sábado, 11 de outubro de 2014

A fortaleza compostelá de Rocha Forte


“Carón d'as rüinas do vello castelo
da fonte da Serpe que deita no mar,
na posta da lúa, da escuma antr'o velo, 
así xeme o sprito do cisne do Sar”
Francisco Mª de la Iglesia, D'o mar e d'a terra

Este pasado marzal, o meu bo amigo Antón da Sobreira agasalloume un libro editado polo Concello de Santiago no cal se repasa a historia e os achados do xacemento do Castelo da Rocha Forte. Faríao logo de falarlle das impresións que sacara dunha visita que fixera no outono do ano 2012 a esta fortaleza compostelá denantes mesmo da última intervención arqueolóxica levada a cabo durante o 2013. Por aquel entón, a fortaleza ficaba completamente en ruínas, asolagada pola maleza e moi desprotexida. O pasado mes de setembro do presente ano, Antón envioume unha mensaxe mediante a cal me informaba dunha serie de visitas guiadas que se estaban a realizar no castelo durante a tempada estival. Acordamos anotarnos e acudir xuntos a ver o xacemento para tratar de profundar na historia desta antiga fortaleza tan esquecida e maltratada. As imaxes que estades a ver foron tomadas durante aquela primeira visita e denantes da citada intervención arqueolóxica. Saímos de Compostela unha solleira mañá de setembro e collemos rumbo cara O Milladoiro. Ó pouco de abandonar a cidade, e denantes mesmo de chegar até este importante núcleo de poboación do veciño Concello de Ames, collemos un desvío á dereita cara o lugar da Rocha Vella, pertencente á parroquia compostelá de Santa María de Conxo. Estabamos na mesma parroquia e a escasos metros daqueles puñais gravados en pedra dende a longa noite dos tempos que tiveramos a sorte de coñecer anos atrás; os do Petróglifo do Castriño de Conxo.  


Antón e máis eu fomos os primeiros en chegar onde o castelo. O xacemento ficaba desta volta arrodeado por unha reixa metálica e ateigado de paneis informativos. Agardamos na porta a que chegase o resto do grupo. Ó pouco chegaría unha moza que sería a que nos guiaría e nos informaría durante a visita. Chamábase Nieves, e debo adiantarvos que se explicaba moi ben, fixo moi interesante e amena a visita. O resto da xente iría chegando pouco a pouco.  Eramos un grupo dunha ducia de persoas. Nieves comezou falándonos brevemente da historia do castelo. Díxonos que fora erixido no ano 1240 polo bispo Xoán Arias, mais inicialmente con fins residenciais. A fortaleza, ás portas de Compostela, ficaba moi preto do trazado da antiga Vía XIX que unía Braga con Lugo. Co paso do tempo, a inicial residencia arcebispal funcionaría tamén como centro administrativo e como aduana, xa que comezaría a controlar as rutas comerciais e a cobrar un imposto pola entrada en Compostela de mercadorías procedentes da costa e das terras da contorna. A comezos do século XIV, o castelo pasaría a mans do arcebispo Berenguel de Landoira e comezaría a vivir os seus mellores tempos. Este, nada máis ser nomeado arcebispo, empregaría o castelo como posto de ataque militar contra a cidade compostelá e os burgueses que se opuxeron ó seu nomeamento. Berenguel executou numerosas reformas no castelo co fin de militarizalo e fortificalo, outorgándolle un aspecto máis de fortaleza que de pazo residencial. 


Nembargantes, aló polo 1467 e xa baixo o mandato do último arcebispo que viviu en Rocha Forte, Afonso Fonseca II, a fortaleza sería asediada, queimada e destruída polos Irmandiños, logo de que os cidadáns da sociedade compostelá quedasen fartos dos abusos do arcebispo. En somentes 200 anos de vida i esplendor, este castelo foi considerado un dos máis importantes do chan galiciano e poida que o máis impoñente. Co tempo, o castelo rematou por ser desmantelado e as pedras empregáronse noutras construcións. De feito, contan que coas pedras da arruinada Rocha Forte erixiuse a torre ou fortaleza do Pico Sacro, agora desaparecida. O Pico Sacro era o límite dos territorios sobre os que tiña poder o arcebispo, i era un lugar alto e propicio para controlar a contorna. Xa no século XX, o trazado do ferrocarril remataría por asolagar e destruír boa parte das ruínas da fortaleza. Dende aquel entón até os nosos días, o castelo ficou baixo un manto de terra e vexetación, imperceptible para todos. Sería a partires do ano 2000 cando integrantes da Asociación Cultural A Rocha Forte e algúns veciños pediron ó Concello de Santiago que se investigase aquela parcela, que alí tiña que haber algo. Sería a partires do ano 2001 cando se levarían a cabo as primeiras escavacións arqueolóxicas da man dun grupo de mestres de arqueoloxía i estudantes da Universidade de Santiago de Compostela. Dende o ano 2001 até o 2013, realizáronse diferentes escavacións i estudos que foron sacando á lus parte dos muros e da historia desta antiga e importante fortaleza.


