“En Corcubión a música tolda a luz do dia e a lua e o sol
e retrocede
interior e se retrai humana”.
Cesáreo Sánchez
Baixando por San Pedro da Redonda, escoitamos os latexos da vella historia dos Condes de Traba e o seu poderío, mentres que no horizonte comezamos a divisar o fermoso Areal de Quenxe, aloumiñando o mar e sen rompe-la paz da súa ría, na que fican tres dos seus grandes tesouros; o delicioso berberecho, o Carrumeiro e a misteriosa Illa da Lobeira. Esta última, unha das máis misteriosas e lendarias da Costa da Morte, noutros tempos habitada por solitarios fareiros e somentes alugada, na actualidade, ás gaivotas embravecidas dos confíns da terra. Mais esta vila señorial garda en terra a meirande parte dos seu importante patrimonio, historia traballada na pedra e ollada dende aburguesadas galerías, que nos falan dun grandioso pasado e un respectuoso presente. Senón, un só ten que visitar a Igrexa de San Marcos ou O Pazo de Altamira, ou o Castelo do Cardeal, que formou parella no seu dia co Castelo do Príncipe, na Ameixenda e xusto na beira contraria, para defender a entrada da Ría de posibles perigos. As súas rúas e as súas edificacións fan deste lugar un auténtico museo de cantería. Mais a cultura sempre tivo en Corcubión e nos seus habitantes un lugar moi preferente. Boa mostra disto é a creación na diáspora da revista Alborada, a comezos do século pasado, ou a inmensidade de actividades culturais que se deron cita nesta vila, e nas que a figura de D. Rafael Mouzo, alcalde nacionalista deste Concello durante máis de vinte anos, foi decisiva. Por iso fixemos parada nesta vila señorial que fica en paz, secularmente adurmiñada á beira da súa ría para seguir a conservar o seu esplendoroso pasado.
1 comentario:
Gustoume a expresión "museo de canteiría", creo que describe moi ben a esencia da anterga historia da Vila de San Marcos, tan especial e tan diferente en comparanza co resto de poboacións da Costa da Morte: sempre un pobo culto, intelectual, artístico, case bohemio, que ten feito moito a prol do progreso e da cultura en toda a nosa pequena e humilde comarca.
Moi boa entrada, Mouro. Segue así.
Un saúdo dende Compostela.
Publicar un comentario