sábado, 30 de xuño de 2012

Pontevedra, cidade de mercadores e navegantes


"Como antiga carícia Pontevedra respira, nas miñas mañás frias, algun
recordo que me espera, co seu secreto, vestido de branco lenzo.
Maravillado son na Peregrina e digo-a, con coita da miña chaga,
cando volvo solitário cara o norte para insculpir o nome amado".
Cesáreo Sánchez. A escrita do silencio

"Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa..."

Entre as penínsulas do Salnés e do Morrazo, o mar penetra profundamente nas entrañas da costa, debuxando a prácida e resgardada Ría de Pontevedra. As pequenas barquiñas descansan sosegadas nas tranquilas ribeiras, aloumiñadas polas salgadas ondas que proveñen do Atlántico e que arrodean a cotío o arquipélago das Ons. As bateas fican dispostas en calculadas ringleiras a carón da estratéxica Illa de Tambo. Na beira sur, a industrial e portuaria vila de Marín, xunto con Bueu, dominan as ribeiras do Morrazo. No norte, pola contra, loce unha das zonas máis turísticas e recoñecidas do chan galego, con vilas coma Portonovo, Sanxenxo, ou a enxebre aldea de Combarro, no Concello de Poio; é a ribeira sur do Salnés. Toda a contorna fica engalanada con algúns dos mellores e máis recoñecidos areais do País. As ladeiras, que finan docemente na beiramar, amosan o esplendor das vides do albariño. Na primavera, as mimosas acostuman a esparexer o seu arume e as súas sementes no vento mareiro, namentres as gaivotas sobrevoan as rochosas illas, e pousan sosegadas nas prácidas ribeiras da costa pontevedresa.
As Rías Baixas, entre as que se alcontra a Ría de Pontevedra, formáronse despois da última glaciación. A terra foise transformando, e os glaciares morreron e os seus vales costeiros foron anegados polo Atlántico. Así naceron estas sosegadas rías, inigualables xoias costeiras de Galicia. No caso da Ría de Pontevedra, foi o río Lérez o que traballou moi de vagar as ladeiras, e nutreu esta enseada de paz e sosego. As preguizosas augas que o Lérez trae dende as altas Terras de Montes, finan paseniño nas lamacentas marxes da ría. Nembargantes, antes de entregar as súas augas, o sinuoso curso do río arrodea un rochoso outeiro sobre o que se asenta, dende tempos inmemoriais, a vella cidade de Pontus Veteris, a Ponte Vella. 


O antigo burgo dos navegantes, capital de provincia e de comarca, érguese no máis profundo da ría, a case oitenta metros sobre o nivel do mar e na ribeira esquerda do río Lérez. A súa importancia administrativa contribuiu a converter a vella Pontevedra nunha cidade moderna, cuia economía se sustenta nos sectores do turismo e dos servicios. Nembargantes, as súas ruelas agochan os vestixios de antigos tempos de prosperidade.
A historia de Pontevedra xira en torno á súa ponte, a mesma que dá nome á cidade, e que os romanos ergueron aló polo século I d.C. Neste elevado outeiro a carón da desembocadura do Lérez, os conquistadores instalaron unha mansión de parada na Via XIX, coñecida como Mansio Ad Duos Pontes. A ponte actual, coñecida coma Ponte do Burgo, foi erixida sobre a romana aló polo século XIII, e sobre os rexos piares de cantería aínda poden verse as vieiras gravadas no granito. Son vestixios e lembranzas da época dourada das peregrinacións, cando milleiros de peregrinos atravesaban a cidade seguindo o trazado do Camiño Portugués. A ponte condúcenos ata a zona vella, corazón do vello burgo e antano cidade de mercadores. Polas súas pequenas ruelas conflúen as vidas dos habitantes, co trafego do día a día. O ambiente non debeu diferir moito do que antano reinaba polo casco histórico de Pontevedra. 
Os nosos pasos lévannos ata unha ampla praza presidida polo antigo Convento de San Francisco, de orixe medieval, e que foi abandonado trala Desamortización de Mendizábal, no ano 1836. A fachada románica, do século XIII, é o que queda do edificio orixinario. Nos seus meirandes momentos de esplendor, foi o lugar escollido polas principais familias adiñeiradas para soterraren ós seus devanceiros. Nos seus adentros, aínda se poden ollar os vellos e sombríos sartegos dos señores do Burgo da Ponte Vella. Agora, as pombas sobrevoan ceibas o campanario, pousando nas roseiras e peteirando nas miolas que os máis vellos teñen a ben ciscar, a carón dos bancos e á sombra das camelias. 

O Convento de San Francisco, en pleno corazón do casco histórico de Pontevedra

De camiño ó alto, imos atravesando as pequenas e empedradas ruelas, ateigadas de vellos fogares dos artesáns e mercadores que, aló polos últimos tempos da Idade Media, contribuíron a cimentaren a prosperidade que logo acadaría esta cidade. Durante o Renacemento, a importancia da súa feira e a súa estratéxica situación, converteron a Pontevedra na cidade máis poboada e próspera de Galicia. Polas súas rúas e peiraos, os mercadores e os viaxeiros navegantes, arribaban a porto para levaren a cabo as súas faenas. Os poderosos gremios de artesáns xestionaban o comercio e a produción dos máis variados útiles e obxectos de valor. Foi esta cidade o berce de ilustres navegantes, piratas e descubridores, que exploraron o alén do horizonte. O descubridor Sarmiento de Gamboa, o pirata Benito Soto, e os irmáns García de Nodal, son algúns dos ilustres mariños que ousaron atravesar o océano que sempre ollaron dende a súa Pontevedra natal. Tan importante e próspera foi a actividade comercial, que tivo que ser o Gremio de Mareantes o que sufragara a construción da igrexa máis importante da cidade. Atopámola no alto, ergueita de xeito esplendoroso e recortada contra o ceo. Ante nós fica a Basílica de Santa María A Maior, erixida como símbolo da época de gran esplendor, na que os grandes veleiros, ateigados de mercadorías, arribaban ós pés do maxestoso santuario. A súa fachada plateresca, proxectada por Cornielis de Holanda e o portugués Joao Nobre no século XVI, érguese ante nós desafiando o horizonte. É o símbolo daquela época de prosperidade. 
Igrexa da Peregrina, a carón do Camiño Portugués
Nembargantes, pronto chegou a decadencia; a perda de caudal do vello e fatigado Lérez, as guerras alleas, e o esquecemento dos reis de Castela, provocaron que a actividade comercial e artesá fose decaendo. Porén, desta época data o que pode ser o monumento máis coñecido da cidade. Os nosos pasos achégannos ata a Igrexa da Peregrina, obra mestra do Barroco tardío galego. Foi erixida a finais do século XVIII seguindo os planos de Antonio de Souto e Bernardo José de Mier, que reproduciron na súa planta a forma dunha cuncha de vieira. O que máis impacta ós peregrinos é a ousada fachada convexa, decorada con elementos neoclásicos, e presidida por dous campanarios que se adaptan á curvatura. A peregrina semella portentosa de máis para ter xurdido nunha época convulsa i escura. O Rexurdimento chegaría a comezos do século XIX, cando coa nova estructuración territorial, Pontevedra foi designada capital de provincia. Isto contribuiu a darlle a esta cidade unha segunda oportunidade na historia. Dende entón, o Burgo da Ponte Vella non deixou de medrar. A Ponte dos Tirantes, que se ergue estática e moderna sobre a cidade, é unha boa mostra do novo rexurdir de Pontevedra, o vello burgo de mercadores e navegantes. 

Ningún comentario: