos ó Concello de Toques. Este concello fica no estremo leste da Provincia da Coruña, e a rentes mesmo da Provincia de Lugo. Ao seu redor esténdense os concellos coruñeses de Melide e Sobrado dos Monxes, e os lugueses de Friol e Palas de Rei. Ademais, por estas terras pasa o Camiño Primitivo denantes de converxer co Camiño Francés en Melide. Aínda lembro camiñar por esta Serra do Careón na miña primeira aventura polos vieiros do Camiño Primitivo, aínda lembro a saída do Albergue de As Seixas en Palas de Rei, a chegada a Melide onde puidemos ollar un aluvión de peregrinos fóra do normal, e a sensación de saber o pouco que nos quedaba xa pra entrar na Praza do Obradoiro. 


Ó pouco de deixar atrás o núcleo urbano de Toques, collemos rumbo a parroquia de Santa Mariña de Brañas para alí coller un desvío que nos conduciría até As Fervenzas, onde ficaría a impresionante ruxidoira que estabamos a piques de coñecer. O obxectivo que procurabamos desta volta era un importante salto de auga coñecido como A Fervenza das Brañas. Deixamos atrás o asfalto para metérmonos de cheo nunha fraga auténtica galega onde se mesturan carballos, freixos, salgueiros, ameneiros, piñeiros e sabugueiros, que beben das translúcidas augas que deixa tras de si esta fervenza. Logo de camiñar de vagar un bo treito por unha pista de terra e grava baixo a fresca sombra das árbores, comezamos a escoitar o estrondo das augas. Estabamos moi preto de contemplar a nosa procurada ruxidoira, percibiámola a carón de nós. Dende o lonxe comezamos a albiscar a silueta dunha construción de pedra que nos fixo pensar no muíño que debería ficar a rentes mesmo da fervenza. Canto máis nos achegabamos a aquela construción, máis preto sentiámola fervenza. Ó pouco puidemos constatar que aquel era o muíño abandonado que pensabamos e aquela, a paradisíaca ruxida que procurabamos. 


A Fervenza das Brañas é un salto de auga polo que baixan as augas do Río Furelos, afluente do Río Ulla. As augas deste río proveñen da unión, nesta parroquia de Brañas, do Rego de Porto Salgueiro e do Rego da Salgueira, que descenden da Serra do Careón. I eiquí conforman un marabilloso ecosistema. A fervenza, coma era de esperar, non é que levase demasiada auga, xa que estabamos en pleno mes de agosto, nembargantes, bastou para facérmonos unha idea do caudal que pode chegar a ceibar dende os seus corenta metros de altura. Ademais, puidemos aproveitar o baixo caudal do estío para achegármonos até o fondo da fervenza e sentir, dende abaixo, a vertixe que provoca este intricado e desnivelado terreo. Isto sería impensable nas estacións de outono e inverno, cando este río acada un caudal moito máis impresionante. Logo de ollar a fervenza, decidimos arrodear o muíño e coñecer un pouco polo miúdo a súa historia. Este muíño de importantes dimensións fica a carón mesmo da fervenza, algo que sorprende se pensamos no caudal que pode chegar a acadar esta ruxida en época de choivas. 


Este antigo edificio de moenda coñécese nesta parroquia como o Muíño da Fervenza. Este muíño deixou de ser empregado hai pouco máis de 30 anos, aló pola década dos 70. Ata aquel entón, neste vello muíño arrexuntábanse veciños, non só de Brañas senón tamén das parroquias d’arredor, para moeren xuntos o cereal. Esta angueira era un actividade cotiá na Galiza de onte, na dos nosos pais e avós. A fariña era un dos elementos máis básicos na cociña tradicional galega, para elaborar pan, doces, empanadas ou bolos de pote, e indispensable tamén na dieta dos animais. Contan que o Muíño da Fervenza tivo moita sona por estas terras, xa que aínda dispoñendo de outros moitos muíños máis preto, os veciños preferían vir dende ben lonxe até eiquí. Hai quen di que a mellor fariña, a máis fina e homoxénea, moíase neste muíño. E non é de estrañar, tendo en conta a forza que poden chegar a ter estas augas en outono ou inverno. Contan que nestas épocas, as augas desta impresionante fervenza chegaron a pasar por riba do teito do muíño. Deixamos tras de nós esta fervenza coa promesa de volver en época de choivas para contrastar o caudal do Río Furelos e percorrer novamente esta fraga autóctona de primeira. Até aquel entón, so nos resta desexar que esta Fervenza das Brañas siga a saciar a sede das árbores e a ruxir con máis forza que nunca.

martes, 4 de febreiro de 2014

O Navia nas Pontes de Gatín


“Agardei o tracexo das túas coxas
no voo dubidoso
dalgunha ave noitébrega en Ancares”
Vítor Vaqueiro, Na cámara da Névoa

Denantes de comezar a ascensión que, na nosa última viaxe á montaña luguesa, nos levaría até os brancos cumios de Vilarello de Donís e San Miguel de Cervantes, tivemos a sorte de coñecer unha pequena aldea acariñada polo Río Navia que atesoura unha histórica ponte de orixe medieval que non deixa a ninguén indiferente. Denantes de chegar ás brancas cumes dos Ancares, decidimos detérmonos nesta aldea para volver a atravesar o Navia, coma fixeramos hai anos en Navia de Suarna, e coñecer máis de preto os secretos e as lendas que garda este lugar. Estabamos en Pontes de Gatín, nas faldras da Serra do Calamouco, e na parroquia de San Remixio de Liber, pertencente ó concello lugués de Becerreá. Esta parroquia de pouco máis de 50 veciños distribuídos  polos lugares de Golada, Barreiro, Liber e Pontes de Gatín, fica arrodeada polas parroquias de Ouselle, Cancelada, Vilachá, A Augueira e Santo Andrés das Nogais. Nada máis chegar puidemos ollar unha rexa e alongada ponte románica que atravesa o Navia a carón de leiras traballadas e sobre de verdescentes e húmidas ribeiras. Esta ponte é un dos legados artísticos e históricos máis importantes que atesoura este lugar.


Esta aldea foi un lugar moi estratéxico para os romanos, xa que por aquí pasaba a antiga Vía Romana XIX, da época do imperio de César Augusto. Esta vía unía os territorios de Bracara Augusta ou Braga, Tude ou Tui, Turoqua ou Pontevedra, Aquis Celenis ou Caldas de Reis e Lucus Augusti para chegar ata Asturica Augusta ou Astorga. Ademais, os romanos, coma tamén fixeran no Courel ou nas Médulas, explotaron estas terras para sacar o máis prezado e valioso ouro galego. Boa proba disto son as minas de Frades, Vilachá e Buirán. Nos nosos días, dende aquí parte unha ruta de sendeirismo que nos achega ata a Serra do Calamouco. 
Miliario nas Pontes de Gatín
No alto da ponte atopamos un antiquísimo miliario cuns gravados moi difíciles de descifrar. O que si semella apreciarse son uns tres ou catro círculos pequenos. O tempo foi borrando os vellos sinais daquelas vías romanas de alta capacidade que vertebraban o noso antigo territorio. Non é a primeira vez que nos atopamos con estes antigos miliarios. Na nosa primeira viaxe á tamén fronteiriza Serra do Xurés, puidemos atopar a meirande parte dos que aínda se conservan no noso país, algúns deles a carón da Ponte Bibei, e unha pequena parte do trazado da antiga calzada romana. A lenda máis coñecida neste pequeno lugar de Pontes de Gatín conta que esta ponte foi erixida polo propio diaño, que coñecedor da incapacidade dos veciños para cruzar dunha ribeira á outra do río, ofreceulles un trato. El construiríallela ponte a cambio de que os veciños lle ofrecesen o primeiro ser vivo que nacese no lugar. O pobo aceptou, sen decatarse de que unha das veciñas do lugar estaba embarazada. O demo si se decatara. Nembargantes, no que non reparara o diaño é que nun pallar da aldea, o destino quixo que nacese unha camada de gatiños. Denantes de erixir a ponte, o demo foi onda o pobo para pedírllela súa parte. Os veciños entregáronlle ó demo o primeiro gatiño ou “gatín” que viu a luz. Ó demo non lle quedou outra que cumprir a súa parte e construír a ponte nunha soa noite. Algúns aínda lembran a noite en que este a construíu, e os berros dun demo encolerizado.  


