xoves, 26 de novembro de 2015

O azar e os Hórreos da Lavandeira


“Cómo chove miudiño,
cómo miudiño chove;
cómo chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove”
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos

O destino volveu a saírse coa súa, entreténdome unha vez máis na súa encrucillada de vieiros e casualidades, na labiríntica arañeira do azar, - do infortunio, da boaventura -, que adoita cruzarse nos nosos rumbos tratando de apresárnolo albedrío; tratando de guiárnolo camiño. Desta volta sería “pola banda de Laíño”, no concello coruñés de Dodro e namentres trataba de achar os petróglifos de Bouza Abadín. Corría unha primaveral tarde de novembro, no ceo presaxiábanse transitorias chuvieiras e a atmosfera semellaba arder baixo dun manto de nubes de cinza. Percorrín paseniño os montes de Laíño na procura daquel conxunto de petróglifos, mais debo confesar que non era o mellor día para dar con eles. Resignado, decidín poñer fin a aquela busca infausta. Namentres descendía de volta, albiscando a morte do Ulla e as brañas de Laíño baixo dos meus pés, internaríame erradamente nunha pequena estrada camiño do lugar de Imo, pertencente á parroquia de San Xoán de Laíño. Ó pouco acharía ante min un monumental conxunto de hórreos que me deixaría francamente impresionado.


O destino quixo poñer diante de min os Hórreos da Lavandeira, un importantísimo conxunto etnográfico composto por un total de once construcións  do tipo "Noia" que datan do século XVIII e das cales non tiña ningunha referencia. Estes hórreos, que fican d’arredor dunha gran eira, son o maior baluarte, o meirande atractivo e os verdadeiros protagonistas desta pequena aldea de Imo. Achegueime até o conxunto e dispúxenme a coñecer aquelas construcións de planta rectangular e doelas de madeira. Estes Hórreos da Lavandeira lembráronme, inevitablemente, aquelas viaxes ó corazón da Provincia de Ourense nas que tivera a sorte de coñecer algún que outro conxunto similar, como os canastros de Barroso ou os de Quins. Aqueles canastros ourensáns, de pétreo armazón e paredes de madeira, posuían teitumes, pés e tornarratos de pedra e carecían de cruces e aguillóns. 


O destino quixo entreterme nos pétreos armazóns, nos testeiros e nas paredes de madeira, no ceo de cruces e aguillóns deste recuncho de Imo, desta parroquia de Laíño, desta antiga e viva eira. Quixo que vise teitumes retelladas, corridos tornarratos e un crisol de liques nos alicerces. Que grata sorpresa me tiña preparada o fado, o azar ou o destino, e que grande honor o de terme perdido no camiño. Estes hórreos i esta eira seguen a ser empregados polos veciños de Imo e foron restaurados recentemente, polo que se pode dicir, sen lugar a dúbidas, que seguen vivos como nos seus mellores tempos. Ollei por derradeira vez aquel fatado de hórreos, aquel sabio legado romano dende a eira e maxinei un cento de almas, xeracións enteiras de veciños, mallando o seu trigo, sementando lembranzas e poñendo a salvo o seu pan. 


O destino quixo entreterme neste importantísimo conxunto etnográfico da Lavandeira, nesta excelente mostra de arquitectura popular, mais por pouco tempo; daquelas nubes cincentas comezaron a caer as primeiras pingas. Que mellor xeito de rematar aquel capricho do destino, que mellor xeito de liscar de Imo que lembrando aquel “cómo chove miudiño, cómo miudiño chove; pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove”.

Ningún comentario: