Amosando publicacións coa etiqueta Cabos e puntas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cabos e puntas. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de maio de 2018

O vello fulgor do Faro Silleiro


"(un golpe) E a pouta de metal que estoupa tras dos ollos,
pouta que destrúe memoria, amor, desexo, vida.
(dous golpes) Pólvora, bala, pouta de metal que estoupa,
pouta que destrúe a imaxe amada, as voces infantís.
(tres golpes) Orde indesexábel que cala a Bombardeira
e a violencia feroz, covarde e fría racha a noite.
(catro, cinco, seis golpes. Sete golpes. Son ... oito golpes, 
nove) As damas das pozas laian horrorizadas, carpen
ao cabo Silleiro, ás crinas do mar ensanguentadas
(ensanguentadas as pedras, ensanguentada a lúa).
Nove (nove golpes), nove poutas de metal que estoupan
na alma, que destrúen memoria, amor, desexo, vida"
Marta Dacosta, Volta dos nove

Xa hai ben de tempo que desexaba coñecer un dos meirandes fachos do sur, unha impoñente e histórica construción que dende o ano 1866 alumea cada noite esta alongada costa atlántica que se extende até A Guarda, onde morre co Miño. Dende a parroquia de Baredo, no concello pontevedrés de Baiona, o Faro Silleiro reflicte o sangue dos solpores, o fulgor das ardoras, sentinela de vellos mariñeiros que faenaron noutrora neste eido salino por unha miserenta manchea de escamas de broa e unha presa de espiñas de millo. No que pelexaron coas impredecibles sombras dun mar tan bo e xeneroso, como arroutado e asasino. O primeiro faro construído nesta contorna localizábase a rentes mesmo do mar, e comezaría a refulxir cunha lámpada de mecha de aceite vexetal, mais esta sería substituída pouco tempo despois, concretamente no ano 1909, cando se modificaría por unha lámpada de petróleo. No verán do ano 1924, debido ó considerable aumento do tráfico marítimo, -e ás importantes dimensións que comezaban a presentar os barcos que transitaban esta costa e que transportarían a tantos emigrantes galegos dende o porto de Vigo até América-, inauguraríase o novo edificio, o que hoxe coñecemos, encravado nun pedregoso outeiro a uns 85 metros sobre do nivel do mar ca fin de ofrecer un meirande alcance lumínico.


O novo faro, de planta rectangular, destaca pola súa prismática i elevada torre, que acada os 30 metros de altura e que sería decorada con refulxentes franxas de azulexos de cores vermellas e brancas. Nos seus primeiros anos, este faro de Cabo Silleiro tería que sufrir até en dúas ocasións os danos producidos polos incendios. O primeiro deles ocasionaríase o ano da inauguración do novo edificio por mor da caída accidental dun candil, causando feridas e queimaduras ós torreiros e ocasionando o cese temporal da actividade do faro. O segundo incendio somentes afectaría ás instalacións e ós subministros. Estas incidencias obrigarían a acender de novo o vello faro para seguir guiando aqueles enormes barcos transatlánticos que saían de Vigo rumbo á América. No verán do ano 1925 restableceríase á fin a actividade do faro. No 1932, esta muxena baionesa comezaría a ser alimentada por electricidade, deixando de empregar como fonte de enerxía o petróleo. Dende o ano 1960, pasaría a integrar unha lámpada duns 3.000 watios, cun alcance aproximado dunhas escasas corenta millas náuticas nas noites máis despexadas. Para as noites máis bretemosas, este faro xa dispuña dunha grave e potente bucina, ó igual que o Faro de Fisterra ou que a mesmísima Torre de Hércules. 


Este Faro Silleiro, de tan características franxas de cores vermellas e brancas, é unha faísca acesa de solpores e alboradas, un carrusel de brancas luces na amencida; no crepúsculo, "crinas do mar ensanguentadas". Luzada de nácara e argazo, espello do sol e da lúa, xadrez refulxente de sangue i escuma. 

mércores, 15 de marzo de 2017

O vello faro da Ría de Corcubión


“Nas ondas do baleiro, amada miña,
sinto a túa voz de auga que me leva

nun cántico de amores e naufraxios
cara a sombra do tempo xa en ruínas.

Ponse o sol nos meus ollos e a noite
énchese de recordos como estrelas.

Cegan tódolos faros no horizonte
e son un mar perdido na túa illa”
Salvador García-Bodaño, Cidade virtual

Pouco tempo despois daquela breve pero intensa incursión aos antigos dominios do esquecido Castelo do Cardeal, - que semella resistir coma unha vella pantasma os contratempos do tempo, que semella invisible aos ollos atentos, á curiosidade propia do ser humano -, achariamos no horizonte o pequeno Faro de Corcubión. Esta minúscula atalaia de luces e sombras leva alumeando o fondo desta ría dos confíns da terra, e as súas virxes Illas Lobeiras, dende o verán do ano 1860. Tras deste facho albiscamos unha das meirandes panorámicas da miña amada Fisterra, outra das facianas máis impoñentes deste milenario olimpo de pedra, deste derradeiro treito de terra, desta xigantesca besta adormecida que resiste impoñente a ferocidade do mar. Este humilde pero senlleiro facho galego, que presenta unha planta cuadrangular duns aproximados 100 metros cadrados, rexos muros de cantería granítica e unha teitume a catro augas cuberta de tella do país, localízase na contorna de Quenxe, no coñecido Cabo C do municipio coruñés de Corcubión. 


