mércores, 24 de febreiro de 2016

Cabo Fisterra, proa do chan galiciano


“Brúa, Io, brúa como a vaca de Fisterra
non temas á túa voz,
uns mareantes han tomala por sinal
de escollos e baixíos, rachas de nordés e borraxeira”
Marilar Aleixandre, A constelación da xuvenca

Que podo dicir que non saibades xa da vila que me veu nacer, do meu prácido berce de salitre e marusías, do pequeno e lendario universo da miña infancia. Coido que non me ha resultar doado explicar dun xeito obxectivo o que é Fisterra, o que representa este lendario Promontorium Nerium nin cal é a maxia que se mestura nesta pequena península para enfeitizar a todo aquel que a visita. Non cabe dúbida que Fisterra é un dos recunchos máis senlleiros, visitados e recoñecidos do noso país. I é que a localización de Fisterra xogou ó longo dos tempos un papel fundamental a nivel marítimo, xeográfico e sobre todo histórico. 


O historiador romano Lucius Florus conta como os lexionarios da antiga Roma, comandados polo xeneral Décimo Junio Bruto, contemplaron con verdadeiro pavor como o sol era devorado polo Océano Atlántico cando acadaron no século II denantes de Cristo o Finis Terrae, a fin da terra, o recuncho máis occidental do mundo coñecido. Nesta bravía e asasina costa de Fisterra, neste mar sen dono onde somentes se albisca a inmensidade do Atlántico, os astros e a liña do horizonte, as pequenas embarcacións mariñeiras comparten o seu mar con grandes buques de orixes incertas que se internan silenciosos na ría, coma xigantescas pantasmas, nas noites máis escuras e bretemosas.


Este mar é unha necrópole de naufraxios. Nesta costa, nesta besta de pedra e area que adormece entre as calmas e bravías augas do mar, teñen naufragado centos de embarcacións que agora fican na escuridade dos fondos mariños e baixo dunha coiraza de anémonas e arneirón. Nesta fatídica costa fisterrá naufragaría no ano 1596 unha vintena de naves da flota da Armada Española comandada por Martín de Padilla, deixando un regueiro de mortos, un total de 1.706. Este naufraxio acontecería oito anos despois, i en idénticas circunstancias, do sufrido pola Armada Invencible cando partían con destino a Inglaterra.  

No ano 1870, o HMS Captain, un acoirazado navío inglés, chocaría co pétreo illote do Centolo e deixaría 482 falecidos. Somentes oito anos despois, outro mercante inglés volvería a atoparse co Centolo, desta volta sería o Bitten, falecendo 10 dos 12 tripulantes. 

No ano 1882 outro navío inglés, desta volta o cargueiro Sunrise, afúndese nos cantís do Cabo Fisterra. Nembargantes, un heroico mariñeiro fisterrán, e os seus fillos, salvarían a unha trintena de mariñeiros cunha barca de madeira. No 1903 un novo navío inglés, o Tang Castle, veríase involucrado nunha colisión, a dúas millas de Fisterra, co barco sueco Svtpord. Tódolos tripulantes suecos falecerían. E por se fose pouco, somentes catro anos despois, no 1907, outro cargueiro inglés, o Denewell, naufragaría por mor da brétema a unha milla da Praia de Mar de Fóra; ós pés do Promontorium Nerium fisterrán.

No ano 1932 sería o Blas de Lezo, un barco da Armada Española que estaba a realizar manobras na costa de Fisterra, o que volvería a toparse co Centolo. Este navío rascaría os baixos e afundiríase pouco despois. Na primavera do ano 1951, o remolcador holandés Hudson racharía os cabos cos que arrastraba ó buque inglés Ulster Duke e este útimo remataría  esnaquizado contra a Punta Bufadoiro, salvándose somentes un dos tripulantes. No 1960 ocorrería outra enorme desgraza, desta volta para o pobo de Fisterra. O palangreiro Bonito naufragaría nestas costas deixando 11 falecidos e un total de 32 orfos na vila. Mais sería nas últimas décadas cando ocorrerían os máis grandes e catastróficos naufraxios  desta costa cruel e asasina. 


No inverno do ano 1987, cando eu tiña pouco máis dun ano de vida, o Cason, un cargueiro de bandeira panameña que transportaba produtos químicos inflamables, tóxicos e corrosivos, afúndese fronte á Punta Castelo, ó sur da Praia do Rostro. Falecerían 23 dos 31 tripulantes intoxicados, todos eles de orixe chinesa. Denantes de afundir, o Cason comezaría a estoupar e incendiarse, producindo numerosas explosións e unha impresionante columna de fume negro. O pobo enteiro sería desaloxado en autobuses e a vila somentes ficaría controlada polos militares e polos poucos veciños que se resistirían a fuxir. Os meus pais e mais eu seríamos acollidos nun hotel da vila pontevedresa de Caldas de Reis durante un par de días. E que vos vou contar que non saibades xa do Prestige, a meirande catástrofe ecolóxica e medioambiental da historia do noso país; a nosa lenda negra.


É por tanto naufraxio que a luz deste Faro de Fisterra se fixo dende sempre imprescindible. Este senlleiro faro galego, coñecido por tódolos navegantes do planeta, é xunto co do Cabo da Roca e o de Touriñán, o máis occidental da vella Europa. Foi erixido no ano 1853 a uns aproximados 140 metros sobre do nivel do mar e a súa luz acada as 23 millas náuticas. De fronte á fachada principal do faro, no alto, localízase O Semáforo, unha edificación erixida no ano 1879 e destinada a emitir sinais marítimas para a Marina, mais rematou por caer en desuso co avance da tecnoloxía e nos últimos anos foi restaurado e reconvertido en hotel. 


O Faro de Fisterra atesoura, amais da súa luz, unha sirena que comezaría a funcionar no ano 1889 e que tiña como finalidade alertar ós barcos nas noites máis escuras e bretemosas. Esta sirena, acalada nos últimos anos, é coñecida como A Vaca de Fisterra, posto que o intermitente son que emitía semellaba lembrar o bramido dunha vaca nas vilas costeiras da bisbarra. A Vaca de Fisterra foi a primeira sirena instalada nun faro de todo o Estado español. Comezaría a resoar mediante un vello sistema automático a base de aire comprimido xerado previamente por unha caldeira de vapor que facía saír o aire por uns tubos metálicos a unha gran velocidade, facendo resoar un estrondo enxordecedor que se chegaba a escoitar ata en Corrubedo


Desgraciadamente, nos últimos anos a Vaca de Fisterra calaría para sempre por motivos técnicos. A obsoleta maquinaria, a falla de recambios e o avance da tecnoloxía marítima, rematarían por silenciala definitivamente. Aínda lembro as noites de inverno que teño escoitado dende a miña habitación o impresionante estrondo da Vaca. Lembro canto me emocionaba; aquel bramido era a voz da miña Fisterra. Mais este Monte do Facho, este Promontorium Nerium, este sacro outeiro cristianizado foi, dende a xénese dos tempos, un lugar máxico e atraínte, unha fin procurada por multitude de xentes, un lugar ateigado de misterio. As Pedras Santas ou a Ermida de San Guillerme dan boa proba de elo. 


Cada vez son máis os peregrinos que procuran en Fisterra o perfecto final físico para o seu camiño, unha fin clara i evidente; o mítico Finis Terrae. Mais o certo é que as peregrinacións cara as terras máis occidentais de Europa remóntanse ós tempos máis primitivos, até pobos de cultos pagáns. A relación de Fisterra co culto xacobeo queda de manifesto no Libro III do Códex Calixtinus, onde xa no século XI se cita a hoxe desaparecida Cidade de Dugium, que se localizaría no actual Val de Duio fisterrán. Un documento do ano 1119 narra tamén a preocupación do Rei Alfonso VII e o Abade de San Xulián de Moraime para albergar os peregrinos que se achegaban até o Finis Terrae. No ano 1355, o peregrino George Grisaphan describe no seu diario a súa peregrinación ata Fisterra, ó igual que tamén farían León de Rosmithal no 1465, Sebaldo Rieter no 1462, Erich Lassota no 1581 ou Julián Íñiguez de Medrano no 1583. Todos estes peregrinos narrarían as súas peregrinacións ata Fisterra.


