“Nalgures a túa torre era o gladiolo
inapreixable dunha estrela errante,
faiscando nos fogos de artificio
como seme dos ceos”.
Helena Villar Janeiro, Festa do corpo
Dende a miña última e solitaria viaxe estival ás cálidas terras de Ourense, namentres percorría a chaira Comarca da Limia, sentín a necesidade de achegarme até as abondosas torres que se albiscan impoñentes no horizonte destas terras, as senlleiras torres da Limia, para coñecer máis de preto a súa situación, a súa historia e as súas características. Decidín tratar de percorrelas, contemplalas e acariñalas, ollalas dende a base e sentir a súa grandeza máis preto de min. A primeira que chamaría a miña atención sería, sen lugar a dúbidas, a Torre da Pena, no Concello de Xinzo da Limia. Para achegarme a ela tería que dirixirme até a Parroquia de San Pedro da Pena. Non me resultou complicado chegar, a torre fica imperturbable dominando a liña deste chán horizonte. Nada máis chegar ó alto onde se localiza a impoñente Torre da Pena, fiquei abraiado ante a fermosura e amplitude da paisaxe chán que semellaba estenderse baixo os meus pés. Este elevado penedo é coñecido como o Alto da Pena, e acada os 747 metros de altitude.
De fronte a min, a uns escasos 50 metros, tiña a impoñente e pétrea Torre da Pena. Achegueime a ela paseniño, contemplando a impresionante panorámica que dende eiquí se albisca da contorna. Esta torre, tamén coñecida popularmente como o Castelo da Porteliña, formaba parte de catro fortificacións que protexían, antano, a Lagoa de Antela, xunto coa Torre de Sandiás, a de Celme e a de Porqueira. A torre que hoxe vemos era a Torre da Homenaxe do antigo Castelo de A Pena da Portela. A torre ten unha planta cuadrangular, duns aproximados 10,40 por 10,30 metros. Os seus muros posúen unha anchura máis que considerable, nada máis e nada menos que 2,40 metros. Esta torre fica arrodeada por unha muralla de planta oblonga.
O interior da torre posúe tres andares, o primeiro e o terceiro, cubertos con bóvedas de canón. No primeiro andar, onde se localiza a entrada, a bóveda semella moi elevada, mais crese era para posibilitar un piso de madeira intermedio con fins domésticos ou de almacenaxe. Non está claro o momento no que se erixiu esta fortaleza ou concretar a súa antigüidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario