"Hay bos viños de corpo que apresentan
De branco e mais de tinto varios córes
De agullas, refrescantes, turruxeiros,
Que poden se repór òs mais primeiros
Prézados po los Reis e Emperadores.
[...]
Se poden abillar as mesmas borras
Dos viños esquisitos do Ribeiro".
Xoán Manuel Pintos
![]() |
Rúas do Casco Histórico de Ribadavia |
O sol aínda non queceu as frías lousas das antergas rúas de Ribadavia. O sol comeza a alborexar tras os maxestuosos montes que arrodean a antiga capital, e o frío esparéxese polos portais coma pantasmas do pasado. O silencio pálpase, coma unha presenza, nas antano vivas rúas desta terra curtida pola historia. A esta hora, antes do amencer, ninguén camiña polas estreitas e labirínticas ruelas. Somentes o musical ritmo das fontes e o constante rumor do río quebran a tranquilidade da anterga cidade.
Buscamos o acubillo dalgunha taberna aberta na procura de saborear, xa de mañán, o maior tesouro de Ribadavia: o branco do Ribeiro, manxar de reis, é sen dúbida un dos mellores viños do planeta, froito das máis antergas tradicións e causa principal da histórica riqueza e importancia da capital desta comarca.
![]() |
Igrexa de Santiago |
Hai documentos que nos falan da fabricación de viños no Ribeiro xa no século II a.C. Na Idade Media, o peso desta arte tan productiva, fixo que Ribadavia fose una vila de gran importancia. Non en van, foi capital durante a época na que o Reino de Galicia foi independente, durante o reinado de García I (1063-1065). Xa daquela existía unha pequeña comunidade xudía que, gracias precisamente ó comercio do viño, chegou a ser un grupo bastante numeroso alá polos séculos XII a XIV. No ano 1492, os Reis Católicos firmaron a súa expulsión, polo que algún se viron na obriga de manter o seu culto en segredo. É desa época o edificio da Inquisición.
Pouco mudou o aspecto da vella xudería, pois aínda quedan abondosas mostras da arquitectura hebraica. As constantes arcadas, balconadas e pórticos en prácticamente tódalas vivendas fan desta zona un dos mellores cascos históricos do país. A pegada xudía está presente mesmo en edificios relixiosos como a Igrexa de Santiago, unha fermosa mostra do románico (séculos XII-XIII). Este templo, sé da parroquia máis antiga da vila, sorprende pola cantidade e diversidades dos seus acabados arquitectónicos. A fachada principal loce un fermoso rosetón, e unha torre engadida no Barroco. Entre os potentes contrafortes, atopamos fiestras e arcos con trazos mozárabes, e figuras que evocan as vides, riqueza singular desta terra. Un antigo sartego templario evoca tempos mellores, nos que os cabaleiros desfilaban polas antergas rúas, camiño do Castelo dos Condes.
![]() |
Castelo de Ribadavia |
Esta antiga fortaleza, erixida no século IX e ampliada a finais do século XV, foi un dos castelos máis importantes do país, xogando un papel decisivo nas vellas guerras dos señores de antano. As súas ruínas aínda dominan a prácida ribeira do Avia, arteria da comarca, que vai morrer no Miño, a carón da súa amada Ribadavia.
Atopamos aberta unha vella taberna na Praza Maior, a carón mesmo do señorial Pazo dos Condes de Ribadavia, antano señores feudais da rica terra do Ribeiro. É este o epicentro da Festa da Istoria, importante recreación que loita por rememorar as profundas raíces do seu nobre pasado, declarada de Interese Turístico Nacional.
![]() |
Praza Maior |
Ás veces, a historia danos leccións moi importantes. Xa non quedan xudíos en Ribadavia; o tempo foi borrando a súa presenza, mais non o seu recordo. De feito, tres irmáns chamadas Lola, Amparo e Julia Touza axudaron a cincocentos xudíos a fuxir do exterminio nazi, o que demostra que se de algo pode presumir a nosa terra é de enxendrar ós bos e xenerosos.
Coa lembranza do viño na gorxa, abandonamos Ribadavia na procura de máis vieiros por percorrer. O sol xurde sobre os vales, iluminando a esbelta silueta da cidade do Ribeiro. As badaladas agonizaron o tempo e encamiñaron a nosa fuxida. Atravesamos o río, e a vila despídenos adurmiñada entre o bafo que desprenden as augas. As torres de Ribadavia aínda están molladas, e as fiestras resístense a amosarnos a luz do día. Longa vida a Riba d’Avia, a Antiga!
2 comentarios:
Ribadavia, unha das vilas máis fermosas e carismáticas de Galicia, e ti soubeches sacarlle xugo nesta entrada. Noraboa unha vez máis!
Un lugar singular pero con moitísima historia e beleza. Unha aperta, Xoán!
Publicar un comentario