"Outravolta percorro a cidadela ambaxe
en que, ogallá, os coitelos se ceguen coa frialdade
dos estrames. ¡Roubárnolos, sequera, cando a Moa
do Pindo nos pertenza!"
Alexandre Nerium
Na fermosa e pequena vila do Pindo érguese, a 630 metros de altitude, o impresionante e vertical Monte do Pindo, coroado pola Moa, unha paraxe chea de historia e lenda que obsequia de amenceres ó Fin da Terra ó longo dos séculos. A xeomorfoloxía granítico-encarnada é o sinal de identidade e distinción desta zona de angostos i escarpados sendeiros, de covas ateigadas de historia.
De camiño ó cumio da Moa pódense observar innumerábeis piñeiros, loureiros e mesmo carballos ananos, así como carrascas, toxos, xestas e demais vexetación silvestre e autóctona. Pódense atopar, tamén, londras, bestas salvaxes, raposos e multitude de aves rapaces, insectívoras, e como non tamén, os "feros corvos do Xallas" dos que falaba Pondal, deslizándose ceibos co vento ó longo do importante e caudaloso Río Xallas ata a súa gloriosa morte no mar.
O Monte Pindo arrastra consigo lendas que perviven ó paso do tempo e que lle imprimen a este monte aínda máis misticismo e maxestosidade, como a do rito da fecundidade ou o paso dos celtas e o seu legado. Contan que aló polo século X, un bispo de Iria Flavia dera orde de construir unha fortaleza ó redor deste monte para a súa protección e defensa fronte ós numerosos ataques piratas; e estando habitado pola nobreza galega, foi destruido no ano 1467 polas Revoltas Irmandiñas. Contan tamén que ata non fai moito podíanse albiscar parte dos muros do castelo.
O cumio deste monte, A Moa, é na miña opinión o lugar máis propicio para divisar Fisterra na súa grandeza, na súa plenitude, cun solpor de fondo e somerxíndose na inmensidade do mar.