mércores, 18 de marzo de 2009

A Fonmiñá, o berce do Miño


A Marina Ónega, da Pastoriza
"Frorón antíguo d'o chao gallego,
Por entre frores dános o rego
D'a sua rica fonte Miñá."

Valentín Lamas Carvajal

Nas labregas terras do concello lugués da Pastoriza, a lenda fálanos dos Xacios, seres metade persoa e metade peixe que vivían sumerxidos baixo as augas da Lagoa de Fonmiñá. Esta paraxe comparte co Pedregal de Irimia, no Concello de Meira, o privilexio de enxendrar ao mesmísimo Río Miño, a franxa celeste que atravesa a nosa bandeira. Pero se algo ten de peculiar esta lagoa, son as burbullas que emerxen á superficie e que tradicionalmente se coñecen coma Os ollos do Miño. Este fenómeno xeolóxico é a surxencia cárstica; as rochas calcáreas permiten que o caudal subterráneo do río atope unha saída disolvendo a rocha, e isto produce que as burbullas emerxan á superficie. Estas terras están situadas a uns 600 metros de altitude, e fican nutridas por diversas fontes, mananciais e regatos para enxendraren ao pai dos ríos que sacian a sede da meirande parte das terras do noso país.
O Miño comeza a súa andaina pola Terra Chá e remata o seu curso no Atlántico, aló polas terras do Rosal. Non cabe dúbida de que esta distinguida lagoa e o Pedregal de Irimia, constitúen o nacemento do río que atravesa e nutre ó seu paso o chan galego. Agora somentes queda desexar longa vida á Lagoa de Fonmiñá, e que non deixen de emerxer os Ollos do Miño do seu máxico e uterino berce.

8 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

"o Miño é o eixo da Patria".
Un saudiño dende Compostela e adiante co blogue.

Anónimo dixo...

Gracias, por todo o teu percorrido por toda a nosa terra,e en especial por esas máxicas imaxes da Fontemiñá e polas túas palabras cheas de poesía

Unknown dixo...

Gracias a tí, Anónim@, é un pracer e pasa cando queiras pola Fraga.
"O Miño é o eixo da Patria". Que razón tes, Xoán, a ver si se coida un pouco máis que o Eume. Ata as grandes obras do Estado lixan os entornos naturais protexidos ao seu paso. Un saúdo aos dous.

Anónimo dixo...

Ivan,¿Cando reunimos estas imaxes nun traballo fotográfico?
Un saudiño ultreiano.

Anónimo dixo...

Algún día, íso espero. Quizáis chegadas ás 100 entradas, pero aínda queda moito camiño por diante para coñecer e aprender. Espero poder facer algo. Unha aperta e gracias por pasar, Dalit!!.

Anónimo dixo...

Xa sabes, a Taberna Ultreia sempre terá un oco para expoñelas.

Anónimo dixo...

Estudia máis a soldadura Iván...!

Unknown dixo...

Gracias Jose, sería todo un honor para min...na miña taberna favorita, un lugar especial, sen dúbida.
Gracias, anónimo, en eso andamos. Agora xa queda menos. Unha aperta ós dous.