venres, 1 de setembro de 2017

As vellas pantasmas da Finca do Espiño


“E n'o xa queimado espiño
Fuxindo d'o sol ardente
Pousabase o paxariño.

¡Dios mio, que ansia cativa!
Pesaba en min á tristeza
Cal se m'enterrasen viva. 

Lembranzas d'a terra hermosa,
Calmá c'a vosa frescura
As penas d'alma chorosa”
Rosalía de Castro, Follas Novas

No húmido e frío corazón da nosa patria, nunha de tantas belidas paraxes que se reflicten no curto e serpeante itinerario do Sarela, as pantasmas da Finca do Espiño, encarnadas en árbores antergas, en píntegas, en fentos e gárgolas; convidan ás máis inxenuas almas a transitaren sen présa polos soños cumpridos e as esquecidas vivencias dos que liscaron para non volver. 


Tralos antano impoñentes muros desta máxica finca que olla en fite a crepuscular fachada da Catedral, -subxugados agora polas farpas dominantes das silveiras-, agoniza a pétrea e conca osamenta soñada e habitada, noutrora, polo afamado político e avogado Ramón Gutiérrez de la Peña Quiroga. Tralas enferruxadas cancelas desta impoñente e misteriosa leira, latexa a través das fendas dunha conca caveira de argamasa, a modernista traza e o ecléctico enxeño do arquitecto compostelán Jesús López de Rego. 


O ambicioso soño de Ramón Gutiérrez de la Peña Quiroga comezaría a cobrar vida aló polo ano 1910 da man de Jesús López de Rego, e consumaríase somentes un lustro despois. 

O Pazo do Espiño, aquela anhelada morada de Ramón Gutiérrez de la Peña Quiroga, aquela arriscada obra de Jesús López de Rego, vería a súa luz no 1915 e a súa impoñente e ameada silueta pasaría a formar parte da monumental paisaxe compostelá.

Sobre deste pazo de dous andares, erixido con muros de formigón que imitan a imperfecta superficie da pedra i engalanado con cornixas de cemento moldeadas con motivos vexetais, vixiado en cada momento dende as súas esquinas por aves iradas e fauces caninas, erguíase unha impoñente torre ameada que ensombrecía a súa esvelta capela, dende a que emerxen aínda arrepiantes bestas sineiras que gargarexan augas virxes para cuspilas con desprezo sobre os pícaros que ousen perturbar o silencio e interromper o soño do que nacería este lugar. 

Arrodeando o pazo residencial, Ramón Gutiérrez de la Peña sementaría en terra as derradeiras instantáneas fuxidías do seu soño. Un romántico verxel de infindas especies vexetais comezarían a enlear as súas reigames e a xermolar cores, a polinizar vida i emanar pracenteiros olores en cada recanto deste oasis urbano, desta nobre factoría de froitas, flores, musgos e paxaros.  


Mais ó longo da década dos 40 algo mudaría para sempre neste pazo erixido aos pés do Monte Pedroso e a rentes do Sarela. Co traslado definitivo dos Gutiérrez de la Peña Quiroga a Madrid, a Finca do Espiño comezaría a vivir unha intensa agonía, un longo período de abandono, decadencia e ruína que aínda semella latente, malia que as súas cancelas corroídas se abrisen á xente e os seus derradeiros muros fosen preventivamente apuntalados.


Arredor do corpo presente do xa cadavérico Pazo do Espiño, ábrense agora camiño as octoxenarias reigames dos seres que continúan a habitar este lugar; as camelias e araucarias, as palmeiras, os magnolios, os castiñeiros e os acivros, os buxos, os carballos e algún que outro espiño, así como unha infinidade de especies vexetais. Eles son os únicos donos e señores das ruínas deste soño cumprido, os lexítimos herdeiros deste pazo compostelán. 


No fértil e morriñento seo da matria, nestoutra verde contorna de Compostela, o espello alongado e serpeante do Sarela ás veces semella reflectir augas pasadas, instantáneas de tempos esquecidos; os pelamios dos curtidoiros, as sabas das lavandeiras, os rabaños de vacas e de ovellas baixo a sombra ameada e maxestosa do Pazo do Espiño. 


Encarnadas nas árbores froiteiras, nas lesmas e nas máis bravas roseiras, as súas pantasmas seguen a incitar ás almas inxenuas a transitaren de vagar polos soños cumpridos e as vivencias pasaxeiras dos que se foron para endexamais regresar.