domingo, 28 de decembro de 2008

Antre os sendeiros das Fragas do Eume


"A fraga ensimesmada de nuves.
A luz baixa e grave.
Afondador o Eume
por amor de Ti á terra.
Algo en ti abre-se a Coñecimento
criador do inexistente e todo é
azaleia e atardecer"
Cesáreo Sánchez


O xa vello ano 2008 comeza a finar, namentres nos sendeiros e pontes que acompañan o curso do Eume, o musgo e os liques enferruñan as pedras i enfeitizan os camiños que nos conducen ao Mosteiro de Caaveiro. Semella que antr'este paraíso, declarado Parque Natural no ano 1997, a nai natura amósanos a esplendorosa riqueza ecolóxica e ensínanos a pequena ollada da sempre máxica e feiticeira Galiza. A bo seguro que namentres nas cidades e nas vilas os veciños fican nos fogares gozando cos festexos, nas fértiles ribeiras do río Eume, a natureza enxendra vida i estende as súas fronteiras. Londras, xabaríns, píntegas, troitas, fentos, carballos, bidueiros e castiñeiros, entre outras moitas especies, conforman a riqueza natural deste río e das súas ribeiras. A fin deste camiño a carón do Eume intúese cando pisamos as pedras do antergo chan do Mosteiro de San Xoán de Caaveiro; espello do Medievo e fogar de antigos anacoretas. No ano 1975 foi declarado Monumento Histórico-Artístico. Aló polo 1800, os monxes fuxiron como a esquiva auga que conforma este privilexiado espazo, e semella que só a propia man da natureza protexeu ao longo do tempo os muros que conforman este misterioso e abandonado mosteiro. O tempo, a auga e os fentos foron conformando este espazo onde camiñar é unha garantía de sosego, paz e admiración natural. As especies que conforman a paisaxe deste harmonioso lugar seguirán creando vida, e as súas sosegadas e coloridas augas, fertilizarán estas ribeiras. Os bufos seguirán sendo os centinelas das fragas; os reos e troitas, os donos das súas augas, e os áxiles raposos seguirán a ollar de esguello ós intrépidos visitantes que, coma nós, ousan adentrarse nos misteriosos camiños que nos amosa esta fraga. Que as fértiles ribeiras do Eume sigan a portar a sempre valiosa semente da vida, como ata o de agora e ao longo dos séculos.

domingo, 21 de decembro de 2008

Piornedo dos Ancares: A Aldea Prerromana


"As pallozas d'o povo,
Cheas d'as armonías d'o traballo,
Agachadas, cal tigres,
Dende lonxe respétano y-acátano,
Agardando que os muros se despromen
E ríndose namentres pol-o baixo...
¿Qué foy d'o morador d'esa vivenda,
N'a que en tempos pasados
S' esnaquizóu a pátria en mil parcelas
Entr' os que por seu amo pelexaron,
Y-onde nunca petou a mau trembona
D'o camiñante canso
Que alcontrara agarimo ou doce fogo
D'os ateridos membros pra reparo?"

Manuel Curros Enríquez, O último fidalgo

Piornedo é unha aldea prerromana da comarca dos Ancares. Por estas datas, os teitos de palla ficarán cubertos de neve namentres os animais e as ferramentas de traballo refuxiaranse nas pallozas do pobo; cheas das harmonías do traballo. Unha das mellores descricións da lonxeva vida destes esquecidos lugares da montaña galega, pode ser Cerco de Ferro, de Darío Xohán Cabana, coa que vos deixo. Espero que a disfrutedes e vos mergulledes de cheo nos cálidos recendos dos lugares dos Ancares:

“Os cabos de xente baixaron as frontes. Algúns nenos choraron, e algúns de nosoutros choramos tamén, polas nosas mulleres e polos nosos fillos, e polos nosos irmáns mortos con honor. Choramos tamén polas nosas aldeas, e polos nosos horteiros, e polos nosos montes de caza. Nosoutros eramos libres no mundo. Os ríos corrían ledos de troitas e de oucas. Sentabámonos en rolda nas nosas pallozas de pedra e colmo, quentiños no inverno. Cantabamos, diciamos historias, bebiamos cervexa se a había. Eramos donos do mundo, nosoutros: donos da terra e dos seus carballos cargados de landras, donos dos cervos e dos xabarís, donos dos ríos e dos mares, donos do verán e do inverno, donos da noite e mais do día. E agora aquí, cercados na montaña. Conviría morrer. Cantar tamén, e cantamos tristemente. A noite pasou.
Hai pequenos bosques de teixos antigos, mestos. Están callados de bagas.
O gran consello ponse en círculo e pensa: vintecatro anciáns: nunca tantos se viran xuntos nos días alegres. Nunca tantas persoas feridas e cansas se xuntaran nunha montaña. Agora vemos quen somos: nada xa. Eramos moitos e grandes, e estrados. Agora estamos xuntos os que fomos ficando, cercados de ferro.
—Non hai saída pra todos: algúns escollidos poden cruzar a liña de ferro, quizabes.
Así fala o ancián dos anciáns: moitos invernos viron os seus ollos mancados, e moitos veráns doutrora, ledos e farturentos.
—Ninguén vai saír. Un home non é nada fóra do círculo dos seus. Un guerreiro non pode fuxir e deixar os seus dentro dun círculo de ferro. Xa vivimos bastante: non queremos fuxir.
Os potes están ó lume: fermosos potes onde outrora se cocía a comida nas nosas pallozas. Comemos o derradeiro pan, bebemos a derradeira cervexa, doce ó padal. Cantamos e danzamos coa derradeira alegría. A montaña treme baixo dos nosos pés, e o ceo treme co noso aturular. Vai frío, pero espímonos todos: a montaña é nosa por derradeira vez e pra sempre.
Ferven xordamente os potes que outrora cocían a mantenza dadora de vida. Agora cocen as bagas e as follas máis tenras do teixo. O caldo vaise facendo espeso, visgoso, escuro. Estase acabando o día, e o sol déitase pra nós. Mañá, os inimigos poderán subir á nosa montaña”. 

Cerco de Ferro, Darío Xohán Cabana


venres, 12 de decembro de 2008

A Punta Nariga



"Silvasmouras, silvasmouras;
Da grande ruïna escura,
Certo non vos estrañédes,
Nin vos fagádes preguntas:
Non preguntés por qué causa,
O fero mar desfigura,
Co eterno e duro combate,
De Nariga a ruda punta:
Non son vagamundo, non son un bandido,
Fóran cousas da ventura"

Eduardo Pondal

Unha vez visitado O Roncudo e as Illas Sisargas, teño a obriga de mostrar o "eterno e duro combate" do fero mar de Pondal: Punta Nariga. Esta punta e o seu Faro, creado en 1995 polo prestixioso arquitecto galego César Portela, fica en Barizo, entre O Roncudo (Corme) e as Illas Sisargas de Malpica de Bergantiños. A estrutura deste faro semella recrear a proa dun navío, desafiando e ollando ó mar da Costa da Morte bergantiñá, e as pedras do Porriño e Mondariz ergueron o mastro do facho dos mariñeiros. De fronte; a escuma, a brétema, o vento e o mar. Esta faísca resulta ser a máis moderna da costa peninsular, e a súa luz acada as 20 millas. De camiño á punta pódese observar un parque eólico. É frecuente a presenza destes parques nas mellores paraxes das Rías Altas, como nas ladeiras do Vilán ou na costa de Carnota, provocando un detestable e reiterado impacto paisaxístico. A súa serea non garda silenzo nos trebóns, e a dura e alertante voz viaxa sen ecos coa brétema deste mar de mortes e de traizoeiros baixos.

"Oín cantar a sirena
alá no medio do mar:
cántos barcos se perderon
ó son daquel cantar"

Cantiga popular

Que a serea e a luz do Faro de Nariga alerte aos mariñeiros nas noites de treboada; aquí, onde a palabra morte protagoniza o nome da nósa costa!

sábado, 6 de decembro de 2008

Desembarco nas Torres de Oeste



"Mariñeiro sen vento e sen luceiro,
navego por misterios de ribeiras
inzadas dunha especie estrafalaria
de eucaliptos con aire de desgaire.
Con degoiro porfío itinerarios
que me levan a portos ilusorios.
Preciso navegar doutra maneira.
Quero ser mariñeiro de Catoira,
vikingo con monteira.
(Por ti, Ferreiro,
vocación de labrego e mariñeiro,
levanto a miña copla de ribeira)"

Miguel Anxo Mouriño

Escandinavia foi o porto de saída dos drager ou skuder, naves lixeiras que tomaron rumbos de guerreiros e navegantes viquingos na Europa da Idade Media i entrámbolos séculos VIII e XI. O destino, a Galiza. Jacobsland (as terras de Santiago). Nas acougadas augas do descenso do Ulla, e máis concretamente nas ribeiras das Torres de Oeste, unha numerosa escadra normanda composta por máis de cen naves, asaltan o recinto defensivo queimando e destruíndo todo ao seu paso, namentres os veciños de Catoira erguían legóns e fouciñas para defender os seus fogares a as súas familias. Na actualidade, as torres ensínanos os resquicios e rememoran gran parte da anterga historia da Galiza. Este recinto é un dos máis importantes legados históricos e arqueolóxicos do País Galego e, xa no ano 1942 foi declarado Monumento Nacional. Dende 1962 celébrase o primeiro domingo de agosto a Romería Viquinga, unha festa de gran sona que rememora o desembarco viquingo e recrea a chegada das tropas normandas a estas terras de Arousa. Esta festa foi recentemente declarada de Interese Turístico Internacional.


Os viquingos do norte non sempre saíron victoriosos. O periodista, médico e poeta Alfredo Vicenti Rey, narra e recrea a derrota que sufren os normandos a mans do exército do Obispo:

"Al llegar cerca de él- el Castillo Honesto- la flota de piratas chocó con las cadenas atravesadas de una a otra orilla. Saltaron a tierra según costumbre los invasores, pero antes de que pudieran internarse salióles al encuentro el ejército del Obispo a quién por medio de hogueras encendidas de montaña, se había anunciado el suceso desde el punto mismo en que la escuadra embocaba la sosegada Ría de Arosa. Terrible fue la batalla. Los normandos cayeron uno a uno y sus gallardas naves, armadas de tajantes espolones y cubiertas de listas de hierro, fueron entradas a saco y convertidas luego en luminarias de triunfo". Crónica Compostelana. Recreación histórica de Alfredo Vicenti.

Que as sosegadas augas da Ría de Arousa non sexan escenario de máis batallas que as da súa conmemoración e romería anual.

venres, 28 de novembro de 2008

Illa de San Simón, A Estación das Almas


"Sediam'eu na ermida de San Simón
e cercaronm'as ondas, que grandes son,
eu atendendo ao meu amigo,
eu atendendo ao meu amigo"

Mendinho

As aves da díáspora, que a rentes do mar surcan camiños, deixan de voar e peteiran na beiramar da enseada de San Simón, na Ría de Vigo. Quizais sexan as mesmas que a semana pasada, e mesmo nos días de Pondal, aproveitaban as correntes do incesante e sempre presente vento das Sisargas. As aves de paso e as súas tradicionais visitas foron as vivas liberdades que soñaban os presos do cárcere de San Simón. O ensanguentado chan do campo de concentración e estación final de almas republicanas, socialistas e comunistas durante a Guerra Civil, foi tamén mosteiro, lazareto e orfanato. Na Idade Media ficou na inspiración de Meendinho i estivo habitada por templarios e franciscanos de curta estadía. En 1702, a illa foi esceario e testigo presencial da Batalla de Rande; loita cos ingleses polo sempre prezado ouro e xoias chegadas da América, nos fatigados e trunfantes galeóns da Coroa de Castela, saíndo estes derrotados. Agora os asolagados navíos agochan lenda, tesouro e historia baixo o mar das ondas de Mendinho. En 1859, a illa é saqueada por piratas ingleses do talle de Francis Drake. Semella que os pasos da historia escollen bo sendeiro, xa que en 1999, a illa é recoñecida coma Ben de Interese Cultural e recentemente habilitada e convertida en centro de recuperación da memoria histórica. Agora esta illa fica solitaria e toma folgos para seguir sendo refuxio de aves, leprosos, piratas, monxes, falanxistas, comunistas ou poetas. Seguirá sendo a estación das almas de paso, residencia de estadías indesexadas.

venres, 21 de novembro de 2008

As Sisargas de Santo Hadrián


"... e van en ringleira
gritando e voando,
en demanda das illas Sisargas,
eu noto reparo.
Ah! quen fora como elas tan libre!..."

Eduardo Pondal

A escasos 750 metros de Santo Hadrián, na mariñeira vila de Malpica, érguese o arquipélago da Costa da Morte no Mar dos Ártabros, o linde pétreo das Illas Sisargas. As lendas falan de cultos a Santo Hadrián, patrón dos mariñeiros. No 1853, Celedonio de Uribe prende a mecha do Faro das Sisargas para alumear o vello Mar Ártabro, excelentemente mergullado no arquivo do tempo polo tardío ollar surrealista do pintor coruñés, Urbano Lugrís. A súa altitude é de 111 metros respecto ao nivel do mar e o arquipélago está formado polas illas Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante. Este territorio é agora un paradiso de aves como a gaivota escura, o arao dos cons, corvos mariños, andoriñóns reais e choias, que deben voar tan ceibas como as que describe Pondal; "Quen fora como elas tan libre!" Malpica e as súas embarrancadas rúas ollan ó porto, sendo este o centro de principal actividade da vila. Preto da lonxa, as mulleres tecen as redes da esperanza e o sustento, mentres os rapaces xogan. As gaivotas e o vento traen con eles os sons doutros tempos no porto da Malpica de Bergantiños. As Illas Sisargas fican agora silandeiras, sen serea e sen torreiros, pero sendo o paradiso das aves de Pondal, e escoitarán por sempre o eco da linguaxe das súas aves.

venres, 14 de novembro de 2008

As Ondas do Mar de Cangas



"As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña"

Celso Emilio Ferreiro


As ondas do mar de Cangas, xunto coa colorida vila da Guarda, no corazón do Rosal; foron os primeiros recunchos en amosarnos as sosegadas augas termais das Rías Baixas. Seguímola ruta do Albariño sen perder de vista as sempre impresionantes e solitarias Illas Atlánticas e os horizontes de bateas. Os cormoráns, gaivotas e araos son os donos desta costa marisqueira, e na vila de Cangas do Morrazo e o seu Cabo Home, de fronte ás Illas Cíes, fican como berce ecolóxico e virxe para estas especies. A miña frenética viaxe ás Rías Baixas deu moito de si, como vos irei amosanso pouco a pouco. O porto de Cangas e a súa multitude de praias agochan loita e traballo no mar. O turismo, a historia, os seus veciños, e a súa proximidade coa cidade olívica semellan nutrir de vida este porto de lendas, inspiración e aves mariñas. O Cabo Home é un punto estratéxico para observar o curso das aves, e lembroume moito á Britona galega polos seus cantís de fronte a un mar de diáspora para as almas viaxeiras, as enloitadas aves de paso. Boa sorte e saúde para os veciños do Morrazo, xentes que ollan de fite ás Cíes e ó camiño incerto do instinctivo rumbo das aves.


martes, 4 de novembro de 2008

Atardecer no Roncudo, Corme



"Amar amas con son ainda máis
ama o sol incendiando o horizonte
de amarelos e malvas".

Cesáreo Sánchez

Este pasado mes de outubro deixou fermosos solpores nos horizontes galegos. En Corme, os atardeceres mesturan as cores do ceo coa branca escuma do mar do Roncudo. O mellor percebe é o combatente e residente milenario dos cons desta punta, onde o mar bate con furia. O mar de Corme marca para moitos o comezo da Costa da Morte, pois as súas augas agochan traxedias marítimas ó longo de toda a historia. En 1879, O Óscar, un vapor de bandeira austríaca, embarrancou nos baixos das Barrosas do Roncudo e afundeu logo de rachar á metade. En 1907, a espesa brétema da noite tamén fixo naufragar ó pesqueiro Gladiator, pero non levou consigo vidas, xa que os seus trece tripulantes conseguiron salvarse.

A Pedra do Roncudo, berce do mellor percebe, ás veces cobra a súa vinganza cos mariñeiros e mariscadores do lugar. As cruces brancas fican coma testemuña destes tristes sucesos. Cóntase que uns mariñeiros ingleses crearon unha delimitación fai máis de dous séculos; Cabo Roncudo-Cabo Fisterra, considerando o Arco Fisterrán coma o tramo de costa máis perigoso pola cantidade de baixos ou laxas que se agochaban a poucos metros da costa, así como polos temporais, a borraxeira e os naufraxios. A nosa visita foi curta pero intensa. Fomos recibidos pola Pedra da Serpe, un cruceiro cunha base de rocha granítica, na cal se pode observar unha serpe alada tallada na mesma. De camiño ao porto, observámolo ir e vir da xente da vila, e na praza deste pequeno porto, as mulleres mantiñan conversas namentres os rapaces xogaban. Decidimos coller rumbo ao Roncudo, e nel escoitamos o incesante ruxido ronco do mar, divisando o que xa escribira Cesáreo Sánchez; "O sol incendiando o horizonte". O Roncudo é outra das visitas de obrigado cumprimento na Costa da Morte. ¡Que o mar siga mantendo con vida ó prezadísimo percebe de Corme!.

sábado, 25 de outubro de 2008

A branquiña neve do Cebreiro


"Tódolos tempos tempiños son
pero a neve é gran prisión"
Verbo antigo
"ENCONTRAR no Cebreiro a atrancada:
neve folga no tourón basada.
De polvoriña e xistra rexeitado
á Faba i a Lagúa a arrecadadas.
Esbarar ó Valcarcel en irado
a favor das barras aguzadas.
Repetidas súpetas petadas
entre piornos tornos xestas
hastra o val das augas batanadas"

Uxío Novoneyra

Esta mañá, mentres repasaba a prensa, unha nova supuxo ser un analxésico no medio desta loita de economías internacionais e crises, hipotecas e despidos. A nova non era outra que a caída das primeiras neves nas aldeas da montaña galega. Isto lembroume aquela visita que fixeramos ó Cebreiro e, por este leda lembranza, debe protagonizar esta entrada o milenario lugar do Cebreiro. A neve do Cebreiro reflícte coma un branquecino espello o duro e esperanzador raio dos abrentes, acougando as duras xeadas. Na Casa Carolo, no Alto do Cebreiro, as vinganzas cóbranse moi custosas para os merodeantes corzos e xabaríns que asolagan as colleitas e os campos. Estes animais pasan a formar parte dos recordos de saídas ó monte trala presa ameazante, as batidas, o impulsivo respirar dos cans. No fogar dos Carolo, a cacheira de xabarín tamén esconde recordos de lendas e xantares. Nesta casa de comidas, a fartura e a lonxeva labor cociñeira son, xunto coas súas inmellorables materias primas, a esencia do bon facer coa súa feiticeira e leda hospitalidade. Pechados os buches, desabrochados os cinturóns, e logo dun bo xantar ao pé da histórica e sempre viva lareira co seu cálido recendo a madeira de castiñeiros, vidueiros ou carballos; visitamos os recunchos que daban vida ó lugar.


O Cebreiro é a porta de entrada á Galiza para milleiros de camiñantes que, solitarios, vagan nos sendeiros do Camiño Francés. O Alto do Cebreiro é o estratéxico corazón da montaña de Lugo, pois separa aos Ancares do Courel, ficando coma unha impoñente atalaia sobre estas dúas feiticeiras terras. As pallozas e cabazos comezarán a ficar baixo o espeso e xélido manto de neve. Os acivros serán auténticas pantasmas que fructifican espiños e dan fe dos derradeiros e misteriosos cantos da pita do monte, da inquedante presenza do lobo ou da rutinaria visita do oso pardo. Namentres a neve siga a desplomarse sobre dos lendarios teitos de palla dos fogares do Cebreiro, coma cada ano, alumearán as lareiras e o fume que se mestura co aire frío da noite será o sinal que foi ata o de agora; sinal da acolledora hospitalidade e do calor e paz dos seus fogares. O millo xa se gardou nos cabazos, e o inverno que comeza acouga ás familias baixo os teitos; o recendo dos cocidos e laconadas confirmarán a marabillosa rutina dos invernos do Cebreiro. ¡Benvida á nova e primoxénita neve do Cebreiro!

venres, 17 de outubro de 2008

Navia de Suarna



O tempo e o Río Navia foron sepultando ó seu paso as pedras que conformaban o Castelo do Conde de Altamira logo de ser derribado nas Revoltas Irmandiñas, aló polo ano 1467. A súa xigantesca ponte medieval foi o cordón umbilical entre os veciños que habitaron as súas ribeiras ao longo da historia da fronteiriza vila de Navia de Suarna. Este lugar con longa tradición de pesca fluvial limita ao norte con Asturias e ó leste con León. Os seus veciños ollan ó río e, nas tabernas, os cazadores conversan encol de vitoriosas batidas. Cheira a fume de lareira ó percorrer as rúas e, o día da feira, unha gaita dá o comezo mesturada co recendo e o axetreo da pulpeira. O outono é un bo momento para coñecer este máxico lugar, observalo curso do río que osixena as terras de Navia, e disfrutar da ledicia e paz que se respira. Os lobos ouvean ó luar dende os altos i escarpados montes da Comarca dos Ancares, e as voces que dende os mesmos vales denunciaron as inxustizas e o asoballamento que sufreu o chan dos Galegos, eran os ecos que de novo semella que volven resoar, Fuxan os Ventos. Como xa teño comentado na entrada anterior, este mítico grupo de músicos retornan pra bate-lo puño sobre da mesa e pra deixar voar a súa música e as súas letras. Déixovos cunha das súas máis míticas letras:

"Por unha noite de séculos
corrian tres feros galgos,
tres feros galgos da noite
afiados coma dardos.
Un lobo de ollos de lume
tras deles iba avanzando;
levaba luz nos seus ollos,
luz de días agardados.
Entrando en terra de soños,
iban os soños cantando;
Corre, lobo de esperenzas,
brinca muros e valados,
que eses tres galgos de noite
queden vencidos e escravos.
Ponte de luz as estrelas
con nova forza alumaron;
os galgos corrian ben,
mais o lobo iba eirado
e nun recanto de lume,
matounos de tres zarpazos.
E os rios cantaron a coro
un canto nunca cantado,
o horizonte abríuse en cantígas
por un craro navallazo,
e u ceo foi outra vez
un ceo azul e mais branco"

O Lobo


martes, 7 de outubro de 2008

Fogar de labradores dos Ancares


"¿Qué acontece n' aldea??Antes de agora
Vina, y- alegre estaba;
N'ela todo era festas e trouleos,
E bailes e fiadas;
N'os campos escoitábanse as degrúas
D'os sachos y- as eixadas,
N'os fogares as frescas armonías
D'as risas e d' os bicos, q' estralaban".

Manuel Curros Enríquez, Aires d’a miña terra

A semana pasada conmemorámo-la vendimia nas ladeiras do Sil, e desta volta homenaxearemos ao tesouro procedente da América que tanta fame desterrou dos fogares galegos e que agora tamén comeza a dar o seu froito; O millo, e os incesantes e loitadores labradores. Entre setembro e outubro comézase a recoller e gardar en cabazos de madeira e palla, tan identificativos e antergos do Val de Ancares. As vellas mans desfollan as espigas coma así o fixeron as mans dos seus antergos, cos mañosos xeitos que peitearon a mesma terra ao longo dos séculos, e debullaron os mesmos grans e plantaron a mesma semente. Os fogares dos heroicos labradores fican polo día baleiros pero fieis, húmidos teitos e berce dos últimos segadores que lle rouban o día á noite e sementan no inverno pra recoller no verán. Nas aldeas dos Ancares, as duras xeadas baleiran os pratos e asolagan as hortas, enmudecendo os laios dos fogares onde se refuxian os labradores. Sementar, sachar, sacalas vacas e as ovellas ós prados, limpar as cortes, picar rachóns, muxilas vacas e recollerse ao caer o día. Á noitiña, a lareira acouga a fame e os vellos falan dos tempos e lendas, de loita e traballo, de herdanza e bondade. A sempre presente sombra dun fogar acouga a loita do traballo e resgarda as vidas dos peiteadores da terra dos Ancares. A emigración avellenta os fogares da triste Galiza que cada vez máis se observa nas aldeas de gran parte do interior galego. O pesadelo é a diáspora, as pragas, as sequías e a falla de colleitas. O clima, a eterna e discutida súplica. Que a derradeira colleita de millo nos Ancares, i en toda Galiza, sexa a lendaria colleita dun futuro mellor, dun novo porvir.

Volven Fuxan os Ventos
O grupo Fuxan os Ventos fixo unha férrea defensa ao longo da súa traxectoria musical dos labradores, mariñeiros e traballadores, e denunciou en moitas das súas cancións a diáspora, así como o deterioro e esquecemento que estaban a sufrir as pequenas aldeas de Galicia, homenaxeando ás xentes, vellas e novas, que simbolizan o pasado e o futuro da cultura galega, do noso país. Desgraciadamente, o grupo fixo un parón de anos. O retorno ós escenarios deste grupo lugués, a nova agardada por tódolos seguidores de Fuxan os Ventos, farase realidade os vindeiros días 18 e 19 deste mes de outubro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O grupo volve para seguir revindicando os dereitos e a cultura dos galegos. O disco ten como título: Terra de Soños, e nel colaboran artistas como Guadi Galego, Mercedes Peón ou Nova Galega de Danza. Déixovos coa letra dunha das cancións, para min, máis boas de Fuxan os Ventos, na que denuncian a soidade dos que quedan nas aldeas. Fame, Soedade e bágoas:

Noutrora morría o lume
e os nenos topeneaban
namentras o Manuel
botaba unha ollada ás vacas.

O compañeiro morreu
e os fillos, ¡quen os xuntara!,
que o vento da emigración
espallounos como fiaspas.

¿Por quen agardas, María,
coa Lúa chea de lobos
e as estrela afogadas
na fonda cunca dos ollos?

¿Por quen agardas teimosa
na noite mais ateigada?,
ninguén precisa de tí
nin tí precisas xa nada.

¡Se foses nova!, ¡quen sabe!
se aló nunha patria estrana
atoparía-la quentura
dun home, un pan e unha casa.

Que esta terra soio dá
fame, soedade e bágoas.
¡Ai quen poidera fuxir
na compaña da esperanza!.

Agora xa non, María,
somentes a terra agarda
e chama por ti mainiño
pra que xurdas nas carpazas.

Pra que xurdas na carpazas,
pra que emergullas nas fontes,
pra te acaneares nas arbres
ó compas do vento norte.

Mais agarda outro anaquiño,
miña vella na lareira,
que tein de voltar un día
e han de atopar lume nela.

Tí es que garda-la patria,
María, coa vida acesa,
non deixes morre-lo lume
astra que eles traian leña.

mércores, 1 de outubro de 2008

Outono nas adegas do Sil


"Virtú e nobreza, talentos e groria,
xa teñen gardados pra dar a sua hestoria
as fadas que dormen n'as grutas d'o Sil"

Valentín Lamas Carvajal

É outono e comezan as vendimas nos esesgrevios terreos e socalcos onde fructifica o sangue do Sil. É un bo momento para visitar as terras de viños galegos e presenciar a colleita da uva. Nas adegas vellas que semellan pendurar das inigualables Ribas de Sil, e mentres as follas comezan a finar, escóllense as mellores uvas que dan nome aos viños da Terra de Quiroga. A Serra de A Moa e os seus máis de mil metros enfeitizan coa ferocidade da vertixinosa altitude, como atalaia dos eternos séculos e testemuñas de antergas vendimas. Os mosteiros e abadías debúxanse nas mansas augas, ficando inmortais no transcurso do río namentres o seu curso fica sosegado e silandeiro. Amandi, viño de césares na Gallaecia romanizada, chan de celtas, follas de visgo, da man de ancestrais druídas das carballeiras sacras. Sangue mencía de monxes e luxurias. ¡Que o Sil nos agasalle unha memorable vendima!.

venres, 19 de setembro de 2008

Onde non agoniza a Historia: Mondoñedo


"Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
Irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
e ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito a libertar a Terra!"

Ramón Cabanillas

Antiga capital de provincia galega, Conxunto Histórico-Artístico, catedral declarada Monumento Nacional e punto importante de peregrinación. Mondoñedo naceu con arte, tradición e traballo, pero a súa historia fala de tempos mellores. Tempos nos que unha Catedral de Mondoñedo, construida no século XIII i eternamente afincada na ollada de Don Álvaro Cunqueiro, tiña máis poder e soberanía. As lousas e ameas escorregaron coma auga de borraxeiras os tempos de Pascual Veiga, creador musical do hino galego dende o seu desterro na Habana. Esta antiga capital acolleu, ademais, a voz e letras de escritores como Manuel Leiras Pulpeiro ou Antonio Noriega Varela, ou o creador de Merlín e Familia e xa nomeado, Cunqueiro. Herdanza britona, castros, dolmes, petroglifos… e a misteriosa Cova do Rei Cintolo, en Supena, da cal contan que ten varios quilómetros de lonxitude.

A historia recende a Castela, traizón, Castelo da Frouxeira e á decapitación de Pardo de Cela. A día de hoxe Mondoñedo semella estar sumida en tempos de calma. O concello está formado por quince parroquias, e a vila ten case cinco mil veciños. Un dos que aínda perviven na lembranza desta terra é Carlos Folgueira, coñecido coma O Rei das Tartas. Foi reposteiro e a súa Tarta de Mondoñedo a bo seguro pasará a formar parte da sempre viva arte desta terra. A nosa visita estivo chea de recordos á xente que nunca ficará no esquecemento, no mesmo que non ficaron as letras nin o son nin, por suposto, as tartas. ¡Longo porvir a Mondoñedo!

Mondoñedo, foi ademáis, berce musical do recoñecido grupo Fuxan os Ventos. Acadaron o Primeiro Premio do II Festival musical de As San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os Ventos, e por aquela facíanse chamar Folk72.

venres, 12 de setembro de 2008

A María do Monteiro, Vilamor do Courel


"O desacougo da soidade era aquela humidade que lle encortizaba as carnes, que lle aterecía as mans e o sangue e a memoria"
Francisco X. Fernández Naval, A Soidade era o frío

Agoniza o estío e o outono comeza a gañala loita do monótono paso estacional. Como cada outono, comezan as chuvias e o frío. Trónzanse as polas en rachóns para alentar as lareiras das aldeas do chan Galego. No lugar de Vilamor, na mesma Serra do Courel, comezarán a caer as primeiras castañas dos seus xigantescos e centenarios castiñeiros. A única vez que visitei este lugar, chamoume moito a atención mentres percorría a aldea, a inmensidade de casas orfas que a conformaban, refuxios de familias que matou a emigración dos máis novos ás cidades. Os vellos que se resisten a fuxir, como María do Monteiro ou o seu irmán Manolo “O Famoso”, láianse da cada vez máis evidente soidade. A aldea ten o dobre de casas que habitantes e, a aplastadora maioría son anciáns que cada tarde comparten conversas sentados de fronte ao sol na pequena e empedrada praza de Vilamor, a cal semella ficar na lembranza de tempos mellores. Olvido e soidade ou, como dirían os de Fuxan os Ventos; “Fame, soidade e bágoas”. Baixaba enérxica María do Monteiro de volta da horta e pola estreita corredoira, cunha brazada de verdura e unha vara de madeira na man.


A conversa naceu pola inocente curiosidade da veciña e morreu logo de mercarlle un tarro de escura mel das ben mantidas abellas da serra. Durante a conversa falounos da soidade que están a vivir e do inmenso deterioro que sofren as vivendas das aldeas da contorna; “Aquí solo quedamos os vellos, este é o Caurel Cruel”. Ensinounos o fogar onde nacera, unha casa de tres plantas con tres balconadas de madeira e co teito medio desplomado. As fiestras carecían de cristais e ficaban inundadas baixo o incesante camiño das hedras. Logo ensinounos outra, a da foto, que tamén quedara deshabitada. A familia de María emigrou e o resto foron morrendo. Vive co seu irmán Manolo e adícanse ó gando e a labrar as terras, así como a vender as súas castañas e o seu mel. Teñen unhas seis vacas, neste caso, as mesmas vacas das que falou Castelao, coa mesma riqueza e traballo que supoñen. Os invernos son duros nas cidades e nas vilas, pero nas saias dos Ancares e do Courel, os invernos poden ser verdadeiramente complexos para a comunicación, cortes de accesos por desprendementos, xeo, neve, imposibilitando a labor do campo e dos animais. A vida eiquí non semella sinxela, mais é ben desconcertante a ledicia que mostran e a sinxeleza e humildade coa que nos recibiron as súas xentes. Boa sorte aos veciños que se resisten a caer no esquecemento de Vilamor.

xoves, 4 de setembro de 2008

Separados polo mesmo Mar


"Ladrón, a vixiar nas penedías,
nas pardas lombas dos adustos cabos,
no fervente balbor das ardentías,
nas mouras furnas, nos rochedos bravos.

No brancore dos seixos dos coídos,
no morno abrigo das arnelas fondas...
só puiden apañar estes louridos
centileos nas ondas"

Gonzalo López Abente

Se na anterior entrada falei do Porto e Mar de Fisterra, teño a obriga de expoñer as outras dúas xoias da Costa da Morte: A Barca (Muxía) e o Vilán (Camariñas, e do cal xa teño falado en entradas anteriores). Estes dous fermosos lugares, xunto con Fisterra, e quizais Carnota, son os lugares máis visitados da Costa da Morte. O mar significou dende sempre o sustento e a propia vida para as familias que habitaron ao longo do tempo fronte ao mar máis bravo do país Galego. O mesmo mar que aportaba ese desexado sustento, foi a orixe tamén de enemistades e roces que semellan perdurar entre estas dúas vilas veciñas. Os de Muxía son Os Corvos e os de Camariñas, Carneiros. Seguramente, estas ancestrais contendas ensinan os anos de loita e vella labor mariñeira. É todo un espectáculo ver este mar de conflitos a calquera hora do día e calquera día do ano. A indómita e incesante forza do mar e a ferocidade do vento son os distintivos indiscutibles da comarca, e estas vilas portan a esencia do que se debe entender por Costa da Morte.

A simbólica Barca, séculos enteiros ollando de fite ó mar; O Vilán, loita eterna e testemuña presencial dunha inmensidade de mortes e naufraxios. Dúas vilas, separadas polo mesmo e contraditorio mar. Cabe destacar que este foi o mesmo mar no que o Serpent naufragou, polo tanto é importante visitar O cemiterio dos ingleses, preto do Vilán, e no cal se rememora este cruel e triste naufraxio. No Vilán pódese ver unha factoría de peixe e un parque eólico que comparten os recursos naturais do vento e o mar. O que é desconcertante é que semella máis doado crear factorías de peixe,(últimamente moi comúns na Costa da Morte, como no caso de Lires, Lira, e incluso se chegou a falar de Camelle, onde os veciños organizaron varias manifestacións en contra da proposta de instalar unha piscifactoría na Xandriña) que fomentar a pesca e adecentar a situación dos mariñeiros de baixura, nos que non existen soldos estables. Olvidamos aos eternos fillos de mariñeiros que non esquecen o labor que herdaron.

luns, 25 de agosto de 2008

Lembranza eterna do Porto de Fisterra



"Pero talvez
na brevidade

dos silencios
e das sombras

o que quede
non sexan os recordos máis distantes

—nin os últimos—

senón os días
que ficaron en nós

cando a paisaxe
era un estigma
procurado"

Modesto Fraga

Sosego, descanso e paz na vila de Fisterra, no seu foráneo mar e nos meus recordos. A vila que quixo verme medrar e que me ensinou a ferocidade do mar no estado puro. Non hai lugar na Galiza que me transmita un sentimento tan real e sincero como o de Fisterra. Cada segundo que observo a vila, cúspeme a lembranza de anos atrás. Esta terra é visitada por milleiros de persoas que non dubidan en presencialo embruxo e o feitizo que se percibe en calquera dos seus recunchos. Fisterra é o corazón da Costa da Morte e a Fin da Terra coñecida para os romanos. O tempo pasa, nembargantes, hai lugares dentro da propia vila que non semellan padecer o inevitable e cruel paso do tempo. Nesta entrada non podía faltar a imaxe das galerías que podedes observar. É un deses recunchos que decidiron facerse lembrar na xigantesca historia da vila e porto de Fisterra, observando a saída e chegada dos mariñeiros que, xeración a xeración, herdan a tarefa de gañarlle a loita ao mar.

luns, 4 de agosto de 2008

Cabo Ortegal, Fronteira de Mares


"¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar".

Ramón Cabanillas

Era inverno e, como é lóxico, o mar acostuma a estar embravecido, revolto, rompendo nos cantís estáticos e verticais, impoñentes e fronteirizos. O inmenso Océano Atlántico loita na batalla milenaria co seu rival, e ao mesmo tempo veciño, Mar Cantábrico.

Este fermoso e impoñente espectáculo sorprende e impresiona sobremaneira a calquera visitante que se prece. A vertixinosa altitude é constante e impón unha sensación de inmensidade que poucas veces percibín nas miñas viaxes. A imaxe que expoño non se pode comparar coa realidade, e o conxunto de condicionantes naturais non pasa desapercibido; o ruído do mar e o asubío incesante do vento, así coma o cheiro a salitre ou contemplar o embate do mar cos pequenos e pedregosos illotes (Os tres aguillóns), fan de Ortegal un privilexiado lugar onde evadirse e marabillarse coa forza da natureza. O cabo está ben sinalado e a escasos quilómetros da non menos especial vila de Cariño que, por certo, na estrutura do casco urbán, lémbrame aos concellos da Costa da Morte, con pequenas e coloridas casas, laberínticas rúas e a obrigada presenza aínda do indómito Atlántico.

É un dos cabos máis importantes e impoñentes da costa galega, xunto con Estaca de BaresCabo Fisterra e Cabo Vilán. Se hai algo que represente a este Cabo Ortegal é o vento, que ao longo dos seus días moldeou as rochas, imprimindo esa agresión que se mostra no violento corte das pedras.

O Faro é de morfoloxía cilíndrica, moi semellante ó de Illa Pancha, ó de Punta Roncadoira e ó de Touriñán, con dúas sinxelas plantas. Trátase dunha estructura moi usual nos faros da Galiza. Cabe sinalar que os costeiros cantís do Concello de Cariño son dos máis altos do continente europeo, en concreto os de Vixía de Herbeira, con 613 metros de caída vertical. A fauna varía entre gaivotas, cormoráns, baleas, etc. e presume de ser un observatorio propicio para milleiros de aves migratorias. No mesmo cabo existen paneis con suficiente e clara información ao respecto. Quen non visitou Ortegal, non coñece a Britonia Galega.

luns, 28 de xullo de 2008

O Camelle do Alemán


"De Camelle os baixos son
mui garridos ó mirar,
nun día craro de inverno,
cando o vento en calma está:
o pescador desde lonxe,
con doce e secreto afán,
de bruzos sobre da proa ,
os está vendo branquear..."

Eduardo Pondal

De Arou a Camelle, divisando de fite o segredo celta que se plasma nos penedos da Xandriña e as ribeiras de bolos, refuxiámonos entre as mariñeiras rúas da xeitosa e anterga vila de Camelle. Esta terra e a súa enseada foron testemuñas de moitos naufraxios, lustrando desgraciadamente, o nome da Costa da Morte que portan. Os traizoeiros cons que protexen e dan vida ao bo percebe, teceron meticulosas trampas a compás co mar para numerosos navíos coma o Boris Sheboldaef, o Natalia ou o Yeoman. A historia de Camelle nace coa chegada de mariñeiros vascos que faenaban na captura de baleas, unha costume moi común na Costa da Morte. A vila de Camelle contaba cunha baleeira e algunha que outra pequena casa pertencente ás familias que traballaban na mesma. Estas antigas factorías procesaban a materia para a súa conservación e salazón. Tamén se instalaron estas baleeiras en Fisterra, (nun extremo da Praia da Langosteira, en concreto, no Areal de San Roque), en Gures, no Concello de Cee, (Factoría de Caneliñas) a cal aínda segue en pé, pero sen actividade, e noutros moitos puntos da nosa xeografía.


De Camelle temos que destacar a súa coidada estrutura mariñeira que está total e constantemente presente ó longo do seu territorio; trasmallos e nasas, chalanas e remos, roupas de auga a remollo. Xentes que ollan o mar coma ó propio futuro, coma un salitroso e inevitable pasado. Tralos pedregosos montes e fronte ao mar aberto, refúxiase esta humilde e pintoresca vila. Non se pode falar de Camelle sen lembrarnos dunha das figuras artísticas, ecolóxicas e reivindicativas máis importantes da Galiza das últimas décadas. A súa vida, obra e protesta foron recoñecidas por milleiros de persoas, emitidos por medios de comunicación e filmados e fotografados por documentalistas de tódalas partes do planeta. Refírome a Manfred Gnadinger, alcumado O Alemán de Camelle, e semella que ninguén escoitou o seu derradeiro laio nin apreciou a súa obra; a incompetencia política, ao igual que a indiferencia de moitos calou o seu berro, mais pola miña banda é ben recoñecida e non dubido que tamén o será para os milleiros de persoas que o escoitaron falar dende o seu sinxelo fogar de pedras cos pés mergullados baixo o seu mar.


Quizais moitos artistas que presumen de galegos non lembran nin lembraron a súa arte á hora de vivir e de morrer. O arte non é só unha procesión de feitos, senón un modo de vida e a eterna procura do sendeiro no cal satisfacelos nosos propios soños, os nosos obxectivos. A arte é arte cando forma parte da propia vida, e polo tanto considero e reitérome que non se apreciou verdadeiramente a vida e obra deste magnífico artista. Dende aquí fago un chamamento e reclamo xustiza para Manfred Gnadinger, o artista apreciado polo pobo e a xente, e ignorado polos nosos propios dirixentes.


O seu museu, a día de hoxe está completamente abandonado e deixado pola Administración, por este motivo resumo que a Consellería de Cultura decepcionoume enormemente por dar as costas á figura de Man e, sen embargo, facer arte en Cuba; falo do arte de malgastar os fondos públicos en facturas de perrucaría. Na morna visita a Camelle saquei a conclusión que acabo de expoñer; mentres tanto, a obra de Man segue deixada. Eses "trazos de negro cuspe" que por esas datas tan ben definiu o poeta do mar, Alexandre Nerium, ante o  fatídico desastre ecolóxico que supuxo a traxedia do Prestige, foron os mesmos que atentaron contra a vida deste amante da natureza: ese simbólico e repugnante lodo capitalista. O seu derradeiro laio: «yo decir que esto no debe limpiarse nunca..., porque hombre no querer a hombre, ni a mar, ni peces ni playa»

martes, 22 de xullo de 2008

Vai de morto quen non foi de vivo


"Camiño, camiño branco
Non sey para dónde vás,
Mais cada vez que te ve o
Qui era podert'andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para ó Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues á San Cidrán,
xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe
En donde? ¡qué mais me dá!"

Rosalía de Castro

De fronte ó mar, agóchase o místico lugar de Santo Andrés de Teixido. Esta fermosa aldea de corenta e nove habitantes resístese a morrer no esquecemento, e comparte co visitante a súa fe i espranzas. As herbiñas de namorar, os sanandresiños, a fonte dos tres canos ou os cruceiros, fan de San Andrés, un punto importante de peregrinación. As pequenas e brancas casas de pedra imprimen un sentimento de sosego e as súas estreitas rúas fican percorridas por romeiros que, dende lonxe ou preto, camiñan ata San Andrés. Resulta estraño e sorprendente ver a contraposición da terra e do mar tan de preto, facendo de San Andrés unha pequena aldea mergullada nun val e pendurada duns dos cantís máis altos de Europa continental. A súa situación facía de Santo Andrés un lugar de complexo acceso para os romeiros, e por este motivo foi coñecido como “Santo Andrés de Lonxe” ou “Santo Andrés do Cabo do Mundo”. O lugar é húmido, polo tanto conserva unha inmensa e admirable riqueza ecolóxica. É importante, tamén, visitalo Miradoiro de Vixía de Herbeira, a uns aproximados 600 metros de altitude, e dende o cal podemos observar unha espléndida panorámica dos cantís nos que se localiza o Santo Andrés. De camiño, ben seguro atoparemos cabalos e bestas salvaxes, así como gando pastando ceibo; e poderedes observar tamén, na mesma Capelada, un dos parques eólicos máis importantes de Galicia. O camiño é a obriga para visitar o singular e feiticeiro Santo Andrés de Teixido, para ollar o mar dende un recuncho distinto e para esquecer as presas alén do Cabo do Mundo.

mércores, 16 de xullo de 2008

Coa Luz Bohemia de Lisboa


"Nem rei nem lei, nem paz nem guerra,
Define com perfil e ser
Este fulgor baço da terra
Que é Portugal a entristecer--
Brilho sem luz e sem arder,
Como o que o fogofátuo encerra.
Ninguém sabe que coisa quere.
Ninguém conhece que alma tem,
Nem o que é mal nem o que é bem.
(Que ânsia distante perto chora?)
Tudo é incerto e derradeiro.
Tudo é disperso, nada é inteiro.
Ó Portugal, hoje és nevoeiro...
É a Hora!"
Fernando Pessoa

Neste caluroso mes de xullo, recibeunos con 27 grados esa Lisboa das bohemias rúas, a Lisboa dos tranvías, o berce das fadistas.

A ponte do 25 de Abril deunos a benvida nesta perfecta capital do noso país veciño e irmán, mostrándonos o encanto da súa luz, tanto de día como de noite, as xentes, a paisaxe de teitos e antenas, as fontes, o café, os deambulantes e silandeiros tranvías…
Nesta viaxe ao Olimpo dos descubridores, as lousas -coma libros- ensináronnos as historias que fixeron de Portugal un barco cunha bandeira vermella e verde ondeante, con rumbo e camiño das especias, dos metais, das culturas virxes, con cartas de navegación, compases, con Vasco Da Gama e Fernão de Magalhães.
No percorrido de volta paramos en Fátima, no Aveiro das canles, no Porto, Viana do Castelo (importante subir a Santa Luzia), e na estremeira fortaleza de Valença do Minho.

A viaxe non defraudou: o noso país irmán ten tamén moito que ensinar e contar. Quen non escoitou falar do Zeca Afonso, e o seu eterno laio: "Grândola, Vila Morena?". Foi o berro que agochaba un caravel por cada bala. Foi un 25 de Abril e, como lembranza, a súa vermella e impoñente ponte despideunos coa luz bohemia de Lisboa.

martes, 8 de xullo de 2008

A Mariña Lucense



"...mas as paixóns que neste drama ferven, [...], interesan en calquer clima; e na Ribeira do Eo e a Mariña galego-oriental, onde o amor e o mar, como nos versos do Almirante Chariño, misturan e confunden as súas ondas..."
Ricardo Carvalho Calero. Beiramar, Escritos sobre o teatro

Amor e Mar, unha boa menciña que na Mariña resoa. Formada polos concellos de Ribadeo, Cervo, Burela, Foz, Viveiro, Barreiros, Xove, Mondoñedo, Ourol, Valadouro, Vicedo, Trabada, Lourenzá e A Pontenova; A Mariña Lucense abrangue un extenso litoral dende a Ponte do Río Sor, en O Vicedo, ata a fronteiriza e fermosa vila de Ribadeo. Esta terra caracterízase polos seus escarpados cantís, aportándolle misterio e admiración. A de sobra coñecida e transitada Praia das Catedrais (Ribadeo), de fina e branquecina area, sorprende aos visitantes con máis de 300 metros de cantís que a natureza foi pulindo grazas á erosión do vento e do mar, conformando uns arcos que se poden visitar cando a marea baixa. Está catalogada como Rede Natura. É interesante visitar os faros desta costa cantábrica, nos que destacan o de Illa Pancha, en Ribadeo; o Faro de Punta Atalaia, en San Cibrao; ou o de Punta Roncadoira, sito nun encrave de gran altitude, onde escoitar o asubío do vento. Tamén a costa de Lugo ten un importante legado celta, como é o caso do Castro de Fazouro, un asentamento de lousa moi representativo e ben conservado. Atópase na Parroquia de Fazouro, moi preto de Foz. Na Mariña pódense ver multitude de casas coloniais e outros moitos fogares que deixan ver un estilo arquitectónico semellante á popular casa chairega. Visita obrigada a Mondoñedo, antiga capital de provincia e importante foco eclesiástico e artístico, no que cabe destacar a súa catedral, construida en bases románicas e sufrindo ampliacións barrocas, cun rosetón e un cruceiro de estilo gótico. Esta antiga capital deixou escritos na historia, tamén, os nomes de grandes escritores da Literatura Galega, como Noriega Varela, Pardo de Cela, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro e, como non, Don Álvaro Cunqueiro, a quen atopamos na Praza da Catedral observando como o fixera en vida, a súa xente e a súa catedral.

luns, 30 de xuño de 2008

De Camiño a Compostela


"Romeiro pra Compostela
pasa o vieiro pelengrino,
montado ao lombo da ponte,
sin se mollar no camiño"
Luis Amado Carballo

Tocaba pisalas antergas lousas da sempre húmida Compostela, visitalo Obradoiro, a Quintana, o Franco ou a sempre fermosa Alameda, onde ollei a catedral ó caer o día.

Santiago de Compostela foi, é e será, o camiño de milleiros de romeiros, o fogar dos estudantes e o refuxio de escritores e artistas; o corazón e Capital da Galiza e o berce de pedra dos nostálxicos que, coma min, fuxen do ruído dos coches e das urbes para mergullárense nos ecos murmuradores das silandeiras rúas da pequena pero inmensa Compostela.

Nos soportais, a quenda é para os músicos sen playback e para os debuxantes de boa mestría. Entretanto, á noitiña, son os máis novos os que gañan a batalla das rúas, politizando entre cervexas e bautizando esquinas. Mais é ben certo que en inverno ninguén se libra da chuvia, que testemuña que Santiago siga sendo o que é, a cidade dos artistas, do misticismo e dos amantes da arte e da historia.
Dende aquí somentes dicir que para xantar O Santiso, para camiñar a Zona Vella, para gozar, o París-Dakar e para soñar; Santiago de Compostela. Iso sí, sempre que o tempo acompañe ou como diría Amado Carballo: "sin se mollar no camiño". Lorca tamén deixou os seus versos na cidade e, por se alguén non os gozou aínda, velaí van:

"Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.

Chove en Santiago
na noite escura
herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma de cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago,lonxe do sol
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón"

Saúde aos composteláns que cada día transitan as rúas de Compostela.

venres, 20 de xuño de 2008

Entretecido ceo de Verdes


"Todas, todas, boa terra:
A carballeira de Verdes,
Ben preto do rio hé aquela;
Aquel' hé a torre de Trába,
Que desde longe branquéa;
Os verdes de Coristánco,
E os altos pinos de Bértoa;
E tí, castro antígo d' Oca,
Ben te conozo, antr' a brétoma"
Eduardo Pondal

Este pasado outono quixemos observala caída das últimas follas no Refuxio de Verdes, pertencente á Parroquia de Santo Adrán de Verdes, no concello coruñés de Coristanco. Nesta vermella terra, o Río Anllóns segue o seu curso, sendo extraordinariamente recibido por esta paraxe; un espléndido espazo natural. En Verdes puidemos divisar unha contorna de árbores autóctonas como carballos, castiñeiros, piñeiros… e multitude de pequenos paxaros, así como xeitosas casiñas de pedra para xantares con familiares ou amigos, dispostas de mesas e grellas. O que máis me chamou á atención, foi mirar ó ceo e descubrilo totalmente entretecido polas ramas e follas, coma se dunha tatuaxe se tratara. A frondosidade deste lugar é debida, principalmente, ó curso deste río pondaliano. Verdes, unha contorna de natureza protexida, nunha boa terra e ó redor dun río antergo que escoitou as verbas dun bardo ó seu paso polo chan dos antigos celtas.

mércores, 4 de xuño de 2008

A Ribeira Sacra


"Airiños d'o Sil, lixeiros,
qu'o seu terruño bicades;
n'o meu nome, á aquela xoya,
suspiros d'amor levade"
Ramón Armada Teixeiro

Este pasado outono percorrémola Ribeira Sacra, comezando en Chantada (Ribas de Miño) e rematando en Santo Estevo de Ribas de Sil. Esta sobrecolledora e distinguida paraxe amosounos o transcurso do Pai Miño dende o seu nacemento, nas fermosas terras da Pastoriza, onde comeza a nacer gota a gota ata o seu gran afluínte, O Sil. Estes dous ríos son e serán as arterias principais do noso país, coa singularidade de nutrir ó seu paso as parras do sangue Mencía.

O caudaloso curso do Sil reflicte, cal espello, as vellas adegas e os desnivelados socalcos; a herdanza que vai deixando tras de si. Nembargantes, a multitude de presas hidroeléctricas que semellantes a guillotinas, decapitan de maneira constante e reiterada o taciturno curso do noso río, non deixan de afear unha contorna tan fermosa e fascinante coma esta. Unha vez máis, a man humana móstranos o pulso que mantén coa natureza. O río segue o seu camiño silandeiro, na procura dunha fin, namentres se mestura coa terra, impartindo vida e riqueza.

Unha vez visitado San Estevo, decidimos visitar a Capital do Ribeiro, Ribadavia, na cal poidemos coñecer o seu interesante barrio xudeu. Moi preto de Santa Cruz de Arrabaldo atópase Trasalba, pequena aldea na que naceu o destacado escritor Ramón Otero Pedrayo e onde poidemos visitar o que en vida fora o seu fogar.

xoves, 22 de maio de 2008

A Moa, O Vello Xigante de Pedra


"Outravolta percorro a cidadela ambaxe
en que, ogallá, os coitelos se ceguen coa frialdade
dos estrames. ¡Roubárnolos, sequera, cando a Moa
do Pindo nos pertenza!"
Alexandre Nerium

Na fermosa e pequena vila do Pindo érguese, a 630 metros de altitude, o impresionante e vertical Monte do Pindo, coroado pola Moa, unha paraxe chea de historia e lenda que obsequia de amenceres ó Fin da Terra ó longo dos séculos. A xeomorfoloxía granítico-encarnada é o sinal de identidade e distinción desta zona de angostos i escarpados sendeiros, de covas ateigadas de historia.

De camiño ó cumio da Moa pódense observar innumerábeis piñeiros, loureiros e mesmo carballos ananos, así como carrascas, toxos, xestas e demais vexetación silvestre e autóctona. Pódense atopar, tamén, londras, bestas salvaxes, raposos e multitude de aves rapaces, insectívoras, e como non tamén, os "feros corvos do Xallas" dos que falaba Pondal, deslizándose ceibos co vento ó longo do importante e caudaloso Río Xallas ata a súa gloriosa morte no mar. 

O Monte Pindo arrastra consigo lendas que perviven ó paso do tempo e que lle imprimen a este monte aínda máis misticismo e maxestosidade, como a do rito da fecundidade ou o paso dos celtas e o seu legado. Contan que aló polo século X, un bispo de Iria Flavia dera orde de construir unha fortaleza ó redor deste monte para a súa protección e defensa fronte ós numerosos ataques piratas; e estando habitado pola nobreza galega, foi destruido no ano 1467 polas Revoltas Irmandiñas. Contan tamén que ata non fai moito podíanse albiscar parte dos muros do castelo.

O cumio deste monte, A Moa, é na miña opinión o lugar máis propicio para divisar Fisterra na súa grandeza, na súa plenitude, cun solpor de fondo e somerxíndose na inmensidade do mar. 

luns, 19 de maio de 2008

Viaxe ó corazón da Serra do Caurel


"apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
os Ancares i o Courel"
Uxío Novoneyra

Este mes coñecemos O Caurel e a súa xente. Visitámolos recunchos feiticeiros que embelecen este fermoso lugar de lugares. Arrecendemos a natureza en plena fotosíntese e observámola vida cotiá dos seus habitantes, os cales seguen a desenrolar a laboura do campo, ó igual que os seus antergos, loitando por manter con vida unha terra case esquecida e altamente castigada polo tempo, a distancia e a diáspora.

Puidemos visitar fermosas aldeas como Vilamor, Seceda, Seoane do Caurel, Céramo, Esperante, A Seara, Mercurín, Froxán, Folgoso, Visuña, e como non, Parada; a vila na que naceu o poeta do Caurel, Uxío Novoneyra. Tamén puidemos visitar paraxes incríbles como a Devesa de Rogueira, O Castro da Torre, As ferrerías, O Castelo do Carbedo, Campodola ou o Taro Branco.

A anecdota máis incríble desta viaxe surxíu en Vilamor, onde nos atopamos a Manolo do Monteiro, coñecido na serra polo alcume de “O Famoso”, e que nos amosou a aldea por tódolos seus recantos coa fin de que lle mercásemos un tarro de mel das súas colmeas. Estaba namorado da azafata Nelly Fernandez, do xa finado concurso “Supermartes” da Televisión de Galicia, e tiña unha pena moi grande: non ter xuntado nunca o atrevemento de conquistar unha muller. Este veciño de Vilamor contounos que fora moi amigo de Uxío Novoneyra, ó cal lle chamaba "O Poeta", e que de novos foran xuntos estudar a Compostela. De non ser por Manolo do Monteiro, non dariamos atopado a fermosa casa desta importantísima personalidade das nosas letras.

O Caurel e a súa xente traballadora merece ser moito máis que un recordo, necesita vida e protección por parte da Administración e de tódolos galegos que amamos a Galiza, a nosa cultura e o noso xeito de vivir.