sábado, 20 de xuño de 2009

¡Todos coa Torre!



A Edmundo Fariña

"¡Ouh, meiga cibdá d'a Cruña,
Cibdá d'a torre herculina,
De xeneraciós recordo
Máis fortes q' as d' hoxe en dia;
Cibdá que por'sobr' os mares
Érguel-a cabeza altíva,
Cal onte n 'as tuas murallas
O brazo de MARÍA PITA:
¿Qué tés n'ese teu recinto,
Que tés pr'os que te visitan,
Que conecerte non poden
Sin que deixarte non sintan?
[…]
N'un bote me bambeaba
D'o Orzan sobr' as ondas rizas.
¡Ay! N'ese mar tormentoso,
Que non de Tirteo n'a lira,
A estrofa enérxica é fera
D'a libertá deprendia"

Manuel Curros Enríquez

O Faro máis lonxevo non deixa de alumear as perigosas costas que, a finais do século I despois de Cristo, e baixo o dominio do emperador Traxano, xa atormentaban o transcurso dos romanos pola Flavium Brigantium, rumbo ó mediterráneo. Os seus raios de luz non morreron, para alivio dos mariñeiros de bandeiras anónimas e para consolo de tódolos galegos. A mítica Torre do noso pai Breogán, viveu varias remodelacións, deterioros e abandono, sufreu ataques e incluso chegou a perder a súa función de faro. Eternamente esculpida polo sopro feroz do vento atlántico, foi fonte de inspiración do romanticismo autóctono e plasmado polo trazo do coruñés Urbano Lugrís, un dos artistas máis agradecidos e polo cal sinto un gran respeto e admiración. A Coruña reclama unha distinción á cal eu tamén me sumo, que se proclame Patrimonio da Humanidade á Torre de Hércules, símbolo histórico e lendario dos galegos. Que se protexa esta proba digna e real que tanto nos representa e identifica. Práceme pensar que a súa presenza fora cómplice na loita da vitoriosa María Pita, unha desas mulleres que loitan pola nosa independencia.

Nos murallós d'a Cruña erguéo airosa
A frente sua diante d'o estranxeiro
Sostiña n'unha mao, taxante aceiro,
N'outra mao, á bandeira victoriosa:
Así loitóu valente e xenerosa
Corpo a corpo c'o ingrés que osóu primeiro;
Domeñar o valor d'o chan Ibeiro,
Pra mor iniquidá n'a terra nosa.
'O fin vencéo; á causa d'a xusticia
Contra á torpe invasion forza é que venza;
Trunfou o patriotismo d'a codicia:
Sépian cantos nos ven con indifrenza,
Que tamen hay mulleres en Galicia
Que loitan pol-a nosa INDEPENDENZA.

V. Lamas Carvajal

O día 27 saberase se o Faro da Humanidade acada á fin, un recoñecemento que baixo o meu punto de vista, ten máis que merecido. Estaremos atentos. Coma fisterrán de nacemento e cascarilleiro de aluguer… Eu tamén apoio!

mércores, 10 de xuño de 2009

O Caión salvaxe e mariñeiro



"Non é para a historia
a luz deste ámbito
que te condena á eternidade"
Cesáreo Sánchez

A beleza de Caión faise perceptible cando comezamos a baixar as súas ladeiras. A panorámica é impresionante; estamos ante a verdadeira porta da Costa da Morte, e polo tanto, aquí comeza a bravura do mar máis cruel. Esta pequena península pertence ó Concello da Laracha e ten ese recendo mariñeiro que coa borraxeira, perfuma de salitre o seu porto e a súa praza. Dánnos a benvida, a Igrexa de Nosa Señora dos Milagres e as súas leiras de patacas e cebolas, mentres o seu porto e as xentes do mar, protagonizan a súa propia historia e lendas. Este privilexiado lugar de luz i eternidade agocha tras de sí a acolledora Praia das Salseiras, que a máis de ser ben coñecida polos surfeiros, alberga gran cantidade de mariscos. As súas pedras tampouco resultan descoñecidas para os percebeiros do lugar. Paraxe salvaxe e mariñeira, que nas noites de verán, e trá-la morte de Helios no horizonte das Sisargas, o recendo das súas rúas non é outro que o das sardiñas asadas. Boa sorte ós derradeiros mariñeiros que cada xornada gañan a loita pola vida na bravía Costa da Morte.