luns, 19 de maio de 2008

Viaxe ó corazón da Serra do Caurel


"apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
os Ancares i o Courel"
Uxío Novoneyra

Este mes coñecemos O Caurel e a súa xente. Visitámolos recunchos feiticeiros que embelecen este fermoso lugar de lugares. Arrecendemos a natureza en plena fotosíntese e observámola vida cotiá dos seus habitantes, os cales seguen a desenrolar a laboura do campo, ó igual que os seus antergos, loitando por manter con vida unha terra case esquecida e altamente castigada polo tempo, a distancia e a diáspora.

Puidemos visitar fermosas aldeas como Vilamor, Seceda, Seoane do Caurel, Céramo, Esperante, A Seara, Mercurín, Froxán, Folgoso, Visuña, e como non, Parada; a vila na que naceu o poeta do Caurel, Uxío Novoneyra. Tamén puidemos visitar paraxes incríbles como a Devesa de Rogueira, O Castro da Torre, As ferrerías, O Castelo do Carbedo, Campodola ou o Taro Branco.

A anecdota máis incríble desta viaxe surxíu en Vilamor, onde nos atopamos a Manolo do Monteiro, coñecido na serra polo alcume de “O Famoso”, e que nos amosou a aldea por tódolos seus recantos coa fin de que lle mercásemos un tarro de mel das súas colmeas. Estaba namorado da azafata Nelly Fernandez, do xa finado concurso “Supermartes” da Televisión de Galicia, e tiña unha pena moi grande: non ter xuntado nunca o atrevemento de conquistar unha muller. Este veciño de Vilamor contounos que fora moi amigo de Uxío Novoneyra, ó cal lle chamaba "O Poeta", e que de novos foran xuntos estudar a Compostela. De non ser por Manolo do Monteiro, non dariamos atopado a fermosa casa desta importantísima personalidade das nosas letras.

O Caurel e a súa xente traballadora merece ser moito máis que un recordo, necesita vida e protección por parte da Administración e de tódolos galegos que amamos a Galiza, a nosa cultura e o noso xeito de vivir.

4 comentarios:

Modesto Fraga dixo...

Fermosísima foto e non menos fermoso comentario. A referencia a Novoneira é, porén, indispensábel neste marco textual que nos ofreces.
Non está mal a antítese espacial costa/interior (Fisterra-Courel) nin a asunción de motivos paisaxe/poesía e/ou natureza/cultura.
Parabéns polo "locus amoenus" tan atinado, tan suxerente, tan cheo de lirismo e sensibilidade.

Dorian dixo...

Podo dicir, sen medo a trabucarme, que este foi a viaxe máis incríbel das que realicei en toda a miña vida. Descubrindo o Caurel daste conta do variada, fermosa e inmensa que é a nosa Galicia. Sen dúbida, temos que voltar alí algunha vez, para darlle a Manolo a foto que lle prometemos, e mercarlle tamén unha botella de licor de herba de menta.

E estou seguro de que cando voltemos alí, nada terá mudado, porque naquela terra máxica, as cousas seguen intocábeis dende o principio dos tempos.

Unha aperta dende Compostela, compañeiro!!

Anónimo dixo...

"sangredemuerdago", probablemente che gusten, como a min, o teu blog ;)

Iván Fraga dixo...

Moitas grazas amigo, tanto pola recomendación como polo cumprido