Logo de facernos un breve repaso pola historia deste Castelo da Rocha Forte, tamén coñecido como Castelo dos Churruchaos, Nieves comezaría a centrarse nas murallas defensivas e nas dúas únicas torres que aínda conservan parte da súa estrutura. Díxonos que  a fortaleza conservaba parte de dúas das tres murallas que a protexían e arrodeaban. A muralla máis interior posuía un total de nove torres de vixilancia que se situaban nos extremos e no centro de cada unha das caras da mesma. Achegámonos até unha das esquinas do castelo. Alí comezaría a falarnos das torres e das dúas liñas de murallas que aínda resisten nos nosos días; a muralla central, ou falsa braga, e a exterior. Díxonos que nun principio se cría que entre estas dúas murallas había un foxo, mais logo da última escavación arqueolóxica levada a cabo no 2013, descubriuse que aquel espazo entre murallas era unha liza, e estaría completamente cuberto de terra e pedras. Esta liza serviría de espazo transitable dende o cal vixiar a contorna e tamén tería como obxectivo resistir mellor os posibles ataques con proxectís. Logo guiounos até a cara sur da fortaleza, a que dá ó río. Díxonos que aquela fora a primeira parte que se achara e a primeira zona intervida. Tratábase dunha xigantesca muralla duns catro metros de altura, na que acharíamos pequenas lousas entre as pedras que serven de elementos separadores e que se colocan para diferenciar as partes da muralla que xa existían das outras partes que se engadiron con posterioridade para uniformala. Nieves díxonos que veríamos estas lousas ou elementos separadores, en varias ocasións ó longo do castelo. 


Nesta cara sur tamén nos mostrou parte dun afloramento granítico do que se sacou a pedra e sobre da cal se foi erixindo toda esta impresionante fortaleza. Deixamos tras de nós esta cara do castelo e achegámonos até a esquina contraria á que viramos ó comezo da visita. Dende alí puidemos maxinar as torres, xa que nos nosos días somentes se conservan a base das mesmas, e acto seguido albiscaríamos tamén unha pétrea canle e ocos nas murallas. Nieves díxonos que os ocos eran canais de saída da auga. A auga entraba canalizada no castelo dende un manancial próximo ou mesmo dende o río e, logo de ser empregada, saía por aqueles ocos e canles ó exterior do castelo. Denantes de entrar no interior da fortaleza, acharíamos numerosas marcas de canteiro nos perpiaños graníticos das murallas. O primeiro que nos chamou a atención ó entrar foron, sen dúbida algunha, os enormes bolos de pedra ou bolaños que había esparexidos polo castelo. Eran os proxectís que recibiu a fortaleza en época de asedio. Debo recoñecer que eu xa os coñecía, mais o certo é que non deixan de impresionarme. Nieves díxonos que as máis grandes chegaban a pesabar máis de 200 quilos. Estes xigantescos bolaños foron lanzados ó castelo mediante catapultas e dende lugares próximos máis elevados. Díxonos que tamén foran achadas nas escavacións outros tipos de pedras, como pequenos bolaños partidos á metade, que na súa parte máis curva tiñan gravadas as fendas dos cinco dedos e que adoitaban ser empregadas e lanzarse coas propias mans nas loitas corpo con corpo. Foron achadas unhas duascentas  pedras  destas características. Logo acompañaríamos a Nieves até o centro mesmo da fortaleza onde achariamos a cadrada base da torre da homenaxe. Nieves levounos despois até unha pequena estancia do castelo. Tratábase dunha porta lateral que, cando se fixo a segunda muralla, sería tapiada e na cal posteriormente se construiría unha fonte.

Acto seguido volveríamos cara o patio de armas, onde no seu día ficou en pé a pétrea Torre da Homenaxe de Rocha Forte, a bo seguro que unha das máis altas do país no seu tempo. A nosa guía Nieves contounos que foran achados restos de tres cadáveres humanos durante os traballos de escavación. Ó parecer, logo de acharen tamén restos de vidreiras próximos a eles, crese que puideron ser soterrados a carón da capela que a bo seguro, os arcebispos deberon erixir nesta fortaleza. Tamén nos dixo que este xacemento i esta parcela, seguen a ser nos nosos días propiedade da Igrexa. Antr’estas ruínas foron achados centos de pezas cerámicas, anacos de vaixelas importadas do oeste da Franza, pedras de muíño, fouces, ciceis, podóns, ferraduras, alfinetes, moedas, pías de auga bendita, fragmentos de arcos con motivos vexetais, chapiteis góticos, puntas de seta e mesmo unha medalla de San Bieito empregada antano para a realización de exorcismos. Crese que esta ultima foi depositada no castelo con posterioridade á destrución do mesmo. A meirande parte das pezas achadas fican no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Foi unha sorte volver a visitar esta impresionante fortaleza medieval na san e boa compaña do meu sabio e xeneroso amigo Antón da Sobreira. Liscamos de Rocha Forte maxinando aqueles xigantescos bolaños irmandiños destruíndo a Torre da Homenaxe e os seus fachos reducindo a cinzas, na noite escura, as entrañas do maxestoso castelo. Resulta todo un orgullo e unha enorme satisfacción saber que foi o pobo, os propios veciños e asociacións locais, os que tiveron a ben rescatar esta fortaleza, e con ela tamén, parte da nosa propia historia; soterrada i esquecida até fai ben pouco.