Denantes de abandonar o lugar ollamos cada perspectiva da ponte, os seus arcos e piares, tratamos de descifrar aqueles gravados do miliario e contemplamos a fermosura do lugar. Despedímonos desta ponte e desta aldea, para proseguir o noso camiño por estas terras da Comarca dos Ancares. Que non morra a historia nin a lenda das Pontes de Gatín! 

sábado, 1 de febreiro de 2014

Retorno ás esquecidas aldeas do Courel


“ONDE só queda alguén pra aguantar dos nomes 
poño eu a ampla fronda 
a redroma dun castiñeiro 
e sentada á súa sombra xunta a longa estirpe do último labrego”.  
Uxío Novoneyra

Logo de coñecer os segredos que garda tras de si o Pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós, decidimos retornar ós pequenos i esquecidos lugares que se perden nesta sempre fascinante Serra do Courel. Decidimos volver a percorrer os estreitos e labirínticos vieiros que conducen a aldeas de lousa apresadas polo tempo e a soidade. Aldeas que coma rexas e inmortais reigames de castiñeiro, resisten os anos, as chuvias, as neves e as treboadas. De camiño fomos lembrando aquelas primeiras viaxes a este marabilloso i esquecido verxel, este universo de outonos e primaveras. Naquelas nosas primeiras viaxes tivemos a sorte de coñecer a algún que outro veciño, como Manolo do Monteiro ou a súa irmá María, que nos relataron en primeira persoa o duro que pode chegar a ser o día a día nestas afastadas e solitarias aldeas. O pouco tempo do que dispuñamos e as duras condicións meteorolóxicas  limitaban a nosa espranza de volver pisar todas e cada unha daquelas aldeas que coñeceramos na nosa primeira viaxe. Un forte temporal de frío e neve, que xa nos obrigara a abandonar a Serra dos Ancares, estaba tamén a sacudir estas terras do Courel. 

Lugar de Visuña do Courel

A xornada presentábase tan dura coma curta. Avanzamos serpeando as abruptas serras, contemplando a beleza que atesoura cada recuncho deste verxel de lousa e natureza, de albelos cumios, de verdescentes devesas e brincadoras fervenzas. O primeiro lugar que atoparíamos a carón do noso camiño sería a fermosa aldea da Seara, afundida no val e adurmiñada a carón do seu río. A Seara é unha aldea fascinante, fermosa e case que paradisíaca. Nembargantes, xa tiveramos ocasión de coñecela máis polo miúdo nesta fraga. Desta volta deveciamos por volver até o fronteirizo e máxico lugar de Visuña, para procurar as últimas e preguizosas pegadas de feras que críamos extintas nas nosas terras. Mais sobre todo pra perdémonos por antr’as derradeiras vivendas que resisten a carón dos “tesos cumes” desta salvaxe i ancestral serra. A volta a Visuña foi un momento que non esquecerei. Volveu a impresionarme tanto ou máis que da primeira vez. Semella incrible que esta aldea fique aínda con vida entre estes picos asolagados pola neve, a carón do río e á intemperie dos fríos ventos da serra. 

Lugar de Esperante do Courel

Eiquí todo é silencio, hai tempo que a diáspora e os invernos foron enmudecendo as voces da lembranza dos máis vellos. Somentes o esperanzador canto dos paxaros e o rumor das augas do río son capaces de trocar este silencio, de mudar esta mudez. O lugar de Visuña, pertencente á parroquia de Santa Eufemia e ó Concello de Folgoso do Courel, fica arrodeado por impoñentes cumios a escasos mil metros de altitude. Este lugar, ademais, fica a rentes da provincia de León, i estes seus montes conforman a fronteira natural que tanto nos une ou nos distancia deste territorio castelán. 
Lugar de Esperante do Courel
No que respecta á parte galega, limita coas parroquias de Esperante, Riocereixa, Hórreos, Seoane e A Seara. Na parroquia de Visuña localízase o monte de Cereixido, de case 1.300 metros de altitude que atrae a numerosos montañeiros a percorrelo. Namentres camiñabamos pola aldea, fomos ollando a cantidade de fogares baleiros que atesoura o lugar. Somentes puidemos saudar a un ancián que alindaba ás ovellas pra corte. Boa parte das construcións do lugar, tanto fogares coma muíños ou alpendres, fican cos teitos derrubados, coa madeira estragada pola corza. A historia de Visuña parece provir da antiga Visonia, lugar onde se localizaría un vello mosteiro fundado por San Froitoso do Bierzo aló polo século VII. O certo é que Visuña mantivo dende sempre unha estreita relación coas terras do Bierzo, xa que a través deste lugar, os bercianos entraban nas terras galegas. Contan tamén que entrámbolos anos 1238 e 1240, os mosteiros de Samos e Carracedo, mantiveron unha contenda por unhas posesións en Visonia. Nos nosos días, Visuña garda aínda moitos tesouros descoñecidos que somentes fican presentes na memoria colectiva dos máis vellos. Nesta afastada aldea existen unhas minas antigas das que se ten sacado chumbo e blenda. Contan que foron abandonadas recentemente, hai cousa duns cincuenta anos, e que nos últimos tempos se teñen levado a cabo prospeccións nas que se puido detectar a presenza de uranio. Deixamos tras de nós esta impresionante aldea fronteiriza para coñecer outra parroquia que chamou a nosa a atención, mais que non coñeceramos en profundidade na nosa primeira viaxe. Trátase da parroquia de San Pedro de Esperante, outro lugar esquecido que fica entre Visuña e Seoane do Courel. A parroquia pertence tamén ó Concello de Folgoso do Courel e sitúase moi preto do Castelo de Carbedo, unha fascinante fortaleza en ruínas que xa tiveramos a sorte de coñecer na nosa primeira viaxe a estas feiticeiras terras. A parroquia de Esperante goza de numerosos atractivos como as Covas do Eirexe ou a Cova do Oso. Contan que tamén chegou a albergar un total de sete muíños. Nada máis entrar no pobo achamos unha fonte e un lavadoiro, así como unha pequena capela en honor a San Roque e a Santa Bárbara. 

