xoves, 17 de maio de 2018

Pardo de Cela e a Fortaleza do Castrodouro


"A min chaman toda Mira, 
señora do gran tesouro; 
por estrela crarecida
xago neste Valedouro.

Máis tredor foi que un mour 
o vilao que me vendeo
que de Lugo a Ribadeo
todos me tiñan temor.

De min, a triste Frouseira
que por treiçón foi vendida
derribada na ribeira,
ca jamais se veu vencida. 

Por treiçón tambén vendido 
Jesus nosso Redentor,
e por aquestes tredores
Pero Pardo, meu señor"
Pranto da Frouseira

Aló polos bretemosos e verdescentes eidos da parroquia do Castro, no concello lugués de Alfoz, aínda se poden escoitar e recrear as lendarias batallas de Pedro Pardo de Cela Rodríguez de Aguiar e Ribadeneyra, o brigantino Mariscal cruelmente decapitado ós pés da Catedral de Mondoñedo por orde dos Reis Católicos unha fría noite de inverno do ano 1483. Este nobre galego comezaría sendo merino en Mondoñedo en representación da Casa de Lemos, e posteriormente casaría con Isabel Pérez Osorio, filla do primeiro e todopoderoso Conde de Lemos. O Bispo Pedro Enríquez de Castro, tío da súa muller, entregaríalle como agasallo de voda as rendas do bispado de Mondoñedo, é dicir, a meirande parte das fortalezas dependentes deste, como o Castelo do Castrodouro ou a inexpugnable Fortaleza da Frouxeira, esta última fica hoxe practicamente desaparecida. No ano 1474, sendo alcalde de Viveiro, Pedro Pardo de Cela obtería o título de mariscal co que sería lembrado ó longo dos séculos.


Mais se por algo tamén sería por sempre recordado este Mariscal de orixe betanceira sería pola súa popular e histórica oposición ó poder dos Reis de Castela, converténdoo estes coa súa cruel e miserenta traizón aquela fría noite da frouxeira, nun dos máis prezados e admirados mártires da historia da nosa terra. No ano 1476, sería cesado como alcalde por orde dos Reis Católicos i expulsado de Viveiro somentes un par de anos despois. Os reis casteláns escribirían ós consistorios de Ortigueira e Mondoñedo para asegurarse de que non se lle permitise a entrada ós seus territorios. Mais isto non suporía ningún problema para o Mariscal, que procuraría a protección que lle ofrecía a súa impoñente e inexpugnable fortaleza da Frouxeira. Dende alí derrotaría ás tropas castelás comandadas por Fernando de Acuña e Luis de Mudarra, que chegaban a Galicia no 1480 para procurar a paz do Reino. Ninguén era quen de asaltar aquel poderoso bastión de Pardo de Cela.


Coa morte do Bispo de Mondoñedo, Pedro Enríquez, os bispos sucesores reclamaríanlle a Pardo de Cela a devolución dos bens que anos atrás lle cedera polo seu casamento coa filla do Conde de Lemos. O corrixidor daríalle a razón ó bispado de Mondoñedo e ordearía en consecuencia a devolución destes bens. Mais o Mariscal oporíase de xeito rotundo. Este feito propiciaría que fose xulgado por rebeldía e condeado a morte. Ca fin de prendelo, os Reis de Castela, enviarían de novo a Luis Mudarra á fronte dunha tropa duns 300 cabaleiros, mais estes non serían quen de asaltar aquel impoñente castelo. Namentres tanto, a súa filla Constanza faría o mesmo dende a súa fortaleza da Caldaloba. Mais coa morte poderosísimo Conde de Lemos no ano 1483, e ante a imposibilidade de conquistar a máis inexpugnable das fortalezas galegas, comezaría a artellarse a traizón da Frouxeira, unha das noites máis escuras da historia do noso país. 


O Mariscal Pardo de Cela sería traizoado pola súa propia servidume, por unha vintena de criados que defendían a súa fortaleza. Sen a protección destes, sería cercado e detenido na casa de Fonsa Yáñez do Castrodouro, para logo ser trasladado a Mondoñedo onde sería decapitado ante a Catedral xunto co seu fillo Pedro. A meirande parte do seu patrimonio sería destruído, principalmente a súa impoñente e inexpugnable fortaleza da Frouxeira, que sería reducida a cinzas e borrada por completo dos vales do ouro. Pola contra, o veciño Castelo do Castroudouro, outro dos bens doados ó Mariscal polo seu casamento, non tería que pagar a xenreira nin o rancor que remataría por facer desaparecer aquel Castelo da Frouxeira. Estoutro castelo, estoutra fermosa fortaleza localizada no Concello de Alfoz, é o derradeiro testemuño da vida e do poder de Don Pedro Pardo de Cela, nobre mártir e mariscal dos vales dourados da nosa terra. 


Coa morte do Mariscal, esta fortaleza do Castro de Ouro sería á fin devolta ó bispado de Mondoñedo, sendo posteriormente reformada entrámbolos anos 1546 e 1549. Sábese tamén que tras daquela inxusta morte, forxaríanse infindas lendas e nacería un triste e anónimo cantar coñecido como o Pranto da Frouseira, co que aínda se lembra a noite de traizón a todo un pobo co sangue dun mártir, o afouto Mariscal Pardo de Cela. 

Ningún comentario: