“O soido d'a campana
O d'o mosteiro cercano
D'os órganos os acentos
Y-os remores con que, vagos,
D'os monxes van rexordindo
Os rezos por antr'os cráustros;
D'a gaita as tristeiras notas,
Os concertos d'os paxaros
N-as carballeiras sombrisas,
O soave cheiro d'os campos,
As promesas de cariño,
De tenro amor os abrazos...”
Amador Montenegro, Muxenas
Este pasado mes, namentres visitaba a Ribeira Sacra Miñota e coñecía, case que por casualidade, a sinxela pero fermosa paraxe conformada polo Muíño de Tarrío e as ribeiras do Asma, decateime que aínda tiña a obriga de vos ensinar algúns dos máis míticos santuarios que tiven a sorte de coñecer, anos atrás, por antr’estes socalcos de sacro mencía, por antr’estas ribeiras tinguidas de sangue. Nas ribeiras do Sil acharamos os fascinantes mosteiros de Santo Estevo e Santa Cristina, e nas do Miño; o Mosteiro de San Facundo e a Igrexa monacal de San Martiño da Cova.
Amais destes xa citados, tamén puidemos coñecer outros dous templos de gran sona e renome que se perden por esta ribeira miñota e que tiveron tamén unha orixe monacal; Santo Estevo de Ribas de Miño e o veciño San Paio de Diomondi. Así pois, deixaremos o segundo para outra ocasión e deterémonos agora no primeiro; Santo Estevo de Ribas de Miño, o outro Santo Estevo da Ribeira Sacra. Este templo de estilo románico localízase no concello lugués do Saviñao, na parroquia de Santo Estevo, arrodeado de soutos, vides e socalcos, e sobre do minguado curso dun Miño represado en Belesar. Esta igrexa, declarada Monumento Nacional de carácter histórico-artístico o 3 de xuño do ano 1931, é o único vestixio que queda do mosteiro beneditino que se asentou neste fermoso recuncho de Santo Estevo, e que estaría estreitamente ligado ó de San Paio, na veciña parroquia de Diomondi. A actual igrexa construiríase a finais do século XII, e semella que seguindo as influencias da obra do Mestre Mateo. O templo, duns 25 metros de lonxitude, posúe unha única nave rectangular, muros de cachotería granítica, contrafortes exteriores e cuberta de madeira a dúas augas. A ábsida, semicircular, erixiuse cavando a rocha da ladeira, co fin de salvar a intricada orografía do terreo. O campanario espadana fica apartado do templo e a carón da citada ábsida. A fachada occidental deste templo resulta impresionante, de feito crese que é unha das máis impresionantes fachadas do románico no noso país. Nela achamos, sobre da porta principal, un impresionante rosetón, duns catro metros de diámetro, con vidros de diferentes cores. Baixo deste puidemos contemplar, entre dous arcos de descarga de portas cegas, unha porta central abucinada en arco de medio punto con catro arquivoltas e con distintos motivos e decoracións.
Nesta fermosa e traballada porta achamos tamén numerosas figuras con formas humanas, vexetais e animais que centrarían toda a nosa atención. Na arquivolta interior puidemos ollar até sete personaxes sentados que portan diferentes obxectos. A meirande parte deles semellan suxeitar instrumentos musicais, nembargantes, un deles posúe unha especie de disco solar. A segunda arquivolta ten dúas baquetas con escocia e recheo de cuñas, a terceira un trenzado e a cuarta un baquetón anelado. A parte exterior do conxunto, adornado con piñas, apóiase en catro pares de columnas con fustes de mármore. Nos chapiteis achamos harpías e dragóns que semellaban trabar as súas propias colas. Os tímpanos son lisos e neles represéntanse un anxo e un demo. Xusto enriba desta porta principal achamos tamén un gardachoivas de arcos que divide en dous a fachada. Os muros laterais deste templo posúen cinco contrafortes unidos entre si por catro arcos de descarga. A pesares de que non puideramos entrar, contan que no interior aínda se conservan retablos con tallas barrocas do século XVII. Foi unha sorte coñecer estoutro importante e senlleiro templo galego da Ribeira Sacra, estoutro recanto onde se mesturan arte, fe, historia e natureza. Abandonamos estas ladeiras ateigadas de adegas, vides e socalcos, i esta impresionante terra de viños, cavilando no pouco que queda xa do vello Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño.
1 comentario:
Aló polo 2008 viaxaba a terras monfortinas, e se a viaxe era dende Compostela, disfrutaba da visión desta igrexa como unha rosa de pedra nascida no medio do monte cando cruzaba a ponte baixando de Chantada...
Encantáronme as foto de detalle!
Unha aperta, compañeiro!
Publicar un comentario