venres, 20 de xaneiro de 2012

Ourense das pontes e das Burgas


"Dicir Ourense, dicir melancolía
de auga no cristal das rúas,
ou traxe de nostalxia no pasear
do asfalto e das pedras mornas.

Dicir Ourense, dicir licor café
no relanzo da noite,
é aventurarnos nos desfeitos cotiáns
que agoiran convivencia de días encontrados
no espertar das pontes.

Dicir Ourense
é dicir arteria, ou espirais de prata
no rincón do viño.

Dicir despois ourensán,
categoría de homes circunscritos
a un tempo e a un pasado,
a un ouvear de meigas vencelladas
coa rúa do Villar ou do Progreso.

Dicir,
matinar en Ourense
é unha metáfora
unha lembranza perdida
no bébedo soño dos ausentes"

Francisco X. Fernández Naval. Oira

Posto do mercado matinal de Ourense
Chegamos a Ourense cando aínda comezaba a alborexar, e a brétema acumulábase en torno ás ribeiras do histórico Miño. Ó longo dos séculos, o home foi construindo multitude de pontes coas que atravesar o río. Por iso, a historia de Ourense está rexistrada nas súas pontes. Dende a dúas veces milenaria Ponte Vella, que foi construida polos romanos e reformada na Idade Media; ata a ultramoderna Ponte do Milenio, erixida no ano 2001. Tamén a chegada do esperanzador ferrocaril que cantara Curros, está representada no Viaducto do tren. Hoxe en día, Ourense é unha próspera cidade adurmiñada nos vales do Miño, coma o estivo dende a noite dos séculos. Conta cunha poboación de máis de cen mil habitantes, grazas á constante chegada de numerosas persoas das vilas e aldeas da contorna nas últimas décadas. Camiñamos polas súas empedradas rúas, contemplando o lene espertar da vella cidade das Burgas. A xente comeza a ocupar as prazas e alamedas coa vida e o trafego habituais, mais algo chamou de súpeto a nosa atención: as mulleres das aldeas ocupan un mercado en pleno centro da cidade, ofertando os mellores productos da terra. As tradicionais ristras de cebolas e allos embelecen a multitude de postos que nos recibe neste paradiso cheo de cestos rebosantes de todo tipo de agasallos da natureza. Dende as noces, améndoas ou abelás das centenarias árbores, ata as mellores hortalizas e legumes: repolos, leitugas, acelgas, coles, pementos, tomates, xudías ou cenouras. Tamén outros moitos tesouros gastronómicos de gran arraigo, coma os queixos, o pan de Cea, os ovos da casa, ou a escura mel da montaña ourensá. As experimentadas vendedoras abórdannos para ofrecernos a ampla e apetitosa variedade de productos das súas hortas.


Decidimos facer unha parada para sumerxirnos na interesante e acolledora conversa destes mulleres cheas de vida e sabedoría. As súas verbas falábannos da beleza destas terras e da fachenda que os ourensáns sinten polo seu. Despedímonos silandeiros desta praza de destinos e rutinas, de cores e recendos para adentrármonos de cheo nas quentes e milagreiras augas do símbolo por excelencia desta cidade.

Os fieis ourensáns seguen a acodir como dende
antano ás vellas Burgas
Augas de fe
A presenza destas augas máxicas, e a Ponte Vella, constitúen as orixes de Ourense, e son por iso mesmo os seus grandes símbolos. Non en van, esta anterga urbe galega de orixe romana recibe o nome de "Cidade das Burgas". Xa nos tempos antigos, o ouro foi obxecto da cobiza de diferentes pobos. De feito, os romanos bautizárona como "Auriense", A Dourada. Os restos atopados ó pé das Burgas fálannos dunha dama galaicorromana chamada Calpurnia, que levaba a cabo ofrendas a estas augas máxicas. É unha proba da fé que os ourensán despositaron dende sempre nas súas Burgas. Moitas son as persoas que acoden, como unha vella rutina, a estes dous caños de auga fervente. A caldeira subterránea fai emerxer un caudal de trescentos litros por minuto, a unha temperatura duns 70ºC. Un vello cartel indícanos a composición desta fonte única, conformada por multitude de elementos coma o sodio, o sílice, bicarbonatos, cloruros, fluoruros, potasio, cesio, calcio ou magnesio. Esta auga, que disque cura catarros e outras doenzas, arrastra numerosos fieis que, día a día, conversan cos visitantes para louvar as súas propiedades e beneficios.

A Fonte das Burgas
No pouco tempo que estivemos a carón das vellas Burgas, avistamos numerosos destes portadores da fé polas súas augas, recollendo en tazas e botellas a fervente auga que nace das entrañas da terra. Paseando por entre os fermosos xardíns que embelecen o lugar, algúns beben paseniño, namentres moitos outros realizan pequenas fregas rituais, pasando un pano mollado pola pel. Mais os vellos saben do respecto que lle hai que ter á auga das Burgas: son os riscos que as altas temperaturas destas augas poden ocasionar. Moitos serán os que os ollan con incredulidade, mais o certo é que en Ourense hai un verdadeiro fervor, nunca mellor dito, cara estas fontes milenarias. Despedímonos da vella cidade das pontes e das Burgas, eternamente veneradas por xeracións enteiras de ourensáns, na procura de novos vieiros que percorrer. Que non morra nunca a fe depositada nestas augas.

1 comentario:

Xoán S. Pazos dixo...

As Burgas son un deses lugares sinxelos e non especialmente espectaculares, mais que gardan unha maxia e un espírito moi difíciles de ignorar. Trátase das augas termais máis singulares de Galicia. Moi boa entrada.
Un saúdo!