A lagoa dos patos.
A parella lanzando
unha botella ó mar.
Regatos do verán.
Augas e unhas mans
que alí lavarán
seivas de amor puro.
Camiños de por Muros.
Solitarios e duros
de andar, entre xuncos.
(Os frades coidan a horta)
Arroaces na porta
da ría, prata absorta
que brinca. Campá tola
rezando no eirado.
Monte Louro pelado.
Vía Crucis que andamos
con paso namorado.
Unha frecha cruzándonos".
Luis Rei Núñez, A casa na brétema
Pasou o San Xoán e xa ficamos inmersos no verán. Esta época estival convídanos a facer unha parada nas nosas axetreadas vidas para achegármonos a calquera dos innumerables areais que engalanan toda a costa galega, dende a Guarda ata Ribadeo. Estas praias, cada unha das cales é única, son remansos de paz ó longo da nosa esgrevia e irregular liña costeira. Nesta época, son moitos os bañistas e forasteiros que se achegan a estes paraísos de area e mar, para disfrutar das refrescantes e salgadas augas, e tamén das súas brancas e finas areas. Nembargantes, algúns areais permiten tamén admirar a paisaxe, a natureza e a lenda. Desta volta, aproveitamos as primeiras raiolas do verán para achegármonos a un deses areais míticos do litoral coruñés.
Vista dende a baixada de Taxes, preto da Laxe das Rodas |
O sol alumea a
fermosa e longa praia de San Francisco, ós mesmos pés de Monte Louro. Este
areal, acubillado no fondo dunha pequena enseada situada na fronteira norte da
Ría de Muros e Noia, acolle a multitude de bañistas que aportan vida e
prosperidade ós veciños da pequena e fermosa parroquia de Louro, no concello de
Muros. Esta antiga aldea de mariñeiros, viviu certo auxe grazas ó turismo,
aínda que segue a conservar algunhas das antigas vivendas de pescadores, así
coma cruceiros, cabaceiras, unha igrexa, e mesmo un Via Crucis que gabea polas
ladeiras. Sen embargo, o monumento principal da parroquia é o Mosteiro de San
Francisco (Século XIII), que lle dá nome á praia e á sé parroquial.
Cara ó sur, a
enseada de San Francisco amósase aberta ás plácidas augas da ría. Nembargantes,
polo norte, a baía fica dominada pola impoñente silueta do ancestral e lendario
Monte Louro. Este esgrevio macizo granítico fica ergueito entre dous mares,
separado do continente por unha estreita franxa de terra. Contan que esta
sinuosa península emerxeu do mar hai máis de dous millóns de anos. Sobre a súa
rochosa cortiza, apenas dan medrado os toxos e as silveiras, e os penedos
graníticos relocen ó sol, dando nome a este mítico monte costeiro. As súas dúas
cimas érguense a 277 e 244 metros sobre o nivel do mar, rachando a liña do
horizonte.
A parte exterior
da península fica aberta ó mar máis fero da Costa da Morte; non en van, Monte
Louro ten sido considerado o remate desta costa de naufraxios. O vello faro,
erixido no ano 1862, vela para que os mariñeiros volten sans e salvos ós seus
fogares. Mentres tanto, o vento remexe as douradas dunas da mítica praia de
Area Maior, namentres os mazaricos peteiran na ribeira, e as gaivotas sucan os
ceos para logo pousárense nos altos i esgrevios penedos de Monte Louro. Este
maxestoso areal, de mil catrocentos metros de lonxitude, fica presidido por un
alongado sistema dunar que actúa de dique para as augas que o Río Longarelo
deposita na Lagoa de Xalfas. Este impoñente brazo de area presenta somentes
unha saída para a auga da lagoa, o que permite a conformación dun valioso e
rico ecosistema.
A pequena Lagoa
de Xalfas, duns douscentos metros de diámetro, constitúe un remanso de paz e
sosego para infinidade de aves migratorias que procuran o acougo da lagoa para
coller novos folgos e novos destinos. O parrulo real, o mergullón pequeno, a
galiñola negra, o pato chupón, o rascón de auga, a cerceta real, a garzota
común ou as esveltas garzas, son algunhas das moitas especies que aquí se poden
albiscar. Este entorno húmido, repleto de xunqueiras, árbores hidrófilas e
plantas acuáticas, constitúe o hábitat ideal para todas estas aves de paso.
Entre as especies de flora, cabe destacar a Lilaeopsis Caroliana, unha especie
que somentes aquí pode ser atopada. A comuñón da auga doce da lagoa, coa
salitrosa auga mariña do Atlántico, crea unha explosión de riqueza biolóxica
que mesmo permite a existencia de mamíferos tan difíciles de ollar por estas
terras coma as lontras. Dende o alto do monte, as aves rapaces ollan os seus
dominios; a diario sobrevoan a antiga e lendaria Lagoa de Xalfas. Contan os
máis vellos que baixo as augas deste humidal fica mergullada unha antiga
cidade, hoxe case esquecida.
Vista xeral de Monte Louro dende Porto do Son |
Dende a beira sur
da Ría de Muros e Noia, a silueta de Monte Louro érguese impoñente. Os
mariñeiros acostuman, dende tempos antergos, a ollala para coñeceren o estado
do tempo. Observando con sabedoría o horizonte dominado por esta montaña
lendaria, os lobos de mar de Porto do Son ou de Portosín predicían a evolución
das treboadas. A carón da lagoa, mentres tanto, os fermosos e belidos parrulos
gozan da paz que semella emanar das súas augas. Nas húmidas veigas aínda pacen
sosegadas as ovellas, coma o levan facendo dende sempre. O sol esvaécese no
amplo horizonte, namentres a luz xoga coa impoñente silueta do vello e sinuoso
Monte Louro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario