"Porque en marzo
seica é primavera dende hai séculos
aquí estás, amigo
das cerdeiras que son frores
neste tempo de duro
conforto e compadranzas.
Velaí Xoán Xesús
soergueito coma un buxo
en canto na buguina
da gaita e palitroques
nas maus das
tecedeiras do mar de Camariñas"
Xosé Vazquez Pintor
É un dos cabos máis agrestes da costa galega. Ergueito a 125 metros con respecto ó nivel do mar, mantén unha loita infinda coa ferocidade que caracteriza a este mar da Costa da Morte. Xusto enriba dos escarpados cantís érguese a torre do faro, dende a que se albisca o desafío entre a creación humana e oposición constante dos elementos; do vento e do mar.
Este Cabo foi testemuña de innumerábeis naufraxios. Entre eles cabe destacar o do Serpent (1890), un navío inglés que tiña Serra Leoa como destino e no cal perderon a vida 172 tripulantes. Os corpos aparecidos foron soterrados enfronte ó mar e moi preto do Vilán, nun encrave coñecido como O cemiterio dos ingleses.
Tamén cabe destacar as vilas costeiras de Camelle (imprescinbible visitar o Museo do Alemán e coñecer a impresionante obra artístico-natural de Manfred Gnädinger) e Arou, atopándose moi preto do Cabo Vilán e pertencentes, tamén, ó Concello de Camariñas. Estas fermosas vilas representan perfectamente o modo de vida da Costa da Morte, misturando a faena das redes coa arte do encaixe, ou como diría Modesto Fraga: “Ese traballo inxel de remendar nas redes do encaixe máis absurdo”.
Un saúdo ó pobo de Camariñas, e en especial á xente de Camelle, da cal sempre gardarei un grato recordo.
1 comentario:
Fermosa paraxe!!!!
Sempre quedará en Camelle unha parte do noso corazón. A ver se volvemos pronto alí.
E espero que poñas en breve fotografías da nosa última viaxe ó Courel.
Moitos saúdos e apertas dende Compostela
Publicar un comentario