Amosando publicacións coa etiqueta Hórreos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Hórreos. Amosar todas as publicacións

domingo, 20 de maio de 2018

O Canastro de San Martiño de Vilaboa


"Nas ripias do cabaceiro
pardaus fantasmas
sementarán anoiteceres
en cada columbrar"
Xoán Babarro, O nome do Rei que ha de volver

Na parroquia de San Martiño, no concello pontevedrés de Vilaboa, localízase un dos máis grandes e senlleiros hórreos do noso país, que como non podía ser doutro xeito, pertence á casa reitoral, pois tan somentes os párrocos podían chegar a acumular tanta riqueza. O patrimonio desta reitoral componse da igrexa parroquial e dun pequeno pazo do século XVII cun patio emparrado provisto dunha fonte abovedada á que se accede por unha fermosa escalinata. Completan o conxunto, un pombal, un alpendre e o seu enorme canastro. Este granítico e monumental hórreo da reitoral de San Martiño data do século XVIII e presenta unha tipoloxía do estilo "hórrea", é dicir; aqueles canastros que son sustentados por tres ringleiras de pés, ó igual que o veciño canastro do Mosteiro de San Xoán, no tamén pontevedrés Concello de Poio.  Este Canastro de Vilaboa atesoura un total de 36 pés aliñados en 12 ringleiras de tres, coroados por tornarratos de tronco piramidal, e presenta doelas graníticas a través das cales penetra o aire no seu interior. A porta de acceso ás entrañas deste canastro localízase no medio e medio da súa longura, que suma uns escasos 20 metros totais dun extremo a outro. A súa teitume, sustentada por unha traballada cornixa, preséntase a dúas augas e cuberta con tella do país.


O canastro de San Martiño de Vilaboa pode presumir de ficar entre os meirandes hórreos galegos, malia que a súa lonxitude total, unha escasa vintena de metros, está moi lonxe de acadar os 37 metros de longura do rianxeiro hórreo de Araño, os 36 e medio do de Lira, os 35 do de Santa Columba, os 33 do de San Xoán de Poio ou os 27 do de San Martiño de Ozón. O único que teñen en común todos estes hórreos ou canastros é que pertenceron ós mesmos donos; o poder eclesiástico. Agora este hórreo da reitoral de San Martiño xa non alberga mazurcas de millo nin sacos de gran, somentes recordos das vellas faenas, xornadas enteiras debullando na eira para gañar o ceo ateigando de riqueza este farturento canastro da reitoral. Paga a pena achegarse até San Martiño de Vilaboa para coñecer este fermoso canastro e o seu particular estilo, tan senlleiro e identificativo desta belísima Comarca de Pontevedra. 

mércores, 14 de setembro de 2016

Rumbo a Ons


“A Illa de Ons
preñada do mar
durmiuse no berce
qu’avala o luar”
Luís Amado Carballo, O Galo

Pouco tempo despois de ter o enorme privilexio de navegar até as Illas Cíes para coñecer aquel importantísimo arquipélago galego e gozar dunha xornada realmente sorprendente e inesquecible, regresaría de novo até outro peirao pontevedrés, desta volta ó de Sanxenxo, para coller rumbo cara outra importantísima illa que conforma o paradisíaco Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os nosos billetes tiñan agora como destino a solitaria e feiticeira Illa de Ons, outro verxel atlántico de gran sona que fica habitado dende antano por unha comunidade de xentes afeitas ó silencio e ás reixas do mar, afeitas a nacer e morrer neste anaco de mundo afastado do ruído e da luz continental. Ons é a principal illa dun pequeno arquipélago, conformado tamén pola illa de Onza e outros illotes, que se localiza ás portas da Ría de Pontevedra. Para estoutra máxica e atlántica viaxe contaría coa inestimable compaña da miña prezada amiga Asun. 


Aquela morna e neboenta mañá de verán, un preguiceiro domingo calquera do finado mes de agosto, partiriamos de Sanxenxo cara Ons a iso das 11 da mañá nun moderno catamarán da Naviera Mar de Ons, a mesma que nos levaría somentes un mes antes até as Cíes. Preto dunha hora despois estariamos arribando ó peirao de Ons, que ó igual que as Cíes, ficaba baixo dun manto de mesta e tépeda néboa. Dende o barco puidemos albiscar as casas brancas que semellaban arremuiñarse encol do peirao e nas que habitan algúns dos poucos humanos que sobreviven en paz e tranquilidade nesta illa. Namentres atravesabamos o espigón do peirao camiño do núcleo da vila, comezariamos a repasar os recunchos que pretendiamos visitar nestoutro salgado e solitario paraíso do Parque Nacional das Illas Atlánticas.


Nesta illa, nesta parroquia arrodeada de mar e dependente administrativamente do concello pontevedrés de Bueu, tiñamos como meta visitar, inicialmente, unha impresionante furna de máis de 40 metros de profundidade coñecida como o “Buraco do Inferno” e a salvaxe panorámica dos cantís, coroados con cruces, que se localizan nesta perigosa e impresionante contorna, neste arriscado abeiro de gaivotas e pardelas. Logo diso pretendiamos achegármonos até un miradoiro onde albiscar a pequena Illa de Onza. Deixamos tras de nós o bulicio dos transeúntes que se amontoaban nos diferentes bares e tabernas de Ons, na contorna do peirao, e collemos rumbo cara o sur da illa, cara a arriscada paraxe onde se localiza o impresionante “Buraco do Inferno”.


Durante o percorrido puidemos atopar numerosas vivendas de pedra, xeitosos e humildes fogares que ollan o mar e que semellaban lembrarnos a cada paso o xeito de vivir dos seus case que esquecidos habitantes; illados do mundo, perdidos no medio do Atlántico. Ollamos unha gran cantidade e variedade de hórreos que semellaban xurdir de antr’os toxos, breixos e silveiras, que coas súas cores semellaban embelecer unha paisaxe monótona, infinda, erma. A brétema seguía presente, apoderándose da pétrea e cálida pel desta illa que ferve nas frías augas do Atlántico. Non tardariamos en chegar até o noso primeiro destino, o “Buraco do Inferno”, un pozo vertical de máis de 40 metros de profundidade que nos deixaría francamente sorprendidos. 


Segundo conta unha lenda insular, nesta pétrea e profunda gorxa de pedra, nesta caverna escura e infernal, escóitanse nas noites máis bretemosas os laios desesperados das almas atrapadas polo demo que vagan entre dous mundos tratando de expiar os seus pecados, tratando de pagar polos seus actos, para afastarse do averno e vivir en paz, para deixar a escuridade e volver cara a luz. Nos nosos días, unha robusta e pétrea balaustrada impide ós máis curiosos e intrépidos visitantes achegarse a esta profunda fenda acoitelada nos cantís, a este perigoso e milenario burato que conduce a un fatal i escuro destino tan lendario como real; quen sabe se a un inferno de lapas ardentes ou ás frías e indómitas correntes das salgadas augas do mar.  


Divisamos, arrolados polos mornos e mainos agarimos do vento, a xigantesca e monumental paisaxe que se abría ante os nosos pés, unha abrupta e vertixinosa contorna de escuros e impoñentes cantís duramente castigados polo mar. Neste milenario outeiro, neste monumental desfiladeiro granítico onde reinan as gaivotas, onde a brétema preguiceira e morna envolve de misterio e maxestade esta contorna xa de por si impoñente e perigosa, unha cruz branca erixida sobre dos cantís testemuña a desgraza e a fatalidade. Esta cruz foi construída para lembrar a morte dun gardacostas que por mor dun fatídico esvarón, remataría precipitándose polo profundo e mortal “Buraco do Inferno”. Liscamos con moito coidado desta perigosísima contorna camiño doutro impresionante recuncho, o “Miradoiro de Fedorentos”, unha idónea balconada granítica onde divisar en plenitude a mellor panorámica de Onza, a outra illa que conforma este pequeno arquipélago. Mais para a nosa desgraza, a branca néboa iámonolo poñer difícil. 


Retomamos en dirección oposta o sendeiro que nos trouxo até eiquí, até este ermo e solitario extremo sur da illa, até este impresionante “Buraco do Inferno”. Pouco despois teríamos que desviarnos un chisco do camiño para dar co espectacular Miradoiro de Fedorentos, aquel recuncho perfecto onde divisar Onza, mais foinos realmente imposible polo mesto manto de néboa que cubría a meirande parte desta contorna da illa. Naquel miradoiro, erixido sobre dun afloramento rochoso, somentes puidemos albiscar unha basta balconada erixida con chantas graníticas, e presidida por unha mesma e uns bancos a xogo. Ante tal contratempo decidimos seguir o noso camiño cara outro recuncho histórico, senlleiro e importante que atesoura esta illa. 


Retomamos de novo o resto do camiño que nos achegou até este extremo sur de Ons, até o impoñente Buraco do Inferno e até este pétreo miradoiro de Fedorentos,  para dirixirnos de novo ata a contorna do peirao e dende alí coller rumbo cara o Faro de Ons, o antigo e impoñente facho que cada noite segue a alumear os seus perigos; os recunchos máis fatais e perigosos desta illa. Durante o camiño de volta achariamos a ruína dos fogares sen vida, a agonía que fumegan os humildes muros cachoteiros, sustentados polas hedras e silveiras, das casiñas de teitumes afundidas; das xanelas tristeiras, das chemineas apagadas, das cancelas corroídas. 


Nada máis chegar ó peirao, que ficaba ateigado de visitantes que se arremuiñaban ó redor das pequenas terrazas e tabernas da illa, detivémonos na pequena Praia das Dornas, localizada nun dos extremos do peirao. Nesta xeitosa cala, tamén coñecida como O Almacén, achariamos as súas verdadeiras protagonistas; un par de dornas cargadas coa súa vela, cos seus remos e trasmallos, que semellaban descansar da súa rutina de abalos e devalos, do seu fatigoso valse de ondas e ronseis. Sentamos a carón daquelas dornas xubiladas denantes de coller rumbo cara o noso seguinte destino, o impoñente Faro de Ons, un dos fachos máis históricos e senlleiros da bravía costa galega. Tiñamos por diante unha lixeira pero continua ascensión cara os elevados outeiros do norte da illa, e convíñanos tomar folgos denantes de seguir. 


O sol comezaría a esvaecer, moi de vagar, o branco e sutil manto de néboa que se mantivo presente ó longo da mañá. Logo dun curto e necesario descanso, abandonamos a Praia das Dornas e internámonos na ruta que nos conduciría cara o Faro de Ons. Nesta illa, miscelánea de minifundios climáticos, pasariamos de camiñar baixo da húmida e mesta borraxeira a térmonos que protexer dos ardentes raios dun sol que se erixía, á fin, vitorioso sobre da néboa. O intenso calor, sumado á ausencia de vento, comezaría a pasarnos factura no treito final da ruta. Mais todo aquel esforzo pagaría a pena con creces. Á fin comezariamos a albiscar a enorme e monumental silueta do faro e o branco refulxir das baldosas que recobren os seus graníticos muros. 


Á fin estabamos ante os mesmos pés do impoñente Faro de Ons, ante a pétrea atalaia de luces e de sombras que tantas ganas tiñamos que coñecer. Este senlleiro faro galego comezaría a funcionar, a alumear os seus cantís, os seus illotes e os seus perigosísimos baixíos, na primavera do ano 1865. Localízase a máis de 120 metros de altitude sobre do nivel do mar, na contorna máis elevada da illa, e súa luz acadaba inicialmente as 17 millas náuticas. Aquela primeira lanterna, que coroaba unha torre de tres corpos, -os inferiores circulares e o superior de planta octogonal-, sería substituída por unha máis moderna somentes 13 anos despois. Mais a aquel faro orixinal aínda lle quedaba moito por mudar.


No ano 1902, un plan de reforma do alumeado marítimo obrigaría a reformar drasticamente a torre, e mesmo aumentar as dependencias do edificio, ca fin de albergar unha lanterna de maior alcance. Para al fin, tanto a torre como o resto do edificio daquel faro orixinal serían finalmente derrubados e sobre das súas bases erixiríase un novo faro, o actual; cunha impoñente atalaia de planta octogonal coroada por un refulxente ollo de vidro de case catro metros de diámetro que se ergue sobre dun edificio cunha planta en forma de “U”. As obras desta profunda restauración levaríanse a cabo no ano 1926 e traduciríanse nunha mellora tecnolóxica e nun maior alcance de luz, acadando as 24 millas fronte ás 17 iniciais. Sería no ano 1932 cando se revestirían os seus muros con brancas e refulxentes baldosas ca fin de protexer este edificio das humidades e da adversa meteoroloxía. 


Logo de arrodear este impoñente Faro de Ons, e de lembrarnos por un intre da súa historia, decidimos abandonar o lugar e coller camiño de novo cara o peirao. Alí tiñamos previsto parar nunha taberna da illa para xantar e coller folgos logo daquela intensa e abafante andaina matutina. A medida que iamos descendendo de regreso ó porto, acharíamos nesta contorna norte da illa numerosos e coloridos hórreos que centrarían toda a nosa atención. A presenza destas importantes e variadas mostras etnográficas, pintadas de vívidas cores tal que silenciosos e rechamantes espantallos, lembrounos a necesidade e o valor que tiveron estas pequenas construcións para os habitantes da illa; o seu gran, a súa despensa, o seu pan, o seu porvir. 


Os de Ons son os hórreos máis belidos, os máis feiticeiros e coloridos que nunca denantes coñecín. Irrompen coma espantallos nos ermos horizontes da illa, camúflanse sobre dun manto de toxos e silveiras, no verde das carrizas, no malva das breixeiras, no branco das marusías e nas franxas amareladas das abellas. Os de Ons son os cabazos máis ledos i extravagantes, son os máis fascinantes que até agora coñecín. Emerxen das leiras antano traballadas, das fendas de outrora sucadas a legón, dos prados onde reinan hoxe os toxos e as lagartas, tralos baleiros, humildes i esquecidos lares de Ons. 


A continua presenza destes pequenos e coloridos hórreos fixéronnos a viaxe de retorno bastante máis curta i entretida. Nada máis chegar ó peirao colleriamos mesa nun dos establecementos hostaleiros da illa, concretamente na Casa Acuña, onde nos serviron un variado e farturento xantar a base de polbo, churrasco, luras i ensalada. Aquel espléndido e abondoso xantar, amais da longa e necesaria sobremesa posterior, foi a meirande recompensa a tan ardua e abafante xornada matutina.


Logo daquela sosegada e necesaria sobremesa visitariamos os postos dalgúns artesáns que converten en arte as cunchas e as pedras que nos agasalla o mar, que transforman en xoias as crebas da illa. Pouco tempo despois volveríamos á Praia das Dornas para agardar e albiscar a chegada do noso barco ó peirao. Que marabillosa xornada a vivida coa miña amiga Asun neste paraíso perdido no Océano Atlántico, neste recuncho da Galiza no medio do mar. 


Embarcamos camiño de volta a Sanxenxo coas nosas olladas ancoradas aínda naquela illa, naquel pequeno universo habitado,  naquela parroquia insular do Concello de Bueu, naquela illa onde se conxugan os sentimentos máis contrapostos; naquel territorio evocador de liberdades e prisións. 

sábado, 13 de febreiro de 2016

Os vivos canastros de Paredes


“Mentras qu' él atesouraba
pra traguer tanto diñeiro,
sonando c' un habaneiro
unha velliña choraba.
E choraba sin consolo
sempr' agardand' agardando,
á aquil que rind' e cantando,
rolou de neno n-o colo.
Os eidos mirab' en ermo
o horreo falto de millo...
¡o seu curazon sin fillo!
¡o esprito soilo y-enfermo!
E tanto, tanto choraron
os ollos d' a probe vella,
que d' una faixa bermella
as bágoas llos roldearon.
Entrou a fame n-a casa,
detrás xusticia y-usura,
y-a velliña en tal negrura
vertendo pranto qu' abrasa
decía á Dios de xinollos:
«¡devólveme aquil filliño
qu' era sol d' o meu cariño,
e crara luz d' os meus ollos!»
E tanto a enfeliz chorou,
tantas bágoas derramaron
os seus ollos, que secaron,
y-a probe vella cegou”
Filomena Dato Murais, Follatos

Pouco despois de ter o pracer de coñecer o pequeno pero feiticeiro conxunto de canastros de Cendós, no concello ourensán de Avión, amais dos de Barroso, Quins ou A Merca, decidín internarme no Concello de Leiro para procurar un conxunto semellante ós anteriores que se localiza no lugar de Paredes, entre as parroquias de Santo Tomé de Serantes e San Miguel de Lebosende. Esta fermosa aldea atesoura un interesante conxunto de canastros que seguen a testemuñar o xeito de vivir das súas xentes. I é que estes de Paredes son uns canastros vivos, que gardan nas súas entrañas o mesmo gran, as mesmas espigas, a mesma laboura e a mesma sabedoría herdada doutros días; que fican coas portas abertas. Canto gran deberon ter conservado estes canastros, estas mostras vivas de arquitectura popular tan diversas e representativas do verdexante chan galiciano. 


Paredes atesoura unha vintena de canastros que seguen a ser empregados de xeito cotiá polos seus veciños, e somentes unha pequena parte dos mesmos semellan presentar un lixeiro estado de abandono; froito quizais do progreso, orfos quizais da diáspora. A diferenza dos de Cendós, estes canastros de Paredes presentan unha teitume cuberta de tella do país e non de lousas graníticas. O resto da súa estrutura é practicamente igual á dos que resisten en Barroso, Quins ou Cendós. A carón deste interesante conxunto de canastros de Paredes localízase outro esquecido conxunto etnográfico, desta volta conformado por media ducia de muíños, que se sitúan sobre do Regato do Foxo e que, a pesares de non atesourar tanta sona como os canastros, foron igual de importantes para a veciñanza. 


Foi unha grata sorpresa comprobar que algúns destes canastros ficaban coas portas abertas e coas espigas de millo secándose ó calor do sol ourensán, unha mostra real de que os veciños de Paredes seguen a empregar e a manter con vida estas construcións, este legado patrimonial de indubidable valor etnográfico que se espalla por toda a nosa xeografía e que adoitamos esquecer. Lisquei de Paredes cavilando en novos canastros e novas eiras, en recunchos esquecidos pero ateigados de historia e de simbolismo; testemuños de tempos finados que se resisten a desaparecer. 

mércores, 10 de febreiro de 2016

A eira e canastros de Cendós


“Entr' as mozas que mallan n' a eira
non-hay de mais garbo, 
que, Carmela, rapaza garrida
de vintedous anos.
a morena d' olliños mais negros, 
de dentes mais brancos, 
de beizos mais roxos, 
de pelo mais largo, 
e de corpo mais feito e xeitoso
que pisa no campo,
pol-o qué n' as romaxes a chaman
a fror de Seixalvo”
Xesús Rodríguez López, Costumbres gallegas. A malla

Hai lugares que namoran, sinxelos recunchos da vida cotiá que fican sen pena nin gloria, sen afanaren a sona, sen agardar tempos mellores amais das primaveras que deixaron atrás. Hai recunchos que posúen unha beleza inherente, que non precisan artificios, que nos envolven e nos enmeigan, que nos mergullan nunha realidade diferente. Hai lugares que se resisten a morrer, a finaren relegados nun caixón esquecido da nostálxica memoria dos máis vellos. Hai recunchos que atesouran unha forza que nos convida a transitalos, a coñecelos e a lembralos, a amalos sen motivo aparente, a desexalos como unha parte de nós. Viaxei cara o concello ourensán de Avión na procura dun conxunto de eira e canastros que, a diferenza doutros moitos que tiven a oportunidade de coñecer nesta provincia, como o de Barroso, o de Quins ou o da Merca, non atesoura un gran número de hórreos pero si unha beleza, unha sinxeleza e unha maxia realmente indescritible. 


Os meus pasos dirixíanse agora cara o centro da vila de Avión, cara a eira e canastros de Cendós, que fican a escasos metros doutra pequena eira do lugar; a de Navás. Interneime naquela pequena e xeitosa eira de Cendós, que ficaba arrodeada e protexida polos fogares do lugar, e ollei un por un aqueles 13 fermosísimos canastros que conforman o conxunto. Tratei de maxinar aquelas duras xornadas da malla, xeracións de veciños traballando xuntos, man a man, neste pequeno obradoiro de Cendós. Sentei sobre daquela eira e tratei de recrear os mellores tempos destes pequenos recunchos que agora semellan agonizar e ficar á marxe da nosa realidade, coma pantasmas do noso pasado. Neste Concello de Avión, de gran riqueza etnográfica e patrimonial, a existencia de canastros semella remontarse ó século XIV, tal e como semella evidenciarse nos diezmos abonados no ano 1487 polas parroquias de Abelenda, San Cristovo e San Xusto ó Señor de Ribadavia; 16 fanegas de pan de millo e centeo a de Abelenda, dúas fanegas de pan a de San Cristovo e outras 40 fanegas de pan os de San Xusto. Este feito fai supoñer que estas parroquias tiñan a necesidade de almacenar nun lugar seco, fresco e ventilado tal cantidade cereal. 


No ano 1630, novos pagos ó Señor de Ribadavia semellan deixar de manifesto que durante este tempo continuaría a explotación de cereais na bisbarra. Precisamente a Enciclopedia de Pascual Madoz, escrita no ano 1843, cita as parroquias de Avión, Abelenda e Amiudal como territorios agrícolas nos que sobresaía o millo e o centeo. Nos nosos días, os aproximados 700 canastros que se perden por cada un dos recunchos deste concello ourensán de Avión dan boa conta da importancia que estas pequenas e humildes construcións tiñan na vida cotiá dos nosos máis próximos antepasados; dos nosos pais e avós. Nos nosos días aínda resisten neste concello pequenos pero importantes conxuntos etnográficos coma este de Cendós. É o caso dos conxuntos de Beresmo, Abelenda e as xa citadas eiras de Barroso e de Navás. Todos e cada un destes canastros, que aportan a súa nota de beleza a este humilde pero fermoso conxunto etnográfico de Cendós, foron restaurados recentemente por un grupo de veciños desempregados.


A restauración deste humilde conxunto etnográfico de Cendós conseguiu transformar unhas pétreas, ocas e decadentes estruturas en desuso, asolagadas polas hedras e silveiras, nun espazo máxico e inspirador propicio para soñar e remontarnos ás nosas orixes; a un recuncho cotiá onde moitos dos nosos avós teñen derramado bágoas de suor. Onde moitos dos nosos avós até se teñen namorado. Canta beleza se concentra neste máxico recuncho de Cendós, neste esquecido obradoiro de malladores, nesta despensa á intemperie, neste pequeno templo da fartura. Cantas semellanzas e diferenzas agochan estas pequenas e garridas construcións. Canta sabedoría a que se asenta sobre destes pés e tornarratos. Achegueime até o centro da eira, onde maxinei ser observado por este fato de inmóbiles efixies, e biquei esta eira denantes de liscar. Estaba a pisar un sacro recuncho galego, un chan nobre i humilde, un escenario de sacrificio e de traballo.


Abandonei este lugar coma un temesiño namorado, absorto pola súa maxia, pola súa enerxía, pola beleza que o envolve e pola paz que se respira. Fuxín co maino sopro do vento e coa tibia brisa dos máis románticos solpores polas rúas acaladas e desertas deste Avión de eiras, canastros e labradores.  

sábado, 23 de xaneiro de 2016

A Torre de Vilanova dos Infantes


“A caron d' este castelo
Agarimadiñas todas,
Ou pol-a veiga ceibadas
Como bandada de pombas,
As retelladas troneiras
Abertas ó sol q' as doura,
Alcóntrans' as brancas casas
D'a vila de Vilanova.
Vilanova d'os Infantes
É vila de grande sona:
N' hay zapateiros n'o mundo
Que batan millol-a sola;
Non se cocen en ningures
Petadas qu' aquí non cozan,
E d' aquí sán pr' os teares
As millores mazarocas.
Aquí está a gracia d' os homes
Y-a fror y-a nata d' as mozas”
Manuel Curros Enriquez, Aires d’a miña terra

Dende fai algún tempo sentín un especial interese por coñecer as abondosas torres que resisten firmes as batallas d’outrora e que cargan co peso da súa propia historia; unhas atalaias graníticas que seguen a ser as meirandes protagonistas dos dourados horizontes da cálida provincia ourensá. Logo de ter o privilexio de coñecer a Torre de Sande, a da Pena, a de Sandiás, a de Viana ou a da Forxa, xunto coas que aínda resisten nas fortalezas de Castro Caldelas ou Monterrei, sentín a necesidade de visitar tamén a que se erixe na pequena e medieval Vilanova dos Infantes, en Terras de Celanova.  Esta “vila de grande sona” ourensá, historicamente ligada ó Mosteiro de Celanova, atesoura unha impoñente torre medieval duns aproximados 20 metros de altura que se localiza, arrodeada de fogares e canastros, no centro e no alto de Vilanova dos Infantes. 


A Torre de Vilanova é o único que queda da antiga fortaleza erixida durante o século X polo Conde Gutierre Menéndez, o pai de San Rosendo, abade e fundador do Mosteiro de Celanova. Aquela vella fortaleza, ó igual que a vila, pertencería ó Mosteiro de San Salvador de Celanova até o 1369, ano no que Enrique II lle arrebataría a fortaleza a Fernando de Castro para dárllela a Juan Rodríguez de Biedma, pasando así á Casa de Monterrei e a preitear cos poderosísimos Condes de Lemos. No ano 1645, a fortaleza sería reforzada ante os posibles enfrontamentos cos portugueses, mais por sorte aquelas tropas nunca darían chegado até Vilanova. No ano 1467, nembargantes, a sorte trocaría e sería derrubada polos Irmandiños para logo ser reconstruída novamente. Malia todo, a torre non sufriría grandes danos porque dende a Desamortización de Mendizábal até o ano 1927, albergou as dependencias do Concello de Vilanova, ata ese mesmo ano independente de Celanova. 


Nos nosos días, esta torre que se presenta perfectamente restaurada e íntegra, acolle o Centro Comarcal das Terras de Celanova e un interesante museo sobre da cultura castrexa. Nas estreitas i empedradas rúas de Vilanova aínda semellan escoitarse ecos rumorosos que parecen exhumar o segredo do sobrenome desta pequena e histórica vila. Algúns murmuran que eiquí tivo lugar un nacemento de 11 cativos dun só parto, de aí o apelativo de “os infantes”. Outras voces rumorosas semellan lembrar unha Vilanova de “infantas”: Santa Ilduara e Adosinda, a nai e a irmá de San Rosendo, así como outras doncelas de sangue real. Esta vila i esta torre, estas vivendas i estes canastros, este importantísimo legado histórico, artístico i etnográfico posúe agora un silencio e unha paz noutros tempos denantes maxinados. Todo semella xa de sobra batallado nesta nobre vila de infantes, neste pequeno bastión das Terras de Celanova, neste inspirador recanto de poetas onde reside “a gracia d' os homes, y-a fror y-a nata d' as mozas”.

martes, 19 de xaneiro de 2016

O cabazo muxián de San Martiño de Ozón


“Terra atravesada por nubes, ventos, corredoiras e ríos
que multiplican os reflexos sumerxidos e rasantes,
onte sobre os millerais, hoxe sobre prados verdes.
Terra alegre e xuvenil; anterga e feminina.
Os teus ríos con seus pequenos afluentes deseñan
á flor do chau seus delicados meandros e o seu
val coma unha manta feita de retallos, definen
a corredoira do hórreo desta terra galega”
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración

Esta teima miña de procurar os hórreos máis grandes do chan galiciano, de sumar pares de pés e tornarratos, levaríame unha húmida tarde de sábado a internarme na cara máis gandeira e agrícola do concello coruñés de Muxía; o seu interior. Desta volta sentín a necesidade de coñecer un enorme cabazo do século XVIII que posúe 22 pares de pés, uns aproximados 27 metros de lonxitude, e que se localiza na parroquia muxiá de San Martiño de Ozón. Este é, sen lugar a dúbidas, un dos meirandes hórreos deste noso país, tralos de O Araño, que suma 37 metros de lonxitude pero que carece de pés, os 36 e medio do de Lira ou os 35 metros do de Santa Columba. Ó igual que os anteriores, este hórreo de Ozón pertenceu á Igrexa, en concreto á comunidade monástica que habitaba o Mosteiro de San Martiño de Ozón. Somentes eles podían ateigar de millo estes xigantescos cabazos. Este impresionante hórreo da Costa da Morte, ó igual que os seus veciños de Lira e de Santa Columba, presenta unha marcada tipoloxía “fisterrá” e, curiosamente, posúe o mesmo número de pés; un total de 22 pares. 


Componse dunha cámara granítica, con teitume a dúas augas cuberta de tella do país, sustentada por 44 pétreos piares e tornarratos circulares. Tratándose dun elemento que conforma a típica casa reitoral galega, sorprende a ausencia dunha crus na teitume, que remata con pináculos nos beirados. Malia ser un dos meirandes hórreos da Galiza, este cabazo muxián non ostenta nin a lonxitude nin a distinción da que gozan os anteriormente citados hórreos de Lira, Santa Columba ou O Araño. Mais as súas dimensións, os seus 27 metros de lonxitude e os seus 22 pares de pés serven pra dar boa conta do poder e da medida do control que esta comunidade monástica de Ozón exercía sobre da produción agraria. Lisquei de San Martiño de Ozón baixo da chuvia miúda, coa satisfacción de coñecer estoutro monumental cabazo e coa mente posta agora, non tanto nas diferenzas que gardan estes tres hórreos veciños da Costa da Morte senón máis ben nas coincidencias que os emparellan; neses mesmos 22 pares de pés. Neses pares de pés cos que até non fai moito se adoitaban medir este tipo de construcións. 

luns, 4 de xaneiro de 2016

A Merca, o maior conxunto de canastros do país


“En Freixo hoxe a traizón pode chamarse
pérola, xoia, alfaia, patriotismo,
un milleiro cincocentas moedas,
canastro acugulado de semente,
alboio de ouro e vida”
Vítor Vaqueiro, Informe da gavilla

Logo de ter descuberto, - froito dunha chea de viaxes sen rumbo establecido, amparados somentes polos vieiros do destino-, algún que outro conxunto de hórreos e canastros en numerosas poboacións da provincia de ourensá, como os de Quins ou os de Barroso; decidín viaxar de novo cara as históricas terras do ouro para tratar de coñecer desta volta un dos conxuntos etnográficos máis senlleiros do chan galiciano, os canastros da Merca. Digo isto porque no vello Campo da Feira deste pequeno concello ourensán consérvase, nada máis e nada menos que un total de 34 canastros que conforman o meirande conxunto de hórreos do noso país e o segundo máis grande da vella Europa. Albiscaría aquela agrupación de avermellados canastros ó pouco de interneime, paseniño e sen perturbar a paz e harmonía que se respiraba no lugar, na parroquia de Santa María da Merca. 


Ante min tiña aquela sobrada trintena de canastros de idénticas características e proporcións que semellaban ficar dispostos en ringleiras paralelas e orientados cara a mesma dirección, desafiando a notable pendente do terreo no que se localizan. Estas pequenas construcións de pedra e madeira ocupan un lugar predominante nesta parroquia ourensá. Son, sen dúbida, parte da esencia deste recuncho agrícola das Terras de Celanova e na actualidade seguen a ser tan necesarios coma nos máis escuros e miserentos tempos que vén de vivir este noso país. A meirande parte destes canastros responden a unha mesma tipoloxía que se compón de cámaras de madeira rectangulares con portas á fronte, pés e tornarratos de pedra e teitumes a dúas augas cubertas de tella do país, agás tres deles; que presentan unha estrutura mixta de pedra e madeira. Ó contrario que na meirande parte dos conxuntos galegos, carece de eira e semella que a localización e a orientación dos canastros estivo ben estudada denantes da súa construción. 


A historia dos canastros da Merca, do meirande conxunto de hórreos do noso país, comeza a mediados do século XX, concretamente na década dos 70, tempo no que os veciños acordan co concello instalar os seus canastros nun Campo da Feira que ficaba sen actividade e que xa non cumpría a súa fin, en parte pola decadencia que foran sufrindo as feiras. Os veciños procuraron este céntrico e desnivelado lugar e dispuxeron os canastros na mesma dirección co obxectivo de procurar unha ventilación máis propicia para a conservación do cereal almacenado. A pesares de que este Campo da Feira é un espazo público e comunal, os canastros son privados e pertencen ós diferentes veciños do lugar, que son os que os conservan e os que os seguen a manter con vida. A práctica totalidade dos canastros serían recentemente rehabilitados agás un deles, do que tan somentes quedan os piares. 


Este conxunto da Merca non é somentes a meirande concentración de hórreos da Galiza, senón tamén do Estado español e o segundo de Europa; somentes superado polos 62 canastros da localidade portuguesa de Lindoso. No noso país temos conxuntos similares, como o de Combarro, que conta cuns 30 hórreos, ou os canastros de Barroso, no Concello de Avión; que suman un total de 29. Tamén tiveramos a sorte de coñecer os 15 exemplares de Quins, no Concello de Melón. Logo coñecer estoutros canastros da Merca, os meus pasos diríxense agora cara outros dous conxuntos etnográficos ourensáns que, a pesares de non seren concentracións tan grandes como as anteriormente citadas, posúen unha historia e unha fermosura que os fai únicos e inigualables; os Hórreos de Cendós e os de Paredes. 

xoves, 26 de novembro de 2015

O azar e os Hórreos da Lavandeira


“Cómo chove miudiño,
cómo miudiño chove;
cómo chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove”
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos

O destino volveu a saírse coa súa, entreténdome unha vez máis na súa encrucillada de vieiros e casualidades, na labiríntica arañeira do azar, - do infortunio, da boaventura -, que adoita cruzarse nos nosos rumbos tratando de apresárnolo albedrío; tratando de guiárnolo camiño. Desta volta sería “pola banda de Laíño”, no concello coruñés de Dodro e namentres trataba de achar os petróglifos de Bouza Abadín. Corría unha primaveral tarde de novembro, no ceo presaxiábanse transitorias chuvieiras e a atmosfera semellaba arder baixo dun manto de nubes de cinza. Percorrín paseniño os montes de Laíño na procura daquel conxunto de petróglifos, mais debo confesar que non era o mellor día para dar con eles. Resignado, decidín poñer fin a aquela busca infausta. Namentres descendía de volta, albiscando a morte do Ulla e as brañas de Laíño baixo dos meus pés, internaríame erradamente nunha pequena estrada camiño do lugar de Imo, pertencente á parroquia de San Xoán de Laíño. Ó pouco acharía ante min un monumental conxunto de hórreos que me deixaría francamente impresionado.


O destino quixo poñer diante de min os Hórreos da Lavandeira, un importantísimo conxunto etnográfico composto por un total de once construcións  do tipo "Noia" que datan do século XVIII e das cales non tiña ningunha referencia. Estes hórreos, que fican d’arredor dunha gran eira, son o maior baluarte, o meirande atractivo e os verdadeiros protagonistas desta pequena aldea de Imo. Achegueime até o conxunto e dispúxenme a coñecer aquelas construcións de planta rectangular e doelas de madeira. Estes Hórreos da Lavandeira lembráronme, inevitablemente, aquelas viaxes ó corazón da Provincia de Ourense nas que tivera a sorte de coñecer algún que outro conxunto similar, como os canastros de Barroso ou os de Quins. Aqueles canastros ourensáns, de pétreo armazón e paredes de madeira, posuían teitumes, pés e tornarratos de pedra e carecían de cruces e aguillóns. 


O destino quixo entreterme nos pétreos armazóns, nos testeiros e nas paredes de madeira, no ceo de cruces e aguillóns deste recuncho de Imo, desta parroquia de Laíño, desta antiga e viva eira. Quixo que vise teitumes retelladas, corridos tornarratos e un crisol de liques nos alicerces. Que grata sorpresa me tiña preparada o fado, o azar ou o destino, e que grande honor o de terme perdido no camiño. Estes hórreos i esta eira seguen a ser empregados polos veciños de Imo e foron restaurados recentemente, polo que se pode dicir, sen lugar a dúbidas, que seguen vivos como nos seus mellores tempos. Ollei por derradeira vez aquel fatado de hórreos, aquel sabio legado romano dende a eira e maxinei un cento de almas, xeracións enteiras de veciños, mallando o seu trigo, sementando lembranzas e poñendo a salvo o seu pan. 


O destino quixo entreterme neste importantísimo conxunto etnográfico da Lavandeira, nesta excelente mostra de arquitectura popular, mais por pouco tempo; daquelas nubes cincentas comezaron a caer as primeiras pingas. Que mellor xeito de rematar aquel capricho do destino, que mellor xeito de liscar de Imo que lembrando aquel “cómo chove miudiño, cómo miudiño chove; pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove”.

sábado, 17 de xaneiro de 2015

Araño, o meirande hórreo do noso país


“¡Ou meu sono labrego! Unha casiña
preto do río, ó abrigo dos pinales,
con piorno e alboios nos currales 
e palleiros na eira e na curtiña.

Ó pé da casa un muíño cantareiro
ó son da lira de ágoa que enche o caño, 
baixo o maino agarimo dun castaño
e os amorosos brazos dun cruceiro. 

Todo ó longo da aberta do muíño
tortas e vellas cepas de albariño
cos asios mestos no bendito outono.

E un ferrado de terra por facenda
pra prantío e xardín, libre de renda,
diesmo a Dios, sin foreiro nin máis dono”
Ramón Cabanillas, Vento mareiro

O lugar de Traba, pertencente á parroquia rianxeira de Santa Baia do Araño, pode gabarse de posuír o meirande hórreo deste noso humilde, xeneroso e labrego país; superando os senlleiros cabazos carnotáns de Lira e Santa Columba. Retornamos á vila natal de Castelao, onde xa tiveramos oportunidade de coñecer os cervos dos petróglifos dos Mouchos e a inspiradora serea da Capela do Patrocinio, para tratar de procurar agora esta alongada cabaceira sen pés que acada os 37 metros de lonxitude. Para dar con esta importante construción tradicional, mostra do poder que chegou a acadar o clero rural galego, collemos rumbo a Padrón dende o centro mesmo de Rianxo. Á altura de Taragoña colleríamos dirección ó Rabuño e dende alí somentes nos restaría  desviarnos a man esquerda para plantármonos ante a Igrexa de Santa Baia. Xusto detrás dela, no alto, acharíamos o Hórreo do Araño. 


Esta enorme cabaceira rianxeira, ó igual que en Lira i en Santa Columba, conforma xunto coa Igrexa de Santa Baia, a Capela da Virxe dos Milagres de Araño e a casa reitoral; un conxunto arquitectónico de gran valor histórico, artístico e cultural. I é que somentes o poder clerical era quen de erguer, naqueles tempos, unhas construcións tan enormes e impoñentes coma estas. O Hórreo de Araño, erixido no século XVII, posúe unhas dimensións exteriores de 37,05 metros de longo por 2,40 de ancho, 2,70 de alto, e unha capacidade de 170 metros cúbicos. Esta alongada e pétrea cabaceira presenta unha teitume a dúas augas cuberta de tella e rematada por cruces e pináculos en cada extremo. Na parte lonxitudinal que mira cara a Igrexa de Santa Baia albiscamos dúas portas de acceso, e baixo dunha delas, tamén unhas pétreas escaleiras que salvan o desnivel do terreo no que se localiza e a altura da súa base.


