venres, 12 de decembro de 2008

A Punta Nariga



"Silvasmouras, silvasmouras;
Da grande ruïna escura,
Certo non vos estrañédes,
Nin vos fagádes preguntas:
Non preguntés por qué causa,
O fero mar desfigura,
Co eterno e duro combate,
De Nariga a ruda punta:
Non son vagamundo, non son un bandido,
Fóran cousas da ventura"

Eduardo Pondal

Unha vez visitado O Roncudo e as Illas Sisargas, teño a obriga de mostrar o "eterno e duro combate" do fero mar de Pondal: Punta Nariga. Esta punta e o seu Faro, creado en 1995 polo prestixioso arquitecto galego César Portela, fica en Barizo, entre O Roncudo (Corme) e as Illas Sisargas de Malpica de Bergantiños. A estrutura deste faro semella recrear a proa dun navío, desafiando e ollando ó mar da Costa da Morte bergantiñá, e as pedras do Porriño e Mondariz ergueron o mastro do facho dos mariñeiros. De fronte; a escuma, a brétema, o vento e o mar. Esta faísca resulta ser a máis moderna da costa peninsular, e a súa luz acada as 20 millas. De camiño á punta pódese observar un parque eólico. É frecuente a presenza destes parques nas mellores paraxes das Rías Altas, como nas ladeiras do Vilán ou na costa de Carnota, provocando un detestable e reiterado impacto paisaxístico. A súa serea non garda silenzo nos trebóns, e a dura e alertante voz viaxa sen ecos coa brétema deste mar de mortes e de traizoeiros baixos.

"Oín cantar a sirena
alá no medio do mar:
cántos barcos se perderon
ó son daquel cantar"

Cantiga popular

Que a serea e a luz do Faro de Nariga alerte aos mariñeiros nas noites de treboada; aquí, onde a palabra morte protagoniza o nome da nósa costa!

4 comentarios:

dalit dixo...

Deberías pensar en adicarte a fotografía;ésta, concretamente, é espectacular.Eu estiven nunha ocasión, xa fai moitos anos, neste lugar, pero non visto polos teus ollos é máis fermoso.Ánimo e a seguir con este interesante Blog.

Frederik Tácito dixo...

A verdade é que non coñecía esa foto túa, pero é realmente boa.
Pois a Punta Nariga é un dos poucos sitios que me quedan por visitar da Costa da Morte. Estou desexando coñecela, para ver se de certo é tan fermosa coma din.

Un saudo dende COmpostela
Xoán S. Pazos

O Mouro dixo...

Moi boas, veciños:
Agradezo moito os vosos comentarios e visitas. Resultan moi reconfortantes as vosas palabras e espero que algún día, este espazo cerre completando unha exhaustiva andaina polo País Galego. Polo momento, aínda manteño o compromiso de mostrar tódo-los recodos de beleza da Galiza á miña maneira. Unha fonda aperta aos dous.

xeiteiro dixo...

Foto exquisita, sensíbel, poética. Qué máis se pode pedir?
Apertas e a seguir avante, sempre avante.