domingo, 31 de agosto de 2014

As esquecidas batallas do Castelo de Naraío


“Sabemos que nos toca o labor duro,
a loita de escachar todo o castelo
montado na traición e na falsía,
e agora, coma a chuvia de Galicia,
cairemos sobre vós pinga tras pinga,
cairemos coma os golpes do martelo
do firme forxador ou do canteiro”.
Bernardino Graña, Luz de novembro

Na nosa última viaxe á Ferrolterra, tras coñecer a Ermida da Virxe do Porto, decidimos achegármonos até un dos concellos do interior desta comarca para tratar de achar as ruínas dunha fortaleza medieval que se localiza no concello coruñés de San Sadurniño e repasar a historia e as batallas dos seus señores. Trátase do Castelo de Naraío, o antigo fogar de Don Gonzalo Piñeyro, un cabaleiro que estivo baixo as ordes de Pedro I O Cruel nas súas sanguentas e atroces batallas. Posteriormente tamén pertencería ós Andrade. A fortaleza localízase no lugar de Castelo, na parroquia de Santa María do Naraío, no alto dun petouto sobre do Río Castro. Moi preto de eiquí xa tiveramos a sorte de coñecer outra senlleira fortaleza propiedade dos Andrade; o veciño Castelo de Moeche. Achegueime até o castelo acompañado do meu bo amigo Samuel. Non tivemos problemas para chegar, na parroquia acharamos indicadores que nos conduciron até os mesmos pés do castelo. 


Achamos o castelo como pensabamos, abandonado i en ruínas. Crese que leva abandonado dende o ano 1609, mais a partires do 1994 sería declarado Ben de Interese Cultural. Internámonos no castelo paseniño, ollando dende o alto o curso do Castro. Logo de atravesar as dúas portas principais baixo dun arco oxival, onde achamos un escudo de armas da casa dos Andrade, chegamos ó patio de armas e ficamos ante a Torre da Homenaxe. A torre, duns 16 metros de altura, é de estilo normando e posúe unha planta cadrada, cunha única entrada na cara sur. Hai quen cre que existe un túnel que comunica as entrañas da torre cunha das ribeiras do Castro. No patio de armas achamos unha escada metálica que foi instalada alí fai cousa duns anos atrás, cando deron comezo as obras de restauración, mais o certo é que nos nosos días, as obras fican totalmente paralizadas. 


Como diciamos anteriormente, este castelo pertenceu a Gonzalo Piñeyro, o Señor de Naraío. Contan que Gonzalo Piñeyro posuía un pequeno estaleiro no porto de Neda. Nunha ocasión, Henrique II de Trastámara, tratando de fuxir do seu irmán Don Pedro de Castela, refuxiouse na Torre da Nogueirosa, na casa de Fernán Pérez de Andrade, alcumado “O Boo”. A medida que se ían achegando as tropas de Don Pedro a Pontedeume, Fernán, o sexto Señor de Andrade, solicitoulle a Gonzalo Piñeyro, Señor de Naraío, unha embarcación para que Henrique II de Trastámara puidese fuxir. Piñeyro non aceptou, polo que o Trastámara tivo que fuxir dende o porto da Coruña. Mais cando Henrique ascende ó trono, Fernán Pérez de Andrade ataca o Castelo de Naraío, facendo fuxir a Gonzalo Piñeyro, quen tamén perdería o señorío. O rei concederíallelo a Fernán Pérez de Andrade, “O Boo”. 


A fortaleza, nembargantes, volvería a ser atacada durante as Revoltas Irmandiñas, aló polo ano 1466, ó igual co veciño Castelo de Moeche. Sería no ano 1469 cando Don Diego de Andrade reconstrúe de novo a fortaleza, mais a partires do ano 1609 quedaría deshabitada até os nosos días. Dende o alto ollamos gran parte dos muros, as ruínas de torres e de contrafortes que se perden baixo un manto de toxos e matogueiras, que resisten aínda sobre deste intricado e vertixinoso petouto. Dende este ruinoso castelo albíscanse unhas panorámicas impresionantes da contorna de Naraío. Arrodeamos por derradeira vez este castelo cavilando, unha vez máis, no poder que posuía a Casa dos Andrade por estas terras, por estes seus antigos dominios.  


Foi toda unha sorte coñecer este castelo e repasar parte da súa historia e tamén da dos seus antigos moradores. Liscamos de Naraío desexando que se retomen canto antes as obras de restauración desta antiga fortaleza en ruínas, e que estoutro antigo fogar dos Andrade fique algún día, ó igual que o veciño Castelo de Moeche, engalanado e coas portas abertas para o goce de tódolos galegos e galegas. 

sábado, 30 de agosto de 2014

Santa María de Ferreira, mosteiro feminino


“O alciprés que direito s'asoma
D'o convento tras d'o muro,
Y o lieiro campanario
Cuberto d'herbas e musgo,
D'a devesa, c'o cruceiro
Eran cintinelas mudos”.
Rosalía de Castro, Follas Novas

Fai cousa dun par de anos, decidimos regresar á Ribeira Sacra para tratar de coñecer algúns dos seus máis senlleiros santuarios e mosteiros. Ó longo desta paradisíaca paraxe conformada dende a noite dos séculos polo Miño e polo Sil, achamos numerosos mosteiros que nos deixaron realmente impresionados. Nas ribeiras do Miño coñecemos o Santo Estevo, San Facundo, a Igrexa de San Martiño da Cova e o San Paio de Diomondi. Nas do Sil, os impresionantes Santo Estevo e Santa Cristina. Regresamos á Comarca da Terra de Lemos para achegármonos agora até o concello lugués de Pantón. Neste concello, limitado polos cursos do Miño, Sil e Cabe, trataremos de coñecer o histórico Mosteiro de Santa María de Ferreira. Sempre resulta un pracer internarse neste paraíso que é a Ribeira Sacra. Tomamos rumbo a Pantón coa ollada posta nas ringleiras socalcadas, nas centenarias carballeiras, nas cristalinas augas do río. 


Chegamos a Pantón unha fría i escura mañá de outono. O ceo ameazaba chuvia, polo que tivemos que apresurar un pouco o paso. Estabamos ante o Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, tamén coñecido como Mosteiro das Madres Bernardas. É este un mosteiro rexido dende antano por monxas e non por abades, algo único no noso país. As orixes deste mosteiro remóntanse ó século X. Primeiro foi un mosteiro beneditino e logo cisterciense, mais é o único do noso país que mantivo vivas as súas funcións dende a súa creación até os nosos días, que nunca foi abandonado; sen verse afectado nin tan sequera pola Desamortización de Mendizábal. O mosteiro foise erixindo ó longo de cinco séculos i en diferentes etapas. Do primitivo cenobio conservase a igrexa románica, que data de mediados do século XII. O claustro, nembargantes, data d’entrámbolos séculos XV e XVI, e o resto dos espazos serían erixidos no XVIII. O conxunto fica arrodeado por unha rexa muralla. Decidimos detérmonos primeiramente na igrexa, que semella formar un ángulo recto coa fachada do mosteiro. 


A Igrexa de Santa María de Ferreira posúe unha planta rectangular, unha única nave e ábsida semicircular. Na cabeceira da igrexa achamos unha gran riqueza escultórica. Contan que nas reformas levadas a cabo no ano 1975 achouse unha pequena escultura de madeira policromada que representa a Virxe María sentada co neno no regazo. A talla fica nos nosos días no interior do santuario. Nas entrañas desta igrexa fican tamén os sepulcros de Don Diego de Lemos, dirixente das revoltas irmandiñas falecido no ano 1492, e Don Lope de Lemos; ámbolos dous, Condes de Amarante. Achegámonos agora até a porta principal do mosteiro, sobre da cal achamos un escudo da Orde do Císter de Castela. O edificio posúe dous andares e foi erixido en pedra de cantería granítica. Posúe un claustro de dous corpos, que como diciamos anteriormente, semella datar d’entrámbolos séculos XV e XVI, con arcos de medio punto apoiados sobre capiteis alcarreños. A fachada principal data do século XVIII e posúe na súa parte norte unha torre. 


Resulta curioso que este Mosteiro das Madres Bernardas se mantivese vivo dende a súa fundación ata a actualidade, e máis aínda que sexa o único mosteiro feminino do noso país. A primeira nova documentada data do 924; ano no que se rexía pola Orde de San Bieito. No 1175 somentes ficaría habitado por monxas que adoptarían os usos do Císter baixo a tutela do abade cisterciense de Meirás (Lugo). Detivémonos a ollar a cantidade de criaturas que fomos descubrindo baixo dos chapiteis, tal que seres zoomorfos, animais ou bestas de alongadas colas e pescozos, amais doutros moitos motivos vexetais. Nos nosos días, o Mosteiro posúe unha hospedaría e venden produtos que as Madres Bernardas elaboran. Liscamos de Ferreira de Pantón coas primeiras gotas do que logo sería unha forte treboada, desexando que este mosteiro, gobernado dende sempre por mulleres, siga vivo por moitos séculos máis.

O xacemento guitiricense de Pena Xiboi


“Cercenou
ventos leviáns
para sementar unha befa
nunha nuve
- que coseu-
pediu-lle o dia
un petón
para nos pechar os angueiros
da vida.
E o pan
a pedra desangrada
furou a frecha
e o seu corpo
que non coñeceu
máis que verbas irtas
de pensamentos avarentos”
Cesáreo Sánchez, A escrita do silencio

Fai cousa dun par de anos, namentres percorriámolas húmidas pradarías da Terra Chá e acompañabamos o curso do Río Parga, decidimos aproveitar a viaxe para tratar de procurar un recuncho único ateigado de misterio. Naquela viaxe tiveramos a sorte de coñecer o menhir de Pedra Chantada, as Penas de Rodas, a Lagoa de Cospeito, o Encoro de San Xoán e algún que outro paradisíaco recuncho que deixa tras de si o sinuoso curso do Parga, mais aínda nos quedaba por ver un dos lugares máis misteriosos e descoñecidos destas terras. Estamos a falar do xacemento arqueolóxico de Pena Xiboi, declarado Ben de Interese Cultural. Este xacemento fica no lugar de Tolda, na Parroquia de Santo Estevo de Parga, no Concello de Guitiriz. Aínda lembro a ascensión á que tiveramos que facer fronte para chegar até o lugar. O xacemento sitúase moi preto do Muíño da Ruxida, e de fronte a unha canteira. O camiño ficaba ateigado de lama e desfeito polas rodeiras dos camións. Achamos o xigantesco petouto de Pena Xiboi á nosa dereita, a carón mesmo do camiño. Ficamos pampos ante aquela pena granítica de enormes proporcións sobre da cal, recentemente, foi erixido un cruceiro. 


Achegámonos até aquela pena paseniño, ollando a súa morfoloxía erosionada, traballada polos elementos ó longo do tempo. Chamou a nosa atención unha placa conmemorativa que semella lembrar ós seus antepasados. Este xacemento data de entrámbolos anos 8000 e 5000 denantes de Cristo. Percorremos todas e cada unha das caras desta mole granítica. Pouco se sabe da historia deste Xacemento de Pena Xiboi, descuberto por Manuel A. López Felpeto no ano 1990 i escavado de urxencia no 1994 polo seu descubridor, e os seus colegas C. Llana e R. Villar, ante o perigo que comezaba a supoñer a actividade da canteira. Segundo López Felpeto, Pena Xiboi “contén os testemuños materiais da presenza nesta zona hai uns 9000 anos dun grupo de cazadores que estableceron un campamento temporal entorno á Pena de Xiboi”. O seu descubridor fala dunha sociedade de cazadores do Mesolítico azilense de comezos do Epipaleolítico. Nas escavacións de Pena Xiboi acháronse unhas tres mil pezas de diferentes materiais, entre os que destacaban os utensilios de caza e outros obxectos diversos de uso doméstico. López-Felpeto sinala que este petouto permite “coñecer mellor o interesante proceso de cambios que se producen nestas sociedades no paso do Paleolítico superior ó Epipaleolítico”.


