xoves, 22 de maio de 2008

A Moa, O Vello Xigante de Pedra


"Outravolta percorro a cidadela ambaxe
en que, ogallá, os coitelos se ceguen coa frialdade
dos estrames. ¡Roubárnolos, sequera, cando a Moa
do Pindo nos pertenza!"
Alexandre Nerium

Na fermosa e pequena vila do Pindo érguese, a 630 metros de altitude, o impresionante e vertical Monte do Pindo, coroado pola Moa, unha paraxe chea de historia e lenda que obsequia de amenceres ó Fin da Terra ó longo dos séculos. A xeomorfoloxía granítico-encarnada é o sinal de identidade e distinción desta zona de angostos i escarpados sendeiros, de covas ateigadas de historia.

De camiño ó cumio da Moa pódense observar innumerábeis piñeiros, loureiros e mesmo carballos ananos, así como carrascas, toxos, xestas e demais vexetación silvestre e autóctona. Pódense atopar, tamén, londras, bestas salvaxes, raposos e multitude de aves rapaces, insectívoras, e como non tamén, os "feros corvos do Xallas" dos que falaba Pondal, deslizándose ceibos co vento ó longo do importante e caudaloso Río Xallas ata a súa gloriosa morte no mar. 

O Monte Pindo arrastra consigo lendas que perviven ó paso do tempo e que lle imprimen a este monte aínda máis misticismo e maxestosidade, como a do rito da fecundidade ou o paso dos celtas e o seu legado. Contan que aló polo século X, un bispo de Iria Flavia dera orde de construir unha fortaleza ó redor deste monte para a súa protección e defensa fronte ós numerosos ataques piratas; e estando habitado pola nobreza galega, foi destruido no ano 1467 polas Revoltas Irmandiñas. Contan tamén que ata non fai moito podíanse albiscar parte dos muros do castelo.

O cumio deste monte, A Moa, é na miña opinión o lugar máis propicio para divisar Fisterra na súa grandeza, na súa plenitude, cun solpor de fondo e somerxíndose na inmensidade do mar. 

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Noraboa polo blog, e perrea,perrea!!!

Xoán S. Pazos dixo...

A Moa é un monte máxico. Indómito, álzase coma por arte de maxia da nada, coas fauces abertas ao mar, e co gran Xallas discurrindo sinuoso por entre os seus penedos.
É un monte vermello, como a sangue derramada aos seus pes polos innumerábeis crímenes da Humanidade.