sábado, 30 de xuño de 2012

Pontevedra, cidade de mercadores e navegantes


"Como antiga carícia Pontevedra respira, nas miñas mañás frias, algun
recordo que me espera, co seu secreto, vestido de branco lenzo.
Maravillado son na Peregrina e digo-a, con coita da miña chaga,
cando volvo solitário cara o norte para insculpir o nome amado".
Cesáreo Sánchez. A escrita do silencio

"Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa..."

Entre as penínsulas do Salnés e do Morrazo, o mar penetra profundamente nas entrañas da costa, debuxando a prácida e resgardada Ría de Pontevedra. As pequenas barquiñas descansan sosegadas nas tranquilas ribeiras, aloumiñadas polas salgadas ondas que proveñen do Atlántico e que arrodean a cotío o arquipélago das Ons. As bateas fican dispostas en calculadas ringleiras a carón da estratéxica Illa de Tambo. Na beira sur, a industrial e portuaria vila de Marín, xunto con Bueu, dominan as ribeiras do Morrazo. No norte, pola contra, loce unha das zonas máis turísticas e recoñecidas do chan galego, con vilas coma Portonovo, Sanxenxo, ou a enxebre aldea de Combarro, no Concello de Poio; é a ribeira sur do Salnés. Toda a contorna fica engalanada con algúns dos mellores e máis recoñecidos areais do País. As ladeiras, que finan docemente na beiramar, amosan o esplendor das vides do albariño. Na primavera, as mimosas acostuman a esparexer o seu arume e as súas sementes no vento mareiro, namentres as gaivotas sobrevoan as rochosas illas, e pousan sosegadas nas prácidas ribeiras da costa pontevedresa.
As Rías Baixas, entre as que se alcontra a Ría de Pontevedra, formáronse despois da última glaciación. A terra foise transformando, e os glaciares morreron e os seus vales costeiros foron anegados polo Atlántico. Así naceron estas sosegadas rías, inigualables xoias costeiras de Galicia. No caso da Ría de Pontevedra, foi o río Lérez o que traballou moi de vagar as ladeiras, e nutreu esta enseada de paz e sosego. As preguizosas augas que o Lérez trae dende as altas Terras de Montes, finan paseniño nas lamacentas marxes da ría. Nembargantes, antes de entregar as súas augas, o sinuoso curso do río arrodea un rochoso outeiro sobre o que se asenta, dende tempos inmemoriais, a vella cidade de Pontus Veteris, a Ponte Vella. 


O antigo burgo dos navegantes, capital de provincia e de comarca, érguese no máis profundo da ría, a case oitenta metros sobre o nivel do mar e na ribeira esquerda do río Lérez. A súa importancia administrativa contribuiu a converter a vella Pontevedra nunha cidade moderna, cuia economía se sustenta nos sectores do turismo e dos servicios. Nembargantes, as súas ruelas agochan os vestixios de antigos tempos de prosperidade.
A historia de Pontevedra xira en torno á súa ponte, a mesma que dá nome á cidade, e que os romanos ergueron aló polo século I d.C. Neste elevado outeiro a carón da desembocadura do Lérez, os conquistadores instalaron unha mansión de parada na Via XIX, coñecida como Mansio Ad Duos Pontes. A ponte actual, coñecida coma Ponte do Burgo, foi erixida sobre a romana aló polo século XIII, e sobre os rexos piares de cantería aínda poden verse as vieiras gravadas no granito. Son vestixios e lembranzas da época dourada das peregrinacións, cando milleiros de peregrinos atravesaban a cidade seguindo o trazado do Camiño Portugués. A ponte condúcenos ata a zona vella, corazón do vello burgo e antano cidade de mercadores. Polas súas pequenas ruelas conflúen as vidas dos habitantes, co trafego do día a día. O ambiente non debeu diferir moito do que antano reinaba polo casco histórico de Pontevedra. 
Os nosos pasos lévannos ata unha ampla praza presidida polo antigo Convento de San Francisco, de orixe medieval, e que foi abandonado trala Desamortización de Mendizábal, no ano 1836. A fachada románica, do século XIII, é o que queda do edificio orixinario. Nos seus meirandes momentos de esplendor, foi o lugar escollido polas principais familias adiñeiradas para soterraren ós seus devanceiros. Nos seus adentros, aínda se poden ollar os vellos e sombríos sartegos dos señores do Burgo da Ponte Vella. Agora, as pombas sobrevoan ceibas o campanario, pousando nas roseiras e peteirando nas miolas que os máis vellos teñen a ben ciscar, a carón dos bancos e á sombra das camelias. 

O Convento de San Francisco, en pleno corazón do casco histórico de Pontevedra

De camiño ó alto, imos atravesando as pequenas e empedradas ruelas, ateigadas de vellos fogares dos artesáns e mercadores que, aló polos últimos tempos da Idade Media, contribuíron a cimentaren a prosperidade que logo acadaría esta cidade. Durante o Renacemento, a importancia da súa feira e a súa estratéxica situación, converteron a Pontevedra na cidade máis poboada e próspera de Galicia. Polas súas rúas e peiraos, os mercadores e os viaxeiros navegantes, arribaban a porto para levaren a cabo as súas faenas. Os poderosos gremios de artesáns xestionaban o comercio e a produción dos máis variados útiles e obxectos de valor. Foi esta cidade o berce de ilustres navegantes, piratas e descubridores, que exploraron o alén do horizonte. O descubridor Sarmiento de Gamboa, o pirata Benito Soto, e os irmáns García de Nodal, son algúns dos ilustres mariños que ousaron atravesar o océano que sempre ollaron dende a súa Pontevedra natal. Tan importante e próspera foi a actividade comercial, que tivo que ser o Gremio de Mareantes o que sufragara a construción da igrexa máis importante da cidade. Atopámola no alto, ergueita de xeito esplendoroso e recortada contra o ceo. Ante nós fica a Basílica de Santa María A Maior, erixida como símbolo da época de gran esplendor, na que os grandes veleiros, ateigados de mercadorías, arribaban ós pés do maxestoso santuario. A súa fachada plateresca, proxectada por Cornielis de Holanda e o portugués Joao Nobre no século XVI, érguese ante nós desafiando o horizonte. É o símbolo daquela época de prosperidade. 
Igrexa da Peregrina, a carón do Camiño Portugués
Nembargantes, pronto chegou a decadencia; a perda de caudal do vello e fatigado Lérez, as guerras alleas, e o esquecemento dos reis de Castela, provocaron que a actividade comercial e artesá fose decaendo. Porén, desta época data o que pode ser o monumento máis coñecido da cidade. Os nosos pasos achégannos ata a Igrexa da Peregrina, obra mestra do Barroco tardío galego. Foi erixida a finais do século XVIII seguindo os planos de Antonio de Souto e Bernardo José de Mier, que reproduciron na súa planta a forma dunha cuncha de vieira. O que máis impacta ós peregrinos é a ousada fachada convexa, decorada con elementos neoclásicos, e presidida por dous campanarios que se adaptan á curvatura. A peregrina semella portentosa de máis para ter xurdido nunha época convulsa i escura. O Rexurdimento chegaría a comezos do século XIX, cando coa nova estructuración territorial, Pontevedra foi designada capital de provincia. Isto contribuiu a darlle a esta cidade unha segunda oportunidade na historia. Dende entón, o Burgo da Ponte Vella non deixou de medrar. A Ponte dos Tirantes, que se ergue estática e moderna sobre a cidade, é unha boa mostra do novo rexurdir de Pontevedra, o vello burgo de mercadores e navegantes. 

martes, 26 de xuño de 2012

As praias de Monte Louro e a lagoa de Xalfas


"MONTE Louro pelado.
A lagoa dos patos.
A parella lanzando
unha botella ó mar.
Regatos do verán.
Augas e unhas mans
que alí lavarán
seivas de amor puro.
Camiños de por Muros.
Solitarios e duros
de andar, entre xuncos.
(Os frades coidan a horta)
Arroaces na porta
da ría, prata absorta
que brinca. Campá tola
rezando no eirado.
Monte Louro pelado.
Vía Crucis que andamos
con paso namorado.
Unha frecha cruzándonos".

Luis Rei Núñez, A casa na brétema

Pasou o San Xoán e xa ficamos inmersos no verán. Esta época estival convídanos a facer unha parada nas nosas axetreadas vidas para achegármonos a calquera dos innumerables areais que engalanan toda a costa galega, dende a Guarda ata Ribadeo. Estas praias, cada unha das cales é única, son remansos de paz ó longo da nosa esgrevia e irregular liña costeira. Nesta época, son moitos os bañistas e forasteiros que se achegan a estes paraísos de area e mar, para disfrutar das refrescantes e salgadas augas, e tamén das súas brancas e finas areas. Nembargantes, algúns areais permiten tamén admirar a paisaxe, a natureza e a lenda. Desta volta, aproveitamos as primeiras raiolas do verán para achegármonos a un deses areais míticos do litoral coruñés.
Vista dende a baixada de Taxes, preto da Laxe das Rodas
O sol alumea a fermosa e longa praia de San Francisco, ós mesmos pés de Monte Louro. Este areal, acubillado no fondo dunha pequena enseada situada na fronteira norte da Ría de Muros e Noia, acolle a multitude de bañistas que aportan vida e prosperidade ós veciños da pequena e fermosa parroquia de Louro, no concello de Muros. Esta antiga aldea de mariñeiros, viviu certo auxe grazas ó turismo, aínda que segue a conservar algunhas das antigas vivendas de pescadores, así coma cruceiros, cabaceiras, unha igrexa, e mesmo un Via Crucis que gabea polas ladeiras. Sen embargo, o monumento principal da parroquia é o Mosteiro de San Francisco (Século XIII), que lle dá nome á praia e á sé parroquial.
Cara ó sur, a enseada de San Francisco amósase aberta ás plácidas augas da ría. Nembargantes, polo norte, a baía fica dominada pola impoñente silueta do ancestral e lendario Monte Louro. Este esgrevio macizo granítico fica ergueito entre dous mares, separado do continente por unha estreita franxa de terra. Contan que esta sinuosa península emerxeu do mar hai máis de dous millóns de anos. Sobre a súa rochosa cortiza, apenas dan medrado os toxos e as silveiras, e os penedos graníticos relocen ó sol, dando nome a este mítico monte costeiro. As súas dúas cimas érguense a 277 e 244 metros sobre o nivel do mar, rachando a liña do horizonte.


A parte exterior da península fica aberta ó mar máis fero da Costa da Morte; non en van, Monte Louro ten sido considerado o remate desta costa de naufraxios. O vello faro, erixido no ano 1862, vela para que os mariñeiros volten sans e salvos ós seus fogares. Mentres tanto, o vento remexe as douradas dunas da mítica praia de Area Maior, namentres os mazaricos peteiran na ribeira, e as gaivotas sucan os ceos para logo pousárense nos altos i esgrevios penedos de Monte Louro. Este maxestoso areal, de mil catrocentos metros de lonxitude, fica presidido por un alongado sistema dunar que actúa de dique para as augas que o Río Longarelo deposita na Lagoa de Xalfas. Este impoñente brazo de area presenta somentes unha saída para a auga da lagoa, o que permite a conformación dun valioso e rico ecosistema.
A pequena Lagoa de Xalfas, duns douscentos metros de diámetro, constitúe un remanso de paz e sosego para infinidade de aves migratorias que procuran o acougo da lagoa para coller novos folgos e novos destinos. O parrulo real, o mergullón pequeno, a galiñola negra, o pato chupón, o rascón de auga, a cerceta real, a garzota común ou as esveltas garzas, son algunhas das moitas especies que aquí se poden albiscar. Este entorno húmido, repleto de xunqueiras, árbores hidrófilas e plantas acuáticas, constitúe o hábitat ideal para todas estas aves de paso. Entre as especies de flora, cabe destacar a Lilaeopsis Caroliana, unha especie que somentes aquí pode ser atopada. A comuñón da auga doce da lagoa, coa salitrosa auga mariña do Atlántico, crea unha explosión de riqueza biolóxica que mesmo permite a existencia de mamíferos tan difíciles de ollar por estas terras coma as lontras. Dende o alto do monte, as aves rapaces ollan os seus dominios; a diario sobrevoan a antiga e lendaria Lagoa de Xalfas. Contan os máis vellos que baixo as augas deste humidal fica mergullada unha antiga cidade, hoxe case esquecida.

Vista xeral de Monte Louro dende Porto do Son

Son os ecos que resoan aínda de tempos pasados. Son verbas herdadas dos antigos pobos que habitaron esta terra. De fronte ó Monte Louro, as ladeiras acollen a ancestral Laxe das Rodas, e hai quen di que este petróglifo pode reproducir o mesmo Monte Louro. Pero o pasado tamén fica agochado nunha das cimas do propio monte; as ruínas da antiga capela adicada a María Magdalena apenas se albiscan entre os penedos.
Dende a beira sur da Ría de Muros e Noia, a silueta de Monte Louro érguese impoñente. Os mariñeiros acostuman, dende tempos antergos, a ollala para coñeceren o estado do tempo. Observando con sabedoría o horizonte dominado por esta montaña lendaria, os lobos de mar de Porto do Son ou de Portosín predicían a evolución das treboadas. A carón da lagoa, mentres tanto, os fermosos e belidos parrulos gozan da paz que semella emanar das súas augas. Nas húmidas veigas aínda pacen sosegadas as ovellas, coma o levan facendo dende sempre. O sol esvaécese no amplo horizonte, namentres a luz xoga coa impoñente silueta do vello e sinuoso Monte Louro.

domingo, 17 de xuño de 2012

O eterno repenicar das campás de Bastavales


"Campanas de Bastabales,
Cando vos oyo tocar,
Mórrome de soidades.
Cando vos oyo tocar,
Campaniñas, campaniñas,
Sin querer torno á chorar.
Cando de lonxe vos oyo,
Penso que por min chamades,
E das entrañas me doyo.
Dóyome de dor ferida,
Qu' antes tiña vida enteira,
Y oxe teño media vida.
Solo media me deixaron
Os que d' aló me trouxeron,
Os que d' aló me roubaron.
Non me roubaran, traidores,
¡Ay! uns amores toliños,
¡Ay! uns toliños amores.
Qu' os amores xa fuxiron,
As soidades viñeron...
De pena me consumiron.
Paseniño, paseniño,
Vou pó la tarde calada,
De Bastabales camiño".

Rosalía de Castro. Cantares Gallegos

Acadamos as terras santiaguesas nunha mañá calorosa e despexada. As raiolas do sol penetraban ata os máis recónditos vales do interior coruñés, namentres os pastos semellaban reverdecer baixo a intensa luz do astro rei. Facemos unha parada para adentrármonos no extenso e fértil Val da Mahía, no concello de Brión. Ascendemos polas sinuosas ladeiras que arrodean o val, e contemplamos a amplitude e fermosura desta privilexiada contorna. As pradarías semellan mesturarse cos pequenos bosques e conxuntos de especies hidrófilas que debuxan os lindes das fincas, os prados e as veigas. Dende o lonxe, ollamos abondosas aldeas que semellan pendurar deste histórico val. 
Para atopar Bastavales, somentes se debe seguir o son das súas badaladas. Seguir os latexos incesantes, e deixarse levar pola mesma maxia que debeu sentir tamén a nosa musa Rosalía. A nosa chegada é ben recibida polo ergueito campanario, que semella celebrar a nosa arribada nas terras da Mahía. As constantes badaladas remataron por acompasar o noso camiño, achegándonos paso a paso ata un dos santuarios máis emblemáticos e coñecidos do chan galego. 


Que pouco semellaron mudar as cousas por aquí. As eternas badaladas que tanto teñen atormentado á nosa musa continúan a resoar ó longo e ancho do val da Mahía. Non en van, o nome deste lugar deriva do latín Vasta Valles, “amplo val”. As súas notas semellan non ter fin, e os seus ecos de malencolía seguen a perturbar o silencio das longas e verdescentes pradarías.
 A igrexa de San Xulián de Bastavales olla eternamente a occidente, contemplando dende o lonxe as torres da anterga Compostela. Este santuario foi proxectado por Juan Nogueira e Tomás do Río, aló pola metade do século XVII. Non foi rematada ata 1772, cando se erixiu a rexa e portentosa fachada barroca. Consta dun pétreo telón dominado por un tímpano partido e un reloxo circular. Dúas esveltas columnas decorativas flanquean o conxunto, que fica presidido por dous xigantescos aguillóns de granito, e unha cruz que se mantén en perfecto equilibrio sobre dunha rocha circular. Á dereita da fachada, o esvelto e vertixinoso campanario de catro alturas debuxa a súa alongada sombra a través das lindeiras pradarías. Foi erixida no ano 1827, nun traballado barroco. Amosa unha rexa balconada de pedra, e multitude de pequenos detalles decorativos. As súas campás, penduradas en diferentes niveis, levan en servizo dende o ano 1828. Dende as primeiras badaladas, as campás de Bastavales colleitaron moita sona, pois os seus ecos esparexidos resoaban por varias millas á redonda. A pequena parroquia, situada nun lugar privilexiado no alto do val, pronto se converteu na escola dos vellos campaneiros, e hoxe é un dos poucos recunchos onde sobrevive esta arte milenaria. 


Os nosos pasos condúcennos pola contorna da igrexa, onde descubrimos o seu amplo e axeitado adro. Ó longo dos anos fóronse instalando pequenas e máxicas fontes esculpidas na rocha. Tamén ollamos portentosas balconadas barrocas, cruceiros, e mesmo outra pequena capela que se agocha tralo santuario principal. Trátase da hermida do Carme, tamén barroca, e tamén co seu particular campanario. Os gustos de épocas pasadas remataron por introducir os espléndidos e vistosos exemplares de flora exótica. No medio destes bastos vales, as palmas e as camelias aportan unha nota de cor e de señorío. 
A sombra dos cipreses semella confundirse coa dos impoñentes campanarios de Bastavales. Sobre deles, teñen tocado xeracións enteiras de campaneiros. Quen sabe cal deles tocaría aquela tarde chuviosa na que, ferida e soa, a musa compoñía os lendarios versos sobre aquelas sombrías badaladas.

venres, 8 de xuño de 2012

A herba miúda do Castro de Troña


"Ás traicións e ás inxurias xordo e cego
sobre todas as cousas deste mundo
arrolar meu amor, nobre e profundo
á redención do escravo chan galego.
E si un día felís contra a inxusticia
nos agros celtas o cramor se escoita,
ser dos primeiros en abrir a loita
baixo a santa bandeira de Galicia.
Seguila sempre, e, lavar o ultraxe
dese feudal, sangrento vasalaxe
que lle impón, contra a lei, a irmán Castela,
ou no aberto combate malferido,
ó pé dun valo vello e frorecido,
unha mañá de sol, morrer por ela!"
Ramón Cabanillas. Vento mareiro

Foron moitas e diversas as formas de vida que existiron no chan galego ó longo dos séculos. Infindas existencias anónimas e silandeiras que poboaron dende sempre tódalas terras ó longo e ancho da vella Patria. A historia de Galicia escribiuse con suor e sangue, con longas e infindas xornadas de loita e traballo na procura dun porvir, dunha terra onde os seus fillos medraran libres no chan que herdaron de seus pais.  O nobre chan galego foi traballado arreo por innumerables xeracións de compatriotas, de bos e xenerosos.
As ruínas do Castro de Troña
Sempre é un privilexio achegarnos ata os recunchos máis indómitos do país para achar novos e descoñecidos vestixios dos fogares máis primitivos dos nosos antergos. Desta volta, viaxamos ata o interior das pontevedresas terras do Condado para adentrármonos nunha das xoias castrexas máis importantes do chan galiciano. Quen sabe cantas familias, antano, escoitarían as historias dos vellos a carón das inmemoriais lareiras deste Castro de Troña! As esquecidas ruelas lembran outros tempos nos que a vida sinxela víase constantemente ameazada polas guerras entre as diferentes tribos. 
A situación mesma do Castro de Troña fálanos dunha sociedade combatente; a cidadela érguese impoñente no alto dun outeiro de case trescentos metros de altitude e que domina os vales do Tea. Este macizo, auténtica atalaia de vixía, sería empregado séculos despois polos señores feudais que ergueron o Castelo de Sobroso, na outra cara do monte. O castro atópase na parroquia de Santa María das Pías, no concello pontevedrés de Ponteareas. Despois das longas escavacións arqueolóxicas, efectuadas entre os anos oitenta e noventa, este encrave tivo que agardar ata o 2010 para verse declarado Ben de Interese Cultural. 
En torno ó século II a.C., antigas tribos que vivían en cabanas de madeira e adobe comezaron a ergueren vivendas e muros de pedra neste outeiro arrodeado de carballeiras. Para podérense adaptar ó esgrevio terreo, tiveron que escavar socalcos e desenrolar potentes cimentos para as súas vivendas. A aldea distribuíuse ó longo e ancho do outeiro, afincándose nas accidentadas ladeiras deste monte. As pequenas vivendas circulares eran recubertas no seu interior con adobe que se decoraba en tons ocres. Os teitos de palla tiñan que ser substituídos cada ano, e era unha das tarefas estacionais máis comúns para estas antigas familias. As vidas camiñaban ó compás das estacións, das tradicionais sementeiras e das agardadas e vitais colleitas.


Mais os habitantes de Troña tiñan medo. Vivían agardando as invasións e saqueos de tribos veciñas que, empurradas pola fame, cobizaban os bens alleos. Naqueles tempos de crise, nos que Galicia era terra de ninguén, os castrexos víronse na obriga de protexeren a cidadela con rexos muros e un profundo foxo que se adentra dezaoito metros baixo terra. Mais nin sequera a rexa fortificación puido frear o avance inevitable do Imperio Romano. A pesares de todo, baixo o xugo imperial, o Castro de Troña experimentou certa prosperidade. O urbanismo imposto polos conquistadores aínda semella resistir a pesares do paso do tempo; as escaleiras seguen en pé, así como as vellas canles que hoxe en día xa non carrexan auga. Os castrexos de Troña, ante o pequeno auxe que estaban a vivir, ergueron despensas e engadiron comodidades nas súas vivendas, tales como lareiras, enlousados e ata pequenos recibidores. 
Contan que se teñen atopado varios muíños de man para moer o gran, auténtico e necesario xerme de riqueza. Pero coa chegada dos romanos, apareceron tamén novas actividades ademais das agrícolas; o comercio converteuse nunha realidade cotiá, que trouxo un novo xeito de entender o troco. As escavacións, efectuadas por vez primeira a comezos do século XX baixo a dirección de Florentino López Cuevillas, revelaron que existiu unha importante actividade comercial con outros lugares do Imperio tan afastados como as Galias. As decoradas cerámicas, as xoias e os obxectos de bronce e moedas, fálannos dunha clase acomodada que ansiaba sacar a relucir a prosperidade e a riqueza da vella cidadela.

Ermida barroca do Doce Nome de Xesús, no alto do Castro de Troña
Pero a partires do século III d.C., os habitantes comezaron a abandonar, non se sabe o motivo, a vella aldea de Troña. Os séculos foron cubrindo de terra e vexetación os antigos fogares desta estirpe de castrexos esquecidos. Os carballos cravaron as súas raigames na profundidade do milenario outeiro, e novas crenzas e xeitos de pensar, foron ocupando a soterrada cidadela. Aló polo século XVIII, a Igrexa ergueu unha capela barroca, a bo seguro que coa idea de extinguir os derradeiros restos de primitivas crenzas pagás. Un fachendoso cruceiro proclama o seu dominio sobre o corazón do castro. De todas aquelas vidas, aqueles fogares, somentes quedan as ruínas.
A herba miúda medra verde por antr’os muros, coma se o alento dos antergos se quixese sobrepor ó esquecemento. Un vello alxibe, esculpido nunha mole de granito, reflicte o mesmo ceo azul e as mesmas estrelas que contemplaban os ancestros dous mil anos atrás. A serpe, símbolo dun deus pagán, sobrevive gravado nunha rocha na que debeu ser unha das rúas principais. A carón da fachendosa capela e do ergueito cruceiro, semella que o antergo petróglifo quixera ceibar un berro de loita, na lembranza de tempos finados.