o faro e mais o vento e mais a onda;
e fuches a roseira
que enarbora unha agulla e unha rosa,
a flor filosofal
que converte o amor en primavera,
o ceo nubento e gris,
o rexurdir
do sol”
Miguel Anxo Mouriño, Versos primos
O último recanto que coñecemos na curta pero intensa viaxe que fixeramos o meu bo amigo Samuel e máis eu á Ferrolterra e ás impresionantes faldras da Serra da Capelada, sería a punta e faro da Candieira, un lugar que nos deixaría francamente sorprendidos. Sobre dos impresionantes cantís desta punta rochosa que semella desafiar o mar, e a carón do seu faro, albiscaríamos unha panorámica desta Costa Ártabra que nos produciría moitísima vertixe. Achegámonos até este fascinante recuncho do Concello de Cedeira dende o centro desta vila mariñeira, logo de visitar e coñecer lugares tan senlleiros como o Castelo do Naraío, no Concello de San Sadurniño, a Ermida da Virxe do Porto, o faro, a punta, o areal e a lagoa da Frouxeira, no Concello de Valdoviño, o cabo e faro de Ortegal, no Concello de Cariño, así como boa parte duns dos cantís máis altos da vella Europa; os de Vixía de Herbeira.
Era primavera e o día presentábase solleiro e caloroso. O Faro de Punta Candieira localízase na Parroquia de Santalla de Cervo, a uns aproximados sete quilómetros de Cedeira, e ós pés, como dicía, duns dos cantís máis altos do noso continente. Decatámonos de que estabamos a chegar á Punta Candieira cando comezamos a descender cara o mar á altura do Monte Purrido, xa que o descenso é realmente vertixinoso, e a estrada, estreita e cun grandísimo desnivel, posuía nada máis e nada menos que dez pechadas curvas denantes de chegar até as inmediacións do faro. Descendemos, con moito coidado e precaución, o último tramo onde en somentes nun quilómetro baixaríamos dos 230 metros de Monte Purrido até uns 80 metros de altitude nos que se localiza o edificio do faro. Denantes de detérmonos no mesmo, albiscaríamos dende a estrada uns impresionantes illotes que loitan e resisten os embates desta costa fera e asasina, e que nos fixeron sentir ananos.
Achegámonos até as inmediacións do faro para ollar máis de preto as súas características. O Faro de Punta Candieira foi erixido entrámbolos anos 1929 e 1933, mais non entraría en funcionamento até uns vinte anos despois, concretamente no 1954, debido a unha falta de acordo encol da súa localización. O edificio, que na actualidade pertence á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, posúe unha planta en forma de “U” e unha torre octogonal onde, a uns nove metros de altura sobre do nivel do chan, se localiza o foco de luz, que acada as 21 millas náuticas. O edificio alberga aínda a vivenda do torreiro, algo xa pouco común na meirande parte dos faros galegos. Logo de contemplar o faro, decidimos achegarnos con moita precaución até os intricados cantís desta perigosa punta.
Ficamos sorprendidos ante a cantidade de illotes e pequenos farallóns que se localizan a carón mesmo desta punta. Algúns deles posúen unhas dimensións impresionantes, outros, nembargantes, semellan pequenos e afiados dentes de pedra que emerxen do mar desafiantes. Esta asasina costa posúe tamén unha longa historia marisqueira. Por antr’estes vertixinosos e perigosísimos cantís moitos percebeiros e percebeiras xogan a súa vida, literalmente, para apañar un dos máis prezados froitos do noso mar; un percebe de excelente calidade. Marchamos de Punta Candieira e demos por finalizada a nosa última viaxe á Comarca da Ferrolterra, ascendendo paseniño aquela vertixinosa e intricada estrada, aínda sorprendidos e impresionados pola fermosura natural e paisaxística que acharíamos neste lugar tan afastado, solitario i esquecido, neste pequeno recanto cedeirés onde a bravura do mar, a forza do vento, a marusía e a vertixe, son as eternas protagonistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario