sábado, 20 de xuño de 2015

Rumbo a Sálvora


“Cabaleiro do mar, fun cabaleiro
dun castelo de estrelas desvalidas,
entre cachóns de anémonas perdidas
entre cinzas que afloran no salseiro.

Cabaleiro do mar, fun cabaleiro,
na galera de mans esvaecidas,
entre bágoas de sal esmorecidas,
amarrando o puntal do mastroeiro.

Cabaleiro do mar; de pés mollados,
entre alfanxes sombríos, ondulados,
de azagaia sutil e nacarada.

Cabaleiro de soño e de serea
tumbado no devalo da marea
sen pavés, sen loriga e sen espada”
Alexandre Nerium, De mar e vento

Poucas veces na miña vida tiven a sorte de coñecer un lugar tan salvaxe, lendario e fermoso como Sálvora. Poucos lugares desta nosa Galiza me deixaron tan impresionado como este pequeno arquipélago que conforma o horizonte de Aguiño e que se enmarca no Parque Nacional das Illas Atlánticas e no Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) “Complexo Húmido de Corrubedo”. Viaxei rumbo a Sálvora na compaña das miñas compañeiras e amigas Anabela, Mónica e Anxos, unha solleira e sabática mañá de xuño; fai escasamente dez días.  Saímos a iso das dez da mañá do peirao de Aguiño, pertencente ó concello coruñés de Ribeira, logo dunha pequena reunión con Marta; a nosa guía. Eramos un grupo dunhas 20 persoas. O medio de transporte que nos levaría até a illa, unha alongada lancha motora, formaría parte do enorme atractivo da viaxe; máis que navegar, semellabamos voar a chimpos sobre do leito do mar. Foi unha viaxe inmellorable que nunca esquecerei. 


A medida que nos iamos achegando á Illa de Sálvora comezariamos a decatarnos do gran número de pequenos illotes que conforman este salvaxe arquipélago, como as Illas Sagres, -conformadas polos illotes de Mallador, Pirulas e os Fornos-, ou a de Vionta; que se localiza arrodeada polos illotes de Pedra Vella, a Insua bela, a Gavoteira, a Cornella, a Herbosa e a Illa Noro. A Illa de Sálvora sitúase ó sur das citadas e posúe unha superficie moito máis importante, concretamente unhas 180 hectáreas, e unha cota máxima duns 70 metros de altitude. En escasos dez minutos estabamos no pequeno peirao de Sálvora, e ante nós tiñamos unha das estampas máis memorábeis da illa; unha praia de branca e fina area, unha pétrea serea e un antigo pazo. Ficamos abraiados ante a paisaxe que tiñamos diante de nós, i especialmente sorprendidos polo silencio que achamos na illa. 

Fonte de Santa Catalina

Cando xa todos estabamos en terra, e namentres agardabamos a chegada do vixiante da illa para que nos acompañase, Marta, a nosa guía; comezaría a falarnos das moitas lendas e curiosidades que aínda semellan latexantes nesta illa. Namentres isto sucedía, albiscamos unha fermosa parella de cabalos nos arredores da praia.  Marta díxonos que eran cabalos de raza galega e que os soltaran facía uns anos en Sálvora para protexer a especie, para que medren afastados das posibles pestes, intoxicacións ou enfermidades que son máis doadas de se estender en terra firme que nun territorio tan distante como unha illa. O propósito é garantir a conservación da especie. Marta resumiunos Sálvora como unha illa salvaxe ateigada de lendas, e non lle faltaba razón. Do primeiro que nos falou foi daquela pétrea serea que se situaba de fronte a nós, a verdadeira protagonista das lendas que agocha esta illa, ou mellor dito, dunha mesma lenda que foi mudando a cabalo do tempo e que forma parte, tamén, da orixe da longa estirpe dos Mariño


Conta a lenda, posiblemente a máis medieval, que un cabaleiro chamado Froilaz, que protexía estas terras dos ataques viquingos e musulmáns, naufragou coas súas naves nesta costa unha noite de forte tempestade. As rochas esnaquizaron as naves e a meirande parte dos homes faleceron, nembargantes, a nave de Froilaz foi encallar en Sálvora. Alí, namentres percorría a praia, Froilaz presenciaría unha case que máxica aparición; nin máis nin menos que unha fermosísima serea. Froilaz e Marinha, que así é como se chamaba a serea, namoraron e tiveron un fillo ó que chamaron Mariño, en honor á súa nai. Este sería o primeiro Mariño, e Sálvora, o seu berce. Marta comentounos que hai outra lenda que conta que Marinha era muda, polo que Foilaz procurou o consello dun cura. Este díxolle que se desexaba que Marinha falase tíñalle que dar un gran susto. Froilaz seguiu os consellos do cura e, logo de prender unha fogueira, colleu ó seu fillo Mariño en brazos e diante da súa nai fixo un amago de lanzalo ó lume. Nese mesmo acto, Marinha berraría ben forte, e co paso do tempo comezaría a falar.


Ó pouco de contarnos a lenda da serea, e da orixe da familia Mariño, chegaría Roberto, o vixiante da illa. El, xunto co torreiro, son os únicos humanos que habitan en Sálvora. Denantes mesmo de pórmonos a camiñar, explicáronnos unha serie de normas que debiamos ter en conta ó longo da visita. Non debiamos levar nada de alí nin deixar nada. Tampouco debiamos camiñar fóra do treito marcado. Marta díxonos que o primeiro que veríamos sería a aldea, logo o faro e, para o final, o pazo e a capela que fica ó seu carón; os que albiscamos nada máis chegar. Namentres camiñabamos, Marta foinos falando da longa historia da illa. Contounos que nos nosos días, máis concretamente dende o ano 1959, pertence á parroquia ribeirense de Aguiño, e que anteriormente pertencía á de Carreira. Díxonos que esta illa pasou por moitas mans; pertenceu á nobreza, á Igrexa, ó Estado e até a un banco. Tanto é así que no ano 2007 foi adquirida por Caixa Galicia ós herdeiros de Joaquín Otero Goyanes, Marqués consorte de Revilla, por oito millóns e medio de euros. Malia todo, nese mesmo ano, o Ministerio de Medio Ambiente mercou Sálvora e as illas de Vionta e Noro pola mesma cantidade. Dende o ano 2008, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Medio Ambiente comezaron a protexer e pór en valor este importantísimo paraíso atlántico.


Nembargantes, a historia de Sálvora comeza moito tempo atrás. Concretamente no ano 899, cando é doada por Afonso II ó Cabildo Catedralicio de Santiago logo de que estes a reclamasen para obter recursos para o seu sustento. Durante a Idade Media, a illa sería atacada polos piratas sarracenos e normandos, que a empregaban como base para as súas incursións pola ría. A partires do século XVI, o Cabildo perdería o interese pola illa, que tamén era empregada polos veciños de Carreira. Estes usábana con fins agrícolas e mesmo adoitaban levar a pastar o gando á illa en grandes barcazas de madeira. Anos despois, algúns destes veciños rematarían por instalarse definitivamente na illa, na pequena aldea que atopariamos pouco tempo despois. A mediados do século XVI, a Igrexa entregaría a illa a Marcos Fandiño Mariño. A comezos do século XIX, moitos veciños de carreira desprazaríanse á illa para traballaren de caseiros de explotacións agrícolas e gandeiras. Así consolidaríase unha aldea dunhas oito casas e 72 veciños. Mais estes pagarían ó señor coa metade de tódalas súas colleitas de centeo, millo ou patacas e coa metade do gando. Isto fixo que a pesca fose un recurso importante para eles, xa que non terían que render contas ó señor  por todo o que pescasen. 


Das ruínas da antiga casa dos señores, aló polo 1770, o comerciante Jerónimo de Hijosa instalaría, no que hoxe se coñece como Pazo Goyanes, a primeira factoría-almacén de secado e salgadura de peixe da Galiza. Mais pouco despois, a Illa de Sálvora voltaría a mudar de mans. No 1904, sería expropiada polo Estado, que logo construiría a pista, o porto e inauguraría o faro actual no 1921. Nembargantes, no 1958, os Otero Goyanes recuperarían a propiedade da illa pola cantidade de 1.293.758 pesetas. Joaquín Otero Goyanes, conseguiría así unha concesión por 99 anos. No 1960, o señor reconstruiría a Fonte de Santa Catalina, a única da illa, coas pedras sobrantes do antigo faro, e engadiríalle as dúas torres e as ameas ó Almacén da factoría de salgadura, converténdoo nun auténtico pazo, no Pazo de Goiáns. Neste mesmo ano, o señor construiría a pétrea serea, e o principal recuncho social da illa, unha taberna localizada a carón do antigo almacén, pasaría a ser unha capela en honor á patroa Santa Catalina. Unha década despois, os veciños abandonarían definitivamente a illa.


Denantes mesmo de chegar á aldea, Marta amosounos a Fonte de Santa Catalina, e tratou de facernos comprender a importancia dunha fonte de auga doce para a supervivencia nunha illa. É dicir, que de non ser por esta fonte, a aldea que estabamos a piques de coñecer non existiría. Marta contounos que esta fonte, antes de chamarse Fonte de Santa Catalina, era coñecida como a Fonte da Telleira, e debíase a que nesta illa existiu tamén unha pequena factoría de tella, moi preto da fonte, e que moitos dos veciños dedicábanse a traballar nela. Pouco tempo despois de ver a fonte, albiscaríamos tamén un antigo lavadoiro asolagado baixo as hedras e as silveiras; era a antesala do que estabamos a piques de coñecer. Á fin comezabamos a albiscar as pétreas e humildes vivendas da aldea abandonada de Sálvora. Ficamos abraiados contemplando aquelas vivendas baleiras de habitantes pero ateigadas de recordos. En moitas delas poden verse aínda utensilios da vida cotiá como vaixelas, potas, ferramentas, depósitos e mesmo até un tractor. 


Percorremos a aldea paseniño, tratando de maxinar a vida dos antigos moradores destas vivendas. Como diciamos, crese que foron unhas 70 persoas as que habitaron nesta aldea. Durante o percorrido, comezaría a falar con Roberto; o garda. Díxome que adoitaba ver e fotografar a numerosos animais pola illa, e que ademais de cabalos, coellos e lontras, en Sálvora tamén había cervos. Cando me dixo que había cervos fiquei pampo. Pregunteille se estaba seguro diso, se igual eran corzos, mais el aseguroume que eran cervos, que os tiña visto pero en moi contadas ocasións. Ó parecer, algúns dos últimos donos desta illa acostumaban a ceibar animais para logo viren cos seus amigos de cacería. Ese semellaba ser o motivo máis fundamental, aínda que non me puido detallar con certeza cándo foron introducidos estes cervos en Sálvora. 


Logo de percorrer a aldea, abandonada definitivamente na década dos 70, Marta guiaríanos até os hórreos que ficaban no alto do lugar e que foron recentemente restaurados. De camiño, falaríanos das “Heroínas de Sálvora”, tres mulleres que auxiliaron ós náufragos do vapor “Santa Isabel”, afundido no 1921 e no que faleceron máis de duascentas persoas. Marta detallounos como fora aquel catastrófico naufraxio namentres arrodeabamos aqueles hórreos, nos que ficaban homenaxeados os nomes dos seus veciños. Todo acontecera nunha noite de forte temporal, concretamente a do día 2 de xaneiro de 1921. O vapor “Santa Isabel”, namentres realizaba a ruta Bilbao-Cádiz, sería esnaquizado contra a pedra Lapegar, que fica moi preto do actual faro. O torreiro, ó presenciar o accidente, foi correndo cara a aldea para procurar a axuda dos veciños, mais na aldea somentes se atopaban as mulleres máis novas. O resto dos veciños marcharan para a costa a gozar das festas do Nadal. Aquelas tres mozas, acompañadas por nenos e anciáns que portaban velas e fachos, achegaríanse en dorna até o lugar do naufraxio e rescatarían a boa parte dos máis de 50 mariñeiros que lograron saír con vida.


Logo de ollar aquel pequeno grupo de hórreos, agora restaurados, e de coñecer a lenda das “Heroínas de Sálvora”, decidimos coller camiño do faro. Abandonamos a aldea deixando tras de nós aquel lavadoiro e a Fonte de Santa Catalina, e dirixímonos cara o extremo sur desta solitaria illa de cabalos bravos, de cervos e de coellos, de lagartas, de enloitados patos mariños e gaivotas patiamarelas. Non tardariamos moito en albiscar ó lonxe a impoñente torre do faro de Sálvora, coas súas tan características franxas de cores vermellas e brancas. Achegámonos paseniño até aquela lanterna xigante, até aquel carrusel de luces nocturnas localizado na Punta Besugueiros. Detivémonos detrás mesmo do edificio do faro, xa que o acceso ó interior do recinto está prohibido; lembremos que nel aínda vive o torreiro de Sálvora e Roberto, o garda da illa. 


Este faro foi empregado durante a II Guerra Mundial pola Marina como observatorio de tráfico marítimo i estivo habitado polo persoal do Ministerio de Obras Públicas até o ano 1992. Agora segue habitado, mais depende da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa.  O faro actual substituíu a outro moito máis pequeno que data do ano 1852, e foi inaugurado no 1921. Contáronnos que o día en que se inaugurou o actual faro, as autoridades da época tiveron que dinamitar un xigantesco petouto que cortaba o rotatorio reflexo da luz emitido pola lanterna. Este faro componse dun edificio de pedra de planta baixa, de tres alas, no que se localizaban as habitacións dos torreiros, namentres que a lanterna se sitúa sobre dunha torre octogonal. Que impoñente se amosa este faro, esta atalaia xigantesca de luces e de sombras. Logo de coñecer esta fermosa construción, camiñamos xuntos de volta cara o Pazo de Goiáns e cara a pequena taberna reconvertida en capela que se sitúa ó seu carón.


Alí, onde dera comezo a nosa andaina por esta illa, aínda nos quedaban por coñecer os segredos que agocha o vello almacén de salgadura. Entramos no Pazo de Goiáns, agora transformado en museo, e achamos carrozas, dornas e, como non podía ser doutro xeito, os cadrados silos nos que se almacenaban os produtos na salgadura. O procedemento de conservar o peixe empregando sal importouse dos fenicios, que xa chegaban á Galiza dende o Mediterráneo uns 800 anos antes da era cristiá. Durante a romanización xa existía na nosa terra unha gran actividade de salgadura, posto que os romanos xa adoitaban conservar o noso peixe en salga, e mesmo escabechado. Durante a Idade Media, nembargantes, a actividade pesqueira reduciríase a pesares de que dende a costa galega aínda se seguise a exportar ó interior da península peixe salgado e curado. Sería a finais do século XIV cando chegaría sal en grandes cantidades dende Portugal e Gran Bretaña, posto que sempre foi un produto escaso e moi caro. 


Até a chegada dos cataláns, no noso país comercializábase a sardiña salgada, que se preparaba nos lagares de salmoira e nos que se mantiña durante unhas 24 horas. Logo sería lavada e estibada nos envases cun lixeiro prensado. Ben entrado o século XVIII chegarían ata as nosas terras os fomentadores cataláns con novas técnicas para a salga da sardiña, un novo mercado e novas artes de pesca. No ano 1816 había unhas 70 factorías de salga somentes na Ría de Arousa. O comerciante Jerónimo de Hijosa, quen como diciamos anteriormente, erixe esta factoría-almacén de salgadura de peixe na Illa de Sálvora, foi pioneiro na preparación do abadexo salgado ó estilo francés. Para elo, tería que contratar a traballadores franceses e construiría en Ribeira unha escola de salga para os mareantes da comarca. A instalación desta factoría na illa propiciaría a apertura de novos almacéns de salga en Corrubedo, Ribeira, Carreira e Aguiño. Malia todo, a factoría de salga de Sálvora pecharía ó pouco de iniciar a actividade. 

Capela de Santa Catalina
O proceso da salga abrangue catro pasos principais. O primeiro era revir a sardiña, é dicir, estendela e mesturala co sal. Logo colocábanse nun pío duns 30 centímetros de salmoira e tapábanse durante dez ou vinte días. Logo retirábanse cun truel e lavábanse. O seguinte paso era envaretar, que é como se coñecía ó procedemento que realizaban as mulleres para clasificar a sardiña por tamaños. Espetábanas polos ollos nunha vareta e púñanas a escoar. O terceiro paso sería o de estibar, é dicir, colocar as sardiñas nas barricas. E por último, o prensado. Logo de coñecer o almacén de salga, ou mellor dito, o Pazo de Goiáns, decidimos arrodear a Capela de Santa Catalina, a antiga taberna de Sálvora. Tras dela acharíamos, sobre da Praia do Almacén, un antigo canón que aínda semella testemuñar aqueles tempos de invasións e de batallas.


Percorremos a Praia do Almacén tratando de non pisar as moitas especies protexidas que habitan nos areais desta salvaxe e paradisíaca illa, como a Anchusa calcarea, a Rumex bucephalophorus, a Linarea arenaria, as catalinas (Silene scabriflora) ou o carraspique da praia (Iberis procumbens). Logo decidimos achegarnos até aquela fermosa serea, Marinha, a verdadeira protagonista desta illa, para ollar máis de preto o seu rostro, o seu cabelo, as súas extremidades. E para a nosa sorpresa, baixo dela atopariamos unha placa de mármore que rezaba o seguinte: “La Sirena de Sálvora. Tuvo amores con un caballero romano naufragado en la isla. Nació un niño que se le llamó Mariño. Un descendiente, Joaquín Otero Goyanes, Marqués de Revilla, mediante esta obra quiso perpetuar su memoria. Lo ejecutó el notable escultor de Burgos, Ismael Ortega Martín. Año 1968”.


Logo de ollar aquela lendaria serea, a iso das dúas da tarde, decidimos regresar até o peirao para abandonar a illa. A lancha motora que nos trouxera xa estaba de novo no porto e debiamos marchar. Non podo describir a satisfacción que sentín nesta viaxe. Dende o primeiro intre no que subimos á lancha até o derradeiro intre no que tiñamos que marchar, esta illa non deixou de sorprendernos. Oxalá algún día teñamos a sorte de regresar até esta fermosa e lendaria illa para seguir naufragando na súa historia e nos seus máis descoñecidos segredos. Deixamos tras de nós esta illa virxe i este impresionante arquipélago, este importantísimo espazo protexido do Parque Nacional das Illas Atlánticas, cun recordo moi difícil de esquecer. 

2 comentarios:

Patricia dixo...

Os meus parabéns por tan fermosa entrada chea de mar, sereas, lendas e outros tempos.
Lin con moito interese todo pois nunca estiven nela e sempre quixen ir.
Seica rodaron unha miniserie alí, mais non estou segura, falando da fábrica de salgadura. Parece incrible a historia que hai detrás. Falabas dos romanos e, ben certo é o seu GARUM para condimentar, do que aínda quedan restos en Pompeia.
Grazas por amosarnos a beleza da illa e achegar a súa historia.
Unha aperta.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitísimas grazas, Patricia. Abofé que é todo un honor ter lector@s tan agradecidos como @s que visitan esta fraga. Somentes podo devolverche as grazas polo sinxelo xesto de visitares este recuncho e compartir as túas impresións. Xa sabes que esta fraga tamén é túa. Unha fonda aperta!