Amosando publicacións coa etiqueta Xentes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xentes. Amosar todas as publicacións

xoves, 21 de xaneiro de 2016

O Pan de Carral e os Mártires da Liberdade


Dura memoria do camiño andado. 
A palmatoria cando marchaba a luz. 
Todas as nais na súplica.
Todas as nais varadas no horror. 
Toda a noite cavorco,
encofrado do medo, olmo de eclipse, 
seco taller de asfixia.

"Todos los ríos eran una sangre".

Quen peta á porta, mata.
Quen fala, ceiba a onda do perdido. 
Delata quen respira,
asina os papeis da esgazadura,
pon números anónimos nos mártires, 
pecha os ollos que seguen a mirar.

Quen alenta na felpa fusilada 
aínda escoita moi lonxe:
"Ora pro nobis, virgo clementísima. 
Ora pro nobis"
Manuel Álvarez Torneiro, Epicentro

Carral arrastra unha lenda negra, un loito recente, unha dor calada e inxusta que fica latexante no corazón e na memoria de moitos de nós. Non hai día nesta vila panadeira no que os seus veciños non lembren a inxustiza, a barbarie, a negra historia escrita con pólvora e sangue nas súas rúas, nas súas igrexas, nos muros e paredes de Carral. Non hai noite que non se escoiten, nesta nobre vila coruñesa, os pasos da desgraza, os laídos da carraxe, ousados berros de liberdade e resistencia acalados como puntos suspensivos. Non hai galego que se prece que non escoitase falar dos Mártires de Carral. 

Corría o funesto ano 1846 cando o xeneral e presidente Narváez instauraría un réxime ditatorial que provocaría importantes conflitos e desordes sociais no noso país. O 2 de abril dese mesmo ano nacería en Lugo un batallón progresista comandado polo coronel Miguel Solís e secundado polos estudantes de Compostela, no que tal vez fose o primeiro ton galeguista dunha rebelión contra a soberanía españolista, que disolvería a Deputación e o Consello Provincial. O día 15 dese mesmo mes constituiríase tamén a Xunta Superior do Reino de Galicia en Compostela, reclamando os dereitos e as liberdades abolidos, así como un trato máis xusto para Galiza. Así, baixo un berro de “Galegos: españois todos: Viva a raíña libre!, Viva a Constitución!, Fóra estranxeiros!, Abaixo o Ditador Narváez!, Abaixo o sistema tributario!” pronunciado polo coronel Solís, daría comezo a revolta. Mais non tardarían en chegar as tropas de Narváez á Galiza. O día 23 dese mesmo mes de abril daría comezo a batalla de Cacheiras en terras compostelás, onde as tropas do goberno central, moi superiores ás comandadas por Solís, sairían vitoriosas e mesmo chegarían a saquear os fogares de Compostela. O xeneral Miguel Solís refuxiaríase no mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, mais entregaríase poucas horas despois. Tanto el como outros 11 compañeiros serían levados á Coruña o día 26 dese convulso mes de abril para seren xulgados, mais nesta cidade os sublevados tiñan moitos apoios e as tropas do goberno sabíano ben, polo que optarían por tenderlles unha trampa. Faríanlles un falso xuízo de camiño, nesta pequena vila de Carral, onde serían tamén condenados a morte. A compás dun ensanguentado solpor primaveral, aquel funesto serán do día 26 de abril do ano 1846, doce caraveis perderían os seus pétalos, doce estrelas finarían no firmamento, doce paxariños deixarían de cantar; os ecos do espanto non tardarían en chegar. O coronel Solís sería fusilado no adro da igrexa de Paleo, mentres que os seus restantes compañeiros serían tristemente asasinados na Fraga do Rei. Todos eles serían soterrados en caixas sen nomes, sen datas, sen referencias. Todo canto queda de memoria e corazón, todo canto queda daquel heroico sangue derramado nas rúas de Carral, é este monumento; erixido por iniciativa da Liga Galega da Coruña no ano 1904 e deseñado polo arquitecto galego Juan Álvarez Mendoza. Esta pétrea construción lembra os nomes dunha ducia de almas acaladas coa morte; doce almas que naceron pra ser libres e que morreron por liberar. 


Mais se por algo se distingue esta localidade coruñesa de Carral, amais de pola lenda negra que leva sobre das costas dende o fatídico 1846, é por ser unha das máis históricas e senlleiras vilas panadeiras do noso país. O de Carral é, ó igual que o de Cea, o de Ousá ou o de Carballo, un dos máis recoñecidos pans da Galiza. Son máis dunha vintena as panaderías que seguen a facer pan de Carral e a conservar unha tradición herdada de pais a fillos; xeración tras xeración. Unha mestura de tradición, elaboración artesá, cariño e materia prima local é parte do segredo que agocha este pan, cada vez máis demandado e coñecido. O de Carral é un pan de trigo que se adoita presentar en moletes ou en bolos de moño e que se caracteriza pola súa esponxosa miola e a súa codia crocante. A súa elaboración é completamente artesá e realizase seguindo os pasos que marca a sabedoría popular. Distínguese pola calidade dos cereais empregados, que historicamente medraban nas nutridas terras do Val de Barcia, e polo amasado a man. Tamén resulta bastante importante que o trigo sexa moído con pedras finas e o fermento se obteña dunha masa de fornadas anteriores. Outro dos distintivos deste pan é a súa cocción, que historicamente era cociñado en fornos de leña. 

Déixovos agora co “Berro en lembranza dos herois de Carral”, as sentidas verbas que o gran Xosé María Álvarez Blázquez, - alentado polo que sería posteriormente outro dos grandes mártires da liberdade, Alexandre Bóveda -, recitaría no 26º aniversario dos fusilamentos de Carral:

“Irmáns:

                    Eu vos invito pra a loita. De hoxe en diante prométovos deixar no oco de un albre o meu bagaxe inútei de poeta e ire con vosco a onde vos queirades. E non hemos loitar coma o coello que fuxe da raposa, non; eu sei ben que se o coello fincara os dentes nos fuciños do seu nemigo, tiña xá moito camiño andado pra gañar. Nos temos de dal-o peito, e se en derradeiro termo a raposa nos pilla, morramos co-a ideia de que cando nos xanta é car (sic) hemos tere bo celme.

                    Deitemos a pedra da nosa indiñazón na mansedume eistúpida dos illós e acendamos fachas nos osos dos bos de Carral. Eu sei de certo que os seus espritos andarán con nosco, latexarán a nosa veira e daránnos o bafo lene e balsamado do seu inmorredoiro amor a Galiza.

                    Eu ben sei que o esprito dos mártires de Carral está con nosco. Por iso non vos prego o minuto de silenzo que pol-os mortos se prega. Eu prégovos coma aos vivos, pois iles vivos están en vos, que vos poñades en pé.

                    Homes de Carral: ergueivos!”


mércores, 8 de abril de 2015

O tinguilear das palilleiras de Camariñas


“Rachar a enagua, romper o encaixe,
desfacer toda a urdime fío a fío.
Esnaquizar a fina porcelana de Sèvres.
Retornar ao crisol ouro e alfaia.
Cuspir no lume até facelo cinsa.
Entrar núa no templo e derrubar os santos,
saír logo aulando e coa cara tinxida,
perdida xa a memoria dos nombres e as palabras.

[...] 

Foi preciso, quizais, para atopar no espello
baixo o bazo ese rostro da muller en Galicia,
para recuperar as mans e os seus tesouros.
Para escoitar coa orella no buraco
voces rotas, silencios, faragullas de vida.
Viaxar como Exeria xunto aos soños de Amantia
ou coa nena da historia trala pedra figueira.
Dicir da semellanza ou dun amor de tango,
de amantes que despertan novamente ao milagre.
Soedade de Antígona, fera noite de inverno
foi precisa, quizais, na procura da escrita da certeza.
A certeza, como unha casa grande, primaveral, aberta,
onde tecen Penélopes palabra silenciada,
palabra de carne, de muller: amor,
metáfora da metáfora”.
Marica Campo, Mulleres

Esta pasada semana vén de celebrarse a XXV edición da Mostra do Encaixe de Camariñas, que desta volta contaría coa presenza de ilustres deseñadores de gran sona internacional como Modesto Lomba e Lorenzo Caprile, amais dunha ducia de prestixiosas firmas de moda e unha trintena de deseñadores noveis. Achegueime até Camariñas este pasado domingo na compaña dos meus amigos Diego e Laura para tratarmos de coñecer o traballo das moitas palilleiras desta vila da Costa da Morte e para mergullármonos de cheo no mundo do encaixe. Xa van 25 anos desta mostra que trata de pór en valor unha laboura, unha tradición, unha arte, que continúa arraigada dende a longa noite dos séculos ó abeiro deste pequeno porto camariñán. Os coñecementos desta senlleira e centenaria arte foron transmitidos de pais a fillos, xeración tras xeración, nos humildes fogares desta fermosa vila mariñeira. En Camariñas palillan dende os anciáns ata os máis cativos, mais adoitan ser as mulleres as que continúan a manter aceso este importante legado artístico e cultural. 


Camariñas ficaba engalanada, recendía a festa por cada recanto da vila, escoitábase a música polos rueiros e unha gran cantidade de xente arremuiñábase arredor do polideportivo municipal, preto da Igrexa de San Xurxo; alí tiña lugar a mostra. Logo de agardar a nosa quenda para entrar naquela improvisada pasarela de fíos, almofadas e alfinetes, "onde tecen Penélopes", comezaríamos a escoitar o incesante e sutil tinguilear das palilleiras. Percorremos a meirande parte dos postos, tratando de coñecer as máis enxeñosas creacións das nosas palilleiras camariñás e tamén o traballo doutros moitos artesáns do mundo do encaixe chegados dende diferentes puntos do planeta. Nun dos postos coñeceríamos a Maruja, unha experimentada camariñá que palillaba cunha destreza e unha rapidez que nos deixou francamente fascinados. As súas mans amosaban a habelencia e o saber das máis grandes palilleiras. O certo é que Maruja, como tantas outras mulleres de Camariñas, aprendería a palillar dende ben meniña no seu propio fogar. Para ela palillar é parte da súa rutina, do seu día a día, é o legado dos seus pais; son os fíos transxeracionais que a unen ós seus devanceiros. 


Maruja, que realmente se chama María Rosa Liñeiro, adoita palillar e amosar as súas creacións na Rúa do Medio de Camariñas. Ficamos calados por un bo anaco ó seu carón, ollando pampos a axilidade das súas mans, a destreza coa que move os palillos e o tino co que crava os alfinetes. Ficamos abraiados tamén coa perfección que semellaba estar a acadar o froito do seu saber e da súa laboura; o tecido, o encaixe ideal dunha experimentada palilleira camariñá. Tras dela acharíamos tamén unha pequena mostra dos seus traballos. Logo de despedírmonos de Maruja, deteriámonos nun par de postos máis denantes de entrar no recinto onde se celebraría o derradeiro desfile desta edición. Malia non estarmos acostumados a presenciar un desfile de moda, debo recoñecer que os moitos deseñadores noveis que amosaron os seus traballos, modernos e arriscados, conseguiron mesturar de xeito maxistral as tendencias máis vangardistas co encaixe máis tradicional. 


Á saída do desfile, colleríamos rumbo ó porto da vila denantes de marchar. Alí, ollando o mar, cavilaríamos no indubidable valor, no traballo, no tempo e na imaxinación depositadas en todas e cada unha das pezas de encaixe elaboradas por estas mulleres de Camariñas. Cada unha destas creacións deixa de manifesto, unha vez máis, o valioso traballo de tantas e tantas mulleres anónimas e galegas que crean, que maxinan, que loitan cada día para saír adiante. Liscamos de Camariñas convencidos de que esta arte ancestral, esta importante herdanza cultural e familiar, seguirá acesa nesta vila namentres o Sol siga a alumear o albor de novos días neste horizonte vilán da Costa da Morte. 

luns, 23 de febreiro de 2015

O Entroido ourensán nas rúas de Compostela


“Rapaciña, si quixeres
sacares mozo d' a festa,
vai poñendo as castañolas
ou non deixel-a pandeira.
Pro cuida, nena garrida,
de mirar en quen escolles,
qu' às veces métese o demo
drento d' o coiro d' un home.
Baila, nena, c' os mozos d' a vila
ou con quen ó tiveres decote,
e repara qu' en tempo d' antroido
and' o rabo d' o cocho n' o pote”
Aureliano Pereira, Cousas d’a aldea

Agora que rematou o Entroido, o tempo das orellas, do lacón con grelos e das filloas, lembro aquela mañá, aquela última fin de semana de xaneiro, na que a maxia do Entroido ourensán, encarnada en ducias de pantallas, cigarróns e peliqueiros, presentouse na capital para espertar ós máis preguizosos veciños de Compostela. Percorrendo as empedradas rúas da cidade coas miñas compañeiras Mónica e Anabela, topariámonos de súpeto ante o estrondo e colorido do Entroido máis tradicional do noso país, o do triángulo máxico ourensán. O eco das chocas e campaíñas semellaba apoderarse das estreitas rúas e acompasar a rutineira ducia de badaladas da Berenguela. 


Centos de veciños e visitantes forasteiros arremuiñábanse arredor das ringleiras de cigarróns e peliqueiros que botaban a correr por antr’as rúas da capital para lembrar á Galiza enteira que o Entroido estaba a piques de comezar. Outros moitos, nembargantes, serían escorrentados polas misteriosas pantallas e polo seu golpear de vexigas inchadas. Mesturámonos antr’o xentío e achegámonos até unha fileira de peliqueiros de Laza que agardaban a súa quenda para entraren triunfantes na máis que monumental Praza do Obradoiro; no corazón mesmo do noso país. Os peliqueiros, que reciben o seu nome da pelica de animal que teñen pendurada na parte traseira das súas decoradas máscaras, son moi similares ós cigarróns de Verín, e somentes os máis puristas son capaces de diferencialos. 


Os peliqueiros visten camisa branca, garabata e chaquetiña curta da que penduran flocos dourados e galóns que van atados con lazos de tres cores, faixa con cinto de pel do que penden media ducia de chocas, calzón branco arrodeado de pompóns que se completa cas medias de encaixe e ligas de cores. Sobre dos ombreiros levan un pano e calzan zapatos negros. Van ca cabeza cuberta cunha carauta de madeira pintada de diferentes cores rechamantes, que se prolonga nunha mitra de metal con motivos animais. Á fin, aqueles peliqueiros de Laza, fusta en man, comezarían a abrirse camiño antr’a xente dando pequenos chimpos e facendo resoar as súas chocas. Non tivemos a sorte de ver ningunha ringleira cigarróns, mais si algún que outro espallado, pois cando nos topamos co balbordo deste acontecemento, xa fixeran entrada no Obradoiro. 


Os cigarróns de Verín, como dicía, posúen unhas características moi similares ós dos peliqueiros de Laza. Visten camisa branca, garabata e chaquetiña con flocos dourados e galóns que van atados con lazos de distintas cores, faixa con cinto de pel do que penden media ducia de chocas, calzón curto, medias brancas, ligas de cores e zapatos negros. Sobre dos ombreiros, ó igual cos de Laza, portan un pano. Nas súas mans levan as zamarras, unhas fustas coas que asustan ós veciños. A súa indumentaria pesa uns 25 quilos entre a máscara, o traxe e as chocas. As máscaras dos cigarróns están feitas de madeira de bidueiro e rematan nunha mitra de metal decorada con animais e astros. Detrás desta levan, ó igual que os de Laza, unha pelica de pel de animais como o gato, o raposo ou o lobo. Pouco tempo despois, seríamos sorprendidos por un grupo de pantallas de Xinzo da Limia. 


As pantallas posúen unha indumentaria e unhas características moi distintas ás dos cigarróns e peliqueiros. Atopámolos de costas a nós logo de comezar a escoitar o estrondo que producen cando chocan as súas vexigas inchadas. As pantallas visten camisa e calzón brancos, pano, capa e faixa vermellas e polainas negras. Sobre da faixa levan un cinto de pel sobre do que penduran campaíñas. As pantallas ábrense paso antr’a xente batendo as vexigas inchadas. Adoitan arrodear ós transeúntes que non están disfrazados, incomodándoos batendo as súas vexigas, dando chimpos i emitindo uns berros moi particulares. Adoitan tamén deixalos en paz a cambio de que os conviden a uns grolos de augardente. Mais a tradición manda que endexamais cheguen a tocar a ninguén. 


