sábado, 25 de febreiro de 2012

Ponte Maceira, vieiro sobre o Tambre


“A corrente vai no quenlle
afinando un marmurío.
Xabonándoa con fervenzas
lávall'a roupa o muiño.

Romeiro pra Compostela
pasa o vieiro pelengrino,
montado ao lombo da ponte,
sin se mollar no camino”.

Luis Amado Carballo, Proel

Semella que aínda se poden albiscar as relucentes armaduras e as afiadas espadas dos lexionarios romanos que aínda xacen baixo os arcos da Ponte Maceira. Conta a lenda, que a vella ponte orixinaria derrubouse baixo o paso dos romanos que, dende a cidade pagá de Dugium, viñan perseguindo ós discípulos que portaban o corpo do apóstolo Santiago. Aínda nos nosos días, este fermoso lugar segue a gardar un importante vínculo coa tradición xacobea, pois é por esta ponte pola que os peregrinos atravesan o Río Tambre, de camiño a Fisterra.

A Ponte e a súa contorna
As vellas batallas de Ponte Maceira
Séculos despois, o poderío da Igrexa compostelá xa substituíra ó dominio romano, e o Arcebispado desexaba controlar tódalas terras da contorna. Son os tempos nos que o mítico Diego Xelmírez loitaba cos seus propios exércitos contra as grandes familias nobres, e o Tambre constituía a fronteira natural entre o imperio compostelán e as ricas terras dos Condes de Traba. Por iso aquí, na Ponte Maceira, os exércitos do Arcebispo e os de Don Pedro Froilaz de Traba víronse as caras na sanguenta Batalla de Ponte Maceira, a comezos do século XII. A ambición de Xelmírez tinguiu de sangue as augas do Tambre, que arrastrou os corpos dos caídos de ámbolos dous bandos. Mais non é casualidade que se derramara tanto sangue por estas terras bendicidas pola natureza. A mitra compostelá ansiaba dominar esta fértil comarca co fin de engrandecer o seu cada vez máis extenso imperio: por aquel entón, Xelmírez estaba a construír a esplendorosa Catedral de Santiago, e os enormes custos requirían de máis bens e riquezas. 

A historia da Ponte
Ponte Maceira foi, dende antano, un importante posto de parada nas vellas rutas que unían a capital coas terras máis extremas. O gran tráfico que tivo que ter naquelas épocas, obrigou a erguer unha maxestosa ponte aló polo século XIII, sobre os pés da antiga ponte romana. A parte medieval está construída nun Gótico primitivo. De feito, o único arco oxival que ten é o central, os demais son de medio punto, e lémbrannos ó Románico. Son, en total, cinco arcos ergueitos con contundentes pezas de sillería, conformando unha extensa ponte de máis de oitenta metros de longo, e cunha vía central duns tres metros de anchura. Nun dos extremos aparecen dous arcos máis, e que serven para aliviar o enorme caudal do Río Tambre. 

Vista xeral do lugar de Ponte Maceira
Ponte Maceira, aldea monumental
Hoxe en día, a Ponte Maceira divide os concellos de Negreira e Ames. Nembargantes, a aldea que leva o seu nome, e que conta cun impresionante conxunto monumental, fica na beira nicrariense, ós pes dun extenso souto. O lugar atópase no corazón dunhas fértiles terras, adurmiñadas sobre o espello de auga do Tambre. Este caudaloso río, agasállanos ó seu paso cunha natureza exuberante: nas beiras podemos atopar castiñeiros, bidueiros, salgueiros, e outras moitas especies de hidrófilos. Xunqueiras, fentos e todo tipo de vexetación rematan de conformar a diversidade natural do lugar. Os verdes prados e campiñas, comparten a paisaxe coas enormes rochas erosionadas que se albiscan nas ribeiras do río. A humidade pálpase en cada pedra, en cada recuncho desta lendaria Ponte Maceira, que se resiste a renderse ante os embates do Tambre caudaloso. Na pequena aldea podemos ver cruceiros, cabazos, pombais, rúas empedradas e a Capela de San Brais, que data do século XVIII. En ámbalas dúas beiras do río atopamos os fachendosos fogares da sempre poderosa burguesía. Son grandes casas de cantería con numerosas galerías abertas ó Tambre. 


Os muíños e a riqueza da auga
Antes de que o río atravese a ponte, unha pequena presa en arco precipita as augas, remexendo a cristalina paz que adormece no seu reflexo. En ámbolos dous extremos podemos ver algúns muíños de grandes dimensións, pero o mellor conxunto atópase na beira nicrariense. Trátase de dous fornidos edificios que se erguen sobre o río, un xunto do outro, aproveitando a forza das augas. Cando accedemos ó seu interior podemos ver que conservan aínda as moas e ata as oxidadas rodas que se encargaban de facelas xirar. Nun deles pódense contemplar ata dúas moas, iluminadas polas estreitas fiestras de pedra. No muíño máis pequeno, vemos no chan o que puido ser unha laxa funeraria que ten gravada unha estrela de cinco puntas, vestixio da lonxeva historia deste mítico e fermoso lugar. As ovellas pacen sosegadas nas campiñas que acompañan o curso do Tambre, namentres algún que outro peregrino atravesa aínda a ponte coa ollada posta en Occidente, camiño de Fisterra. Semella que poucas cousas cambiaron dende os tempos antigos neste vieiro ateigado de lendas, e nada cambiará namentres o Tambre siga a regar as fértiles ladeiras ó seu paso. 
Longo porvir á Ponte Maceira e ós seus máis fieis camiñantes!

sábado, 18 de febreiro de 2012

Pazo de Fefiñáns, berce do Albariño



"Reza un merlo no souto
frorido de cereixos
relixioso ofertorio
duns místicos amores.
Pasa un vento de bicos
que vai buscando beixos,
como enxame de abellas
que vai buscando frores.

Fío a fío debulla
súa madeixa a fonte
barbullando chorosa
o verso lexendario
do Paxe do Castelo
aforcado na Ponte
e da Reina encantada
no Pazo solitario.

Nos cálices das rosas
hai comunión de orballo.
Mentras no rexio alcázar
xunto ó baleiro trono
por ela espera a Corte,
á sombra dun carballo
texe a Princesa roiba
un encaixe de Ensono".
Ramón Cabanillas, No desterro

A ponte do arco que une o Pazo de Fefiñáns
co seu bosque particular.
Seguimos descubrindo as terras do Salnés, corazón das Rías Baixas. Coma ben ten cantado a lendaria voz do inigualable Pucho Boedo, son estes remansos do Atlántico auténticos “encaixes de ouro e mar”, e tamén o berce dun dos mellores viños do planeta, o Albariño. No noso percorrido chegamos ata a singular e fermosa vila de Cambados, poboación que viu medrar ó insigne “Poeta da Raza”. O centro desta vila está presidido polas maxestosas fachadas de Fefiñáns, posiblemente o pazo máis coñecido de Galicia. A súa estrutura, en forma de escadra ou “L”, ocupa dúas das caras da Praza de Fefiñáns, onde o granito se mestura coa sombra dos viñedos.
A historia deste pazo está intimamente ligada á produción vitivinícola. Trátase dun lugar fundamental para a historia da elaboración do viño galego máis recoñecido internacionalmente. Non en van, foi o primeiro lugar de Galicia onde se embotellou o Albariño, e onde din que está plantada a primeira cepa de Albariño da Comarca do Salnés; a nai de tódolos viñedos deste branco de primeira. Hoxe en día, os seus propietarios esfórzanse por manter a tradición e seguen a elaborar e comercializar o viño das súas históricas bodegas. 

O pazo ubícase na Praza de Fefiñáns,
en plena vila de Cambados
Esta vivenda pacega foi construida aló polo século XVI por Juan Sarmiento de Valladares, conselleiro de Felipe II. Os seus descendentes, Marqueses de Figueroa, seguen a ser os donos e señores da vella e nobre fortaleza. As súas impoñentes fachadas contan con numerosas portas e fiestras con friso triangular, e balconadas de ferro. Nas esquinas destacan uns balcóns circulares que semellan tribunas de oradores, unha característica moi distintiva deste pazo. Dous grandes escudos de armas, sobre as portas principais, fálannos da lonxeva liñaxe dos señores do Pazo. Nun lateral albiscamos a ponte de arco, que só conserva unha das dúas metades por mor da ameaza urbanística que sempre asedia a pervivencia desta nobre casa. Sobre o arco, unha balconada barroca comunica as dependencias do pazo cun auténtico bosque de dezaseis hectáreas no medio do corazón de Cambados. Unha das lendas que acompaña a historia do vello pazo de Fefiñáns é a dunha persoa que se adentrou no labirinto do xardín e perdeu a vida por non ser quen de atopar a saída, polo que se desmantelou.  Esta é só unha das historias que agochan os rexos muros deste pazo dos Figueroa. Dos seus muros saíron as primeiras cepas de Albariño que nos nosos días se estenden polas ribeiras dos vales e das rías pontevedresas. Longa vida ó Pazo de Fefiñáns e ás centenarias vides do albariño!

martes, 14 de febreiro de 2012

A Cela do Xurés, aldea entre penedos


"¡Qué triste está a aldea,
que triste é que sola!
A terra sin frutos, a feira sin xente,
sin brazos o campo,
sin nenos á escola,
sin sol o hourizonte, sin fror a semente!

A pedra y-as nubes
a sembra arrasando,
agoiran un ano de fame sombría;
sin pan os labregos,
nin herba pr'o gando,
¿qué vay á ser d'éles n'a crua invernía?

Manadas famentas
de lobos montesos
baixaron d 'as chouzas n'a noite calada.
e, postos en ringla,
c'os ollos acesos
acenan d'os probes pr'a porta pechada..."

Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra


A Cela sitúase no alto da Serra do Xurés ou Baixa Limia
Nas faldras da rochosa Serra do Xurés, existe un pequeno lugar pouco coñecido, que recibe o nome de A Cela, e cuia principal singularidade está en que conserva unha impresionante mostra da arquitectura popular galega. Nos nosos días, esta pequena aldea que fica entre xigantescos penedos, amósase solitaria e abandonada a case mil metros de altitude. Só uns poucos fogares aínda seguen a abafar o val co fume das súas lareiras. Non é doado resistir nestas duras e solitarias serras, pois a neve e as xeadas dificultan e distancian este pequeno lugar do resto do mundo. As noites enloitan as corredoiras rochosas da aldea, e os lobos comezan a asexar o lugar, na procura dunha presa doada que mate a fame. O silencio apodérase do pequeno lugar da Cela, e o arume das lareiras lémbranos os frios invernos e as neves. Unha vez que deixamos atrás a pequena capeliña, adentrámonos de cheo a ollar as intricadas corredoiras que se intúen entre as xigantescas penas que semellan impresionantes monumentos da natureza. 
As casas e galpóns adáptanse prefectamente ó rochoso chán
Estas moles graníticas son as protagonistas desta fermosa paraxe natural, e constitúen para os veciños unha parte fundamental da súa identidade. A frondosa paisaxe agasállanos coa presenza de numerosas especies autóctonas e mediterráneas, entre as que cabe destacar, os carballos, os loureiros, vimbieiros, abeleiras, bidueiros, e tamén as especies mediterráneas coma os madroños, as sobreiras e as enciñeiras. As pequenas hortas aparecen ateigadas de grelos, coleiros, repolos, e todo tipo de legumes e hortalizas. Todos estes pequenos minifundios constitúen a parte máis fundamental da alimentación dos veciños. Ao redor das mesmas, ollamos a división exercida polas xigantescas penas, que á súa vez serven de acomodo para as alongadas e rexas viñas. As ringleiras de vimbio amosan os seus fornidos e centenarios pés, e todo o seu esplendor amarelo tingue de fermosura e cor as prácidas e frondosas campiñas do lugar. Seguindo os vieiros suxeridos na rocha, aparecen ante nós pezas de antigas labouras de canteiros nos muros e cercados.
Hórreo ou "canasto"  baleiro no lugar da Cela
A aldea está conformada por un conxunto de fogares e hortas a distintos niveis, soportados por grandes muros de pedra. Sen embargo, o aspecto máis singular de A Cela é a habilidade para construíren fogares totalmente adaptados a este esgrevio terreo.  A maior parte das vivendas e cortellos sen vida que se atopan na aldea erguéronse sobre as propias moles de granito, converténdoas en parte dos seus propios muros e cimentos. As casas máis antigas, amosan unha planta baixa cun único recinto interior, onde antano convivían persoas e gando, separadas tan só por un valo de madeira. Máis adiante, engadíronse as plantas superiores, destinando a baixa ás cortes, e a superior á vivenda familiar. Algunhas casas contan cunha solaina de madeira cun estreito corredor exterior, orientado ó amencer. Outras moitas vivendas son de forma circular e vanse adaptando ás estreitas corredoiras. Algunhas mesmo teñen a porta escavada na propia rocha. Unha gran eira, situada no centro da aldea, fálanos de tempos mellores, nos que a prosperidade enchía de gran os "canastos" ou cabaceiras, e de viño as adegas da Serra. Hoxe, os hórreos baleiros móstrannos os esqueletes de madeira que xa non sosteñen tella algunha. Están construidos con piares de pedra e as paredes de madeira. Dalgúns cabazos somentes quedan os pés, e os madeiros fican carcomidos. Os marcos aínda sobreviven nas xanelas dos muros das vivendas abandonadas, namentres as hedras asolagan as solainas. 
A Cela pode estar situada nunha antiga canteira
Os viñedos invaden os fogares sen vida, entre o musgo e  a humidade que se adentra no val.  Unha fonte xurde dunha fenda entre dúas xigantescas penas, para logo atravesar as prósperas ladeiras en dirección ó corazón do profundo val. Algún que outro fogar sen teito, amosa aínda antigos lavadoiros e pedras traballadas con moita experiencia e sabedoría. Agora fican, tamén, baixo o verde manto de musgo e o asedio constante das hedras. A Cela debeu ser, dende sempre, un verxel no medio desta dura e rochosa Serra do Xurés, mais hai que pagar o prezo da soidade para vivir nun lugar tan fermoso e inóspito  coma este.
A pesares de que na parte superior aínda se albisca algo de vida, pouco máis dunha ducia de veciños logra resistir nesta paraxe tan esquecida coma descoñecida. Algúns contan que na Cela naceu San Rosendo, bispo e abade que fundou varios mosteiros coma o de San Salvador de Celanova, cuio nome semella levar na lembranza a fronteiriza aldea nai do seu fundador. Somentes os vellos se resisten a saír da Cela, os seus recordos, a súa vida, fican alí, a carón das numerosas e impresionantes rochas que, nas noites de invernía, serven de atalaia para os numerosos e merodeadores lobos. Que as hedras non asolaguen as solainas da esquecida aldea da Cela, no alto das fronteirizas e rochosas ladeiras do Xurés!

sábado, 11 de febreiro de 2012

Os dolmens do Val da Soneira


"Donde fixemos fogueiras
os carrascos nacerán,
e no dolmen en que'ibámos
de noite a sacrificar,
criáranse herbas e toxos
y-os mouchos aniñarán...
Cobrirán silvas y-adreiras
as pedras do noso lar,
e sobr'as mámoas dos mortos
xente allea pasará..."

Arcebispo Lago, O Derradeiro Celta

Pedra Cuberta
Atravesámo-las saias do fértil Val da Soneira tralas pisadas dos máis antergos, poboadores ancestrais da nosa terra. Entre os nosos obxectivos atopábase o de procurar esas xoias herdadas dende tempos inmemoriais, para comprender e fitar de preto os vestixios dos antano habitantes dos comezos da historia do noso País. Namentres nos adentramos neste húmido val, ollamos as prácidas pradeiras de cores verdescentes, repletas de pastizais e leiras traballadas, coma noutrora tamén traballaron os antergos. 
A vida nos tempos remotos da nosa vella historia transcorría parella ás actividades gandeiras e agrícolas. Cando se comezaron a traballar as terras, aquelas primitivas comunidades neolíticas, estableceron os primeiros poboados estables. Vivían en tribos con crenzas ancestrais que falaban dos poderes da nai terra, e no poder das pedras coma portas ó alén, na converxencia coa mesma natureza. Por iso, namentres os vivos habitaban en cabanas de arxila e ramallos, os mortos xacían baixo a sombra de xigantescos monumentos de pedra. Isto acontecía fai nada máis e nada menos que seis mil anos.

Pedra Cuberta
O primeiro vestixio que atopamos nesta ruta, fica nun pequeno eucaliptal a carón da aldea de Arxomil, na parroquia de Treos (Vimianzo). Georg e Vera Leisner foron os primeiros investigadores que divulgaron, alá polos anos trinta, a existencia deste impoñente dolmen, construido no cuarto milenio antes de Cristo. Estamos a falar dun dos exemplos máis senlleiros do Megalitismo europeo. 

O dolmen de Pedra Cuberta
Os seus afiados e vertixinosos ortóstatos érguense case dous metros sobre o chan, conformando un corredor de case sete metros de lonxitude. Adentrámonos nas entrañas da antiga cámara funeraria para poder ollar de preto unha das principais características que fan de Pedra Cuberta, unha referencia en todo o continente: Os derradeiros trazos das primeiras pinturas feitas polos primeiros galegos orixinarios. Algúns contan que a capa base desta arte rupestre estaba conformada por caolín, de gran abundancia nestas terras. Coas súas rudas mans debuxaban formas xeométricas, motivos decorativos, e mesmo deidades primitivas. Empregaban pinturas fabricadas con productos extraidos da natureza, coma os óxidos de ferro para lograr tons vermellos e o carbón para as tonalidades escuras. Contan que ata se empregaba o ovo para darlle corpo ós tintes. Na actualidade, estas vellas herdanzas fican asulagadas polos liques e musgos, mais aínda se poden vislumbrar as primitivas liñas dun trazo irregular pero metódico. Dende o lonxe, as súas xigantescas laxas semellan unllas de pedra que xurden do corazón mesmo da terra. Mais a lenda negra que se agocha baixo a sombra do paso do tempo, quedou gravado na propia superficie da pedra, coma unha tatuaxe irreparable que degradou o seu estado. A golpe de barreno, rebentaron a vella tumba. Pero o sacrilexio non remata alí: a anta de cubrición, que debeu ser de dimensións impoñentes, fica desaparecida, nementres o monumento segue a coñecerse como Pedra Cuberta.

Pedra Moura
O dolmen de Pedra Moura
O nome das Mouras sempre está presente nas vellas lendas que aínda se conservan baixo as antas rochosas. Nestes falares dos vellos, os antergos dolmes eran covas nas que habitaban os espíritos dos mouros, é dicir, dos primitivos antepasados; o xerme da nosa raza. De camiño a esta xoia do Neolítico, sentimos a humidade que aflora das profundidades do Val da Soneira. Nestas terras bendecidas, o home segue a cultivar o seu propio sustento, mantendo estoutra herdanza milenaria. As vacas pacen nuns outeiros cubertos de herba mesta. É precisamente nun destes prados, na parroquia de Serramo (Vimianzo), onde albiscamos á fin un dos dolmes máis xeitosos deste percorrido. O megalito de Pedra Moura atópase no medio dunha antiga mámoa que cubría e protexía esta tumba colectiva, que acada uns quince metros de diámetro. A súa recollida forma, semellante a un profundo coveiro, permitiu conservar parte das pinturas que se agochan baixo as súas laxas, na entrada do pequeno e intricado corredor. Abandonamos este fermoso dolmen na procura da seguinte parada deste roteiro dos megalitos. Os vellos labregos traballan baio a dura luz do sol de inverno, agoirando choiva. No medio das extensas pradeiras e labradíos, poden vislumbrarse xigantescas pedras erosionadas polos elementos, e das que os antepasados aproveitaron parte das mesmas para construiren unhas tumbas destinadas a perdurar ó longo dos séculos.

Os restos do Dolmen Pedra da Lebre
Pedra da Lebre
Resulta moi lamentable observar o entorno do dolmen da Pedra da Lebre. Os resquicios da necrópole fican inmersos baixo a sombra dun eucaliptal e asediado pola maleza. Pouco se pode observar, máis que o abandono que ningunha destas sacras e antiquísimas pedras se merece. Mais no medio da ruína, un pequeno acivro, xurde do ventre da vella cámara poligonal, coma se os espíritos dos mouros obraran un feitizo. Arrodeamos o dolmen e acariñamos cada unha das súas graníticas chantas; as que aínda seguen en pé e tamén ás derrubadas. Deixamos as ruínas da Pedra da Lebre e collemos rumbo cara as terras de San Antoniño de Baíñas, no Concello de Vimianzo, onde se atopan varios dolmens, entre os cales destaca un dos conxuntos máis monumentais entre os megálitos galegos; a impresionante Pedra da Arca.

Pedra da Arca
Debemos avanzar varios centos de metros por unha pista forestal para albiscar, no alto dun prado, a xoia final deste percorrido. A Pedra da Arca, que se localiza moi preto do lugar de Regoelle e na fronteira mesma que divide os concellos de Dumbría e Vimianzo, semella agochada nun pequeno coveiro, polo que dende lonxe non se aprecian as desproporcionadas dimensións que ostenta. 


Dolmen de Pedra da Arca
Cando nos achegamos, descubrimos unha soberbia anta de cinco metros de longo por uns tres e medio de ancho. Calcúlase que debe pesar unhas doce toneladas. Ollamos esta proeza, imaxinando como puido ser posible que uns poboadores tan primitivos e sen medios, puideran realizar esforzos sobrehumanos para ergueren estas pedras, unhas derriba das outras. Amosa unha cámara poligonal cun corredor duns sete metros e medio de lonxitude. Baixo as súas portentosas laxas, os derradeiros resquicios das pinturas néganse a desaparecer. Os feros corvos do Xallas seguen a pousarse enriba das vellas e inmensas antas, e a sobrevoar ceibes os dominios dos antergos. As vacas seguen a deitarse á sombra dos megalitos, coa paz da Soneira e coa maxia dos mouros. Que non afundan nunca os primitivos tintes que aínda sobreviven baixo a sombra das antas do Val da Soneira! 

sábado, 4 de febreiro de 2012

Seguindo os miliarios da Via Nova


“O teu camiño sonoro baixo a ponte sobre o rio, agarda-me
co seu silente ser.
A luz despertada e aqui, no meu andar agardo, na via romana”.

Cesáreo Sánchez, A Escrita do Silencio

Ponte romana sobre o Bibei, na Via Nova
Foron moitos os camiños que percorreron o chan galego ó longo da nosa extensa historia, vieiros que encamiñaban a infinitos destinos. Os romanos foron os primeiros en establecer unha gran rede viaria para comunicar os núcleos de poboación máis importantes. O conxunto destas vías de alta capacidade, e preparadas para o tráfico rodado, recibía o nome de Cursus Publicus. No ano 80 d.C, un novo ramal viña a sumarse ós que unían Lucus con Bracara, e Asturica con Lucus. A Vía XVIII, coñecida como Via Nova, unía Asturica con Bracara, atravesando 215 millas; uns trescentos quilómetros. A vía atravesaba terras lusas, galegas e leonesas, e constituíu un impulso fundamental para a vertebración territorial da Gallaecia romana. 


Miliarios en Ponte Bibei
A Ponte Bibei
A construción desta importante infraestrutura, constituíu un gran esforzo e foi un dos meirandes logros da enxeñaría civil da época. Unha boa mostra vémola na ponte sobre o Bibei, en Terras de Trives, a ponte romana mellor conservada do chan galego. Foi erixida por orde do Emperador Traxano, a comezos do século II d.C. Ó seu carón, aínda se conservan os vellos miliarios que lembran a inauguración, e a posterior reconstrución da ponte por diversos funcionarios públicos da época. Conta con tres arcos de medio punto, de diferentes formas e tamaños, e uns rexos pés de planta rectangular apuntada augas arriba de forma triangular. A ponte, duns setenta e cinco metros de lonxitude e vinte e tres de altitude, permitíalle á Via Nova salvar os desniveis dos vales do Bibei, para adentrarse nas prósperas Terras do Ouro. 


A Mansio Aquis Originis
As ruinas da Mansio Aquis Originis
Multitude de soldados das poderosas lexións do Imperio percorreron estes vieiros para impoñer orde nas terras galegas. Por esa razón, o Imperio mandou construír campamentos militares coma o de Aquis Querquennis
Nembargantes, pronto comezaron a chegar viaxeiros de todo tipo e tódalas partes do Imperio: trotamundos, homes de negocios, inmigrantes, foraxidos, e todo tipo de aventureiros arrastrados ata aquí pola sonada febre do ouro. Os fachendosos patricios descansaban os seus corpos, cansados da viaxe, nas diversas mansións que, ó longo da vía, funcionaban de refuxio ou pousada. Un exemplo senlleiro atopámolo, xa en terras do Xurés, e unhas millas despois do Santuario de Santa Comba de Bande, na Mansio Aquis Originis. A carón do Río Caldo e da impetuosa Fervenza da Corga de Fecha, e ós pés da Vía Nova, aínda quedan restos dunha antiga estación termal, que pode ser a Mansio Aquis Originis citada polos antigos. 

Miliario no Xurés
Inmersa nunha fraga, conta con dous ámbitos funcionais que datan dos séculos III a V d.C: unha estación termal e un ambiente de cociña. Os vellos patricios paraban para curar as feridas da viaxe e repousar os seus corpos nas termas do río Caldo. As mesas estarían repletas dos mellores produtos da serra, e os viaxeiros, dende tódalas partes do mundo, entrelazarían alí os seus camiños. As estancias contiñan diferentes ambientes e temperaturas. Téñense atopados alí restos dun antigo culto ás ninfas, polo que se pensa que estas augas puideron ser consideradas sagradas. 

Os miliarios
Miliarios na Ponte Nova, no Xurés
En poucos lugares poden verse aínda as pedras do pavimento desta antiga pero importante arteria romana. Un deses poucos sitios é preto de Portela de Homem, onde a vía cruza a raia de Portugal. Alí atópase unha anterga área recreativa coñecida como Ponte Nova. Podemos ollala nun estado fabuloso, a carón dos vellos pero ergueitos miliarios. Estes monolitos servían para informar ó viaxeiro, indicando as distancias en millas. Tamén eran usados para nomear e lembrar ós antigos emperadores que daban orde de construír estas vías. O primeiro deles foi Tito, seguido por outros da dinastía Flavia. Na Via Nova galega téñense atopado 116 miliarios dos 300 que hai en toda a Península.

Cando o mundo cambiou, a vella vía deixou de ser percorrida polos antigos camiñantes. A soidade e a maleza apoderáronse das súas pedras, coma pechando un vello capítulo do pasado, cando tódolos camiños conducían á Terra do Ouro. Que o tempo abra novos camiños para novas xentes e destinos, na procura de soños e de liberdades! 

As vellas vinganzas de Castro Caldelas


"E do castelo que s'ergue
Sobre del, ben adornado,
Cos seus adárves e torres,
Todo ô redor almenados:
Ou Castro, ben se conoce,
Que naceches desleirado,
Entre soldados é muros,
E calabozos é escravos!"

Eduardo Pondal, “O Bardo”, Queixumes dos pinos

As poderosas torres de Castro Caldelas
Era unha noite escura e bretemosa nas altas terras de Caldelas. O frío ascendía polas ladeiras do Sil e invadía co seu bafo aldeas e fragas. Os sentinelas, mentres tanto, adormecían nas troneiras das xigantescas torres da fortaleza dos Fernández de Castro, cabeza dun pequeno imperio feudal que dominaba parte das terras fronteirizas entre Lugo e Ourense, ós pés das maxestosas serras de Queixa e San Mamede. Don Pedro, mordomo real, recibe as terras da man do monarca, en pago polos seus servizos. Alí, no alto dun impenetrable outeiro que dominaba o val, o vello patriarca ergueu o castelo de Castro Caldelas, onde xa o fixeran moito antes castrexos e romanos. Era un alto que vixiaba dende antano a antiga Vía Nuova, que enlazaba Braga con Astorga. Alí foi ergueita a fortaleza. Pero o soño de Don Pedro custou suor e bágoas: os campesiños e labregos foron avasalados con impostos abusivos. 
Mentres o pobo chan sufría calamidades e miseria, a liñaxe dos Castro semellaba vivir tempos gloriosos. A Torre da Homenaxe, o torreón máis antigo de todos os que compoñen a fortaleza, albergaba entre os seus muros ós cortesáns e servos que ficaban preto do señor. Os garridos cabaleiros chegaban triunfantes e atravesaban as portas do castelo para mostrar os seus modos e encantos ante as damas do castelo. Na casa pacega, os señores administraban os seus bens e disfrutaban dos seus privilexios. No patio privado, á sombra do muro defensivo e da Torre da Homenaxe, un reloxo de sol marcaba o ritmo das idades do home, por medio de catro faces que as representaban. No corazón estratéxico do castelo, un profundo pozo abastecía de auga ós habitantes do castelo e ós seus animais; un intelixente xeito de garantírense o subministro deste recurso fundamental. 

O reloxo da torre domina o val 
Os vasalos estaban fartos da soberbia dos señores e do xugo ó que os sometían. Por iso, aquela noite bretemosa ninguén avisou ós sentinelas da presenza de pequenos fachos que se adentraban polo val. Enrique de Trastámara, doente polo apoio dos Fernández de Castro ó seu inimigo Pedro I, ordenou ás súas tropas a toma da vella fortaleza de Castro Caldelas, bastión do señorío. Un cerco de lumeiradas perturbou o plácido sono dos vixías, que deron a voz de alarma; o castelo estaba sendo sitiado. O vello Don Pedro saíu dos seus apousentos aterrado e ollou por riba das altas almeas como os seus homes comezaban a perder a batalla. Os inimigos estaban xa a derrubar as portas e penetrando triunfantes nos dominios da fortaleza. Aquela noite, Enrique de Trastámara expulsou das súas terras ós Señores de Castro, ante as olladas cheas de xenreira dos seus antigos vasalos. Pouco despois, Enrique II, xa como Rei, ofreceulle á neta de Don Pedro a posibilidade de recuperar o castelo, se a cambio casaba cun sobriño seu. E así foi. Mais pouco durou o seu dominio: unha noite de 1467, o castelo volveu ser asediado, desta volta polos temidos irmandiños. Baixo os berros de “Abaixo os señoríos!”, os vasalos tomaban por asalto e destruían os vestixios enferruxados da nobreza pacega. 
A vila de Castro Caldelas
Cando o Conde de Lemos recuperou o castelo, obrigou ós veciños de Caldelas a reconstruílo de novo. Aquel amencer, o poderoso Conde berraba dende o alto da Torre: “Vós a tirastes, vós habédela erguer!”. O vello fortín foi reconstruído pouco despois coma unha residencia pacega, que acabou en mans da Casa de Alba. Durante a Guerra da Independencia, o castelo viviu a súa derradeira batalla cando o Xeneral Marchand incendiou a vila como represalia polo ataque dos caldelaos ó rexemento francés. 
Hoxe, somentes unha catapulta enferruxada defende o castelo, soñando cos vellos combates doutrora. A meirande parte das súas murallas aínda seguen en pé, e a vella Torre da Homenaxe, segue a dominar os confíns dos vales das Terras de Caldelas. Que non esvaeza a historia adurmiñada baixo os muros do vello castelo dos Fernández de Castro!