“Matamos as cruciais ardentías.
O cachón daquil pranto. Daquil loito.
Da milagre das músicas nas ondas,
de incruentas mareas. De inmorrentes
luces que no profundo enlenteceron”
Pura Vázquez, A Música dos Tempos
Corría unha cálida e chuviosa tarde primaveral cando procurei, nos arredores da vila de Muros, un dos muíños de mareas máis senlleiros do noso país. Xa tivera ocasión de coñecer un muíño de mareas aló polo mes de marzo; o do Cereixo, no concello coruñés de Vimianzo. Desta volta procuraría o do Pozo de Cachón. Para dar con este muíño de mareas muradán tiven que dirixirme até o lugar da Acea, na parroquia de San Xoán de Serres. O certo é que non tiven problemas para dar con este muíño, atopábase perfectamente indicado dende a estrada no extremo sur do núcleo da vila. Achegueime paseniño até aquela alongada e singular construción, até aquel xigantesco muíño de muíños que danzan ó ritmo das mareas, para tratar de coñecer un chisco da súa historia.
Este Muíño de Mareas do Pozo de Cachón, esta senlleira construción erixida no primeiro cuarto do século XIX no fondo da Ría de Muros, abrangue un conxunto de muíños de marea que mantiveron a súa actividade até a década dos cincuenta. A comezos do século XX, o almacén do Pozo de Cachón albergaría os Baños de Santa Rita, un balneario de auga mariña no que se adoitaban tomar baños temperados de algas. Aló polo 1990, o Concello de Muros tivo a ben rehabilitar este conxunto, que quedara abandonado, mais tan somentes uns meses despois da súa inauguración tocaríalle sufrir os importantes danos producidos por un forte temporal. Malia todo, as partes danadas serían de novo restauradas. O arquitecto encargado da restauración sería Jesús Anaya Díaz. Na actualidade, este muíño de mareas é un dos muíños máis grandes da península e unha auténtica xoia a nivel etnográfico, artístico e cultural.
As portas deste senlleiro muíño, que presenta unha estrutura de planta rectangular erixida en cantería e cachotería, fican abertas a tódolos veciños e visitantes. Nos nosos días é un centro cultural, mais nas súas entrañas aínda se conserva a maquinaria para a moenda, así como numerosos paneis informativos que nos achegan á súa función e á súa historia. Estes muíños de mareas, a diferenza dos muíños que se localizan á beira dos ríos e regatos, eran erixidos nas enseadas que conforman as desembocaduras dos ríos co obxectivo de aproveitar a forza das mareas e paliar así as variacións no caudal dos ríos que adoitan propiciar as secas. Estes muíños adoitaban posuír diques nos que se acumulaba a auga do río, neste caso a do Valdexeria, e tamén a salgada auga das mareas, e que logo de pasar polo muíño, era devolta ó mar.
No andar inferior deste muíño de mareas muradán albiscaría os piares por antr’os que pasan as augas que fan mover os mecanismos que se localizan no andar superior. Neste segundo andar é onde se traballaba, onde se facía a moenda, i era tamén onde se localizaba o almacén. Foi unha sorte coñecer este senlleiro muíño, malia ter que facelo baixo unha incesante chuvieira. Despedinme do Pozo de Cachón, destoutro muíño de augas doces e salgadas, destoutra xoia etnográfica do noso país, escoitando o tinguilear das pingas da chuvia no leito da ría; “milagre das músicas nas ondas, de incruentas mareas”.
3 comentarios:
Grazas por achegar estas imanes e maila reseña do muíño.
Unha aperta
Grazas a ti, Patricia, grazas de verdade. Esta fraga é túa. Unha aperta!
Thanks for sharing, nice post! Post really provice useful information!
Giaonhan247 chuyên dịch vụ vận chuyển hàng đi mỹ cũng như dịch vụ ship hàng mỹ từ dịch vụ nhận mua hộ hàng mỹ từ trang ebay vn cùng với dịch vụ mua hàng amazon về VN uy tín, giá rẻ.
Publicar un comentario