luns, 28 de abril de 2014

Rostro, onde remanecen as lendas naufragadas


“Cando anda sur
Rostro esquiva estarrecente
a lúa
Todo semella azul
a norte de Bardullas
As sombras
fican preto
e agardan
agardan
coma se nós
foramos plancto
reservado
doutros días”
Modesto Fraga, Mar de Ausencias

Este pasado mes de marzo puiden ler na prensa unha nova ben sorprendente que tiña como escenario un dos máis impresionantes areais da miña Fisterra natal: A Praia do Rostro. Ó parecer, os duros e sucesivos temporais acaecidos na nosa costa durante esta pasada invernía fixeron que boa parte da area da praia fose devorada polo mar, poñendo ó descuberto a estrutura dun antigo barco de vapor portugués afundido nesta costa no inverno de 1927. Como non podía ser doutro xeito, namentres pasaba unha fin de semana na casa dos meus pais, aproveitei para achegarme xunto ós meus curmáns Juan e Cecilia, até esta nosa praia virxe, perigosa e solitaria, co fin de coñecer este achado; esta xigantesca creba que todos tiñamos xa esquecida. Todos agás Pepe de Olegario, un lobo de mar que coñece a localización e a historia da meirande parte dos navíos naufragados por estas terras. Logo de atravesar o nerio e mítico Val de Duio, o chan da cidade asolagada, chegamos até a praia. Alí comezamos a ver unha gran concentración de veciños e curiosos que, ó igual ca nós, desexaban coñecer este sorprendente achado. Ao pouco de pisar o areal de Rostro xa comezamos a albiscar as derradeiras e metálicas estruturas do navío. Namentres camiñabamos, ollamos a acción dos tombos do mar sobre da area e os muros de gran altura que foi formando contra as dunas. Por tódolos fisterráns é coñecida a ferocidade desta nosa praia, e mesmo a gran cantidade de vidas e naufraxios que fican baixo das súas augas. Nesta praia afundiu no inverno de 1987 o buque Cason, un cargueiro con bandeira panameña que transportaba produtos químicos inflamables, tóxicos e corrosivos. Eu somentes tiña pouco máis dun ano de vida cando, xunto ós meus veciños, tivemos que liscar do noso pobo e dos nosos fogares nuns 700 autobuses con destinos incertos, logo de que a carga de sodio que transportaba o Cason entrase en contacto coa auga do mar e provocase unha serie de explosións e unha importante columna de fume tóxico. Morreron 23 tripulantes e somentes oito quedaron con vida, todos eles chineses. O pobo quedou deserto, somentes vixiado polos militares e polos poucos veciños que decidiron quedar. 


Á fin estabamos ante o derradeiro i enorme espiñazo metálico do barco de vapor ‘Silva Gouveia’. Este antigo cargueiro portugués naufragou nesta costa unha treboenta xornada de decembro do ano 1927. Agora, case 90 anos despois, sae da area para lembrarnos a súa historia e a súa catástrofe. Este antigo navío pertenceu á Sociedade Xeral de Comercio, Industria e Transporte de Lisboa e foi fabricado no 1906 en Gran Bretaña, nos estaleiros Harkess W. & Sons de Middlesbrough. Nos seus máis de 60 metros de eslora e máis de 10 metros de manga, transportaba centos de quilos de azucre. Segundo conta Pepe de Olegario, toda a  tripulación conseguiu saír con vida deste barco de vapor. Logo de ser naufragado, o navío foi despezado na mesma praia polo veciños, que non dubidaron en apoderarse dos restos do barco e sacarlles proveito. Somentes deixaron as partes inferiores, que xa ficaban cubertas pola area, e que agora saen á lus. Da carga de azucre que transportaba o navío fíxose cargo a aseguradora, e segundo Pepe de Olegario, esta carga foi depositada na factoría conserveira de Cerdeiras no lugar de Sardiñeiro, e trasladada ata alí en carros de tracción animal polos veciños do lugar. Conta este lobo de mar que por cada unha destas viaxes pagábanse, por aqueles tempos, a importante cantidade de 10 pesetas. Ficamos pampos ante este achado, ante estoutra creba xigantesca que nos agasalla o mar. Semella coma se este mar de Rostro quixese conmemorar o afundimento deste navío, coma se quixese devolver parte do que noutrora roubou, coma se quixese renacer lendas afogadas polo tempo. Quen sabe canto tempo tardará en volver a somerxerse baixo da area, a privarnos da súa presenza. Abandonamos a praia de Rostro cavilando neste histórico suceso, namentres a marea comezaba a subir e asolagar o espiñazo metálico deste vello barco de vapor que remanece da area e do tempo, que se resiste a caer no esquecemento da fráxil memoria colectiva. 

domingo, 27 de abril de 2014

O muíño de Tarrío e as ribeiras do Asma


“Érel-o vivo semello 
do tempo consomidor, 
a vida cargand'a tolva, 
e él royendo treidor.
Tamén coma tí, tolviña, 
meus pensamentos dán grán;
pro cán n'o muíño do mundo 
e coma foula s'esfán.
Róla, róla, non te pares, 
muiñíño de meus pais, 
mentras tí rolas eu penso 
pra meu tormento nomais”.
Francisco María de la Iglesia, D’o mar e d’a terra

Esta pasada semana, namentres percorría boa parte da sempre fascinante Ribeira Sacra Miñota por asuntos alleos ás miñas viaxes, tiven a sorte de atopar un máxico e belido recuncho que chamou a miña atención e que non dubidei en coñecer e retratar. Tratábase dun vello muíño e unha fascinante fervenza que ficaban inmersos nun frondoso e húmido val. Este pequeno verxel, este anaco de historia, maxia e natureza, atópase no lugar de Tarrío, na parroquia de San Fiz de Asma, no Concello de Chantada.  Albisquei este pequeno pero espectacular recuncho a carón da estrada LU-533 que une as localidades luguesas de O Saviñao e Chantada, pouco despois de atravesar o minguado curso do Miño, pouco despois de ver como as súas augas son inxustamente represadas pola man humana no Encoro de Belesar. 


Dispúxenme a descender por unha intricada ladeira para ollar máis de preto esta sinxela pero espectacular paraxe, mais xusto denantes de comezar a descender cara o val, vinme arrodeado dunha infinidade de ringleiras de paus que semellaban guiar as vellas cepas das ribeiras socalcadas de Tarrío; estaba a pisar de novo as terras ensanguentadas, as húmidas ribeiras do mencía. Namentres descendía puiden ollar tamén unha infinidade de especies arbóreas que mergullan as súas reigames nas doces augas do río. Segundo me ía achegando até o muíño, achei á miña esquerda unha pequena leiriña ateigada de cultivos que non poden faltar na cociña tradicional galega; tal que allos, cebolas, patacas, grelos e verzas. 

Tamén puiden ollar pirixel na beira do camiño e algunha que outra árbore froiteira, coma maceiras e cerdeiras. Isto fíxome pensar que aquel fermoso verxel podería ser unha propiedade privada dalgún veciño de Tarrío ou Chantada. Estaba xa a escasos metros daquel muíño que tanto me chamara a atención dende a estrada, no fondo daquel húmido e verdescente val, polo que non dubidei en apresurar o paso e arrodear o muíño para, a carón dunha ducia de vimbios, achegarme até as rochas do río e retratar este lugar denantes de que os donos aparecesen e me botasen de alí. 
O río que, coas súas forzas e correntes, fixo xirar o rodicio, o eixo e as moas deste vello muíño, foi o Asma, un pequeno curso que nace e atravesa estas terras de Chantada e doa as súas augas ó minguado curso do Miño, logo de que este sexa represado no Encoro de Belesar. Agora xa non semella xirar roda algunha, as pezas fican danadas, esnaquizadas polo tempo e as crecidas. Ó igual que os muros do edificio, que presentan unhas profundas fendas case que irreparables. Quen sabe canto gran terían moído as moas deste muíño, quen sabe canta fame terían quitado. Nos nosos días, posiblemente sirva como alpendre para gardar os apeiros do campo, xa que fica pechado e a carón dunhas leiras traballadas. O edificio presenta unha planta rectangular, foi erixido en cachotería de granito e conserva un teito a dúas augas cuberto con tella do país. 

A parte superior da cara orientada ó sueste dispón de dúas pequenas e cadradas xanelas, e pola estrutura da súa parte inferior semella que albergou dous rodicios, dúas moas. Na cara contraria, a orientada cara o noroeste, achei a gran canle granítica pola que se conducían as augas do Asma até o interior do muíño. É un auténtico privilexio contemplar, dende este antigo muíño de Tarrío, o descenso en ruxidoiras das augas do Río Asma, que por estas ladeiras enfeitizadas rebrincan i escuman por antr'as innumerables rochas, alentan os musgos e fentos, sacian as enredadas reigames das árbores das ribeiras e tinguen de cor este pequeno paradiso esquecido baixo a sombra das maxestosas e sacras ribeiras miñotas. As ramaxes dos salgueiros, bidueiros, e outras moitas especies que acompañan o curso do Asma están comezando a rebrotar logo de seren sacudidas polos ventos e as chuvias desta dura e pasada invernía. Unha infinidade gama de verdes e amarelos mestúrase nas nutridas e valiosas fragas que se estenden tralas ribeiras. Canta maxia se respira neste pequeno recuncho de Tarrío, canta paz, canta beleza e canta natureza atopei neste minúsculo verxel chantadino. Foi un enorme privilexio e unha gran sorte achar un lugar coma este; tan maravilloso e tan pouco coñecido. Quizais a grandeza, a sona e a maxestosidade dos Canóns do Miño e do Sil fagan permanecer na sombra a outros moitos recunchos máis humildes pero de gran beleza e valor coma este.


