sábado, 13 de febreiro de 2016

Faro de Lariño, sentinela carnotá


“Bebo-te, meu amor, como quen bebe
un elixir: Comezo polos ollos
extasiados de pracer, e collo-os
como quen alza un cáliz. Pola sebe
que perfila o nariz percuro a breve
fenda da tua boca, onde os escollos
de neve dos teus dentes son ferrollos
que aprisionan a língua —lanza leve
que me ensancha a fondura do degaro—.
Logo xa, meu amor, xa non reparo
o bebo enteiramente desde a illarga
ao sorvete de meles escondido
que sabe a mar, a mar embravecido
que se desata en temporal, e larga
o novio do amor ao desamparo.
E logo da descarga
bebo ainda da luz que dá o teu faro”
Antón Avilés de Taramancos, As torres no ar

Poucos lugares me aportan a forza e a paz que outorgan os impoñentes e diversos faros que dende antano alertan dos perigos da costa galega. Non son poucos os carruseis de luces e sombras que alumean os máis funestos recunchos da sempre bravía e asasina Costa da Morte, atalaias mudas que semellan agonizar co avance do progreso, que semellan vellos baluartes baleiros de sentido. Nós, os fillos terreais da marusía, procreados en catres uterinos, os que traémola frescura do salitre nada dun berce de escamas e tramallos, adoecemos por naufragar na branca escuma das rompentes, baixo a sombra e a luz de pétreas muxicas tralas que somentes se agoira a desgraza ou o porvir, o infortunio ou o sustento; a morte ou a vida. Poida que fosen, estes, parte dos sentimentos que me levarían até a parroquia carnotá de San Martiño de Lariño na procura do Faro de Punta Insua, proxectado i erixido entrámbolos anos 1913 e 1921 para cubrir coa súa luz o recuncho de costa que se localiza entre Fisterra e Corrubedo, contribuíndo a delimitar a entrada no arco de Fisterra e na enseada da Ría de Corcubión.  

O edificio no que se asenta o Faro de Lariño, definitivamente electrificado no ano 1947, preséntase nos nosos días baleiro, pechado ó público e nun lixeiro estado de abandono. Nembargantes, a súa branca e vermella luz intermitente, que acada as 20 millas náuticas, segue a alumear cada noite, dende a súa balconada torre de planta octogonal, este pequeno recuncho de costa carnotán, a boca deste arco fisterrán; este fronteirizo mar dos confíns da terra. Trala triste fachada deste faro desolado, e baixo do lixeiro cantil no que se localiza, albiscaría unha costa chan e pedregosa ateigada de pozas que, coma vívidos espellos, reflicten día e noite a silueta, as cores e as luces do impoñente Faro de Lariño, desta pétrea e vital muxica carnotá. I é que nesta costa, na que teñen ocorrido numerosos naufraxios como o do buque torpedeiro “Ariete (D-36)” no ano 1966, e no cal os veciños de Carnota serían transcendentais á hora de salvar ós mariñeiros naufragados, chegando incluso a recibir o recoñecemento de vila “moi humanitaria”; a presenza destes faros segue a ser de vital importancia para as pequenas embarcacións de pesca tradicional e para a súa orientación, mesmo para delimitar fronteiras marítimas e zonas de pesca. Nos últimos anos, diferentes asociacións locais emprenderon unha serie de accións encamiñadas a promover a apertura do faro á veciñanza e adecuar o espazo para albergar diferentes actos de carácter lúdico e cultural, contribuíndo así a conservar o edificio i evitar a súa degradación. Mais polo momento este edificio somentes semella albergar humidades, empoadas arañeiras e as sombrizas pantasmas da soidade. Lisquei de Punta Insua desexando que non desaparezan os faros coma así se fixo cos torreiros, que non mude a súa fin, que non se apague a luz das sentinelas que encamiñan a bo porto ós mariñeiros.

Ningún comentario: