xoves, 2 de agosto de 2012

Pontepedre, legado dos canteiros de Serrapio



"D'o logar a vida legre,
A casa que aló n-a aldea
E n-unha verde cañada
Aculta ôs seus ollos queda;
o regato choutador
Que lodas suas augas mezcra
Co-as puras e cristainas
D'o río que ven d'a serra;
O sito en que, veces tantas,
Ô redobrar d'a pandeira
Y-ô malencóneco acento
D'a dôce gaita d'a terra,
As tardes pasóu brincando
Yñorand'o que eran penas;
o rosmar d'a rula triste,
A campaiña d'a Eirexa,
O probe vello qu'ô ouvila
A frente descobr'e reza
En fin, cánto d'agradabre
Pra él á sua pátrea encerra".
Amador Montenegro, Muxenas


No vello chan galego, os pasos sempre acaban levando ó solitario viaxeiro ata recunchos esquecidos polo devalar dos séculos; lugares de fermosura inigualable, anacos da Galicia máis auténtica. Son tantos os camiños que nos descobren esta Galicia tan variada, que resulta imposible chegar a retratar toda a beleza e singularidade do antergo Fogar de Breogán. Mais ás veces temos sorte, e os nosos pasos condúcennos ata algúns dos máis incribles e esquecidos lugares da vella Patria.
Aquela tarde, o noso percorrido atravesaba as interiores Terras de Montes, logo de visitar a comarca do Condado. Camiñabamos seguindo o intricado curso do Lérez, que forma longos e sinuosos meandros ó seu paso por Monte Cregos e Monte Cabeiro, á altura do concello pontevedrés de Cerdedo. Namentres percorremos a pequena parroquia de San Estevo de Pedre, imos achando sobre de nós toda a frondosidade e riqueza das fragas que o vello río Lérez fixo medrar ó longo dos séculos. 


Un manto de espesas ramaxes cobre o ceo, e debuxa un delicado encaixe de luz e follas sobre as entrañas dos soutos. Anterga terra de labradores e canteiros, Pedre foi chamado dende antano Petrix, lugar ergueito sobre as duras e frías rochas. No corazón da aldea, unha gran eira arrodeada de elegantes canastos de pedra e madeira, fálanos dos tempos da prosperidade, nos que aquela pequena parroquia era un importante cruce de camiños no corazón mesmo da vella provincia das pontes.
A necesidade obrigou ás diferentes xeracións a ergueren innumerables pontes para salvar as virxes e esgrevias Terras de Montes. O noso obxectivo era, precisamente, unha destas pontes cheas de historia, máis a casualidade, ou quizais o destino, quixo levarnos ata un encrave máxico, un deses lugares dos que falabamos ó comezo.
O ruído dunha fiestra rachou o profundo silencio que impera na minúscula e afastada aldea de Serrapio. Os poucos veciños que sobreviven neste enfeitizado recuncho de paz e sosego asoman as súas cabezas dende os escasos fogares habitados, ollándonos con certa curiosidade. 

Seguramente, non é habitual que forasteiros coma nós rachen o silencio deste prácido e apartado lugar nas frondosas beiras do Lérez. A pesares da lóxica desconfianza, pronto emerxeu a hospitalidade da aldea galega, e entaboamos unha cordial conversa na que puidemos apreciar a profunda e ancestral sabedoría dos máis vellos. Faláronnos da soidade e do illamento, dos fríos invernos e das duras labouras do campo. Mais tamén se amosaron fachendosos do seu pequeno anaco de terra. Faláronnos da fermosa capela, do outeiro, e da nutrida veiga que debiamos percorrer para achar a vella ponte romana, sen dúbida algunha, o maior tesouro que nos legou a historia de Serrapio.
Un rebuldeiro e agarimoso canciño guiou os nosos pasos a través dos prados e das veigas das Cortellas, brincando sobre cada un dos abondoso regatos que buscan ó Lérez. Estes pequenos cursos de auga percorren eidos e fragas, e nutren estas terras verdescentes. Ó noso redor, as follas das árbores tinguen de innumerables cores os dominios da veiga, e nos prados pacen as ovellas namentres a danza das ramaxes e follas se mestura co rumor das augas do Lérez. As primeiras pedras dunha vella calzada lémbrannos tempos antergos, nos que este lugar era un importante cruce de camiños frecuentado por innumerables xeracións de viaxeiros. A calzada lévanos ata a vella Pontepedre, coñecida entre a veciñanza como a Ponte Romana. Nembargantes, a súa elegante traza, que semella asolagada entre as árbores e matogueiras, fainos pensar no medievo. Porén, pode que fora erixida sobre as bases dunha antiga ponte romana, coma tantas outras que atravesan os infindos ríos do chan galiciano. Os seus tres rexos arcos, lixeiramente apuntados, lémbrannos a outras pontes góticas que temos atravesado. 