Despídome deste pequeno verxel, deste minúsculo paradiso da ribeira miñota, retomando o vieiro que me trouxo até eiquí e denantes de que algún veciño me chame a atención. Abandonei Tarrío ascendendo aquela ladeira e deixando atrás este recuncho onde se  mesturan a maxia, a paz, a beleza e a natureza. Oxalá as fendas dos muros deste muíño resistan e lle gañen a partida ó tempo e as crecidas, ano a ano, e por moitos séculos máis. 

venres, 18 de abril de 2014

Os dolmens da Serra do Barbanza


"As rúas das cópulas na necrópole
Polos bulevares da visión, sígueme,
eu farei o resto
as papilas degustando o alcohol
feito corpo de pans ácimos.

A besta do sexo afoga no fondo do vaso

Cambias de repente,
do cuarto mouro da feluxe
ó mar aberto...
a salguidade sae dos corpos
e esvara nas coxas
como pulgas de area recén nadas
¡cantas vidas perdemos!

O cuarto de ceminterio
sobre a mámoa do antihome
ó carón do deus,
na cinza do daimon.
Ó sol
As árbores
O cheiro a podre".
María Lado, A primeira visión

Proseguimos a nosa longa viaxe pola impresionante península do Barbanza na procura doutros moitos achados arqueolóxicos de gran sona e renome que se concentran polos montes e ribeiras desta histórica comarca coruñesa. Esta viaxe cara o xénese dos tempos, onde trataremos de retratar os máis importantes achados arqueolóxicos da Serra do Barbanza, -tal que dolmens, petróglifos e castros-, comezou fai somentes uns meses, coa visita á noiesa Anta de Argalo. Logo visitaríamos tamén os petróglifos do Monte da Gurita en Porto do Son e os gravados da Pedra das Cabras en Ribeira, amais dos boirenses castros de Achadizo e Punta Neixón. Nembargantes, uns anos antes de comezar esta viaxe, xa tiveramos a sorte de coñecer os máis senlleiros achados arqueolóxicos desta Serra do Barbanza: O Dolmen de Axeitos e o Castro de Baroña. Agora tocaba abandonar as prácidas ribeiras destas terras para ascender até o alto destes impoñentes montes que acougan os ventos do Atlántico. Alí agardarían por nós centos de bestas ceibes e unha infinidade de mámoas.

Dolmen de Casota do Páramo 
Desta volta pretendiamos percorrer e visitar a meirande concentración de dolmens achados por estas terras; as derradeiras antas espidas dos cadaleitos máis primitivos. Para dar con eles tivemos que dirixirnos até o Concello de Boiro. Como diciamos anteriormente, neste concello tivemos o privilexio de coñecer os castros de Punta Neixón e de Achadizo. Agora tiñamos como meta coñecer os seus dolmens, mais non semellaba unha tarefa doada; preocupábanos o vento, o terreo, o afastamento e a soidade que adoitan presentarse no alto das serras. Mais desta volta contaba coa compaña da miña amiga Mónica, polo que a ascensión non sería nin tan dura nin tan solitaria. Saímos da capital municipal de Boiro e collemos rumbo á aldea de Sabuceda. Comezamos a ascender a serra onde dá comezo unha ruta de sendeirismo que conduce até o vértice xeodésico do Castelo de Vitres.  Polo que sabiamos, logo de deixar atrás o lugar de Sabuceda, debiamos seguir ascendendo até atopar un sinal que nos indicase o lugar de A Graña, pertencente á parroquia de Santo Andrés de Cures. Alí daría comezo a nosa andaina, e así fixemos; ó pouco de pasar a carón do lugar de Sabuceda, achamos á nosa esquerda o susodito indicador. Estabamos moi preto xa do noso primeiro obxectivo.

Dolmen de Casota do Páramo
Por estes cumios e montes concéntrase un gran número de necrópoles, a meirande parte delas debidamente catalogadas, como as de Outeiriño do Pan, Outeiriño Redondo, Chan da Figueira, Casota do Páramo, Casarota do Fusiño, A Portela, Armadoiro, Poza da Lagoa, Pedra da Xesta, A Cavada, Porto Traveso, Outeiro dos Corvos, Arca do Barbanza e Sabuceda. Nembargantes, como diciamos anteriormente, somentes quixemos retratar os dolmens, é dicir, aquelas mámoas que perderon parte da súa masa tumularia e que exhiben, nos nosos días, as súas laxes espidas; as súas entrañas. De entre tódalas citadas necrópoles, debiamos procurar os xacementos, as núas laxes de Casota do Páramo 1, Armadoiro 1, Cavada 1, Cavada 2, Arca do Barbanza 1, Outeiriño Redondo e Casarota do Fusiño. Tivemos a sorte de achar case todos os xacementos que tiñamos pensado, agás os de Outeiriño Redondo e Casarota do Fusiño, que terán que agardar a outro momento. 


A Casota do Páramo 1


A primeira necrópole que achamos neste cumio, neste horizonte de mámoas, foi a de Casota do Páramo, que está formada polos xacementos de Casota do Páramo 1 e Casota do Páramo 2.  Localízase entre os lugares de A Graña e Garamelo, na parroquia de San Andrés de Cures. Atopamos as mámoas en ámbalas dúas beiras da estrada, a uns 100 metros do indicador de A Graña. Na banda esquerda achamos as impresionantes antas do dolmen de Casota do Páramo 1, o noso primeiro obxectivo. Achegámonos até este importante xacemento ollando, abraiados, a súa estrutura e as súas dimensións. Este dolmen, duns 6.000 anos de antigüidade, aínda conserva unha gran cámara poligonal irregular conformada por sete xigantescos esteos, conformando unha estrutura case circular, e un corredor curto orientado cara o sueste conformado por outras dúas laxes. O túmulo presenta unhas dimensións no eixo N-S duns 22 metros, e no eixo L-O, duns 15 metros e medio.


No que respecta á altura, o túmulo acada os 2,30 metros. A masa tumularia, nembargantes, acada somentes o metro e medio, mais se a medimos dende o interior da cámara, chegaría a 1,70 metros. Namentres ollabamos as múltiples vistas deste xacemento, achamos unha serie de marcas descontinuas nun dos esteos que poden ser produto de antigas labouras de cantería tradicional.  Contan que a tampa ou laxe de cubrición foi partida e desprazada da súa posición orixinal. Aló polo 1980 leváronse a cabo diferentes estudos neste dolmen que serviron para documentar o sistema de construción do túmulo. Ademais, achouse unha lámina de sílex. Logo de coñecer o exterior do xacemento, decidimos entrar no interior da cámara da Casota e coñecer o verdadeiro tesouro que agocha este dolmen nas súas entrañas. 


Nunha das lousas da cámara achamos uns gravados que lle outorgan a este dolmen un pouco máis de misterio. Ante nós tiñamos unha figura case que antropomorfa, con cabeza, tronco e brazos, embaixo dunha figura que non me atrevería a describir. Nada se sabe, a ciencia certa ou con certo rigor, destes gravados, mais nun dos paneis informativos que ficaba a carón mesmo desta mámoa puidemos ler unha posible interpretación dos mesmos. Alí dicía que estes gravados poderían representar ó deus LUG, “o da man longa” co sol enriba da cabeza. Mais non debemos esquecer que son interpretacións. Ninguén pode chegar a determinar, polo momento e con certo rigor, nin a súa orixe nin o que puido representar. Deixamos tras de nós este impresionante e misterioso dolmen da necrópole de Casota do Páramo para proseguir o noso camiño por este cumio da prehistoria, por este horizonte de mámoas. O seguinte obxectivo sería a necrópole de Armadoiro.


Armadoiro 1


Botamos a camiñar por unha pista de grava cara o oeste, e a iso duns 200 metros, albiscamos na beira esquerda do camiño unha das mámoas da necrópole de Armadoiro. Tratábase de Armadoiro 2, polo que sabiamos que estabamos moi preto do noso segundo obxectivo; o dolmen de Armadoiro 1, que ficaba a uns 70 metros cara o leste de nós. Esta mámoa de Armadoiro 2, moi pouco prominente, conserva somentes tres esteos no seu interior. Logo de ollar moi por riba as súas características, botamos a camiñar cara a outra mámoa que procurabamos e que albiscabamos xa moi preto de nós; Armadoiro 1. A medida que nos achegabamos á mámoa de Armadoiro 1, comezabamos a ver os escasos esteos que, ó igual que Armadoiro 2, aínda resisten neste dolmen. O dolmen de Armadoiro 1 localízase entre as parroquias de Santo Andrés de Cures e Santa María de Nebra, no Alto de Armadoiro. 