As pantallas que portan elabóranse de xeito tradicional con cartón, papel, feltro, fariña, auga e pinturas. Estas máscaras ríxidas e decoradas con motivos astrais posúen uns rostros diabólicos con pequenos cornos sobre dos ollos. Debo recoñecer que as máscaras que portan as pantallas resultáronme moi intrigantes. Ollamos detidamente a vestimenta e o activo comportamento das pantallas, os seus chimpos e o estrondo que producen ó bateren ás súas vexigas. Dende logo que impoñen un certo respecto cando se achegan a un. Arrodeamos case na súa totalidade a Praza do Obradoiro impresionados de topármonos con esta importantísima mostra do Entroido galego. Ficamos abraiados, real e felizmente sorprendidos, de recibir en Compostela toda a maxia e todo o espírito destes tres concellos ourensáns, Xinzo, Verín e Laza; deste triángulo no que se concentra o Entroido máis histórico e tradicional do noso país.

venres, 8 de agosto de 2014

Xentes de Compostela


“Chegar a Compostela desde dentro,
coa forma da palabra rezumando,
voltar cara ó silencio de granito
cando a vida é verdade e ninguén chega.
Tan só o verso que ispe na nostalxia,
leve harmonía do lume en homenaxe
ou retorno a esa fraguiza sempre acesa
que nos marca os alustros da memoria.
Tráioche agora unha oración de noite
pecha e reixas forxadas ás escuras
coa música dos teus canos de pedra,
e ti segues ofrecéndome a túa aperta
falsa e clandestina,
erguendo as mans das lousas prohibidas
co engado do que brilla e se proclama.
Pouco ten mudado,
nada cambia 
o ritmo das sombras debaixo das torres;
Santiago é un rostro sorrinte
na máxica bóveda das estrelas”.
Luís González Tosar, Volver a Compostela

Xa van case tres anos dende que deixei a miña querida cidade herculina e as súas xentes, das que sempre gardarei un excelente recordo, para comezar unha nova etapa da miña vida en Compostela. Xa van case tres anos dende que pisei por vez primeira as empedradas rúas da nosa capital como cidadán, coma veciño. Dende aquel intre tiven que afacerme a vivir nunha cidade nova, moi distinta da que proviña, e comezar a establecer nela novos hábitos e amizades. Debo recoñecer que os comezos, coma era de agardar, foron bastante duros, mais coido que, coma tódalas experiencias que nos toca vivir, hanme ser de proveito pra madurar i evolucionar. Aínda lembro aqueles primeiros e fríos días nos que comezaba a descubrir esta antiga e granítica cidade, as súas húmidas rúas e os seus máxicos segredos. A pesares de ter transitado a cotío en soidade polas rúas desta cidade, debo admitir que nunca me sentín só. Compostela, e as súas xentes, acolléronme nas máis escuras rúas, acompañáronme en cada praza, en cada arcada, en cada parque, en cada xanela, en cada chanzo, en cada fonte, en cada gárgola, en cada capela. As súas xentes, entre as que hai músicos, artesáns, anciáns, estudantes, artistas, hostaleiros, políticos, peregrinos, funcionarios, monxes, clérigos e outros moitos colectivos, contribuíron a sentirme un pouco máis cidadán dunha Compostela aberta ó mundo. É por iso que quixen, como diría González Tosar, tratar de “chegar a Compostela desde dentro”, centrando toda a miña atención nas súas xentes, nos cidadáns que transitan esta nosa pétrea e monumental cidade, e que fan posible que continúe a ser o que sempre foi; a capital da vangarda, da arte, da cultura, o refuxio e a escola dos nosos máis senlleiros artistas, o corazón do noso país. Para tódolos composteláns e compostelás, con toda a gratitude do mundo, vai esta miña pequena homenaxe:


Das súas cordas nacen os sons máis estremecedores da Acibecharía

As súas cordas fannos viaxar danzando até a India

A elegante anciá de San Francisco

Café e xornal, no mesmo lugar, á mesma hora de sempre

Non se move el, móvese a súa sombra

Da súa voz e das súas cordas nacen as máis míticas e melancólicas baladas


Moito ten camiñado


Dos sons máis harmoniosos e celestiais de Compostela

Nos seus dedos, a destreza do bon gaiteiro...
...nos seus pulmóns, a forza do aturuxo galego


A Tuna...

...e o "tunante"

Algo teño sucumbido a aqueles doces almendrados...


Rumbos opostos...

...e rumbos parellos

Ninguén ten queixa del, éche un home calado

Con el trouxo a samba brasileira

A serea compostelá

Sons caribeños para público nipón

No sendeiros da fe e da espiritualidade

A Igrexa...

... e os seus fieis

O clarinete que tanto gostou ó burro

Escoitanse os berros da revolta...

...ecos reivindicativos que a bo seguro retumban nas mentes máis rancias e conservadoras.

A bandurria eléctrica de Acibecharía

Que sería do outono compostelán sen os asadores de castañas?...

...que sería de nós sen o seu recendo?

Os seus sons fan vibrar até o mesmísimo soportal

Os máis prezados xeados do verán

Somentes lembro a súa voz enérxica e anenada

Semella non ter vida propia...

Cuspidiño ó Santo Patrón

Todo é practicar, dicía...

A pola tan ansiada Compostela

Velaí vai o máis senlleiro peregrino, mais todos semellan dárllelas costas

A Compostela dos executivos

Sorrisos que traspasan fronteiras e culturas

Recordos para os máis nostálxicos

Os derradeiros pasos

Semella parte da mesma pedra desta cidade

Xa son dous os que consiguen trasladarnos á India

O gozo da chegada

Repartindo amor

Abastos recende a horta galega...

...a lacena de aldea, a viño da casa, a curral...

...recende a salseiros e areais, a frescura e marusía...

...recende a polvo á feira.

Compostela sempre foi, e será, unha cidade ateigada de estudantes...

...escola e abeiro de artesáns...

...a cidade onde os máis bohemios procuran o seu sitio...

...a esperanza de moitos que tiveron que deixar atrás as súas casas...

...o fogar de solitarias viúvas que pechan as portas ó inverno e déixanse acariñar por un sol...

...por un sol curandeiro de artrites e reúmas, de humidades que remanecen no maxín da soidade.

Sen el non hai festa...

...sen elas tampouco se concibe...

...porque cando a gaita asubía e o atutuxo resoa, Compostela bótase a bailar!

Pois iso, que nos quiten "o bailao"...

Esta brazada de fotografías en branco e negro abofé que non representan a tódolos cidadáns de Compostela, mais debo confesar que a meirande parte das xentes que aparecen nas mesmas adoito atopalos con frecuencia nas mesmas rúas, nas mesmas prazas, en cada arcada, en cada parque, en cada xanela, en cada chanzo desta pétrea e sacra cidade. Eles somentes son unha pequena representación dos moitos colectivos da cidade. Oxalá o destino siga a facerme cruzar polo pentagrama dos músicos da rúa, deambular ante altares por nostálxicas calexas onde finan os versos dos poetas e nacen os berros das revoltas, onde vibran con forza e puntuais as badaladas. Oxalá volva a atravesar as agullas dun improvisado reloxo solar sobre das sombras dos mimos, e a peteirar os máis amendoados e irresistibles doces da capital. Oxalá siga a procurar o arume áurico do mar nas salitrosas mans das pescadoras, e nos abastos, os máis selectos froitos da cociña dos probes. Oxalá siga a escoitar o ir e vir dos estudantes namorados. Oxalá poida perderme no son das gaitas enmudecidas baixo a sombra dos soportais, en ferreñas corroídas de vellas cantareiras. Oxalá me afunda na suor e na aperta peregrina, nos dourados liques que ollan a occidente. Que nada mude nesta cidade de anónimos estudantes, de anónimos forasteiros, de músicos, de poetas; de artistas sen padriños. Que nada troque xa neste pequeno universo da arte e da cultura, neste sempre latexante corazón da patria, nesta “máxica bóveda das estrelas”.