domingo, 29 de xaneiro de 2012

O Navia en terras de Burón


"Un inverno longo coma un parto.
Unha viúva. Un vello. Un tolo.
Unha xeada amoreada vinte días.
Unha porta pechada ás once da mañá.
Un fatado de cais de romaría…
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Un pescador ca cesta ó lombo.
Un burro tirando dun arado.
Unha estrada retorta. Un paporroibo.
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Un encoro que ha de vir unha noite.
Unhos veciños armados de berros.
Unhos políticos decidindo dende lonxe.
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Un agora de vellos e de mortos.
De esquecemento e de abandono.
Un porvir negro como un corvo…
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Navia. Un pobo. O meu pobo"
Toño Núñez, Navia nai.


As vacas seguen a pacer nas ribeiras do Navia
Remexendo nos arquivos da Fraga, achei esta vella foto dunha viaxe que fixeramos noutrora ós confíns das terras lucenses. De súpeto voltaron á miña memoria as lembranzas daquela fatigada incursión nas fronteirizas terras da Comarca de Burón. Foi unha dura e fría mañá de inverno cando atravesamos os húmidos vales da Fonsagrada para dirixirnos ás vellas aldeas que se espallan por antre os cantís, de camiño á Negueira de Muñiz. Trátase dunha terra de fronteira, que penetra de cheo en territorio Astur, e que fica presidida polo caudaloso Río Navia e os seus afluentes, entre os que cabe destacar o Ibias, o Carbonel ou o Llouredo. 

A riqueza do río
O Río Navia esténdese ó longo de máis dun cento de quilómetros, entre terras galegas e asturianas. Nace ós pés do sacro Cebreiro, na aldea de Busbullán, para atravesar de cheo os Ancares e buscar a sombra e darlle nome á vella ponte de Navia de Suarna. Xa con abondoso caudal, de máis de dous mil metros cúbicos por segundo, baixa polas esgrevias montañas da Fonsagrada, con cumios coma o de Chaos, Moural e Busbeirón, que sobrepasan os mil metros de altitude. O seu estenso curso atravesa, tamén, numerosos concejos asturianos, coma o de Ibias, e Grandas de Salime, para morrer en augas cántabras, na ría que leva o seu nome. 

Arquitectura popular
Nestas altas terras da dura montaña oriental, o clima resulta extremo, propio das altas cumes galegas. Nas ladeiras podemos atopar numerosas especies de matogueiras coma o breixo e a carrasca, que predomina nos altos cumes onde é difícil atopar a sombra dunha árbore. Nos ventres dos profundos vales milenarios, escavado na lousa e no xisto, desenrólase unha gran riqueza arbórea, na que predominan os castiñeiros, carballos, bidueiros e nogueiras. A variedade do relevo e a constante condensación da auga do río e das ladeiras, fan que as concas dos ríos e das aldeas se cubran de néboa nos amenceres da montaña. As poboacións das ladeiras máis elevadas reciben, pola contra, o impacto de cheo da luz solar. Esta variedade fai que existan multitude de microclimas entre aldeas limítrofes. 

As traxedias das ribeiras do Navia
A soidade pálpase nas aldeas de Burón
As ribeiras do Navia foron habitadas dende fai milleiros de anos polos nosos antergos, que dende sempre se adicaron a sacar proveito da enorme riqueza destas nutridas terras e das súas augas. A importancia deste caudaloso río reside, en parte, no seu nome. Hai quen asegura que provén da deusa galaica Nabia, que residía nas augas e nos ríos. Outros tamén afirman que deriva da anterga verba indoeuropea, Naus, facendo referencia á súa condición de navegable, polo seu gran caudal; porén é o máis caudaloso da vertente cantábrica. O Navia agocha tras de si as vellas traxedias da súa historia. Unha mañá de 1948, o ruxido da demoledora maquinaria dos megalómanos de antonte, irrompeu nas terras de Burón para devastar o terreo e guillotinar o caudaloso curso do río. O murmurio da conmoción entre os veciños aínda parece escoitarse entre estas fragas solitarias, os berros da resistencia e os laios das despedidas. As primeiras fuxidas dos veciños, impávidos ante a falta de comunicación co municipio, -asolagado pola presa, falto de pontes e de indemnizacións-, tiñan como destino a Terra Chá, afastados das vertixinosas ladeiras da súa terra natal.

Os hórreos do Burón
No corazón da chaira lucense fundaron colonias como as de Arneiro e Viega do Pumar, e semella que levaron algo máis que lembranzas nas súas maletas, levaron a súa arquitectura tradicional e a estrutura dos fogares de seus pais. Alí comezaron unha nova vida, logo de que lle guindaran a liberdade e o fogar. Pero algo quedou das vellas loitas: nos anos setenta, a Negueira de Muñiz foi escenario dunha experiencia pioneira a prol da liberdade. A comuna de Foxo era un grupo de persoas chegadas de diversos lugares para asentárense nos fogares sen vida que aínda gardaban recordos dos seus antigos habitantes. Baixo estes teitos comezaron unha nova vida. Moitos deles aínda seguen alí, alentándose do bafo das ladeiras e disfrutando da liberdade establecida nesta vella comunidade. 

Despois da catastrófica construción do Encoro de Salime, as terras de Negueira sufriron un despoboamento masivo, quedando somentes uns poucos centos de veciños. Hoxe, séguense a adicar coma sempre a cultivar as terras dos seus antergos, e a criar a mellor vaca galega. A pesca, a caza, a recolección de cogumelos, e outras actividades relacionadas co agro e co monte, constitúen a rutina diaria destes veciños esquecidos das nosas fronteiras. As cabaceiras de madeira, empregadas para garda-lo gran e outros múltiples usos, forman parte da paisaxe, mais a ruína e o esquecemento comezan a apoderarse de moitos destes vales. Deixamos atrás estas farturentas aldeas onde non pode faltar na mesa o butelo, un dos pratos máis singulares da cociña tradicional galega. Que o Navia non afunda as vellas lendas nin os recordos de fuxidas, nestas aldeas da fronteira! 

3 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Dende logo, a foto vale un imperio. Noraboa por esta viaxe a unha terra tan particular, e tan descoñecida pola meirande parte dos galegos.
Un saúdo!

Anónimo dixo...

Estiven nesas terras xa dúas veces e foi fascinante. Saúde e apertas, Miro
http://crebas.blogaliza.org/2011/09/12/pr-as-%E2%80%93-27-%E2%80%9Cruta-cueva-da-osa%E2%80%9D-desde-riodeporcos-concejo-de-ibias/

I. Iván Fraga Moure dixo...

Foi unha viaxe magnífica da que gardo un especial recordo. Terras ceibes, naturais e paradisíacas. Moitas grazas polos vosos comentarios, -mestres e compañeiros-, e por estáredes sempre aí. Unha forte aperta ós dous!