Semella que aqueles primitivos cazadores do Mesolítico azilense de comezos do Epipaleolítico acharon na contorna, e ó abeiro desta mole granítica, as súas necesidades básicas cubertas por unha tempada. Deixamos tras de nós este enorme petouto de Santo Estevo de Parga, esta provisional morada de primitivos cazadores, desexando coñecer outros moitos recunchos desta chaira de extensos horizontes. Oxalá que a actividade da canteira non faga perigar o estado deste misterioso xacemento de Pena Xiboi.

venres, 29 de agosto de 2014

Retorno ós cantís da Serra da Capelada


“Vin o teu rostro macio
nas rochas de Ortegal, as túas bágoas
de escumas estiladas esvarando
como esquíos voadores
até os chumbos verdizos do Cantábrico”.
Vítor Vaqueiro, A cámara da névoa

Canto tempo ten pasado xa dende a nosa primeira visita á sempre impresionante e solitaria Serra da Capelada. Canto ten chovido xa dende a última vez que nos achegamos até o Faro de Cabo Ortegal, até o Santo Andrés do Cabo do Mundo e até os cantís da Costa Ártabra. Retornamos até as terras dos confíns do norte galaico, retornamos até os máis elevados cantís da vella Europa, para volver a percorrer esta serra que abrangue os concellos coruñeses de Cariño, Cedeira e Ortigueira. Na nosa folla de ruta ficaban as mesmas paraxes que xa tiveramos a oportunidade de coñecer anos atrás, mais desta volta decidimos coñecer tamén outro faro que, xunto ó de Cabo Ortegal e ó de Estaca de Bares, alerta cada noite ós mariñeiros dos perigos destes mares fronteirizos onde se mesturan as augas do Atlántico coas do Cantábrico; trátase do Faro de Punta Candieira, mais deixaremos esta última paraxe para outra ocasión. Agora desexabamos somentes achegármonos até os máis vertixinosos e intricados cantís do noso país e do noso continente para ollar o seu mar e desafiar ó seu vento.


Como diciamos, na Serra da Capelada atópanse os cantís máis altos de Europa, que acadan en Vixía de Herbeira o seu punto máis elevado; 615 metros de caída sobre do mar, somentes superado polos 860 metros da montaña norueguesa de Hornelen, os máis de 750 metros do Cabo Enniberg, nas danesas Illas Feroe, e os 688 metros da montaña irlandesa de Croaghaun. Podemos dicir entón, que o Miradoiro de Vixía de Herbeira é o cantil máis alto da Península Ibérica e o cuarto máis alto do noso continente. Denantes de regresar até este elevado Miradoiro de Vixía de Herbeira, onde teremos ocasión de coñecer tamén a súa Garita, decidimos achegármonos até os sempre impresionantes cantís de Cabo Ortegal. Viaxamos pois, dende o núcleo da vila mariñeira de Cariño, cara os páramos das bestas polos marcados vieiros dos romeiros, para somerxérmonos antr’un mesto manto de néboa e albiscar dende os máis intricados cantís a delgada liña dun horizonte imperturbable, a escuma que emana da loita entre dous mares tan alleos e tan irmáns.  


Sempre resulta impresionante chegar a Ortegal, nunca deixa de sorprendernos, de intimidarnos. Non nos resultou doado manternos firmes neste xigantesco petouto que se erixe sobre do mar e desafía ós duros azoutes dos ventos do norte. O vento sopra neste lugar coma en poucos outros, e ás veces non resulta doado facerlle fronte. O Cabo Ortegal é, despois de Estaca de Bares, o cabo máis setentrional da Península Ibérica. Ortegal é, ademais, un complexo xeolóxico de grande interese internacional, xa que na contorna deste cabo abundan as rocas básicas, ultrabásicas, gneis, ecloxitas e até granito negro; contan que o máis antigo da Península Ibérica e o cuarto máis antigo de Europa. Achegámonos até a beira mesma dos cantís para ollar o mar e as impresionantes rochas que fican ó seu redor. Na banda oeste achamos a Punta do Limo, un impresionante petouto que desafía os feros azoutes do mar baixo da sombra do cabo, namentres que no leste acharíamos os pétreos aguillóns; tres illotes, tal que moas afiadas, que semellan emerxer do mar. Logo de contemplar esta costa dende a beira mesma dos cantís, decidimos detérmonos ante a cilíndrica silueta do seu faro. 


O Faro de Cabo Ortegal sitúase a uns 124 metros sobre do nivel do mar. Foi proxectado no ano 1982 e remataría de construírse dous anos despois, no 1984. O edificio, unha torre cilíndrica de formigón, posúe tres metros de diámetro e unha altura de 13 metros. A torre conta tamén con dúas balconadas de case cinco metros de diámetro. A lus deste faro acada as 18 millas náuticas. Deixamos tras de nós o faro e o cabo de Ortegal para proseguir o noso camiño cara o Miradoiro de Vixía de Herbeira, cara os máis altos e impresionantes cantís da Península Ibérica e da vella Europa. Namentres viaxabamos, fomos ollando unha gran cantidade de bestas e vacas que pacen ceibas por estes montes. Resulta incrible, i é toda unha sorte, ollar estes montes afastados tan limpos e saneados polos animais. Estabamos xa dentro das fronteiras do Concello de Cedeira, a piques de chegar á Garita de Herbeira, somentes debiamos achar un parque eólico por antr’un mesto manto de néboa, e o certo é que non tardamos en atopalo. 


Albiscamos ó lonxe unha gran cantidade de aeroxeradores nunha contorna erma que semellaba de todo menos terrestre. Estabamos no máis alto, baixo das impresionantes aspas dun aeroxerador e a escasos metros da Garita de Herbeira, un dos miradoiros máis espectaculares do noso país. Achegámonos paseniño até este balcón para sentir a vertixe que produce asomarse a estes cantís. A medida que nos iamos achegando até a Garita, iamos deixando tras de nós as neboeiras, e o día, milagrosamente, semellaba querer abrir. Estabamos a máis de 600 metros de altitude sobre do mar, sobre duns cantís que posúen máis dun 80% de pendente. O horizonte ficaba limpo e azul. Os ventos do norte foron afastando as nubes, polo que puidemos albiscar aquela paraxe nun bo momento. Nada semellaba perturbar aquela paisaxe, aquel horizonte.


O macizo de Herbeira, ó igual que o Cabo Ortegal, é tamén un punto de interese xeolóxico internacional, pois eiquí abondan rochas moi pouco frecuentes no planeta, como é o caso das peridotitas e as piroxenitas. Estas rochas presentan un ton escuro, mais pola erosión, presentan tamén cores pardas. Son propias do manto terrestre, situado a máis de 70 quilómetros de profundidade, e a súa presenza na superficie da terra é moi pouco frecuente. Tamén se ten detectado cromita neste macizo de Herbeira, un mineral empregado, principalmente, para a fabricación de platino e de cromo. Logo de contemplar a impresionante paisaxe, decidimos achegarnos até a garita. Contan que esta antiga e pequena construción de pedra foi erixida aló polo século XVIII para vixiar esta liña de costa. Foi erixida en cachotería de granito e posúe unha planta rectangular, tres xanelas, unha lareira e unha porta. Deixamos tras de nós a pequena e antiga Garita de Herbeira i esta marabillosa paraxe para coller rumbo cara o Faro de Punta Candieira, cara outra muxica que cada noite alerta ós mariñeiros dos perigos desta costa traizoeira, desta fronteira de mares, deste xigantesco balcón da vella Europa.

mércores, 13 de agosto de 2014

Castromao, capital dos "Coelernios"


“Taller, pasos perdidos, azul Celeste Bóveda.
Racataprán. ¡Un alto!, berrounos Castromao,
e a procesión de mortos detense ó pé do Altísimo.
Racha o aire unha fisga, francada lostregante,
rebe de medo ó rito a sagra arquitectura.
Tranquilos, non foi nada. Tomemos acomodo”.
Anxo Angueira, A Curros

Esta pasada primavera  collemos rumbo a Celanova para tratar de coñecer un dos castros máis históricos e senlleiros da Provincia de Ourense, logo de comprometérmonos a visitar os máis míticos xacementos arqueolóxicos desta provincia e coñecer unha pequena parte da súa historia. Desta volta, o noso obxectivo ficaría moi preto de Celanova, a tan só un par de quilómetros desta vila de abades e poetas. Estamos a falar do Castro de Castromao. Viaxamos pois cara as terras de Curros e Celso Emilio, cara a Comarca das Terras de Celanova, para procurar o mítico Castromao, un dos meirandes referentes da cultura castrexa de todo o noroeste peninsular.


O xacemento arqueolóxico que nos ocupa localízase nun outeiro da parroquia de Santa María do Castromao, no Concello de Celanova, a uns 732 metros de altitude. Chegamos a Castromao sen dificultade, pois o castro ficaba suficientemente indicado dende Celanova. Nada máis chegar, puidemos albiscar diante de nós o intricado outeiro onde, polo que supoñiamos, ficaría o procurado xacemento. Ascendemos aquel outeiro paseniño, ollando a cada paso a inmensidade das Terras de Celanova que semellaban estenderse ós nosos pés, e os fermosos vales que o Río Arnoia foi conformando dende a noite dos séculos. Logo de atravesar unha reixa metálica, á fin comezamos a ver as primeiras construcións, “a sagra arquitectura” do Castro de Castromao. 


Achegámonos até os muros daquelas primeiras construcións que acharamos para tratar de comprender o xeito de vivir e a historia dos primeiros habitantes destas terras. Castromao é un xacemento castrexo que data da Idade do Ferro, dende os séculos VI ou V denantes de Cristo até o II despois de Cristo. Nembargantes, as partes inferiores presentan numerosas construcións de planta cadrada, o que reflicte unha profunda romanización no castro entrámbolos séculos I e II despois de Cristo. Ademais, por estas terras pasaba antano a Vía XVIII, do Itineriario de Antonino, achándose moedas, vaixelas e miliarios polas terras da contorna. Castromao fica arrodeado por unha gran muralla de case 500 metros de lonxitude. O interior do castro acada unha superficie duns 20.000 metros cadrados, e unhas dimensións aproximadas de 150 metros en dirección N-S e uns 130 en dirección L-O. 


En Castromao leváronse a cabo numerosas investigacións, estudos i escavacións que deixan de manifesto que este asentamento tivo unha longa presenza no tempo. Nas citadas escavacións saíron á luz máis de 70 vivendas, a muralla, muros de contención e nivelación e parte dunha calzada enlousada. A meirande parte das vivendas presentan unha planta circular e un diámetro que varía entre os 3 e os 5 metros, mais como diciamos anteriormente, tamén achamos algunhas outras elípticas e rectangulares. Amais do xa citado, en Castromao tamén saíron á lus diversos elementos como o trisquel calado, unha tábula romana, unha figura zoomorfa e até un tesouro de moedas del século I. Todos e cada un dos achados de Castromao atópanse no Museo Arqueolóxico da Provincia de Ourense.


As primeiras noticias do xacemento terían lugar aló polo ano 1875. Dende aquel entón leváronse a cabo numerosas escavacións que foron sacando á lus as primeiras vivendas do Castromao, nas cales se acharían restos cerámicos, muíños de pedra, fornos, moedas e materiais de ferro e bronce. Un século despois, aló polo 1974, acharíanse tamén restos dunha “Tessera Hospitalis” do ano 132 despois de Cristo, e que serviu para constituír un acordo de hospitalidade entre os castrexos e un alto mando romano. Contan tamén que este xacemento do Castromao foi a capital da tribo celta dos Coelernios. Logo de arrodear este outeiro e contemplar todas e cada unha das súas vivendas, decidimos poñer fin á nosa visita non sen antes detérmonos a ollar por derradeira vez aquela impresionante panorámica da contorna. 


Deixamos tras de nós o Castromao, un dos máis importantes referentes da cultura castrexa do noroeste peninsular e a antiga capital dos Coelernios, para tratar de visitar agora algún que outro castro veciño, algún que outro “tesouro”, nesta sempre solitaria, calorosa e sorprendente provincia. Que o tempo non consiga derribar as rexas murallas do Castromao nin asolagar o derradeiro recordo daquela tribo dos Coelernios.

venres, 8 de agosto de 2014

Xentes de Compostela


“Chegar a Compostela desde dentro,
coa forma da palabra rezumando,
voltar cara ó silencio de granito
cando a vida é verdade e ninguén chega.
Tan só o verso que ispe na nostalxia,
leve harmonía do lume en homenaxe
ou retorno a esa fraguiza sempre acesa
que nos marca os alustros da memoria.
Tráioche agora unha oración de noite
pecha e reixas forxadas ás escuras
coa música dos teus canos de pedra,
e ti segues ofrecéndome a túa aperta
falsa e clandestina,
erguendo as mans das lousas prohibidas
co engado do que brilla e se proclama.
Pouco ten mudado,
nada cambia 
o ritmo das sombras debaixo das torres;
Santiago é un rostro sorrinte
na máxica bóveda das estrelas”.
Luís González Tosar, Volver a Compostela

Xa van case tres anos dende que deixei a miña querida cidade herculina e as súas xentes, das que sempre gardarei un excelente recordo, para comezar unha nova etapa da miña vida en Compostela. Xa van case tres anos dende que pisei por vez primeira as empedradas rúas da nosa capital como cidadán, coma veciño. Dende aquel intre tiven que afacerme a vivir nunha cidade nova, moi distinta da que proviña, e comezar a establecer nela novos hábitos e amizades. Debo recoñecer que os comezos, coma era de agardar, foron bastante duros, mais coido que, coma tódalas experiencias que nos toca vivir, hanme ser de proveito pra madurar i evolucionar. Aínda lembro aqueles primeiros e fríos días nos que comezaba a descubrir esta antiga e granítica cidade, as súas húmidas rúas e os seus máxicos segredos. A pesares de ter transitado a cotío en soidade polas rúas desta cidade, debo admitir que nunca me sentín só. Compostela, e as súas xentes, acolléronme nas máis escuras rúas, acompañáronme en cada praza, en cada arcada, en cada parque, en cada xanela, en cada chanzo, en cada fonte, en cada gárgola, en cada capela. As súas xentes, entre as que hai músicos, artesáns, anciáns, estudantes, artistas, hostaleiros, políticos, peregrinos, funcionarios, monxes, clérigos e outros moitos colectivos, contribuíron a sentirme un pouco máis cidadán dunha Compostela aberta ó mundo. É por iso que quixen, como diría González Tosar, tratar de “chegar a Compostela desde dentro”, centrando toda a miña atención nas súas xentes, nos cidadáns que transitan esta nosa pétrea e monumental cidade, e que fan posible que continúe a ser o que sempre foi; a capital da vangarda, da arte, da cultura, o refuxio e a escola dos nosos máis senlleiros artistas, o corazón do noso país. Para tódolos composteláns e compostelás, con toda a gratitude do mundo, vai esta miña pequena homenaxe:


Das súas cordas nacen os sons máis estremecedores da Acibecharía

As súas cordas fannos viaxar danzando até a India

A elegante anciá de San Francisco

Café e xornal, no mesmo lugar, á mesma hora de sempre

Non se move el, móvese a súa sombra

Da súa voz e das súas cordas nacen as máis míticas e melancólicas baladas


Moito ten camiñado


Dos sons máis harmoniosos e celestiais de Compostela

Nos seus dedos, a destreza do bon gaiteiro...
...nos seus pulmóns, a forza do aturuxo galego


A Tuna...

...e o "tunante"

Algo teño sucumbido a aqueles doces almendrados...


Rumbos opostos...

...e rumbos parellos

Ninguén ten queixa del, éche un home calado

Con el trouxo a samba brasileira

A serea compostelá

Sons caribeños para público nipón

No sendeiros da fe e da espiritualidade

A Igrexa...

... e os seus fieis

O clarinete que tanto gostou ó burro

Escoitanse os berros da revolta...

...ecos reivindicativos que a bo seguro retumban nas mentes máis rancias e conservadoras.

A bandurria eléctrica de Acibecharía

Que sería do outono compostelán sen os asadores de castañas?...

...que sería de nós sen o seu recendo?

Os seus sons fan vibrar até o mesmísimo soportal

Os máis prezados xeados do verán

Somentes lembro a súa voz enérxica e anenada

Semella non ter vida propia...

Cuspidiño ó Santo Patrón

Todo é practicar, dicía...

A pola tan ansiada Compostela

Velaí vai o máis senlleiro peregrino, mais todos semellan dárllelas costas

A Compostela dos executivos

Sorrisos que traspasan fronteiras e culturas

Recordos para os máis nostálxicos

Os derradeiros pasos

Semella parte da mesma pedra desta cidade

Xa son dous os que consiguen trasladarnos á India

O gozo da chegada

Repartindo amor

Abastos recende a horta galega...

...a lacena de aldea, a viño da casa, a curral...

...recende a salseiros e areais, a frescura e marusía...

...recende a polvo á feira.

Compostela sempre foi, e será, unha cidade ateigada de estudantes...

...escola e abeiro de artesáns...

...a cidade onde os máis bohemios procuran o seu sitio...

...a esperanza de moitos que tiveron que deixar atrás as súas casas...

...o fogar de solitarias viúvas que pechan as portas ó inverno e déixanse acariñar por un sol...

...por un sol curandeiro de artrites e reúmas, de humidades que remanecen no maxín da soidade.

Sen el non hai festa...

...sen elas tampouco se concibe...

...porque cando a gaita asubía e o atutuxo resoa, Compostela bótase a bailar!

Pois iso, que nos quiten "o bailao"...

Esta brazada de fotografías en branco e negro abofé que non representan a tódolos cidadáns de Compostela, mais debo confesar que a meirande parte das xentes que aparecen nas mesmas adoito atopalos con frecuencia nas mesmas rúas, nas mesmas prazas, en cada arcada, en cada parque, en cada xanela, en cada chanzo desta pétrea e sacra cidade. Eles somentes son unha pequena representación dos moitos colectivos da cidade. Oxalá o destino siga a facerme cruzar polo pentagrama dos músicos da rúa, deambular ante altares por nostálxicas calexas onde finan os versos dos poetas e nacen os berros das revoltas, onde vibran con forza e puntuais as badaladas. Oxalá volva a atravesar as agullas dun improvisado reloxo solar sobre das sombras dos mimos, e a peteirar os máis amendoados e irresistibles doces da capital. Oxalá siga a procurar o arume áurico do mar nas salitrosas mans das pescadoras, e nos abastos, os máis selectos froitos da cociña dos probes. Oxalá siga a escoitar o ir e vir dos estudantes namorados. Oxalá poida perderme no son das gaitas enmudecidas baixo a sombra dos soportais, en ferreñas corroídas de vellas cantareiras. Oxalá me afunda na suor e na aperta peregrina, nos dourados liques que ollan a occidente. Que nada mude nesta cidade de anónimos estudantes, de anónimos forasteiros, de músicos, de poetas; de artistas sen padriños. Que nada troque xa neste pequeno universo da arte e da cultura, neste sempre latexante corazón da patria, nesta “máxica bóveda das estrelas”.