A diferenza das cabaceiras de Lira e Santa Columba, este hórreo non posúe os habituais pés, que é como se adoitaba estimar o tamaño destas construcións, mais ninguén pode negar que as súas dimensións, por riba dos case 35 metros do de Santa Columba e dos 36 e medio do de Lira; convérteno no meirande hórreo do noso país. Esta cabaceira rianxeira susténtase sobre dun celeiro coroado por un tornarratos “estilo mesa” que circunda a alongada base do hórreo e impide a entrada de pequenos roedores. Ollamos cada unha das caras desta mole granítica, deste abeiro de grans, deste amparo contra a fame, cavilando no moito que deberon traballar e suar os veciños desta parroquia para encheren de gran, cada ano e xeración tras xeración, esta impresionante cabaceira.


Liscamos do Araño realmente impresionados. Acabaramos de coñecer, nin máis nin menos que o hórreo máis grande do noso país, amais de visitar outro recuncho máxico do pequeno universo natal do noso rianxeiro máis ilustre e universal. Marchamos paseniño i en silencio, como acompasados polas badaladas taciturnas da Igrexa de Santa Baia; mudos pero enteiramente ledos.

xoves, 25 de setembro de 2014

A alongada cabaceira de Lira


“Enriba d' aquel monte donde chora
Albos alxofres pol o roxo amante
Diana Cazadora
Cando a fay prisioneira o vello Atlante
Ó sentirse el arder coa luz da Aurora;
Mesmo alí ond' a vista s' enfeitiza
Entre Lira, Fisterra e a Lobeira,
Ollando a prata riza
Que mostra á Colombian fonda carreira
Onde vorcans o sol á tarde atiza”
Francisco María de la Iglesia, A Galicia

Vai facer case un ano e medio dende que tiveramos o privilexio de visitar e coñecer o hórreo ou cabaceira, como por estas terras se adoita chamar, máis senlleiro de Galicia; o de Santa Columba de Carnota. Daquela xa tiveramos oportunidade de falar da rivalidade que existiu antano entre o crego de Santa Columba e o de Santa María de Lira polo tamaño das súas cabaceiras. Logo de coñecer as características e a historia da cabaceira de Santa Columba, sentímonos na obriga de visitar e coñecer tamén a outra mítica e xigantesca cabaceira deste concello coruñés; a de Santa María de Lira. Desexabamos analizar máis polo miúdo as grandes similitudes e pequenas diferenzas que unen a estas dúas cabaceiras e, dende antano, enfrontaron a estas dúas parroquias. Carnota posúe os dous hórreos, con pés, máis longos do noso país, que xunto coas igrexas, pombais e casas retorais, conforman dous conxuntos etnográficos de grande valor histórico, arquitectónico e cultural. Viaxamos pois cara o hórreo con pés máis alongado do noso país. Achegámonos até a mesma igrexa parroquial de Santa María logo de camiñar polas rúas da vila e albiscar no horizonte do areal de Mar de Lira, “alí ond' a vista s' enfeitiza”, as Illas Lobeiras e a silueta do meu pobo natal. 


A mañá presentábase húmida e sabiamos que podía chover en calquera momento, polo que tivemos que apresurarnos un pouco. Achamos o alongado hórreo de Lira detrás mesmo da igrexa de Santa María. Ficamos abraiados ante a lonxitude que acada estoutra xigantesca cabaceira carnotá. Achegámonos ata ela pra contar o número de pés que a manteñen en alto e ollar de preto as súas características. Esta cabaceira de Santa María de Lira, de estilo fisterrán, foi erixida entrámbolos anos 1779 e 1814, como diciamos, en competencia coa de Santa Columba. Esta de Lira é un pouco máis recente que a de Santa Columba, erixida esta última entrámbolos anos 1768 e 1783. Nembargantes, ámbalas dúas foron ampliadas posteriormente pola xa citada rivalidade que tiña en vilo ás dúas parroquias. Ámbalas dúas cabaceiras carnotás posúen, nos nosos días, o mesmo número de pés, 22 pares, nembargantes, a cabaceira de Lira é un par de metros máis longa; chagando a acadar os 36,5 metros fronte ós 34,7 de Santa Columba. Esta última, iso si, é un pouco máis ancha, chegando a acadar os 1,90 metros fronte ós 1,60 da de Lira. Estas cabaceiras son somentes superadas polos 37 metros de lonxitude do rianxeiro hórreo de Santa Baia do Araño, mais este último carece de pés, que é como se adoitaban medir estas construcións. 


Esta cabaceira de Santa María de Lira foi erixida case que integramente a base de granito, posúe unha teitume a dúas augas cuberta con tella do país e a mesma tipoloxía que o de Santa Columba, nembargantes este de Lira fica sobre dunha plataforma de pedra que ten como fin salvar o desnivel do terreo onde se localiza. Segundo unhas inscricións achadas, crese que ámbalas dúas puideron ser obra de Gregorio Quintela. Por se fose pouco, ámbalas dúas contan tamén cun pombal ó seu carón de planta circular e teitume cónica cuberta de tella do país. Observamos que esta cabaceira de Lira semella peor conservada que a de Santa Columba, mais a min, persoalmente, pareceume moito máis sorprendente, aínda a pesares de non posuír nin a metade da sona que foi forxando nas últimas décadas a de Santa Columba. Cantas similitudes e que poucas diferenzas existen entre estas dúas cabaceiras carnotás. O que semella certo é aquela vella rivalidade entre parroquias fixo posible que este concello atesoure agora os máis senlleiros e alongados hórreos do noso país. A peor parte, a bo seguro, debeu ser para os veciños das enfrontadas parroquias, que non lles quedaría máis remedio que ateigar de gran aquelas xigantescas cabaceiras. Deixamos tras de nós estoutro importantísimo conxunto etnográfico de Carnota, a cabaceira con pés máis longa do país, convencidos de que algunhas veces, froito das loitas e contendas, da rivalidade e da competencia, pódense conseguir cousas impensables.