domingo, 28 de decembro de 2008

Antre os sendeiros das Fragas do Eume


"A fraga ensimesmada de nuves.
A luz baixa e grave.
Afondador o Eume
por amor de Ti á terra.
Algo en ti abre-se a Coñecimento
criador do inexistente e todo é
azaleia e atardecer"
Cesáreo Sánchez


O xa vello ano 2008 comeza a finar, namentres nos sendeiros e pontes que acompañan o curso do Eume, o musgo e os liques enferruñan as pedras i enfeitizan os camiños que nos conducen ao Mosteiro de Caaveiro. Semella que antr'este paraíso, declarado Parque Natural no ano 1997, a nai natura amósanos a esplendorosa riqueza ecolóxica e ensínanos a pequena ollada da sempre máxica e feiticeira Galiza. A bo seguro que namentres nas cidades e nas vilas os veciños fican nos fogares gozando cos festexos, nas fértiles ribeiras do río Eume, a natureza enxendra vida i estende as súas fronteiras. Londras, xabaríns, píntegas, troitas, fentos, carballos, bidueiros e castiñeiros, entre outras moitas especies, conforman a riqueza natural deste río e das súas ribeiras. A fin deste camiño a carón do Eume intúese cando pisamos as pedras do antergo chan do Mosteiro de San Xoán de Caaveiro; espello do Medievo e fogar de antigos anacoretas. No ano 1975 foi declarado Monumento Histórico-Artístico. Aló polo 1800, os monxes fuxiron como a esquiva auga que conforma este privilexiado espazo, e semella que só a propia man da natureza protexeu ao longo do tempo os muros que conforman este misterioso e abandonado mosteiro. O tempo, a auga e os fentos foron conformando este espazo onde camiñar é unha garantía de sosego, paz e admiración natural. As especies que conforman a paisaxe deste harmonioso lugar seguirán creando vida, e as súas sosegadas e coloridas augas, fertilizarán estas ribeiras. Os bufos seguirán sendo os centinelas das fragas; os reos e troitas, os donos das súas augas, e os áxiles raposos seguirán a ollar de esguello ós intrépidos visitantes que, coma nós, ousan adentrarse nos misteriosos camiños que nos amosa esta fraga. Que as fértiles ribeiras do Eume sigan a portar a sempre valiosa semente da vida, como ata o de agora e ao longo dos séculos.

6 comentarios:

Anónimo dixo...

BO NADAL!!!!!!

Carmiña

Anónimo dixo...

Feliz ano!!!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Igualmente aos dous, que demos comezo a outro ano con forza e ilusión. Un saúdo e os meus mellores desexos aos dous.

Xoán S. Pazos dixo...

Remítoche tamén os meus agradecementos por contares conmigo para coñecer o noso país, e por citarme nesta entrada, o cal para min constitúe un honor.
Fermosa entrada tamén sobre un dos paraxes máis emblemáticos e fermosos da Galicia.

Unha aperta dende Compostela,
e feliz ano 2009.

Anónimo dixo...

As Fragas Atlánticas do Eume son,en efecto, un dos pulmóns do país e un espacio natural de vital importancia para o noso ecosistema, a súa riqueza e a súa beleza fan dela un dos maiores orgullos dos galegos...ou a lo menos debería de selo para tod@s.Lugares como éste fan deste país un lugar especial.Un saúdo ultreiano.

Unknown dixo...

Gracias, Xoán e Jose. Feliz ano aos dous e moita sorte para este 2009!!!