A construción deste Faro de Corcubión, finalizada o 31 de xullo do ano 1860, sería propiciada polos numerosos navíos que se internaban na escura e bretemosa ría procurando a serenidade das súas augas cando o mar de Fisterra se antollaba máis embravecido e a luz do seu faro se perdía entre a borraxeira. Dende a súa orixe contaría cunha lámpada de aceite a émbolo que estaría situada a uns sete metros de altura e a uns vinte e cinco sobre do nivel do mar. Na década do 1880 modificaríase a lámpada orixinal por unha de petróleo con mecha que se empregaría até o 1934, ano no que se automatizaría até os nosos días. Sobre da faciana sur deste pequeno Faro de Corcubión eríxese a granítica torre de planta octagonal, duns aproximados seis metros de altura. Sobre dela maxinamos aquelas antigas lámpadas, os primeiros ollos de vidro que alumearon esta ría nas noites máis bretemosas, nas máis densas i escuras marusías; luces que alumaron as húmidas sombras, as fatídicas rompentes, as perigosas illas.  


Este humilde pero senlleiro Faro de Corcubión segue a latexar luz, a pestanexar vida, a advertir cada noite dos perigosos tesouros que agocha esta ría; o Carrumeiro Grande e o Carrumeiro Chico, as Illas Lobeiras, os castelos do Cardeal e do Príncipe, os alicerces do Monte Pindo e a impoñente silueta dunha xigantesca besta que adormece sumerxida entre a calma da ría e os azoutes do mar.

venres, 6 de xaneiro de 2017

As sombras do Faro de Corrubedo


“Esculquei os teus seos
en cada un dos perfís de Corrubedo”
Vítor Vaqueiro, A cámara da névoa

Xa había tempo que tiña un enorme interese por achegarme de novo até Corrubedo, mais desta volta non sería ca fin de visitar o delicado i endexamais inamovible Parque Natural das Dunas de Corrubedo senón a pétrea atalaia de luces e sombras que se erixe sobre dos cons deste pequeno recuncho do concello coruñés de Ribeira. Interneime paseniño neste pequeno e pintoresco núcleo de poboación ribeirán camiño do Faro do Cabo de Corrubedo, un senlleiro facho galego que ceiba os seus intermitentes sinais de advertencia neste treito atlántico dende o que se albisca o carrusel de luces dos faros das Illas Cíes e do Cabo Fisterra. Malia non ser esta unha costa tan fera e bravía como outras moitas que conforman a faciana atlántica do noso país, este pequeno cabo de Corrubedo localízase nunha contorna marítima notablemente chán, de pouca profundidade e arrodeada de perigosos baixíos. Este cabo é o punto máis occidental da península do Barbanza e marca, polo sur, a entrada da Ría de Muros e Noia. 


Os traballos para a construción do Faro de Corrubedo darían comezo no mes de maio do ano 1852 da man do prestixioso enxeñeiro Celedonio de Uribe, comezando a funcionar o 20 de febreiro do 1854. Inicialmente, o faro emitiría a súa luz a través dunha lámpada mecánica que estaría controlada por dous torreiros e que tería un alcance aproximado dunhas 15 millas. Ca fin de sinalar os perigosos baixíos que dende os arredores do cabo se internan e prolongan baixo do mar, dotouse ó faro dun sector vermello cuxa intensidade sería reforzada no ano 1882. A pesares das abondosas diferenzas que presenta este faro de Corrubedo con respecto ó de Sálvora, a confusión entre ambos chegaría a ocasionar importantes naufraxios como o do buque Sarlier, ocorrido a madrugada do 8 de decembro do 1896 e no que perdeu a vida toda a tripulación, nin máis nin menos que 280 persoas, ou o naufraxio do Palermo, noutra funesta noite de decembro do ano 1910 na que dúas ducias de almas morrerían afogadas. 


Logo de tales naufraxios e da magnitude dos mesmos, no ano 1912 unha reclamación do goberno alemán faría posible que o goberno español modificase a luz e a técnica do faro. Un par de décadas despois, no ano 1935, dotaríase ó faro dunha lámpada de 1.500W, dous grupos electróxenos de emerxencia, e modernizaríanse as súas instalacións. Estas melloras foron a resposta do goberno español ás solicitudes dos navegantes que seguían a confundir as luces dos faros de Sálvora e Corrubedo, froito quizais da proximidade entrámbolos dous fachos ou da cor e do xogo de luces que ámbolos dous semellaban emitir. A morfoloxía deste pequeno pero senlleiro facho galego, tal que unha proa de navío, semella creada para sortear os azoutes do vento e reducir o impacto dos mesmos; para ser docemente acariñado polas húmidas brisas matutinas.


Deixei tras de min estoutro senlleiro facho galego, estoutra atalaia de luz aborrecida de naufraxios que semellan presentes aínda tralas sombras intermitentes, tralas marusías tibias e persistentes que acariñan a costa agoirando a desgraza. 

mércores, 12 de outubro de 2016

O Santuario da Nosa Señora da Barca


“Ramo de froles parece,
Muxía á das altas penas
Con tanta rosa espallada
N' aquella branca ribeira,
Con tanto carabeliño
Que relose antr' as areas,
Con tanta xente que corre
Que corr' e se sarandea
O son das gaitas que tocan
E das bombas que reventan,
Uns que venden limoada
Outros augua que refresca,
Aqueles dulce resolio
Con rosquilliñas d' almendra,
Os de mais alá sandías
Con sabrosas sirigüelas,
Mentras tanto qu' algun cego
O son d' alegre pandeira,
Toc' un carto de guitarra
Para que bailen as nenas.
Bendita á Virxe da Barca,
Bendita por sempre sea!
Miña Virxe milagrosa,
En quen tantos se recrean!”
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos

Este pasado estío, nunha de tantas xornadas solleiras que nos deixou este agosto atípico, decidín fuxir cara a miña amada terra nai, cara os máis estremeiros cantís da vella Europa, cara o máis bravío e asasino litoral, na procura dos máis ardentes i ensanguentados solpores da miña mortal e cobizosa costa. Desta volta tiña o firme propósito de volver a pisar o chan dun deses lugares máis elementais, míticos e senlleiros da nosa xeografía. Aquela tarde solleira e calorosa internaríame no núcleo urbano do concello coruñés de Muxía para contemplar a súa meirande xoia, o Santuario da Nosa Señora da Barca, un dos templos máis coñecidos e senlleiros do noso país. Esta importante igrexa galega localízase a rentes mesmo do mar, dese mar furioso e vingativo que tanto nos dá e tantos nos quita, ese mar que d’entre as marusías achegou crenzas, milagres e doutrinas, retablos, imaxes, capelas e pías, ese mar de onde nacería este mítico santuario, un fato de lendas e a máis popular das romarías. 


Interneime nas inmediacións deste templo muxián que na actualidade se atopa restaurado logo de que no ano 2013 sufrise un importante incendio causado por un raio. O mar, ese mar do que nacería este templo e as súas lendas máis antigas, tan somentes uns días despois do incendio, cobraría a súa vinganza destruíndo boa parte do atrio e a Pedra de Abalar, a súa pedra máis prezada e coñecida. Semella como se tanto aquel raio como a furia dun mar nunca denantes vista, quixesen castigar este senlleiro e coñecido templo muxián. Segundo conta a lenda, Santiago o Maior adoitaba orar neste lugar namentres evanxelizaba estas afastadas terras. Nunha desas oracións veu chegar polo mar a unha barca de pedra na que viaxaba a Virxe, que remataría por achegarse a el para consolalo, darlle forzas e instalo a que voltase a Xerusalén, posto que a súa evanxelización por estas afastadas terras xa rematara. Denantes de marchar, a Virxe deixaría naquel lugar a súa barca e a súa vela, é dicir; as antigas e milagreiras pedras de os cadrís e de abalar. Tras destas graníticas pedras hai unha longa e sacra historia somerxida, acalada polas lendas que se escoitan hoxe en día, ceibadas noutrora para esquecer os cultos máis ancestrais, as crenzas máis primitivas.


A Pedra de Abalar, como o seu propio nome indica, é unha enorme laxe de morfoloxía triangular duns nove metros de longo e uns aproximados 30 centímetros de espesor, que presenta a particularidade de abalar ou abanear cando un grupo de xente se sube a ela. Hai quen di que abala cando quere, ás veces a xente trata de abalala e a pedra non se move, namentres que noutras ocasións abala soa ou coa axuda do vento. Hai quen di que cando se move soa, presáxianse desgrazas e agóiranse temporais no mar. Precisamente no ano 1978, un forte temporal desprazaría a pedra de lugar, restándolle moito movemento e rompendo unha parte da mesma. A pedra sería devolta posteriormente ó seu lugar orixinal, mais naquel desafortunado ano 2013, o mar volvería a descargar de novo a súa furia sobre da pedra, que remataría por perder un dos seus tres vértices. 


A Pedra dos Cadrís, a lendaria barca de pedra da Virxe, recibe o seu nome pola súa característica forma de ril e pola crenza de que sanda os problemas dos cadrís, é dicir; o males dos riles e as dores das reumas. Todo aquel que precise curar estas enfermidades dos cadrís deberá pasar por debaixo desta pedra milagreira un total de nove veces, coma se dun máxico e primitivo acto de renovación se tratara. A historia deste templo, segundo semellan constatar as primeiras testemuñas escritas, que datan do século XV, nace como froito da restauración dunha ermida posiblemente erixida entrámbolos séculos XII e XIII. É probable que tanto a cristianización deste lugar como o inicio do culto á Virxe da Barca corresen a cargo dos monxes de Moraime, mosteiro beneditino erixido neste mesmo Concello de Muxía no século XI. 


A igrexa actual foi erixida no ano 1719 e a pedra empregada para a súa construción procedería dun vello fogar abandonado na ribeira e pertencente ó Mosteiro de Moraime. O edificio, barroco, austero e carente de adornos, consta dunha única nave e presenta unha planta de cruz latina. As dúas torres que atesoura serían erixidas moi posteriormente, concretamente no ano 1958, ca finalidade de substituír a espadana barroca que agora se localiza á dereita do templo. Son moitos os fieis que cada ano, aló polo mes de setembro, se achegan até esta sacra e atlántica contorna galega para renderlle homenaxe á Virxe da Barca e depositar a súa esperanza nas pedras milagreiras, para asistiren á Romaría da Nosa Señora da Barca, unha das máis antigas, populares e concorridas da nosa terra. Xa o dicía a nosa prezada musa Rosalía: “Miña Virxe milagrosa, en quen tantos se recrean”. 


Deixei tras de min estoutra sacra e salgada contorna, estoutro lugar elemental, mítico e imprescindible do noso país. Fuxín escoitando a furia daquel mar, o son ronco, desafiante, embravecido, daquel salgado leito de mortos e de vivos tan xeneroso e asasino, tan amado e incomprendido, tan frío como a morte, tan quente e vingativo como o sangue dos mortais. Namentres abandonaba o santuario lembraría aquelas cantigas populares que dicían:

Nosa Señora da Barca,
Nosa Señora valeime,
Que estou no medio do mare,
Non hai barqueiro que reme.

Nosa Señora da Barca,
Ten o tellado de pedra,
Ben o puidera ter de ouro
Nosa Virxe se quixera.

Eu fun abalala pedra,
A pedra fun abalare,
Eu fun abalala pedra 
Que está no medio do mare.

Veño da Virxe da Barca,
Da Virxe da Barca veño,
Veño de abalala pedra,
De abalala pedra veño.

sábado, 21 de maio de 2016

Os corvos do facho de Touriñán


“Lastres, era de Mugía,
A areósa, á seca, á triste:
Leis, era de Suxo, é Ocampo,
Da terra de Villarmide:
Leis Busto, de Coucieiro:
Barrentos de Morpeguite;
De Corcubion os outros,
Non eran fora dos lindes:
Os outros, ou Bergantiña,
Todos tí nacél-os viches.
Estes foran os rapaces,
Que nunca me sahirán
Da memoria, porque un tempo,
Soían ben alegrar,
Estes lugares q' agora,
Muy sós é tristes están.
¡Ou rapacetes rebertes, 
De tenro corpo lanzal;
E tan libres, com' os corvos, 
Do facho de Touriñan!”
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Non fai moito decidín aproveitar unha curta estadía na miña terra nai, Fisterra, para tratar de achegarme, unha propicia mañá de primavera, até outro recuncho senlleiro e até pondaliano da indómita e sempre bravía Costa da Morte; a miña amada e afastada terra. Desta volta achegaríame até o Cabo Touriñán, no Concello de Muxía, para tratar de coñecer polo miúdo a historia “do facho de Touriñán”, localizado nun dos puntos máis occidentais do noso país, da Península Ibérica e do vello continente europeo. Saín de Fisterra percorrendo o Areal de Rostro, unha das facianas máis salvaxes e asasinas da miña vila natal, e logo de pasar o pequeno lugar de Lires internaríame paseniño no Concello de Muxía, e máis concretamente, na parroquia de San Martiño de Touriñán. A escasos quilómetros deste facho muxián xa podía albiscarse a monumentalidade rochosa que envolve toda esta contorna salgada, ventosa e asasina que somentes os toxos, corvos, coellos e lagartas, semellan habitar. Esta é unha paraxe erma, solitaria, silenciosa, inhóspita; somentes perturbada polo “monótono fungar” do vento e polo grallar dos “feros corvos” que a dominan. O Cabo Touriñán é unha impoñente península rochosa que se interna preto dun quilómetro sobre da inmensidade do Océano Atlántico. Ante min tiña, á fin, o facho de Touriñán, e tras del a faciana máis salvaxe e perigosa desta vila mariñeira de Muxía; o indómito Atlántico que coa súa furia fai medrar un dos mellores percebes do país. Estaba nunha das máis senlleiras paraxes da Galiza, nun dos cabos máis sobranceiros deste noso país, e como dicía, nun dos puntos máis occidentais da vella Europa, superado única e minimamente polo portugués Cabo da Roca e polo Cabo da Nave fisterrán. 


A altitude máxima do Cabo Touriñán, deste pequeno universo peninsular de toxos, vento, coídos e mar aberto, supera lixeiramente os 90 metros sobre do nivel do mar. Nas baixamares do estío, e ó compás das lunáticas mareas, os máis ousados percebeiros arriscan as súas vidas para arrincar destes perigosísimos cantís os máis prezados percebes do noso país; a salgada e funesta vendima. O illote de A Insua é outro dos meirandes viveiros naturais de percebe deste Cabo Touriñán. No que respecta ó seu faro, cabe sinalar que está constituído por unha pequena edificación de planta cadrada que data do ano 1898, é dicir, o faro orixinal de Touriñán, e por unha torre que comezaría a funcionar no ano 1981. O propósito desta torre sería o de substituír o faro orixinal de Touriñán e conseguir así un maior alcance de luz, pasando das 20 millas que acadaba o vello faro ás 23 que agora semella acadar con esta torre. A construción do faro de Cabo Touriñán viría precedida pola cantidade de naufraxios que se estaban a suceder nesta contorna marítima, bravía e asasina, ateigada de coídos e baixíos; dominada somentes polo vento e o mar. Despedinme destoutro senlleiro cabo galego, desta occidental e bravía costa touriniana, aquela mañá primaveral, a barlovento dos frescos ventos do nordés e tan libre “com' os corvos, do facho de Touriñan!”

xoves, 17 de marzo de 2016

O faro insular de Punta Cabalo


“O canistrel de méstos lumiares
que na serã calada se derrama,
todo luz, todo ouro, todo flama,
enveja de sol-pores e de mares,

prelúdio é dos pálidos luares
com que na noite a praia se recama,
em tanto a onda em paxião ama e desama,
envolveita nas névoas tutelares...

Ria de Arousa, grávida de côres,
serêa dos atlânticos amores
que acarinhache a minha infância ingela,

fai-me un recanto no argacento colo,
um sártego onde durma ao teu arrolo
no mais esquivo côm da tua orela!”
Fermín Bouza Brei, Seitura


Se cadra foron os sopros mainos do nordés, o retorno dun sol case esquecido ou as horas de máis que nos adoita emprestar a florida e fuxidía primavera. Quizais puido ser cousa do inquedo e aventureiro esprito dun que non comulga co adoitar, co acostumar, co establecerse i asentar; coa monotonía do hábito. Puido ser un xúbilo instintivo, un destino subconsciente, unha necesaria fuxida sen motivos previamente cavilados. O certo é que me presentei unha calorosa tarde de inverno na fascinante e indescritible Illa de Arousa, na xoia das terras do Salnés, supoño que pra ceibala mente e coñecer outro facho de branca lus que se localiza na estremeira Punta Cabalo, outro ciclope silencioso que segue a alumar cons e bateas, dornas, estrobos e tramallos, e un horizonte que se abre tras dun fato de pétreos cabalos que semellan galopar sobre do mar. Achei o amparo do rosáceo granítico, a translúcida e cálida auga mariña, o silencio e a paz somentes interrompidos polos chíos repentinos das gaivotas, a carón do faro da Illa, a carón deste pequeno pero antigo facho arousán de Punta Cabalo. O Faro de Punta Cabalo, o Faro da Illa de Arousa, foi erixido sobre desta núa punta insular que semella lembrar a unha manada de cabalos ceibos, aló polo ano 1852. O encargado da súa proxección sería o enxeñeiro Celedonio de Uribe. 


Nos seus mellores días este faro estivo atendido por dous torreiros e viviría distintas reformas, pero a finais do século pasado pecharía as súas portas. Mais non sería de xeito definitivo, pois dende fai uns anos alberga un restaurante cunhas privilexiadas vistas sobre desta rica e fermosa Ría de Arousa, e o máis importante; polas noites segue a alumear este mar ateigado de bateas. Sentei a carón do tolete de ‘Sandrita’, unha dorna que semellaba agardala subida da marea para volver a deitar o seu corpo de madeiros nobres sobre do prácido leito do mar. Dende alí, acariñado por un ar mariñeiro e preguizoso, ancoraría o meu canso e triste ollar no branco refulxir do areal de Sualaxe, na forza e liberdade que semellaba emerxer do mar a través dunha manada de cabalos maxinados, nunha “Ria de Arousa, grávida de côres” que me arrolaría unha fría tarde de inverno, que me ensinaría os seus máis fermosos segredos, que chamaría por min sen eu sabelo e me convidaría a soñar. 

mércores, 24 de febreiro de 2016

Cabo Fisterra, proa do chan galiciano


“Brúa, Io, brúa como a vaca de Fisterra
non temas á túa voz,
uns mareantes han tomala por sinal
de escollos e baixíos, rachas de nordés e borraxeira”
Marilar Aleixandre, A constelación da xuvenca

Que podo dicir que non saibades xa da vila que me veu nacer, do meu prácido berce de salitre e marusías, do pequeno e lendario universo da miña infancia. Coido que non me ha resultar doado explicar dun xeito obxectivo o que é Fisterra, o que representa este lendario Promontorium Nerium nin cal é a maxia que se mestura nesta pequena península para enfeitizar a todo aquel que a visita. Non cabe dúbida que Fisterra é un dos recunchos máis senlleiros, visitados e recoñecidos do noso país. I é que a localización de Fisterra xogou ó longo dos tempos un papel fundamental a nivel marítimo, xeográfico e sobre todo histórico. 


O historiador romano Lucius Florus conta como os lexionarios da antiga Roma, comandados polo xeneral Décimo Junio Bruto, contemplaron con verdadeiro pavor como o sol era devorado polo Océano Atlántico cando acadaron no século II denantes de Cristo o Finis Terrae, a fin da terra, o recuncho máis occidental do mundo coñecido. Nesta bravía e asasina costa de Fisterra, neste mar sen dono onde somentes se albisca a inmensidade do Atlántico, os astros e a liña do horizonte, as pequenas embarcacións mariñeiras comparten o seu mar con grandes buques de orixes incertas que se internan silenciosos na ría, coma xigantescas pantasmas, nas noites máis escuras e bretemosas.


Este mar é unha necrópole de naufraxios. Nesta costa, nesta besta de pedra e area que adormece entre as calmas e bravías augas do mar, teñen naufragado centos de embarcacións que agora fican na escuridade dos fondos mariños e baixo dunha coiraza de anémonas e arneirón. Nesta fatídica costa fisterrá naufragaría no ano 1596 unha vintena de naves da flota da Armada Española comandada por Martín de Padilla, deixando un regueiro de mortos, un total de 1.706. Este naufraxio acontecería oito anos despois, i en idénticas circunstancias, do sufrido pola Armada Invencible cando partían con destino a Inglaterra.  

No ano 1870, o HMS Captain, un acoirazado navío inglés, chocaría co pétreo illote do Centolo e deixaría 482 falecidos. Somentes oito anos despois, outro mercante inglés volvería a atoparse co Centolo, desta volta sería o Bitten, falecendo 10 dos 12 tripulantes. 

No ano 1882 outro navío inglés, desta volta o cargueiro Sunrise, afúndese nos cantís do Cabo Fisterra. Nembargantes, un heroico mariñeiro fisterrán, e os seus fillos, salvarían a unha trintena de mariñeiros cunha barca de madeira. No 1903 un novo navío inglés, o Tang Castle, veríase involucrado nunha colisión, a dúas millas de Fisterra, co barco sueco Svtpord. Tódolos tripulantes suecos falecerían. E por se fose pouco, somentes catro anos despois, no 1907, outro cargueiro inglés, o Denewell, naufragaría por mor da brétema a unha milla da Praia de Mar de Fóra; ós pés do Promontorium Nerium fisterrán.

No ano 1932 sería o Blas de Lezo, un barco da Armada Española que estaba a realizar manobras na costa de Fisterra, o que volvería a toparse co Centolo. Este navío rascaría os baixos e afundiríase pouco despois. Na primavera do ano 1951, o remolcador holandés Hudson racharía os cabos cos que arrastraba ó buque inglés Ulster Duke e este útimo remataría  esnaquizado contra a Punta Bufadoiro, salvándose somentes un dos tripulantes. No 1960 ocorrería outra enorme desgraza, desta volta para o pobo de Fisterra. O palangreiro Bonito naufragaría nestas costas deixando 11 falecidos e un total de 32 orfos na vila. Mais sería nas últimas décadas cando ocorrerían os máis grandes e catastróficos naufraxios  desta costa cruel e asasina. 


No inverno do ano 1987, cando eu tiña pouco máis dun ano de vida, o Cason, un cargueiro de bandeira panameña que transportaba produtos químicos inflamables, tóxicos e corrosivos, afúndese fronte á Punta Castelo, ó sur da Praia do Rostro. Falecerían 23 dos 31 tripulantes intoxicados, todos eles de orixe chinesa. Denantes de afundir, o Cason comezaría a estoupar e incendiarse, producindo numerosas explosións e unha impresionante columna de fume negro. O pobo enteiro sería desaloxado en autobuses e a vila somentes ficaría controlada polos militares e polos poucos veciños que se resistirían a fuxir. Os meus pais e mais eu seríamos acollidos nun hotel da vila pontevedresa de Caldas de Reis durante un par de días. E que vos vou contar que non saibades xa do Prestige, a meirande catástrofe ecolóxica e medioambiental da historia do noso país; a nosa lenda negra.


É por tanto naufraxio que a luz deste Faro de Fisterra se fixo dende sempre imprescindible. Este senlleiro faro galego, coñecido por tódolos navegantes do planeta, é xunto co do Cabo da Roca e o de Touriñán, o máis occidental da vella Europa. Foi erixido no ano 1853 a uns aproximados 140 metros sobre do nivel do mar e a súa luz acada as 23 millas náuticas. De fronte á fachada principal do faro, no alto, localízase O Semáforo, unha edificación erixida no ano 1879 e destinada a emitir sinais marítimas para a Marina, mais rematou por caer en desuso co avance da tecnoloxía e nos últimos anos foi restaurado e reconvertido en hotel. 


O Faro de Fisterra atesoura, amais da súa luz, unha sirena que comezaría a funcionar no ano 1889 e que tiña como finalidade alertar ós barcos nas noites máis escuras e bretemosas. Esta sirena, acalada nos últimos anos, é coñecida como A Vaca de Fisterra, posto que o intermitente son que emitía semellaba lembrar o bramido dunha vaca nas vilas costeiras da bisbarra. A Vaca de Fisterra foi a primeira sirena instalada nun faro de todo o Estado español. Comezaría a resoar mediante un vello sistema automático a base de aire comprimido xerado previamente por unha caldeira de vapor que facía saír o aire por uns tubos metálicos a unha gran velocidade, facendo resoar un estrondo enxordecedor que se chegaba a escoitar ata en Corrubedo. 


Desgraciadamente, nos últimos anos a Vaca de Fisterra calaría para sempre por motivos técnicos. A obsoleta maquinaria, a falla de recambios e o avance da tecnoloxía marítima, rematarían por silenciala definitivamente. Aínda lembro as noites de inverno que teño escoitado dende a miña habitación o impresionante estrondo da Vaca. Lembro canto me emocionaba; aquel bramido era a voz da miña Fisterra. Mais este Monte do Facho, este Promontorium Nerium, este sacro outeiro cristianizado foi, dende a xénese dos tempos, un lugar máxico e atraínte, unha fin procurada por multitude de xentes, un lugar ateigado de misterio. As Pedras Santas ou a Ermida de San Guillerme dan boa proba de elo. 


Cada vez son máis os peregrinos que procuran en Fisterra o perfecto final físico para o seu camiño, unha fin clara i evidente; o mítico Finis Terrae. Mais o certo é que as peregrinacións cara as terras máis occidentais de Europa remóntanse ós tempos máis primitivos, até pobos de cultos pagáns. A relación de Fisterra co culto xacobeo queda de manifesto no Libro III do Códex Calixtinus, onde xa no século XI se cita a hoxe desaparecida Cidade de Dugium, que se localizaría no actual Val de Duio fisterrán. Un documento do ano 1119 narra tamén a preocupación do Rei Alfonso VII e o Abade de San Xulián de Moraime para albergar os peregrinos que se achegaban até o Finis Terrae. No ano 1355, o peregrino George Grisaphan describe no seu diario a súa peregrinación ata Fisterra, ó igual que tamén farían León de Rosmithal no 1465, Sebaldo Rieter no 1462, Erich Lassota no 1581 ou Julián Íñiguez de Medrano no 1583. Todos estes peregrinos narrarían as súas peregrinacións ata Fisterra.


Nos nosos días, como dicía, cada vez son máis os peregrinos que procuran a fin do seu camiño en Fisterra. O de Fisterra é a única variante do Camiño que ten como orixe Santiago. É por tanto a meta derradeira, o KM 0; a única e verdadeira Fin do Camiño. Debo confesar que lembro ver peregrinos na vila dende ben meniño, e mesmo de conversar con algún deles. Mais tamén é certo que nas últimas décadas, os peregrinos comezarían a multiplicarse e a contarse por centos de miles. Nos nosos días, o peregrino que chega a Fisterra adoita selar a súa credencial e camiñar cara a súa fin; cara a estremeira punta que desafía ó Atlántico, cara aquela proa rochosa do chan galiciano. Alí queimará algunha que outra das súas prendas e ollará o horizonte agardando o solpor dos confíns da terra, un ceo ardente que tingue de sangue o horizonte cando o sol é engulido polo mar. Nos últimos tempos foron moitos os peregrinos que, froito da desgraza, a ousadía ou o descoñecemento, perderon a vida neste Cabo de Fisterra ou nas praias de costa do municipio. 


Os solpores son outro dos grandes atractivos deste mítico Cabo Fisterra, deste corpo de muller que emerxe sobre das calmas e bravías augas do mar. Resulta cada vez máis frecuente achar a peregrinos, visitantes e até parellas de namorados sentados entre as pedras do Cabo agardando o solpor, vendo como o arde o ceo e sentindo a paz que transmite a agónica e dourada luz do sol. Cando o sol é definitivamente engulido polo mar, un improvisado aplauso colectivo racha o silencio e márcase a fin doutro día máis, doutro pequeno ciclo, doutra estadía vital. No alto deste Monte do Facho, deste evocador Promontorium Nerium, nacería no ano 1919 un dos meirandes persoeiros da historia de Fisterra, Alexandre Campos Ramírez, máis coñecido como “Alejandro Finisterre”; o célebre inventor do “futbolín” ou fútbol de mesa. Esta vila viu nacer tamén as almas da fisterranía; grandes poetas i escritores que levan a Fisterra nos seus corazóns, bardos mariñeiros como O Capitán Traba, Alexandre Nerium, Roberto X. Traba Velay, Mónica Góñez ou Modesto Fraga. Mais os verdadeiros heroes desta Fisterra son os mariñeiros que seguen a loitar cada noite coa ferocidade dun mar embravecido que atesoura un longo e acreditado historial de naufraxios. 


Que vos vou contar que non saibades xa da miña vila natal, do meu barrelo de argazos e caramuxas, do máxico escenario da miña nenez. Coido que poucas verbas poden resumir de xeito claro e obxectivo o que representa o Cabo Fisterra, o Finis Terrae. Poida que fin e comezo, poida que morte e vida, poida que horizonte de augas calmas e bravías. Mais si houbo un bardo fisterrán que soubo captar en poucas verbas o simbolismo que agocha este promintorium nerium. Ese sería o Capitán Traba cando escribiu na súa Salve Fisterra aquilo de: “Fisterra, terra do sofrir ardente, terra chea de door que en ti se aferra, terra do mar máis que da mesma terra”. Non me podo despedir como de costume xa que de eiquí nunca me vou para non volver. Eiquí nacín i eiquí hei de morrer. 

sábado, 22 de novembro de 2014

Sobre dos cantís de Punta Candieira


“Ti fuches o meu mar:
o faro e mais o vento e mais a onda;
e fuches a roseira
que enarbora unha agulla e unha rosa,
a flor filosofal
que converte o amor en primavera,
o ceo nubento e gris,
o rexurdir
do sol”
Miguel Anxo Mouriño, Versos primos

O último recanto que coñecemos na curta pero intensa viaxe que fixeramos o meu bo amigo Samuel e máis eu á Ferrolterra e ás impresionantes faldras da Serra da Capelada, sería a punta e faro da Candieira, un lugar que nos deixaría francamente sorprendidos. Sobre dos impresionantes cantís desta punta rochosa que semella desafiar o mar, e a carón do seu faro, albiscaríamos unha panorámica desta Costa Ártabra que nos produciría moitísima vertixe. Achegámonos até este fascinante recuncho do Concello de Cedeira dende o centro desta vila mariñeira, logo de visitar e coñecer lugares tan senlleiros como o Castelo do Naraío, no Concello de San Sadurniño, a Ermida da Virxe do Porto, o faro, a punta, o areal e a lagoa da Frouxeira, no Concello de Valdoviño, o cabo e faro de Ortegal, no Concello de Cariño, así como boa parte duns dos cantís máis altos da vella Europa; os de Vixía de Herbeira. 


Era primavera e o día presentábase solleiro e caloroso. O Faro de Punta Candieira localízase na Parroquia de Santalla de Cervo, a uns aproximados sete quilómetros de Cedeira, e ós pés, como dicía, duns dos cantís máis altos do noso continente. Decatámonos de que estabamos a chegar á Punta Candieira cando comezamos a descender cara o mar á altura do Monte Purrido, xa que o descenso é realmente vertixinoso, e a estrada, estreita e cun grandísimo desnivel, posuía nada máis e nada menos que dez pechadas curvas denantes de chegar até as inmediacións do faro. Descendemos, con moito coidado e precaución, o último tramo onde en somentes nun quilómetro baixaríamos dos 230 metros de Monte Purrido até uns 80 metros de altitude nos que se localiza o edificio do faro. Denantes de detérmonos no mesmo, albiscaríamos dende a estrada uns impresionantes illotes que loitan e resisten os embates desta costa fera e asasina, e que nos fixeron sentir ananos. 


