xoves, 26 de febreiro de 2009

A Fontem Sacra



"Es como un paxaro sonolento a se deslizar viaxeiro
que pousa sacode as suas asas e volve dormir na névoa fria.
De algures a névoa dorme en soidade cinguida
como a Fonte dorme no siléncio. Estou aqui chegado
co mesmo siléncio, con estrelas chegado de ningun lugar"

Cesáreo Sánchez

Os horizontes da Fonsagrada dispen os xélidos picos dos Ancares, e a bruma semella unha sedosa tea que enfeitiza as ladeiras, onde as súas sagradas e curativas augas dan vida e nome a un pobo. Este elevado concello é o máis extenso do noso país e o segundo máis grande do Estado. Conta cuns cinco mil veciños espallados polas aldeas desta fronteiriza e fría montaña, erguida a 952 metros respecto ao nivel do mar, e anteriormente coñecida coma Terras de Burón, A Fonsagrada conserva o legado do Camiño Primitivo de Santiago a carón dos ríos Navia e Rodil, antre centos de mámoas, dolmes e asentamentos castrexos. A boa mesa da Fonsagrada ven herdada da antiga e xeracional cociña. O Butelo é o produto máis identificativo da gastronomía desta terra, xunto con outros de gran calidade coma grelos, mel, castañas, leite, androias, patacas e chourizos. Os seus ríos ás veces agasallan ós veciños con algunha que outra troita e, tralas ladeiras, os ecos dun disparo presaxian carnes de salvaxes corzos, coellos ou xabaríns para o bo xantar dos cazadores. As súas hospitalarias xentes mesturan sorrisos polas rúas e tabernas, e comezan as conversas sobre a actual competitividade dos votos, o poderoso cheiro a promesas, sorrisos protocolarios e caramelos; a antroidada máis tradicional. Mentres tanto, a súa vella laboura agrogandeira e madereira, xunto cos seus ríos e sagradas augas, seguirán a traer as únicas esperanzas para o seu propio sustento.¡Boa sorte ós veciños da Fonsagrada!



Anécdotas da Fraga


"A porta do fiadeiro

hay unha pedra i un pau
onde se sentan os mozos
a tocá-lo birimbau".

Xoaquín Lorenzo, Xocas

A Fonsagrada é un dos poucos lugares do mundo onde se segue a forxar e tocar o Birimbau ou trompa, un instrumento que puido aparecer neste concello polo transcurso de viaxantes do Camiño de Santiago, e que agora só manteñen vivo Emilio “O Pando” e César Fernández.

xoves, 19 de febreiro de 2009

Pantallas, Cigarróns e Peliqueiros


"son máscaras de entroido
que esconden o gume das súas follas
nun estoupido de lámpadas amarelas.
Unha acacia ou mimosa nun entroido, hai anos,
partiume a lingua en dous"

Marilar Aleixandre

En Verín, na terra das mellores augas minerais e menciñeiras, e baixo o histórico dominio do Castelo de Monterrei, os máis cativos tamén cargan coa longa e xeracional herdanza do entroido. As pantallas de Xinzo da Limia, os cigarróns de Verín e os peliqueiros de Laza, conforman e dan vida ao Triángulo Máxico do Entroido galego. O Entroido nestes lugares vívese coa ledicia que deixan os derradeiros raios deste inverno, co recendo a laconadas e filloas, coa saída da Morena de Laza e as súas “adestradas” formigas. Na Limia, a pataca é a estrela dos cocidos, e os viños de Monterrei nada teñen que envidiarlle ás súas inmellorábeis augas, nas tabernas. Agora é o turno de Xinzo, Verín e Laza, onde o Entroido máis auténtico agocha tralas máscaras as singulares xentes que fan posíble cada ano que en pequenos lugares coma Laza non caia no esquecemento a súa máis antiga e sonada festa. Por moitos Entroidos en Xinzo, Verín e Laza!.

xoves, 12 de febreiro de 2009

Combarro e os cabazos da beiramar


"Se ve o mar bravo,
se ve o mar quedo,
de Ons e de Tambo
as illas ao lejos.
Se ven Portonovo
e, junto San Xenxo,
Marín e Combarro,
Lourido e Campelo"

Sarmiento, Baixo o pseudónimo de Marcos da Portela

En Combarro, no municipio pontevedrés de Poio, os cabazos ou palleiras ollan a ría dende a ribeira e cargan ás costas coa lenda histórica do traballo do mar e da terra. Vila enxebre de cruceiros e casas de granito cun pasado agrícola e mariñeiro. Rúas estreitas e humildes, casas balconadas que fican na beira mesma da ría, aproveitando dende antano a fertilidade e riqueza que aportan as labores do campo e do mar. As mariscadoras son as sombras dos amenceres na baixamar e os seus trebellos empréganse tanto en terra firme coma na area húmida da ría. Nos cabazos do mar sécase peixe e gárdase millo, namentres as súas cruces son posadeiros improvisados das altivas gaivotas.

"O hórreo galego non é simplemente un graneiro, como é o asturián; é unha hucha sagra que garda o pan de todo o ano”Castelao, As cruces de pedra na Galiza.

Que os antergos e ensalitrados hórreos ou palleiras de Combarro garden coma hucha sagra o pan de todo ano…, ou tan sequera o recordo por sempre da súa tan leal como vella tarefa.

xoves, 5 de febreiro de 2009

Asalto ás Torres de Martelo!



"Bravo país
Val de Soneira,
duro fogar senlleiro,
terra e ceo nun puño,
ventre xobreiro,
non é a luz do amencer
a que como vidrieiro
fecunda a flor.
Son as cálidas veas do teu solpor"

Gonzalo López Abente

O Val da Soneira ergueu coas pedras do seu ventre o fogar dos Moscoso de Altamira, atalaia onde o horizonte se perde de vista cos solpores ensanguentados dos confíns da terra. Esta fortaleza foi erixida no século XIII coma soberana dominante das terras da Comarca da Soneira baixo mandato dos Mariño de Lobeira. Entrámbolos anos 1425-1429 pasa a mans de Lope Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, quen aló polo ano 1467 escoitou os berros da loita noutro capítulo das nosas históricas Revoltas Irmandiñas. O castelo resulta derrubado trala batalla e rexurde das súas cinzas por mandato de Alonso de Fonseca, Arcebispo de Compostela, quen ordena a súa reconstrución. No ano 1870 pasa a mans de Ramón Martelo, e de aí ven que a este castelo tamén se lle coñeza popularmente como as Torres de Martelo. O castelo de Vimianzo é un dos mellor conservados do chan galiciano e, a día de hoxe, a xusta historia engalanou este fogar de nobres e feudos para albergar artesáns do liño, alfareiros, palilleiras e cesteiros. Que os muros de pedra non volvan a ser derrubados, máis ben que sigan a mostrarnos a súa e tan nosa historia, dende o ventre do Val da Soneira.

Anécdotas da Fraga
O primeiro fin de semana de cada xullo rememórase a loita contra o poder abusivo dos señoríos feudais e a batalla pola dignidade histórica no Castelo de Vimianzo. O tan sonado Asalto ao Castelo. Esta festa ten como obxectivo integrar a todo aquel que o desexe para formar parte desta batalla.