O túmulo de Armadoiro 1 presenta unhas dimensións no eixo N-S de 18 metros, e de 19 no eixo L-O, e somentes conserva catro lousas da estrutura megalítica. No que respecta á súa altura, acada os 1,90 metros. Este túmulo conserva nosos nosos días, na súa parte central, un pozo de saqueo de 1,25 metros de profundidade. Ao redor destes poucos esteos que aínda resisten, acháronse abondosos restos de cachotes que semellan evidenciar a existencia, noutrora, dunha coiraza ou estrutura de recubrimento da masa tumularia. Deixamos tras de nós esta segunda necrópole do Barbanza para encamiñármonos agora até a terceira parada nesta viaxe cara o xénese dos tempos. Xa ía sendo hora de coller rumbo á necrópole de Cavada. 


A Cavada 1


Voltamos agora cara a primeira necrópole que coñeceramos nesta xornada, a de A Casota do Páramo, para dende alí cambiar de rumbo e dirixírmonos desta volta por outra pista de grava cara o suroeste. Logo de camiñar aproximadamente uns escasos 500 metros, atoparíamos nunha pronunciada curva, un cruce de tres camiños. Alí, naquel cruce de camiños, achamos as catro mámoas catalogadas que compoñen esta terceira necrópole de A Cavada. De entre estas mámoas, coñecidas como Cavada 1, Cavada 2, Cavada 3 e Cavada 4, somentes pretendiamos coñecer as dúas primeiras, que eran as únicas nas que podiamos detérmonos a observar as súas antas. Esta necrópole localízase, ó igual que as anteriores, na parroquia boirense de Santo Andrés de Cures. Achegámonos primeiro á mámoa de Cavada 1. Esta mámoa fica a carón mesmo do camiño, polo que foi a primeira que visitamos. 


Non foi difícil atopar este dolmen, a mámoa albíscase de xeito claro dende o mesmo camiño debido ás súas importantes dimensións. Achegámonos até el paseniño, tratando de non asustar nin perturbar a paz dos verdadeiros donos deste territorio, as bestas e o gando salvaxe. Este túmulo de Cavada 1 presenta unhas dimensións no seu eixo N-S de case 23 metros e no seu eixo L-O doutros 23. A altura do túmulo acada 1,60 metros. A cámara está conformada por catro esteos; dous orientados cara o norte e outros dous cara o oeste, mais todos desprazados da súa posición orixinal. O grosor medio dos esteos varía entorno ós 12 e 15 centímetros.  Na parte sur desta mámoa achamos unha pequena cova sobre da que se asenta un esteo de 1,40 metros de longo e 65 centímetros de ancho. 


A Cavada 2


Logo de coñecer por riba as principais características deste primeiro dolmen da necrópole de A Cavada, decidimos achegármonos até a outra mámoa que tiñamos previsto coñecer, Cavada 2. Volvemos pois cara aquel cruce de camiños para coller rumbo agora cara o suroeste; a mámoa de Cavada 2 ficaba a escasos metros de nós, de fronte a Cavada 1, somentes nos restaba atravesar o camiño e avanzar un pouco. Namentres camiñabamos cara este segundo túmulo, fomos sorprendidos por un grupo de bestas que se estaban a concentrar preto do dolmen que agora procurabamos. Foi incrible ver como se comunicaban e se arremuiñaban ó galope. A este grupo de bestas debeulles sorprender a nosa presenza neste seu territorio. Ó pouco, fóronse afastando de nós e á fin puidemos achegarnos até o dolmen. Este túmulo, ó igual que Cavada 1, tamén conserva unhas importantes dimensións, chegando a acadar no seu eixo N-S os 22 metros de lonxitude e no seu eixo L-O, os 26. Acada unha altura máxima de 1,20 metros.


Nos nosos días, o interior deste dolmen de Cavada 2 atópase a rentes mesmo  da base do túmulo no exterior, é dicir, que apenas ten profundidade. A cámara componse de oito esteos, mais ningún deles se atopa na súa posición orixinal. Ó parecer, estas pezas foron inclinándose cara o interior. Cinco destes oito esteos sobresaen por enriba da base do cono uns 60 centímetros. Os esteos presentan nos nosos días unhas dimensións moi reducidas, non tanto o túmulo que é dos máis grandes que vimos até o de agora. Ao redor da mámoa tamén achamos abondosos restos de cachote que, ó igual que na mámoa de Armadoiro 2, poden evidenciar que noutrora contase cunha coiraza de recubrimento. Logo de contemplar estoutro dolmen, decidimos continuar o noso camiño. Agora tocaba proseguir o vieiro de grava que nos trouxo até eiquí e coller rumbo ó suroeste.


Estabamos a piques de rematar a nosa viaxe, mais aínda nos quedaba por coñecer unha das máis importantes necrópoles desta impresionante serra; a de Arca do Barbanza. Puxémonos a camiñar por aquel vieiro de grava ansiosos por coñecer a última necrópole desta nosa particular viaxe cara o xénese dos tempos, desta procesión que nos encamiña até os eternos sartegos de pedra dos seres máis primitivos.


