mércores, 7 de xaneiro de 2009

Luces da Langosteira, Fisterra


"FISTERRA ten nos beizos unha estrela,
un suspiro cara ós mares:
a xanela
a un pórtico azul de ollos terra,
a unha lus adormiñada sen litixios
e sen tebras.
Concédeme, Fisterra, unha ollada,
ó milagre do dourado berro eterno
da beleza.
Concédeme a dozura do suspiro,
que amamanta de ilusións
calquera espera.
Porque logo ven o cálido desterro
da amargura das cidades
e as fronteiras,
e aparece o caleidoscópico aquelarre
de lus e son,
de vida eterna.
E somos nós os que xeramos na alma vida
no infindo ollar á fermosura
de Fisterra,
e ó palpar cos beizos nosos doce area
recordamos a feitura
máis fermosa… ...da beleza"

Xoán S. Pazos, Luces da Langosteira

Comeza un novo ano e ábrense novos camiños onde deleitarnos nos encantos e fermosura cos que sempre nos agasalla a nosa morriñenta e sufrida terra. Este ano comezo actualizando coa praia que serve de vieiro para achegarnos ao Finis Terrae e lugar idóneo onde ollar os penedos do Monte Facho, coa súa similitude a dous peitos femininos e como lembranza da lexendaria “Senda do Erotismo”. A Praia da Langosteira é unha paraxe duns tres quilómetros de lonxitude, que comeza en Calcoba e remata na Crus de Baixar, un cruceiro na entrada e saída de Fisterra. Moitos son os camiñantes que observan estes peitos de camiño á vila. Esta praia mestura area e mar da ría, e testemuña os abrentes máis fermosos da Fin da Terra. As súas augas son sosegadas, ao contrario que as praias que quedan ao outro lado de Fisterra, onde o mar é o eterno loitador e moitas veces despiadado asasino de mariñeiros, percebeiros ou mesmo peregrinos. A Langosteira é o refuxio e fogar do Longueirón de Fisterra, recentemente declarado producto con selo de Galicia Calidade. É tamén fogar de boa ameixa e dos mellores mariscos da Costa da Morte. Este pasado Nadal, e de volta á rutina vital herculina, fiquei ollando as sempre discretas Luces da Langosteira. Este, no meu caso, é o primeiro vieiro por percorrer para comezar un novo ano de andaina polo País Galego. Afectuosos saúdos a todos, e que o ano que deu comezo veña cargado de recordos, poesía, fotos, música e anecdotas…, e iso si, moito camiño por percorrer.

9 comentarios:

Anónimo dixo...

Os mesmos desexos para ti, irmán. Segue así, adiante, soñando e reinventando un país (o noso), único, singular, irrepetíbel.

Anónimo dixo...

Cada area de Langosteira son as historias vividas e gardadas por Nereo no seu lar do mar de Fisterra.
fermoso artigo Ivan e moitos saudos dende Berlin do teu amigo xandesiso

Xoán S. Pazos dixo...

Síntome moi honrado por que un poema meu figure neste blogue. Desta volta fixeches unha fermosa descrición dun dos paraxes máis importantes, emblemáticos e característicos da nosa Fisterra. Ese "camiño", que ti describes, forma parte da miña infancia coma poucos lugares do mundo.

Sen máis, gracias por empregares un dos meus poemas, e gracias por ternos sempre tan atentos ás túas actualizacións, sempre tan interesantes.

Saúdos dende Compostela,
e saúde, sorte e República!

Unknown dixo...

Grazas aos tres por adentrarvos na Fraga. Un saúdo

Anónimo dixo...

noraboa meu rei es genial, estupendo e maraviloso felicitoche muitos bicos da tua tia
CUIDATE MOITO

Unknown dixo...

Gracias tía, é todo un honor que te pases pola Fraga e convídote a que me acompañes tí tamén nesta andaina virtual. Un bico

maitines dixo...

Hola coraçao! sempre me dis que non te visito nada e é mentira, sempre que podo adéntrome nesa fraga tan maravillosa e pérdome nesas impresionantes instantáneas que faría o mellor dos profesionais. Sabes que me encanta viaxar e conocer xente, non só de Galiza senon de todo o mundo. Cando queiras pásoche fotos que fixen o longo da miña dilatada vida, non tan fermosas como as túas pero cheas de frescura e naturalidade. Noraboa pola páxiña Ivi... que xa sabes que te teño en favoritos, ja,ja. Grazas por todo e sobretodo por esa axuda cibernética que tan pacientemente me brindas.Un bicazo, tua "primi". MCM. Con todo o meu cariño.

maitines dixo...

Por fín!!! e a terceira vez que intento deixar un comentario. E que ainda sou un bebé nestas lindes. Biquiños enormes. MCM

I. Iván Fraga Moure dixo...

Grazas Mayte por te pasares e disfrutar destas viaxes que nunca defraudan e que nos empapan de sabedoría, anécdotas e recordos. Unha bico "primi".