Achegámonos até as inmediacións do faro para ollar máis de preto as súas características. O Faro de Punta Candieira foi erixido entrámbolos anos 1929 e 1933, mais non entraría en funcionamento até uns vinte anos despois, concretamente no 1954, debido a unha falta de acordo encol da súa localización. O edificio, que na actualidade pertence á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, posúe unha planta en forma de “U” e unha torre octogonal onde, a uns nove metros de altura sobre do nivel do chan, se localiza o foco de luz, que acada as 21 millas náuticas. O edificio alberga aínda a vivenda do torreiro, algo xa pouco común na  meirande parte dos faros galegos. Logo de contemplar o faro, decidimos achegarnos con moita precaución até os intricados cantís desta perigosa punta.


Ficamos sorprendidos ante a cantidade de illotes e pequenos farallóns que se localizan a carón mesmo desta punta. Algúns deles posúen unhas dimensións impresionantes, outros, nembargantes, semellan pequenos e afiados dentes de pedra que emerxen do mar desafiantes. Esta asasina costa posúe tamén unha longa historia marisqueira. Por antr’estes vertixinosos e perigosísimos cantís moitos percebeiros e percebeiras xogan a súa vida, literalmente, para apañar un dos máis prezados froitos do noso mar; un percebe de excelente calidade. Marchamos de Punta Candieira e demos por finalizada a nosa última viaxe á Comarca da Ferrolterra, ascendendo paseniño aquela vertixinosa e intricada estrada, aínda sorprendidos e impresionados pola fermosura natural e paisaxística que acharíamos neste lugar tan afastado, solitario i esquecido, neste pequeno recanto cedeirés onde a bravura do mar, a forza do vento, a marusía e a vertixe, son as eternas protagonistas. 

sábado, 6 de setembro de 2014

O moderno Faro de Punta Frouxeira


“Primeira man amiga 
qu'o emigrante estreita, 
foguete debecente 
nas festas da galerna. 
O mar reza as suas foulas 
como rosarios brancos 
caron da tua cruz de luz inmovel 
na noite axionllado. 
Pano da derradeira despedida. 
Lazariño dos barcos. 
Arbor decote orfo 
de ponlas e paxaros. 
Que como Cristo vas encol da ágoas 
estendendo os teus brazos, 
mirando pol-a vida dos que dormen, 
na cruz da escuridá, dependurado”.
Luís Amado Carballo, Proel

No fermosísimo concello coruñés de Valdoviño, e a escasos metros da Ermida da Virxe do Porto, acharíamos esta pasada primavera o Faro da Frouxeira, un dos máis modernos do noso país. Este faro localízase, ó igual que a Ermida da Virxe do Porto, na parroquia de San Vicenzo de Meirás, e máis concretamente, na Punta Frouxeira; no extremo oeste do areal e lagoa da Frouxeira e moi preto do fermoso e senlleiro areal de Pantín. Quixemos achegarnos até esta punta, na que desgraciadamente faleceron tres veciños durante os duros temporais desta pasada invernía, para coñecer de primeira man a beleza que agochan os vertixinosos cantís, e o bravío mar, deste traizoeiro recuncho das Rías Altas. Logo de contemplar a fermosa Ermida da Virxe do Porto, o meu amigo Samuel e máis eu collemos rumbo ó faro, que acharamos de camiño denantes de chegar á ermida. Nada máis chegar a Punta Frouxeira e denantes mesmo de detérmonos a ollar a singular estrutura do seu faro, decidimos achegármonos até os seus impresionantes cantís. Dende alí albiscamos dúas fermosísimas panorámicas da contorna. Cara o nordeste, o longo e branco Areal da Frouxeira, e cara o suroeste; os perigosos e vertixinosos cantís de O Porto, onde se localiza a branca ermida que acabaramos de coñecer.


Logo de contemplar a contorna dende o alto dos cantís, decidimos centrar toda a nosa atención no seu faro, que semella un espello desta bravía i asasina Costa Ártabra, co fin de coñecer máis polo miúdo as súas características e a súa curta historia. O Faro de Punta Frouxeira, singular e vangardista, foi erixido no 1992 pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, mais non comezaría a funcionar até ben entrado o ano 1994. No 2008 sufriría as súas primeiras reformas, nas que se eliminaría unha fachada de vidro e se tapiarían os diferentes andares, deixando somentes pequenas xanelas nas escaleiras. A torre acada os 30 metros de altura, e a súa lus; máis de 20 millas náuticas. Este faro branquiazul, que se sitúa a máis de 90 metros sobre do nivel do mar, é totalmente automático i está controlado remotamente dende o mesmo día que entrou en funcionamento. E non resulta estraño, pois como diciamos ó comezo, este é un dos faros máis novos do noso país, somentes superado polo de Punta Nariga, no concello coruñés de Malpica, proxectado polo prestixioso arquitecto galego César Portela i erixido entrámbolos anos 1993 e 1995. 


Nesta Punta Frouxeira, ó igual que noutros puntos da nosa xeografía como a contorna do Seixo Branco, aínda se poden ollar as ruínas de antigas instalacións militares, -tal que postos de observación, baterías, garitas de vixilancia, túneles e outras moitas dependencias como cociñas, aseos e habitacións-, que proliferaron na década dos 40 e que tiñan o fin protexer esta costa de posibles ataques logo da 2ª Guerra Mundial. Deixamos tras de nós este recuncho único para achegármonos agora até o areal e a lagoa da Frouxeira, non sen antes desexar que este faro, moderno e sen fareiro, continúe a alumear esta costa “pol-a vida dos que dormen” e para ben de tódolos mariñeiros.