Arca do Barbanza 1


Sabiamos que para chegar á Arca do Barbanza debiamos proseguir aquel vieiro, que colleramos para ver o dolmen de Cavada 2, até topármonos co curso do Río Barbanza. Logo teríamos que atravesar e acompañar o río ladeira abaixo até darmos coa necrópole, mais pouco sabiamos do estado do terreo. Pensabamos que o treito a carón do río podía ser dificultoso ou intricado. Logo de camiñar menos de un quilómetro pola pista de grava, puidemos albiscar o curso do Barbanza, que ten por estes cumios o seu berce. O Río Barbanza nace nunha ladeira do Monte Xestoso, neste mesmo Concello de Boiro e a uns 540 metros de altitude. O curso deste río que morre na Ría de Arousa é moi curto, de somentes 12 quilómetros. Cruzamos o río, que por estes cumios da serra aínda é un regato, e comezamos a acompañar o seu curso. Internámonos nunhas pradarías ateigadas de humidade. Foi toda unha sorte comprobar que o terreo era máis chán do que pensabamos previamente. Para chegar até a necrópole debiamos acompañar o río pouco máis dun quilómetro ladeira abaixo, mais non existía unha pendente demasiado pronunciada. Somentes tiñamos que camiñar por unha húmida e verdescente pradaría.


Namentres camiñabamos, a miña amiga Mónica ficou atónita ante un suceso que acabara de observar. Ó outro lado do río atopamos unha manada de bestas que ficaban deitadas sobre da herba. Mónica, que coñece ben o comportamento dos cabalos, xa que é unha apaixonada destes animais, contoume que os cabalos non adoitan ficar deitados. Estes animais somentes se deitan cando están moi tranquilos, xa que lles leva un certo tempo erguerse e ese feito pode ser aproveitado por outros depredadores para darlles caza. Non cabe dúbida de que a liberdade da que gozan estas bestas nestes cumios do Barbanza, apórtalles a paz e a harmonía que estes animais precisan. Neste noso camiño tivemos tempo para achar tamén unha gran cantidade de restos óseos e caveiras das bestas, poldros e tenreiros  falecidos. Logo de atravesar uns pequenos regatos que verten as súas augas no curso do Río Barbanza, comezamos a albiscar dende o lonxe as dúas mámoas que compoñen a necrópole de Arca do Barbanza. Á fin estabamos a carón da derradeira xoia megalítica desta xornada, ante o impresionante xacemento de Arca do Barbanza. Esta necrópole localízase tamén na parroquia boirense de Santo Andrés de Cures. Dirixímonos directamente cara a mámoa de Arca do Barbanza 1 para ollar de preto a cámara e as características deste impresionante e monumental xacemento.


Este dolmen atópase a uns 40 metros do curso do río, somerxido no fondo dun val pouco pronunciado. As dimensións do túmulo, de 20 metros de diámetro e 1,80 de altura, deixáronnos abraiados. A cámara, conformada por 10 esteos, atópase nun bo estado de conservación, aínda que non conserva a laxe de cabeceira. Pénsase que puido ser fragmentada ou soterrada no interior da cámara. Este dolmen, que sobresae uns 80 centímetros sobre da superficie tumularia, conserva as tres laxes de cubrición, aínda que todas elas fican desprazadas da súa posición orixinal. A lonxitude total desta cámara, xunto co corredor, supera os seis metros e medio, e de ancho acada os 4,3 metros. Aló polo 1980, ó igual que A Casota do Páramo 1, foi obxecto de estudos onde se tomaron mostras no interior da cámara que aportaron un pouco de luz no que respecta ó seu proceso construtivo. Ollamos todas e cada unha das posibles vistas deste impresionante xacemento de Arca do Barbanza 1 e pensamos que eiquí era o mellor lugar para poñer o punto e final a esta aventura. Foi unha mágoa non poder achar os outros dolmens que procurabamos, os de Outeiriño Redondo e Casarota do Fusiño, mais a bo seguro que algún día volveremos até estes afastados e solitarios cumios para retratalos como se merecen.  Agora somentes nos restaba despedirnos deste universo de mámoas, destes cumios dominados polas bestas, e desexar que esta viaxe barbancesa cara o xénese dos tempos non faga máis que comezar.

luns, 7 de abril de 2014

Muíño Grande, a antiga factoría de Xuvia


“EU, príncipe das tebras e da luz,
xiro
e xiro
coma un muíño que agardase nunha páxina
a inmortalidade literaria
a máis ferinte
porque é quen de confundir a memoria das xentes
de facer dun triste muíño
un ser xigante
ao son dun olifante
que nunca soou”.
Estíbaliz Espinosa, Pan (Libro de ler e de desler)

Voltamos á Comarca da Ferrolterra con ganas de coñecer máis polo miúdo algúns dos tesouros e recantos máis singulares que deixa tras de si o serpeante curso do Río Xuvia. Este río coruñés, coñecido tamén como Xubia ou Río Grande do Xuvia, nace nos montes do Concello de As Somozas, a uns escasos 500 metros de altitude, e percorre uns 30 quilómetros a través dos concellos de Moeche e San Sadurniño denantes de morrer conformando a Ría de Ferrol. Mais xusto denantes desa morte, desa mestura de augas doces e salgadas, o curso deste río verá represadas as súas augas por derradeira vez a carón do Muíño Grande, no esteiro do Xuvia, nos límites entre os concellos de Neda e Narón. Viaxamos cara as antigas Terras de Trasancos co obxectivo de coñecer o treito final do Río Xuvia e repasar a historia dun dos muíños máis grandes e importantes do noso país, agora baleiro e abandonado. 


O Muíño Grande localízase no núcleo orixinal da antiga poboación de Xuvia, un concello independente que foi absorbido no ano 1837 coa constitución do Concello de Narón. Estas terras tiveron dende antano unha gran actividade industrial. Nesta antiga poboación, aló polo século XVIII, asentáronse  importantes industrias e factorías da Terra de Trasancos. O motivo principal deste desenrolo e asentamento industrial  foi a estratéxica localización do lugar no interior da Ría de Ferrol para complementar a industria do naval e aproveitar os seus recursos enerxéticos. Ó pouco de chegar a Narón, e logo de atravesar o núcleo urbano rumbo a Neda, achamos a ponte que une e separa estes dous concellos; a Ponte de Xuvia ou Ponte dos Andrade. Dende esta ponte, de orixe gótica, puidemos albiscar os dous obxectivos que procurabamos; o derradeiro tramo do Xuvia e os muros do Muíño Grande. Agora somentes nos restaba achegarnos até este histórico edificio, até a beira mesma do río, para tratar de profundar un pouco na historia deste importante muíño que nos nosos días presenta un estado, non de ruína, pero si de abandono.  


A historia do Muíño Grande do Xuvia comezou no 1775, ano no que se rematou a súa construción. Foi erixido seguindo o modelo de muíño francés; con limpadores e peneiras accionados tanto de xeito hidráulico como manual. As peneiras empregábanse para clasificar a fariña en función da súa finura, i estas de Muíño Grande clasificábana até en cinco tipos distintos. Estas pezas, as peneiras e limpadores, foron importadas dende a Franza expresamente para estas instalacións. Aló polo 1858, este Muíño Grande do Xuvia foi, dentro da súa clase, o principal muíño do país en capacidade de produción. Esta antiga e importante factoría de moenda recibía o cereal chegado en barcos dende Santander, dende o Báltico e mesmo das Américas. Nembargantes, o tempo foi mudando este importante muíño e trocando o seu uso e as súas faenas. As labouras de moenda deixarían paso a outras actividades industriais con maior demanda na época. Os muros i estancias de Muíño Grande serían reconvertidos e chegarían a albergar unha factoría de papel, outra de tecidos e unha siderurxia de laminados de cobre. Antano, na outra ribeira do río atopábase tamén a Real Fábrica de Moeda de Xubia, que se abastecía da enerxía xerada pola Presa do Rei. 


Esta factoría de moedas, ó igual que o Muíño Grande, tivo que mudar co paso do tempo a súa actividade empresarial, a súa produción, chegando a albergar nas súas instalacións unha factoría de cobre e outra de armas, mais sempre co obxectivo de abastecer os arsenais da Mariña. Dende o alto da Ponte dos Andrade puidemos ollar tamén outro edificio en ruínas que debeu ser un ir e vir de xente na súa época; as oficinas do Banco Hispano Americano.  Cústanos maxinar a importancia que debeu ter a nivel económico e industrial a antiga vila de Xuvia. Quen sabe cantos obreiros e cantas familias atoparían nesta antiga e desaparecida vila, neste fondo da Ría de Ferrol, o comezo das súas vidas, o seu porvir, os seus soños e as súas espranzas. Denantes de liscar, cruzamos a ponte e a estrada de Castela para ollar unha árbore, un xigantesco magnolio, que chamou a nosa atención. Trátase do Magnolio da Raíña, e calcúlanselle uns 300 anos de antigüidade. Hai quen di que pode ser o único magnolio desta idade que se conserva no noso país. Baixo a sombra desta senlleira árbore, e logo de coñecer unha pequena parte da historia deste muíño e deste recanto do Xuvia, decidimos emprendelo camiño de volta desexando que estas terras resistan a cruel e inxusta crise que estamos a sufrir, e volvan a ser o abeiro do porvir, dos soños i esperanzas das familias dos obreiros, sempre loitadores, da Comarca da Ferrolterra. 

martes, 1 de abril de 2014

As ruínas da Torre de Friol


“E pasei outra volta pola beira
do pazo fachendoso
que recorta no val úbedo e fresco
a grácil cheminea
e a torre derretida polo tempo.
E de novo a tenaz hipocondría
sentoume nunha pedra do carreiro...
O pazo de Galicia
cubre a nobre fachada de granito
de areiras, musgo, líquenes e cinza
que lle dan a fasquía turbulenta
dos iris fuxidíos,
das pátinas de néboa”.
Miguel A. Mouriño, Camariña: Sete cruces e unha esperanza

Fai un tempo, namentres percorriámola Comarca de Lugo, e máis concretamente o Concello de Friol na procura do Dolmen da Moruxosa e a Fortaleza de San Paio de Narla, achamos no núcleo urbano deste concello lugués, a carón da estrada que o une con Palas de Rei, un pazo abandonado que chamou fortemente a nosa atención. Estabamos na parroquia de San Xián, na capital municipal de Friol, ante un dos fogares nobiliarios máis antigos desta verdescente provincia; o Pazo Fortaleza ou Torre de Friol. Achegámonos até este antigo fogar en ruínas, até este noutrora “pazo fachendoso”, movidos por unha profunda curiosidade. Contan que este antigo fogar, esta casa forte, puido comezar a erixirse aló polo século XIII, ou iso é o que semellan revelar uns gravados de signos lapidarios que foron achados nos restos dos muros interiores; similares a outros achados en igrexas e fortalezas erixidas naqueles tempos e polas terras de arredor. Esta fortaleza segue a ser nos nosos días unha propiedade privada, polo que non se permite a entrada ó interior do edificio.


Namentres percorriamos o exterior deste edificio, achamos na súa parte traseira a Torre da Homenaxe que dá nome a este pazo, a esta casa grande, a esta fortaleza. A torre deste antigo fogar nobiliario de Friol, de planta cuadrangular, carece nos nosos días da altura que debeu ter nos seus mellores tempos. Esta fachada do edificio orientada ó poñente, onde achamos a torre, coñecese co nome de “vara alta”, e agocha unha planta case cadrada, duns 10,60 por uns 10,40 metros. Voltamos de novo cara a fachada principal desta casa forte, a que dá ó patio, ollando as fendas que percorren boa parte dos seus muros. Na parte superior dereita desta fachada ollamos dúas pequenas ventás. Á esquerda desta aparece a fachada da vivenda, máis tardía, posiblemente do século XVII. Esta fachada conserva unha porta en arco e un balcón voado, sobre duns soportes graníticos, delimitado por balaústres de ferro. Estas fachadas principais sufriron numerosas modificacións ó longo da súa historia. 


Esta torre ou fortaleza, este pazo ou casa grande, foi o antigo fogar da estirpe dos Prado, descendentes todos eles da casa real de León. De feito, nunha das portas de acceso a esta fortaleza consérvase unha inscrición gravada que reza: J. ANTº DE PRADO. Segundo o “Diccionario Nobiliario” de Julio de Atienza, as orixes do apelido Prado son galegas, e poden descender dun infante leonés que tivo un fillo cunha doncela nun prado. Ao parecer, cando o fillo naceu e coñeceu tal suceso, decidiu tomar Prado por apelido. Este apelido foi estendéndose por toda a Península Ibérica. Contan tamén, que amais da xa citada inscrición gravada nunha das portas de acceso ó edificio, foi achado un escudo nobiliario moi desgastado no costado esquerdo da vivenda, sobre dun liso lintel dunha porta de servizos. Tanto a inscrición como o escudo son as mellores probas de que este pazo, torre ou fortaleza, foi o fogar de boa parte da estirpe dos Prado.


É toda unha mágoa ver este importante e histórico edificio nun estado tan ruinoso, tan baleiro, tan escuro e silencioso. Ollamos as diferentes portas e ventás, as profundas fendas que presentan a meirande parte dos muros, os teitos de lousa derrubados, “a grácil cheminea e a torre derretida polo tempo”. Quen sabe o que lle agardará a esta vella torre que hoxe agoniza, a esta ruinosa fortaleza, a este antigo e nobiliario fogar da estirpe dos Prado. Deixamos tras de nós este edificio, esta torre, este fogar, coa ollada posta nos misteriosos muros da “nobre fachada de granito" e desexando que o destino lle devolva algún día todo este tempo perdido, a súa estirpe, a súa vida, e por suposto, a súa fachenda.