Panorámica do val que se estende baixo os pés do Lugar de Parada do Courel

A aldea fica tamén baleira e silenciosa. A humidade pálpase en cada parede, en cada rueiro, no ar e nos mantos de musgos que cobren as lousas dos teitos. A aldea semella moito máis pequena que Visuña, pero ámbalas dúas gardan o mesmo silencio e fican igual de abandonadas. Quen sabe que será destas aldeas dentro somentes dunhas cantas décadas, que será destas xentes, quen ha traballar estes eidos... Logo de coñecer estoutra fermosa aldea courelá, decidimos poñer fin a esta andaina a carón de centenarios soutos onde aínda fica vivo o celme do poeta do Courel. Collemos rumbo a Parada, o berce de Uxío Novoneyra, para tratar de coñecer un anaquiño da vida deste mestre das verbas que deu voz a esta sufrida terra e a estas aldeas silenciosas. Denantes de chegar ó lugar de Parada, pertencente á parroquia de Seoane do Courel, ficamos abraiados unha vez máis polas verdescentes devesas que acougan antr’estes húmidos e profundos vales. Nada máis chegar ó desvío onde comezaríamos a ascender cara Parada, puidemos ollar un monumento erixido en pedra que lembra a figura deste importantísimo poeta galego. Namentres ascendiamos, puidemos ollar tamén unha fabulosa panorámica do val que acababamos de percorrer. A Aldea fica a uns 760 metros de altitude, arrodeada por soutos que a bo seguro viron medrar ó noso ilustre poeta. 

Parada do Courel

Retornamos a Parada, retornamos ó universo de Novoneyra para respirar o seu mesmo ar, para ollar as súas miradas en cada eira, en cada alpendre, en cada fogar. Retornamos pra pisar a súa neve, para escoitar as súas verbas e o seus silencios, para beber das máis inspiradoras fontes. 

Lugar de Parada do Courel
En Parada puidemos comprobar tamén, como en Visuña i Esperante, fogares baleiros e un silencio moi semellante, mais o certo é que para a nosa sorpresa atoparíamos a algún que outro veciño e, para a nosa desgraza, tamén algunha que outra fera doméstica. Ós poucos veciños que resisten nestas afastadas aldeas aínda lles resulta complexo entender a nosa presenza nestas súas terras. Como é lóxico, estes pequenos universos, tan solitarios i esquecidos, non adoitan ser moi trancorridos por xente allea ó lugar. Detivémonos nas dúas eiras que achamos na aldea, contemplamos a arquitectura dos fogares, as solainas, as lousas, as rexas portas de madeira. Ollamos os cumios e os soutos centenarios, a brétema que arremuíña sobre dos penedos. Namentres percorriámola aldea e maxinabámola vida do noso ilustre poeta, un can de caza devolveunos á realidade e por pouco nos mata do susto. Naquel preciso momento decidimos dar por finalizada a visita a Parada, pois non queriamos perturbar a paz e o descanso dos seus veciños. Deixamos tras de nós o berce de Novoneyra, os seus eidos aínda traballados, pensando en qué será destas xentes, destes soutos e devesas, destas aldeas esquecidas “onde so queda alguén pra aguantar dos nomes”