“Meu santo San Antonio
Dáime un homiño
Anqu' ó tamaño teña
D' un gran de millo.
Dáimo, meu santo,
Anqu' os pés teña coxos,
Mancos os brazos.
Un-ha muller sin home...
Santo bendito!
E corpiño sin alma,
Festa sin trigo”
Rosalía de Castro, Cantares gallegos
San Antolín é un pequeno santuario prerrománico localizado nun fascinante e paradisíaco recuncho da parroquia de Santa María da Capela, no concello coruñés de Toques. Na súa orixe, aló polo século X, esta sacra e anterga construción sería erixida ca fin de albergar unha pequena comunidade monástica da Orde Beneditina. O primeiro documento que proba a súa antigüidade data do ano 1067, e nel testemúñase unha doazón para o mosteiro efectuada polo Rei García de Galicia. Co paso dos anos, e trala reforma que acometerían os Reis Católicos nas dependencias monacais, a vella abadía de San Antolín de Toques quedaría anexionada como priorado ó mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, a quen serían consecuentemente entregados os 73 lugares que conformaban o seu extenso territorio, así como os dereitos de nomear xuíz e recibir a vasalaxe e os trabucos dos habitantes dos seus coutos xurisdicionais.
Despois desta anexión, a comunidade monástica de San Antolín iría minguando considerablemente ata que somentes quedaría á fronte da freguesía un prior que dependía do abade de San Martiño Pinario, e que dispuña á súa vez de dous ou tres monxes para administrar os bens e riquezas do priorado. Trala marcha definitiva dos beneditinos coa desamortización, o mosteiro quedaría abandonado, chegando a albergar no ano 1843, unha factoría de arame que aproveitaría as dependencias monacais e os terreos lindeiros para levar a cabo a súa actividade. Daquel mosteiro beneditino, somentes se conserva hoxe en día o templo, que consta dunha única nave con teitume a dúas augas cuberta de tella do país, e unha ábsida de planta rectangular con bóveda de canón peraltado. Agás a fachada e a parte dianteira da nave, que serían posteriormente reedificadas, o resto da construción é de estilo prerrománico, conservando boa parte da súa traza máis primitiva.
Nun dos seus muros meridionais ábrese unha porta de sinxelo arco semicircular que descansa sobre chapiteis carentes de ábaco e colariño, e sobre dela, dúas fiestras abucinadas semicirculares, con arco de medio punto, e unha seteira. A outra porta do templo, a principal, froito das sucesivas reconstrucións no edificio, sería substituída pola actual; moito máis sobria e moderna. Chama a atención a disposición e composición dos seus muros, con aparello moi frecuente nas sacras construcións do século X, e a cornixa do testeiro da ábsida, ornamentada con dentes de serra de ladrillo e rosetas que lembran as influencias visigóticas. O santuario de San Antolín de Toques sería declarado Ben de Interese Cultural o 10 de xuño do 1984, e trinta anos despois, ó longo do 2014, acometeríanse os traballos de restauración das pinturas murais que, dende o século XV, engalanan e tinguen de cor as escuras entrañas deste templo.
Agora xa non se escoitan misas nin cantos corais, nin repican os sinos das campás neste sacro e afastado universo, somentes o rumor das augas que descenden pola carricova, o chío dos merlos e o piar das pombas, adoitan perturbar este voto de silencio.