domingo, 20 de maio de 2018

O Canastro de San Martiño de Vilaboa


"Nas ripias do cabaceiro
pardaus fantasmas
sementarán anoiteceres
en cada columbrar"
Xoán Babarro, O nome do Rei que ha de volver

Na parroquia de San Martiño, no concello pontevedrés de Vilaboa, localízase un dos máis grandes e senlleiros hórreos do noso país, que como non podía ser doutro xeito, pertence á casa reitoral, pois tan somentes os párrocos podían chegar a acumular tanta riqueza. O patrimonio desta reitoral componse da igrexa parroquial e dun pequeno pazo do século XVII cun patio emparrado provisto dunha fonte abovedada á que se accede por unha fermosa escalinata. Completan o conxunto, un pombal, un alpendre e o seu enorme canastro. Este granítico e monumental hórreo da reitoral de San Martiño data do século XVIII e presenta unha tipoloxía do estilo "hórrea", é dicir; aqueles canastros que son sustentados por tres ringleiras de pés, ó igual que o veciño canastro do Mosteiro de San Xoán, no tamén pontevedrés Concello de Poio.  Este Canastro de Vilaboa atesoura un total de 36 pés aliñados en 12 ringleiras de tres, coroados por tornarratos de tronco piramidal, e presenta doelas graníticas a través das cales penetra o aire no seu interior. A porta de acceso ás entrañas deste canastro localízase no medio e medio da súa longura, que suma uns escasos 20 metros totais dun extremo a outro. A súa teitume, sustentada por unha traballada cornixa, preséntase a dúas augas e cuberta con tella do país.


O canastro de San Martiño de Vilaboa pode presumir de ficar entre os meirandes hórreos galegos, malia que a súa lonxitude total, unha escasa vintena de metros, está moi lonxe de acadar os 37 metros de longura do rianxeiro hórreo de Araño, os 36 e medio do de Lira, os 35 do de Santa Columba, os 33 do de San Xoán de Poio ou os 27 do de San Martiño de Ozón. O único que teñen en común todos estes hórreos ou canastros é que pertenceron ós mesmos donos; o poder eclesiástico. Agora este hórreo da reitoral de San Martiño xa non alberga mazurcas de millo nin sacos de gran, somentes recordos das vellas faenas, xornadas enteiras debullando na eira para gañar o ceo ateigando de riqueza este farturento canastro da reitoral. Paga a pena achegarse até San Martiño de Vilaboa para coñecer este fermoso canastro e o seu particular estilo, tan senlleiro e identificativo desta belísima Comarca de Pontevedra

1 comentario:

Patricia dixo...

Habrá que visitalo, moitas grazas porla información.
vivirviajandoenfurgo.blogspot.com