Nos nosos días, como dicía, cada vez son máis os peregrinos que procuran a fin do seu camiño en Fisterra. O de Fisterra é a única variante do Camiño que ten como orixe Santiago. É por tanto a meta derradeira, o KM 0; a única e verdadeira Fin do Camiño. Debo confesar que lembro ver peregrinos na vila dende ben meniño, e mesmo de conversar con algún deles. Mais tamén é certo que nas últimas décadas, os peregrinos comezarían a multiplicarse e a contarse por centos de miles. Nos nosos días, o peregrino que chega a Fisterra adoita selar a súa credencial e camiñar cara a súa fin; cara a estremeira punta que desafía ó Atlántico, cara aquela proa rochosa do chan galiciano. Alí queimará algunha que outra das súas prendas e ollará o horizonte agardando o solpor dos confíns da terra, un ceo ardente que tingue de sangue o horizonte cando o sol é engulido polo mar. Nos últimos tempos foron moitos os peregrinos que, froito da desgraza, a ousadía ou o descoñecemento, perderon a vida neste Cabo de Fisterra ou nas praias de costa do municipio. 


Os solpores son outro dos grandes atractivos deste mítico Cabo Fisterra, deste corpo de muller que emerxe sobre das calmas e bravías augas do mar. Resulta cada vez máis frecuente achar a peregrinos, visitantes e até parellas de namorados sentados entre as pedras do Cabo agardando o solpor, vendo como o arde o ceo e sentindo a paz que transmite a agónica e dourada luz do sol. Cando o sol é definitivamente engulido polo mar, un improvisado aplauso colectivo racha o silencio e márcase a fin doutro día máis, doutro pequeno ciclo, doutra estadía vital. No alto deste Monte do Facho, deste evocador Promontorium Nerium, nacería no ano 1919 un dos meirandes persoeiros da historia de Fisterra, Alexandre Campos Ramírez, máis coñecido como “Alejandro Finisterre”; o célebre inventor do “futbolín” ou fútbol de mesa. Esta vila viu nacer tamén as almas da fisterranía; grandes poetas i escritores que levan a Fisterra nos seus corazóns, bardos mariñeiros como O Capitán Traba, Alexandre Nerium, Roberto X. Traba Velay, Mónica Góñez ou Modesto Fraga. Mais os verdadeiros heroes desta Fisterra son os mariñeiros que seguen a loitar cada noite coa ferocidade dun mar embravecido que atesoura un longo e acreditado historial de naufraxios. 


Que vos vou contar que non saibades xa da miña vila natal, do meu barrelo de argazos e caramuxas, do máxico escenario da miña nenez. Coido que poucas verbas poden resumir de xeito claro e obxectivo o que representa o Cabo Fisterra, o Finis Terrae. Poida que fin e comezo, poida que morte e vida, poida que horizonte de augas calmas e bravías. Mais si houbo un bardo fisterrán que soubo captar en poucas verbas o simbolismo que agocha este promintorium nerium. Ese sería o Capitán Traba cando escribiu na súa Salve Fisterra aquilo de: “Fisterra, terra do sofrir ardente, terra chea de door que en ti se aferra, terra do mar máis que da mesma terra”. Non me podo despedir como de costume xa que de eiquí nunca me vou para non volver. Eiquí nacín i eiquí hei de morrer. 

2 comentarios:

O renqueante dixo...

Grande entrada non, enorme. E belísimas fotos.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitísimas grazas, Renqueante! Grazas de verdade