Construída a base de traballadas pezas de sillería, a vella Ponte de Pedre érguese ata os quince metros sobre o curso do río, ó longo de case setenta metros. O camiño, de tres metros de ancho, e cuberto de cantos rodados, fica en pé grazas a uns potentes piares apuntados augas arriba. Aínda se poden achar as desgastadas marcas dos canteiros, derradeiro vestixio dos artistas que asinaron esta obra; nesta terra nai dos labradores do granito. A natureza semella asolagar de xeito imperceptible pero constante a vella obra mestra dos canteiros de Serrapio, e a fraga vai cubrindo de ramaxes e esquecemento a antiga ponte, que tantos camiñantes teñen atravesado dende tempos antergos. 


Xa de volta na aldea, ascendemos polas intricadas e labirínticas ruelas que gabean ata o alto do máxico outeiro de granito que domina o pequeno e silencioso lugar de Serrapio. As desgastadas escaleiras de pedra traballada, adáptanse ó desnivel e salvan a esgrevia cortiza deste outeiro sagrado. 

As casas fican abandonadas, invadidas polo silencio e o esquecemento. O tempo derrubou o teito e a vida de moitos destes antigos fogares, onde en tempos mellores medraron xeracións de bos e xenerosos. Nalgunhas vivendas, aínda atopamos mostras da sabia e delicada laboura da pedra nalgunhas balconadas e escaleiras. Moitas delas foron erixidas sobre a rocha mesma do outeiro, aproveitando a dureza do terreo. Un vello pombal aínda se albisca na ladeira, xa sen pombas e cuberto de soidade. O canciño gabea connosco ata alí, seguindo a sombra dos ergueitos cruceiros dun antigo Vía Crucis. No alto, unha vella árbore solitaria acompaña á belida hermida de San Lourenzo. Erixida no Barroco, amosa unha sólida planta rectangular, e unha elegante espadana de dous arcos que debuxa a súa sombra sobre o verde céspede que cobre o outeiro. 



A carón da hermida, unha xigantesca e singular rocha traballada polo vento e a chuvia, semella rememorar antigos cultos que se perderon nas brétemas da historia. Dende o alto, o Lérez revela a súa presenza a través das frondosas fragas que acompañan o seu curso. Pouco a pouco vai caendo a tarde, e Serrapio fica en silencio, asolagada de vagar polas sombras e o esquecemento. 

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Parabéns por seguir soprendéndonos gratamente con tantos tesouros o pé de nós.
( Hoxe, por exemplo , saber que o Lérez é moito máis que o río de Pontus Veteris...unha xoia ! )
Apertas compostelás
Agustín

navegacruz dixo...

Ola Mouro! Pois polas terras de Cerdedo pasei hai unha semaniña, aproveitando para visitar a unha amiga, tamén disfrutei das terras da Pontevedra interior, tan pouco coñecidas turísticamente falando. Por certo, gostei moito do texto desta entrada.
Apertas!

Anónimo dixo...

Aldea abandonada por un proxecto de embalse que leva medio século parado.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Gracias a vos por visitar esta fraga. Os vosos comentarios sempre supoñen unha compaña, unhas conversas.

Anónimo, agradezo o teu comentario, pois o que contas é algo que descoñecía.

Saúdos ós tres!