Amosando publicacións coa etiqueta Petróglifos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Petróglifos. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de xaneiro de 2017

Os gravados do Outeiro do Filladuiro


“Ando polos carreiros do monte d'Alén,
nas ladeiras e nas beiras dos regueiros,
e entre os muros dos prados caídos,
subo no medio das laxes e outeiros
atallo polo monte de xestas e pinos,
onde cabei unha estivada de centeo
pra reencontrar o eco de meus asubíos.

Ando por entre as pedras de suavela e
nos carreiros feitos polos gandeiros,
piso nas pedras que eu sentei un día
axexando alá encima o coto de Bernalda,
vexo o Sol nacer, peseniño, nos outeiros,
alumeando o camiño dos meus pasos
pra encontrar as bágoas que eu chorei”
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración

Este pasado outono apoderármonos dos ardentes raios do crepúsculo para sacar á luz as laxes escritas polos nosos máis remotos devanceiros. Ascendemos de novo os outeiros, “polos carreiros do monte d'Alén, nas ladeiras e nas beiras dos regueiros”, para achar outra laxe escrita carnotá, outra estación de arte rupestre dende a que somentes se albisque O Pindo e Fisterra, dende a que somentes se albisque a inmensidade do mar. Andabamos camiño do Outeiro do Filladuiro, outra estraña mensaxe milenaria gravada no alto dos montes do Concello de Carnota. Para dar con este extraordinario petróglifo, tivemos que ascender a mesma pista forestal que conduce cara o Castro de Mallou. Deixamos o castro á nosa dereita e continuamos a ascensión até chegar a un cruce de camiños dende o que se albisca unha impresionante panorámica do Monte Pindo e do areal de Carnota. 


Estabamos a pisar un museo arqueolóxico á intemperie, polo que sabiamos de antemán que non teriamos dificultade para dar co noso obxectivo. Naquel cruce de camiños atopariamos varios indicadores que nos sinalaban a pista que debiamos coller para chegar, tanto aos petróglifos do Outeiro do Filladuiro, como para dar cos de As Laxiñas e os de Portaventosa. Os petróglifos que agora nos ocupan, os do Outeiro do Filladuiro, localízanse na parte alta dun impoñente outeiro rochoso que semella emerxer da terra como un mítico xigante. Todo o que dende alí se albisca semella diminuto. Achariamos o primeiro petróglifo, case imperceptible pero sumamente interesante, sobre dunha rocha moi erosionada. De non ser pola incidente e momentánea horizontalidade dos raios do solpor, non teriamos chegado a visualizar as características e a dimensión deste particular cosmos de sucos cuadrangulares.


Estes particulares gravados, de cuadrangulares e redondeados vértices, semellan todos eles unidos por un suco perimétrico que os aperta e os envolve. Malia que para moitos, estes sucos semellan lembrar ós trazos dunha figura humana, a min somentes me transmitían a representación dunha planta dun conxunto de construcións arrodeadas por un valo ou unha muralla. Tal e como ben sinalou José Luís Galovart na súa bitácora “El Laberinto Atlántico”, este petróglifo carnotán presenta unhas claras similitudes co de Outeiro de Rego Lamoso, localizado nestes mesmos montes de Carnota.  A escasos metros deste primeiro petróglifo achariamos o segundo; unha pequena laxa granítica na que puidemos observar un conxunto de círculos concéntricos, trazos curtos e serpeantes, e numerosas coviñas de notable profundidade. 


A nosa presenza neste artístico e milenario outeiro carnotán foi tan efémera como o sol estimou oportuna. Cantas diferenzas gardan estas dúas laxas escritas a pesares de ficar unha tan preto da outra. Canta historia se concentra nestes pedregosos montes de Mallou…

mércores, 6 de xaneiro de 2016

Os trazos da Laxe Escrita


“Estou como escrita, amor, no fundo dos versos fluídos
que afastados nacen nos astros para chegar a ti, ao sangue,
a saliva, o seme, para brotar nas horas en que non nos vemos,
e facer espiñas baixo as rosas ainda non nacidas.
Dor, amor, dor de ti, do que xa se dixo, do que todos
os humanos damos en ser cando non somos nada
cando o riso se enguedella no fundo do ventre
e quere anoar-se, temperán, á soga da mandrágora.
Que estás e non estás, esa cualidade divina de existires
está escrita en min que estou escrita no pasado, en versos
de recoñecimento, de traxédia feita carne, ditirambo, coro,
convocando-te para poder sobreviver ao destino de non ver-te”
Luísa Villalta, Apresados sen presa

Hai linguaxes que disque nos afastan, que nos separan e limitan; que vetan o camiño do ser humano no espazo e no tempo. Hai outras, disque universais, que conseguiron unir a sociedades de distintos tempos, orixes e falas. A arte, - esa infinda e atemporal mestura de linguaxes que nos obriga, inherente e irremediablemente, a intuír e cavilar, a sentir e comunicar, a coñecer e comprender -, foi a canle perfecta para achar un código común entre xentes de distintos tempos e lugares; para encontrármonos. Este noso país posúe un infindo legado artístico, unha rica linguaxe milenaria gravada en fría pedra e legada dos nosos máis primitivos devanceiros. Mais a mensaxe que agochan esas primitivas expresións artísticas segue a ser todo un misterio para arqueólogos, historiadores, investigadores e afeccionados á arte rupestre. Tanto na meirande parte das representacións artísticas milenarias gravadas nas laxas do noso país como nas dos territorios veciños adoitan presentarse certas similitudes que se repiten e que os emparellan, sobre todo no plano temporal; como as formacións de círculos concéntricos ou as cazoliñas. Non está clara a función destas dinámicas representacións; seguen a ser froito de numerosas teorías e interpretacións. 


Por outra banda, noutras moitas estacións rupestres semella evidenciarse de xeito máis claro, con trazos máis elementais e intuitivos, a representación de cérvidos, e outros cuadrúpedes, ou gravados de trazos cruciformes que representan de xeito evidente a fisionomía humana. Este segundo tipo de representación típica resulta máis reveladora de cara á súa interpretación, estudo e datación. En boa parte, pola etapa temporal na que deberon ser realizados e a profundidade e grosor que adoitan presentar os sucos; máis finos e profundos. Nos montes do Concello de Carnota existen interesantes mostras deste legado milenario, desta linguaxe elemental e artística, atemporal e universal, como o petróglifo das Laxiñas, o do Filladuiro ou o da Laxe Escrita ou Laxe da Escrita, que se localiza nos montes da parroquia de Santa Columba e que foi descuberta  por un grupo de escolares na década dos 80. Esta Laxe Escrita atesoura gravados de diferentes épocas, de distintas sociedades. Sucos curvos e rectos, estáticos e dinámicos, de distintos motivos e grosores.


Amais dos típicos círculos concéntricos e coviñas, posiblemente os máis antigos, na Laxe da Escrita poden apreciarse numerosas representacións cruciformes de difícil interpretación e unha serie de trazos rectos que semellan representar, de xeito claro i evidente, un conxunto de navíos veleiros de varios mastros que, segundo os estudosos, poden ter a súa orixe no período Alto Medieval. Mais, aínda no hipotético caso de que soubésemos a ciencia certa que estes gravados representan a navíos veleiros, o lóxico sería que nos preguntásemos qué sentido terían para aquelas sociedades e porqué inmortalizalos. Unha hipótese optimista podería vinculalos ós posibles intercambios comerciais con outros pobos e culturas distantes. Unha hipótese máis pesimista que se podería barallar sería a de que se executase ca fin de alertar das posibles intrusións de embarcacións piratas ou inimigas na ría que se abría baixo dos seus pés. 


O certo é que nesta laxa hai moito máis escrito, hai unha longa historia que se remonta ás nosas orixes, unha linguaxe escrita por distintas mans que se mantivo viva ó longo dos séculos e que nos conecta no plano espacial co territorio dos nosos máis primitivos devanceiros, co seu xeito de vivir e de transmitir, e mesmo coas súas posibles inquedanzas. 

martes, 18 de novembro de 2014

As armas de Pedra Ancha


“Non me posso pagar tanto
do canto
das aves nen de seu son,
nen d'amor nen de ambiçón
nen d'armas —ca hei espanto,
por quanto
mui perigoosas son,
—come dun bon galeón,
que mi alongue muit'aginha
deste demo da campinha,
u os alacrães son;
ca dentro no coraçón
sentí deles a espinha!
E juro par Deus-lo santo
que manto
non tragerei nen granhón,
nen terrei d'amor razón
nen d'armas, por que quebranto
e chanto
vén delas toda sazón”
Afonso X, Cantigas de escarnho e maldizer

Fai como cousa dun par de anos, tempo no que comezaría a sentir un especial interese polos petróglifos e a arte rupestre, dende aquela viaxe na que percorrería numerosos concellos e boa parte do interior da Costa da Morte trala pista dos abondosos achados arqueolóxicos que se localizan por estas terras do occidente galaico. Na devandita viaxe tiveramos o pracer de achar os dolmens do Val da Soneira, amais da Arca da Piosa, a Fornela dos Mouros, a Casota de Freáns e o Castro de Borneiro. Mais naquela viaxe tamén acharíamos uns gravados milenarios que fican nun afloramento granítico do Concello de Dumbría e nos cales se representan unha serie de armas que nos resultaron moi coñecidas, que nos lembraron a outras que xa tiveramos a sorte de coñecer con anterioridade; as do Castriño de Conxo.


Este conxunto de gravados dumbrieses, coñecidos como Pedra Ancha, fican a carón mesmo do trazado do Camiño de Santiago que ten Fisterra como fin. Para achegármonos até este afloramento granítico tivemos que dirixírmonos até a Parroquia de Santa Baia de Dumbría, i en concreto até o lugar de Hospital, na estrada que enlaza os termos municipais de Dumbría e Mazaricos. Á altura da factoría de carburos metálicos de FerroAtlántica, e de fronte a porta principal da mesma, atoparíamos o trazado do Camiño de Fisterra e ó pouco de internármonos nel, a uns aproximados 400 metros, acharíamos o afloramento de Pedra Ancha á nosa dereita. Era inverno e orballaba, mais iso non impediu que achásemos os gravados. 


A de Pedra Ancha é unha das estacións rupestres máis interesantes do chan galiciano pola variedade dos seus motivos, as armas, e pola nula presenza desta iconografía nestas terras da Costa da Morte. Ollamos naquel místico afloramento uns puñais e unha especie de escudo moi semellantes ós que acharamos no Castriño de Conxo.  Na Provincia da Coruña existen outras representacións de armas en Carnota, Teo e no Porto do Son, amais do xa citado Castriño de Conxo, en Santiago de Compostela; mais este último parece facer una exhibición dun catálogo de armas diversas. Fitamos aqueles gravados que semellan representar unha especie de escudo, e despois analizaríamos os sucos que semellan conformar dous puñais e tres alabardas. Tamén acharíamos unha serie de cruces feitas con posterioridade. Estes petróglifos de Pedra Ancha foron achados por vez primeira por Modesto García Quintáns no ano 1991.


Logo de contemplar os gravados, decidimos ascender até o alto do afloramento para tratar de achar algún suco máis ou algunha coviña. No alto de Pedra Ancha non acharíamos nin sucos nin coviñas, mais si dúas especies de pías con desaugadoiros como talladas na mesma rocha. Tratamos de maxinar ilusamente o que puideron significar este petouto de Pedra Ancha e todas estas armas para os nosos ancestros da antigüidade. Conmóveme pensar que estes gravados saíron da mente daquelas xentes primitivas, así como maxinar as rudas mans coas que algunha ou algún artista primitivo debeu plasmar neste afloramento granítico parte dos seus soños, das súas teimas, dos seus medos ou das súas esperanzas; parte polo tanto do seu espírito, da súa alma, do seu xeito de ser e de vivir. 

sábado, 8 de novembro de 2014

Os cervos do rianxeiro Petróglifo dos Mouchos


“Enas verdes hervas,
vi anda-las cervas,
     meu amigo.
Enos verdes prados,
vi os cervos bravos,
     meu amigo.
E con sabor delas
lavei mias garcetas,
     meu amigo.
E con sabor d'elos
lavei meus cabelos,
     meu amigo”.
Pero Meogo, Cantigas de amigo

Fai cousa dun par de meses viaxei cara Rianxo para tratar de achar algún dos seus máis senlleiros petróglifos onde contemplar cervos gravados en frías e humedecidas pedras, que semellan sobrevivir dende miles de anos atrás por antr’os seus montes. Viaxamos cara a terra nai do noso ilustre médico, poeta, escritor, político, debuxante e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para procurar neste seu Rianxo natal os primeiros debuxos coñecidos que tanto abondan neste noso país e que tan pouco caso se lles fai. Andabamos na procura do Petróglifo dos Mouchos, aínda que sabiamos que non serían mouchos o que nos atoparíamos por estes montes senón máis ben os sucos que conforman a silueta zoomorfa duns máxicos e simbólicos cervos. 


Para dar con eles tivemos que desprazarnos até o lugar de Brión, pertencente á Parroquia de Santa María de Leiro. Nada máis chegar ó lugar de Brión xa puidemos albiscar uns indicadores que nos alertaban da presenza e proximidade dos petróglifos. Puxémonos a camiñar dende a mesma estrada cara un sendeiro que semellaba internarse no monte. Logo duns aproximados 50 metros acharíamos un claro á nosa esquerda e albiscaríamos os afloramentos rochosos onde supuñamos que se atoparían os gravados. E non nos trabucamos. A medida que nos íamos achegando xa comezabamos a ver aqueles cervos de gran cornamenta. Os gravados fican espallados en tres rochas espidas do afloramento. Na primeira rocha que vimos achamos unha figura antropomorfa sobre dunha zoomorfa, algo así como unha representación de equitación. Na parte inferior acharíamos tamén un cuadrúpede sen rematar, amais dunha representación circular con coviñas no interior e un pequeno grupo de cérvidos. 


Os gravados ficaban escurecidos pola humidade e pola sombra. Acto seguido, achegariámonos até outro dos afloramentos e acharíamos un cervo macho solitario dun tamaño bastante considerable. Achegámonos ata el sorprendidos pola profundidade dos gravados e a sinxeleza e claridade coa que semella revelarse. Nesta mesma cara da rocha acharíamos tamén outras moitas figuras zoomorfas e cuadrúpedes pero de menores dimensións. Tentamos achar algún gravado no terceiro afloramento pero non tivemos moita sorte, apenas albiscaríamos algún que outro suco sutil; a sombra do solpor apoderárase da rocha. Foi toda unha sorte coñecer esta gran manada de cérvidos tatuados nestes afloramentos graníticos dende a longa noite dos séculos. Quen sabe o sentido que puideron ter para aqueles primeiros moradores deste noso país, pero somentes o feito de poder achalos, contemplalos e acariñalos, fainos sentir un pouco máis preto deles, das súas teimas e inquedanzas, dos seus soños e crenzas.  

domingo, 23 de marzo de 2014

Os milenarios gravados de Pedra das Cabras


“Coidado coas historias
narradas por falsos pastores
contiñeiros que aínda levan nos pés a marca das ás,
pastores de cabras limpísimas de orixe aérea
que non soltan cagallas”
Marilar Aleixandre, A constelación da xuvenca

Retornamos ó Barbanza para continuar coa nosa particular viaxe na procura dos máis impresionantes legados históricos que atesoura esta serra atlántica. Desta volta quixemos achegarnos até un dos petróglifos máis importantes destas terras, até outra fascinante manifestación da arte rupestre prehistórica galega na que semellan revelarse, sobre dunha gran rocha granítica, unhas grandes figuras zoomorfas que recordan a silueta dunhas cabras. Nesta serra acariñada polos ventos atlánticos, nesta península do Barbanza, xa tiveramos a sorte de coñecer unha gran cantidade de figuras zoomorfas, unha gran manada de cérvidos, tallados nunha fría laxe granítica do Monte da Gurita, na parroquia de Baroña, no Concello de Porto do Son. Desta volta viaxaremos até as terras da Arousa Norte, i en concreto até o Concello de Ribeira. 


Na parroquia de San Pedro de Palmeira, e máis concretamente no lugar de Figueirido, localízase o petróglifo de Pedra das Cabras, unha das máis importantes e prezadas mostras da arte rupestre que atesoura esta Serra do Barbanza e un dos máis senlleiros gravados do noso país. Achegámonos pois até a parroquia de Palmeira coa espranza de achar estoutra importante e valiosa mostra da arte máis anterga, con ganas de palpar unha parelliña “de cabras limpísimas” que deberon ocupar boa parte dos pensamentos do seu antigo creador, daqueles artistas primitivos, anónimos, descoñecidos. Foi toda unha sorte e un alivio para nós albiscar, nada máis chegar ó lugar de Figueirido, un indicador que nos alertaba do preto que estabamos xa da Pedra das Cabras. Deixámonos guiar polo indicador e collemos un desvío á dereita. Ó pouco de desviármonos ollamos outro panel informativo que nos sinalaba o comezo dunha ruta que levaba até o procurado petróglifo. 


Comezamos a camiñar polo vieiro marcado, o itinerario da Pedra das Cabras. Acompañamos o curso do Río das Saíñas, atravesamos pradarías e camiñamos baixo a sombra de carballos, loureiros e todo tipo de especies arbóreas que se arremuíñan nas húmidas ribeiras do río. Non tardamos en chegar até o mouro piñeiral onde se localiza o petróglifo, nin en albiscar dende o lonxe o enorme petouto de Pedra das Cabras. Achegámonos até aquela mole granítica na que xa comezabamos a descubrir as sombras sutís duns sucos que conforman a silueta de dúas cabras. Á fin tiñamos ante nós outra das grandes mostras de arte rupestre da Serra do Barbanza, outro artístico legado da prehistoria do noso País. Achamos, arrodeados polo musgo, aqueles sucos con asombro e curiosidade, palpándoos e percorréndoos coas nosas mans. Estas dúas figuras animais, que ben poden representar cabras, corzos ou cérvidos, lembráronnos a aqueloutro cervo de gran cornamenta que tiveramos a sorte de coñecer no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro; o gravado de Laxe dos Carballos, outro dos máis importantes e senlleiros petróglifos de motivos zoomorfos que aínda conserva o noso país. 


Os animais representados na Pedra das Cabras carecen da enorme cornamenta que atesoura o cervo da Laxe dos Carballos. Estes conservan un tronco máis estático, máis rectangular, e semellan posuír uns cornos máis curtos e rectos. Nembargantes, gardan certas similitudes nos alongados pescozos, nas diminutas cacholas e nos estreitos fociños. Nembargantes, é imposible coñecer con certeza cal é a especie animal representada nesta pedra, contrariamente á da Laxe dos Carballos, na que, grazas á característica cornamenta, resulta moi evidente. Malia todo, as xentes destas terras dende sempre coñeceron a este petróglifo como a Pedra das Cabras, polo que semella claro que os animais representados eiquí foron dende antano para eles unha parella de cabras. Tampouco resulta doado coñecer con certeza o momento no que se puideron levar a cabo estas obras de arte rupestre. Hai quen di que poden corresponder coa Idade do Cobre ou Calcolítico, do ano 2.500 ó 1.800 denantes de Cristo, entre o Neolítico e a Idade do Bronce. Ollamos por derradeira vez esta imaxe tatuada en pedra que nos achega quen sabe se até parte das ilusións, teimas ou soños dos galegos da Idade do Cobre. Deixamos tras de nós estoutra xoia milenaria do Barbanza, estas cabras “que non soltan cagallas”, desexando que nin o tempo nin a erosión sexan quén de borrar estes artísticos sucos de outrora, estas primeiras obras de arte do noso país.   

domingo, 2 de marzo de 2014

Os cervos do Monte da Gurita


“Ai, cervos do monte, vin-vos preguntar,
foi-s'o meu amigu', e, se alá tardar,
que farei, velidas!
Ai, cervos do monte, vin-vo-lo dizer,
foi-s'o meu amigu'e querría saber
que farei, velidas!”
Pero Meogo, Cantigas de Amigo

Fai escasamente un mes, e logo de coñecer a noiesa mámoa de Anta de Argalo, decidimos comezar unha longa travesía que, se todo vai segundo o previsto, nos obrigará a percorrer os máis bravíos e solitarios montes da Serra do Barbanza. Alí trataremos de coñecer algúns dos máis importantes achados milenarios do noso país. Polos cumios, faldras e ladeiras desta impresionante serra atlántica, agóchase unha enorme cantidade de castros, dolmens, mámoas e petróglifos, así como outros moitos recunchos ateigados de dúbidas e misterios herdados dos nosos antepasados. Nesta Comarca do Barbanza xa tiveramos a sorte de coñecer o Dolmen de Axeitos e o Castro de Baroña, mais aínda son moitos os achados milenarios que temos o deber visitar e retratar por estas terras. Desta volta viaxei só até o concello coruñés de Porto do Son, i en concreto, até a parroquia de San Pedro de Baroña. Esta parroquia, amais do xa citado e senlleiro castro que coñeceramos anos atrás, agocha artísticos sucos da prehistoria gravados en pedra e legados por mans primitivas onde os “cervos do monte” son os verdadeiros protagonistas.


A zona norte da Península do Barbanza, ó igual que as Rías Baixas e o interior da provincia de Pontevedra, é a de maior concentración de estacións de arte rupestre prehistóricas achadas no noso país. Estaba a poucos metros xa do primeiro petróglifo, da primeira mostra de arte rupestre, do primeiro achado milenario que me propuxen atopar por estas terras. Nada máis chagar a Baroña, detívenme na taberna que fica denantes de chegar ó castro para tomar un café. Alí aproveitei para preguntarlle ó propietario se coñecía os Petróglifos da Gurita, unha gran laxe ateigada de cérvidos que debería ficar na ladeira dun monte próximo. O amable propietario indicoume que tería achegarme até o lugar de Igrexa, onde se sitúa a igrexa parroquial, e dende alí debería seguir uns indicadores que me levarían até o Monte da Gurita. Seguín ó pé da letra as indicacións que me dera aquel taberneiro i en efecto, ó chegar á igrexa, xa puiden albiscar os primeiros indicadores. Logo de deixar o santuario ás miñas costas, comezaría a ascender até o Monte da Gurita. 


Ó pouco de deixar atrás as últimas vivendas do lugar, puiden observar un pedregoso monte tinguido de cinza, borrallas e negrura. Semella que este monte debeu ser recentemente castigado polos incendios. Malia todo, resulta fascinante a panorámica que dende aquí se albisca, coa silueta do Monte Louro, onde coñeceramos a Laxe das Rodas, presente na liña do horizonte. Ó chegar ó alto, non volvín a ver ningún indicador máis, polo que decidín poñerme a camiñar e tratar de atopar a laxe. Logo dun bo anaco, puiden achar a carón da estrada os restos dun cartel carbonizado que debeu ser, denantes do incendio, o derradeiro panel informativo que debiamos atopar para chegar até a laxe. Naquel panel aínda se podían ollar os debuxos onde se representaban todos e cada un dos cérvidos do petróglifo de A Gurita I, a laxe que estaba a piques de atopar. Seguín un estreito vieiro que semellaba intuírse na verde herba que comezaba a renacer sobre das cinzas, sobre da negra e castigada cortiza do monte. Que sorte tiven de atopar aquel panel carbonizado. A escasos metros del puiden ollar unha gran laxe vertical, moi inclinada, onde comecei a albiscar os sutís sucos dos Petróglifos de A Gurita. 


Os gravados de A Gurita I localízanse no tramo superior da ladeira meridional do Monte da Gurita. Esta é unha das estacións de arte rupestre con figuras zoomorfas máis valiosas e interesantes que atesoura o noso país. A gran laxe conta con máis de corenta animaliños, entre os que se atopan exemplares machos, femias e crías. A meirande parte semellan ser cérvidos i équidos. As diferentes representacións aparecen distribuídas pola superficie da rocha de xeito aparentemente aleatorio. Algúns son de difícil interpretación debido ó grao de erosión da superficie. O trazo empregado para o deseño das figuras, a ausencia de superposicións ou mesmo a unidade temática do conxunto, semellan evidenciar un único momento para o desenrolo do petróglifo. É dicir, que chegou ós nosos días tal e como se debeu concibir na Idade do Bronce, sen modificacións posteriores aparentes. 


Sorprende a ausencia case total de combinacións circulares concéntricas e de cazoliñas. O único motivo circular que semella apreciarse é unha especie de sol que fica xusto enriba da cornamenta do cervo macho que aparece na parte esquerda da laxe. Resulta case imposible manterse en pé nesta enorme e inclinada rocha. 

A franxa esquerda da laxe é na que se concentran
a meirande parte dos gravados
Ollei ó detalle cada unha das pequenas criaturas tatuadas na laxe, aquela gran manada de animais, quen sabe se cervos, cabalos, poldros, asnos ou mesmo cabras. Ollei os trazos, as pequenas diferenzas que semellan gardar entre si. Ollei os cornos, os lombos i extremidades. Quen sabe qué sentido terían para aqueles antergos todos estes animais, quen sabe cáles serían os motivos para perpetualos na superficie das rochas. O deseño e o trazo dos dous exemplares de cervos machos que se poden intuír nesta laxe de A Gurita garda certas similitudes co do cervo da impresionante Laxe dos Carballos, de non ser porque os primeiros son moito máis simples, estáticos e sobre todo, de moi inferior tamaño. Lisquei de Baroña coa satisfacción de ter atopado outra marabillosa xoia milenaria que se perde nestas bravías e pedregosas faldras da Serra do Barbanza. Agora aínda queda un longo camiño por diante que nos ha levar até outros moitos achados milenarios que agocha esta serra, e que agardemos dea os seus froitos. Foi unha mágoa, unha auténtica pena, non ter escollido un día máis solleiro e propicio para contemplar con maior profundidade os sucos desta máxica laxe do Monte de A Gurita, para poder descubrir en todo o seu esplendor as máis escondidas criaturas creadas hai millóns de anos polos primeiros poboadores destas terras. Malia todo, foi unha sorte atopar este petróglifo do Barbanza, estoutra obra d’arte prehistórica que olla ó atlántico, e maxinar as teimas e soños daquela xente primitiva que comezaba a rabuñar arte, a perpetuar en frías laxes unha linguaxe carente de verbas.

mércores, 11 de decembro de 2013

A Pedra que Fala deixounos enmudecidos


—Ai, meu amigo,
anda o vento rifando conmigo.
—Ai, miña amada,
non é o vento, que eu son quén che fala.
—Ai, meu amor,
anda a i-auga a cantarme arredor.
—Ai, miña amante,
¿cómo coidas que a i-auga che cante?
Xosé María Álvarez Blázquez, Poemas de ti e de min

Canta historia adormece antr’os toxos e silveiras do noso País. Cantas xoias e tesouros, esquecidos e silenciosos, se agochan aínda baixo os húmidos mantos de musgo e tralos liques celestes que cobren as graníticas laxes. Seguimos na procura deses antigos sinais tatuados en frías pedras que acougan baixo a sombra dos montes da contorna de Compostela. Coma irremediablemente fixeramos en anteriores ocasións, cando visitaramos os petróglifos de Correxíns, O Pedroso ou O Castriño de Conxo, decidimos botar man do valioso tríptico “Compostela gravada na pedra, os petróglifos milenários que arrodeam a capital da Galiza”, elaborado integramente pola asociación compostelá A Gentalha do Pichel. Somentes eles foron quen de poñer en valor estas xoias milenarias esquecidas dende a noite dos séculos, os únicos que tiveron a ben sinalizalas para o gozo de tantos que, coma min, amamos e temos o dereito a coñecer a nosa propia historia. Semella incrible que moitas destas pedras traballadas polos nosos máis primitivos devanceiros fiquen aínda arrodeadas de toxos e silveiras, sen paneis informativos e ata sen catalogar; esquecidas por todos nós. Desta volta quixemos procurar un dos petróglifos composteláns máis singulares, tanto polas súas características como polo seu nome; A Pedra que fala. Trátase dun fascinante conxunto de gravados da Idade do Bronce que fican no lugar de Vilar do Rei, na parroquia compostelá de San Xoán de Fecha.


Saímos de Santiago polo barrio de Vista Alegre, seguindo ó detalle as indicacións do tríptico, e collemos rumbo a Portomouro.  Uns escasos oito quilómetros despois de deixar atrás o núcleo da cidade, a carón dunha perigosa curva, puidemos ollar un sinal que nos indicaba que debiamos desviarnos á dereita para chegar a Vilar do Rei. Así fixemos, e logo de atravesar unha longa estrada arrodeada de campos de labranza, ollamos á nosa esquerda un indicador que rezaba: Petroglifo. Dende logo, foi unha sorte atopalo, pola contra teríamos seguido de fronte. Logo de desviarnos á esquerda, por onde nos indicaba o sinal, e denantes de chegar ó lugar de Vilar do Rei, internámonos á dereita por un camiño asfaltado. Segundo as indicacións do tríptico, o petróglifo ficaría a uns trescentos metros, nun petouto arrodeado polos eucaliptos; e o certo é que non tardamos en atopalo. Internámonos no eucaliptal e ó pouco xa puidemos ollar un afloramento rochoso de grandes proporcións. Todo semellaba indicar que a nosa xoia ficaba naquel enorme e misterioso petouto. Decidimos achegarnos ó mesmo para comprobar se estabamos no certo, se estabamos a piques de coñecer outra xoia milenaria, outra descoñecida mostra da arte rupestre galega na contorna da súa capital.


Logo de atravesar uns cantos eucaliptos, puidemos contemplar nunha pronunciada e vertical laxe granítica, os sucos dunha Pedra que Fala que nos deixou enmudecidos. O sol do serán foinos ensinando os milenarios segredos que agochan estas pedras, este xigantesco e sacro outeiro de pedra. O primeiro que observamos foi un conxunto conformado por tres motivos circulares unidos entre si por sucos rectos. Cada unha destas auréolas, como na meirande parte destas primitivas xeometrías circulares, conserva aneis concéntricos e cazoliña central. Tamén puidemos ollar, espalladas pola laxe, multitude de cazoliñas unidas entre si por sucos rectilíneos, así como algunha que outra xeometría circular simple. Sorprendeunos a cantidade de trazos, coviñas e sucos rectos que se deixaban entrever, tan diferentes todos eles entre si. A duras penas podiamos ascender aquela laxe, precisabamos desprazarnos a catro patas, e a cada paso, iamos achando novos gravados. O tríptico da Gentalha detalla outros moitos motivos que nós non puidemos atopar. Contan que se acharon oito motivos circulares concéntricos simples con distinto número de aneis pero todos con cazoleta central. Ademais, puideron atoparse multitude de motivos cruciformes, ferraduras e mesmo dúas pías. Logo de contemplar aquela vertical laxe, decidimos ascender até o cumio daquel pétreo outeiro.


Ollamos as estrañas formacións rochosas, cheas de fendas e covas. Grazas a un plano do tríptico puidemos achar tamén, nunha pequena pedra do cumio, motivos cruciformes, trazos rectos espallados e diminutas cazoliñas. Este lugar está cheo de sucos de múltiples formas, mais os trazos duns distan moito dos outros. Sorprende que algúns gravados conserven sucos máis ben anchos, curvos e dinámicos, namentres que noutros aparezan trazos máis finos, perfilados e rectos, máis estáticos e precisos. Tamén chamou a nosa atención a diversidade de motivos i elementos que se deixan ver en diferentes puntos do petouto, e non somentes na laxe vertical. Puidemos ollar cazoliñas de variados tamaños, unhas no centro de auréolas de aneis concéntricos e outras soltas ou mesmo unidas mediante un suco recto. Quen sabe cantos artistas puideron confluír nestas rochas, quen sabe cantas xeracións puideron deixar aquí a súa pegada. Quen sabe se algúns fican inacabados, ou se foron rabuñados con distintos elementos. Semella un paradoxo que a Pedra que Fala nos semente tantas dúbidas, mais o certo é que estas pedras falan; se cadra ninguén chegou aínda a comprendelas. Urxe pór en valor estas xoias milenarias, urxe protexelas i estudalas; mesmo escoitalas. Liscamos de Vilar do Rei con máis dúbidas das que traiamos e os nosos pensamentos, limitados, non atoparon respostas. 

luns, 25 de novembro de 2013

A Nave, o achado milenario de Mourigade


“...e ao lonxe o mar que tanto sabe a memoria 
de nós e nunca esquence a despedida no fulgor 
dos soles: anuncio en petroglifo que labramos”
Xosé Vázquez Pintor, Poesía inédita

Continuamos o noso camiño tralas milenarias e descoñecidas mostras de arte rupestre que se perden polos montes da contorna de Compostela. Logo de coñecer os segredos que agochan as frías laxes de Correxíns, o Pedroso e o Castriño de Conxo, decidimos coller rumbo ó concello coruñés de Ames, na Comarca de Santiago, para procurar outro fabuloso petróglifo, sen moita sona nin recoñecemento, por antr'os montes que se perden no Val da Mahía. Trátase do petróglifo de A Nave, unha xoia esquecida que fica no lugar de Mourigade, na parroquia de Bugallido. Debo recoñecer que non nos resultou nada doado achar esta descoñecida mostra, xa que carece de indicadores que nos conduzan ata ela. Tentámolo durante dous días seguidos. O primeiro día estivemos moi preto del, a escasos metros, mais lembro que escurecera e tiveramos que abandonar. Ó día seguinte decidimos ir ó seguro e preguntámoslle a un veciño de Mourigade se o coñecía. O señor, moi amablemente, indicounos o camiño polo que deberiamos seguir e unhas claras referencias. 


Díxonos que ficaba á beira dun amplo camiño que nos conduciría ó monte. Denantes de que o camiño comezase a ascender, debiamos internarnos  nunha leira. A carón da mesma, e baixo a sombra duns piñeiros, acharíamos o petróglifo. Non tardariamos nin dous minutos en chegar. No valado mesmo onde rematan os sucos da branda e traballada terra da leira que nos indicara o veciño, comezarían a albiscarse os sucos traballados en dura rocha polos nosos máis antigos devanceiros. Camiñamos a rentes do terreo, procurando non botar a perder a colleita dalgún que outro veciño de Bugallido. Estabamos, á fin, moi preto de coñecer outro extraordinario petróglifo da contorna compostelá; outra gran xoia pouco coñecida. Logo de dúas intensas xornadas puidemos contemplar, arrodeado de toxos e baixo a sombra dos piñeiros, os sucos do petróglifo de A Nave. Esta marabillosa mostra de arte rupestre galega fica traballada sobre dunha pequena croa natural da propia rocha, como adaptándose á morfoloxía da mesma. 


Este gravado, herdado polos antepasados da Idade do Bronce, fica conformado por cinco auréolas concéntricas, unha gran cazoleta central e un suco recto, ou radial, que as atravesa e sobresae do conxunto por ámbolos dous extremos. A morfoloxía deste petróglifo lembrounos ó de Correxíns, nembargantes, este último ficaría atravesado por máis sucos radiais e sobre dunha superficie máis chán. A pesares de non contar con ningún tipo de indicador nin paneis informativos, o petróglifo de A Nave foi recentemente incluído no catálogo de gravados da Comarca de Santiago. E digo recentemente, porque ata non fai moito ninguén sabía da súa existencia. Ó parecer, este milenario tesouro foi achado fai cousa duns anos atrás polos veciños do lugar. Supoñemos que polos labregos que traballan esta leira, pois a laxe onde se sitúa o petróglifo semella un propicio marco natural da mesma. Ó certo é que ó pouco de ser descuberto, os veciños alertaron ás autoridades do achado e foi debidamente catalogado. Nembargantes, non se fixo nada para protexelo nin para promocionalo. Contemplamos con admiración o gravado, reparando na profundidade dos sucos, e cavilamos na importancia deste achado de Mourigade. 


Quen sabe cantos petróglifos agardarán aínda seren descubertos, cantos tesouros milenarios ficarán baixo as toxeiras, baixo os húmidos mantos de musgos, liques e follas, que cobren a cortiza dos montes galegos. Mais semella incrible que unha xoia catalogada coma esta fique aínda tan abandonada i esquecida; sen máis indicacións que as dos propios veciños. Deixamos tras de nós este tesouro legado dende os tempos máis remotos para seguir na procura das xoias históricas máis esquecidas da contorna santiaguesa, desexando que veñan tempos mellores, tanto para os petróglifos como para Compostela. 

mércores, 21 de agosto de 2013

Campo Lameiro, Capital da arte rupestre galega


“Os vellos canteiros do meu ser
domean os penedos docemente
e vanlle dando forma
á miña dor atávica de home.
Eu soñei esta terra desde sempre
cando o cervo non era mais que a imaxe
multicolor nas covas do meu sono”.
Antón Avilés de Taramancos, O tempo no espello

Semella que dende os tempos máis remotos da nosa historia, os galegos sentimos un apego á pedra que non podemos nin debemos ignorar. Coa pedra, os nosos máis primitivos ancestros construíron castros, dolmens e antas, e sobre das pedras esculpiron as súas teimas e soños. Coa chegada dos romanos erixíronse pontes, calzadas, miliarios e muíños, socalcos e vivendas. Os  canteiros ergueron coa pedra milleiros de igrexas, mosteiros, lavadoiros, cruceiros, hórreos, pombais, e mesmo a Catedral de Santiago de Compostela; obra culminante da arquitectura románica. Por desgraza, ficarán pra sempre como heroicos artistas baixo a escura sotana do anonimato. Nos nosos días, os canteiros xa non abundan, mais si as súas obras. Botabamos en falta contemplar as primeiras obras d’arte tatuadas en frías laxes polos nosos máis primitivos  devanceiros. Volvemos a procurar os sendeiros que nos encamiñan a tesouros esquecidos e milenarios, até as laxes mudas onde se revelan as máis descoñecidas mensaxes. Este verán está deixando propicias xornadas para buscar a sombra das carballeiras ou botarse ó monte como as cabras. Nembargantes, desta volta non me farán falta as botas do monte nin unha fouciña afiada, posto que as nosas procuradas laxes fican xa protexidas do avance das toxeiras e a maleza, mais tamén da cobiza dos homes. 

Panorámica do val dende o Outeiro de Ventaniñas
As xoias tatuadas en fría rocha que andabamos a buscar son as únicas do país que fican en verdade protexidas. Desgraciadamente, a práctica totalidade dos nosos petróglifos fican aínda baixo o incesante avance da maleza, en outeiros de intricados e perigosos accesos. Dende a ano 2011, o noso país conta cun importantísimo Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre onde se poden ollar importantes gravados herdados dende a noite dos séculos. O conxunto, un dos máis importantes da vella Europa, fica no interior da Provincia de Pontevedra, en concreto, no Concello de Campo Lameiro. Nestas terras pontevedresas concéntranse a meirande parte dos petróglifos do noso pequeno pero lonxevo país. Campo Lameiro é a capital do arte rupestre de Galicia, e nos seus primorosos outeiros podemos contemplar, sen medo a mancarnos, os máis extraordinarios petróglifos do chan galiciano. Chegamos á Lagoa, na parroquia de Campo, e dende alí puidemos ollar os primeiros indicadores que nos guiarían ata as inmediacións do parque arqueolóxico. Non tardamos en chegar. Sorprendeunos o moderno edificio que nos dá a benvida e que sirve como centro de interpretación. Unha vez dentro, deixáronnos ben claro que non debiamos pisar aquelas laxes nin luxar o espazo. 

Outeiro dos Cogoludos
O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro  alberga preto de setenta rochas traballadas polos antergos, gravados de gran calidade. O conxunto de petróglifos foi declarado, no ano 1974, Monumento Histórico-Artístico. Un  amplo piñeiral danos a benvida ó museo dos artistas primitivos. Na súa ampla extensión, de case 22 hectáreas, conserva xoias milenarias á intemperie, no seu estado natural, mais limpos de maleza. No territorio galego coñecemos tres épocas clave da arte rupestre: O Neolítico (IV a III Milenio a.C.), a Idade do Bronce (II Milenio a.C.) e a Idade do Ferro (I Milenio a.C. ó Século III d.C.). A meirande parte dos petróglifos achados na Galiza semellan datar do III e II Milenio denantes de Cristo, é dicir; entre o fin do Neolítico e durante a Idade do Bronce. E os de Campo Lameiro tamén. Dende aqueles tempos até os de hoxe, moito debeu mudar a paisaxe deste lugar, mais o certo é que neste parque aínda podemos recrear parte da vida dos nosos antepasados da Idade do Bronce. Poñémonos a camiñar polo vieiro principal da ruta que nos conduce até as laxes milenarias. O conxunto de petróglifos esténdese polos lugares de A Lagoa, Fentáns, Paredes, Parada, Caneda, San Isidro, Painceiros e As Fragas. 

Laxe da Forneiriña
A ruta contempla dous itinerarios; o principal e o secundario. No principal fica o Outeiro dos Cogoludos, a Laxe da Forneiriña e, por suposto, a Laxe dos Carballos. Na ruta secundaria podemos achar o Outeiro de Ventaniñas, a Fonte da Pena Furada, A Forneiriña e a Laxe dos Cabalos. Comezamos a ascender paseniño polo vieiro principal, contemplando a beleza paisaxística do lugar. O noso primeiro obxectivo era localizar a coñecida Laxe dos Carballos, unha xigantesca e fría peza granítica sobre da que se revela un misterioso cervo. Sabiamos do seu excelente estado de conservación e da habelencia que debía ter a man do seu primitivo creador. Denantes de chegar á rocha onde máis pronto que tarde achariamos a Laxe dos Carballos, decidimos profundar no primeiro petróglifo que nos marcaba a ruta do parque. Á nosa esquerda ficaba o petróglifo de A Laxe da Forneiriña. Nesta laxe puidemos contemplar os sucos que conforman un gran cervo de trazos moi estáticos e rectos. Baixo o cervo puidemos contemplar, tamén, outros dous pequenos animais de trazos máis dinámicos e curvos. Estes foron os primeiros cervos que vimos en Campo Lameiro, e non serían o derradeiros.

Laxe dos Carballos
Sabiamos que a obra do mellor artista anónimo da época estaba aínda por chegar. Á fin, baixo a sombra de dous lonxevos carballos, achamos a gran laxa que tantas ganas tiñamos de coñecer. Ante nós ficaba a Laxe dos Carballos, o petróglifo máis fascinante que tiveramos o gusto de coñecer. O certo é que son moitos os que sosteñen que se trata da mellor mostra de arte rupestre do noso País. Ficamos pampos ante aquel esvelto cervo de gran cornamenta que semellaba cravar en nós os seus ollos. Contemplamos os dinámicos sucos cos que conforman a silueta deste cobizado animal, e o certo é que non lle falta detalle. Que gran mestría debeu ter a man do seu creador!  As xentes que habitaron as terras galegas durante o Neolítico final e a Idade do Bronce, comezaron a cultivar novos principios de vida social. Semella que comezaron a sentir unha devoción especial polas armas, polos animais e pola caza. 
Outeiro de Ventaniñas
No Castriño de Conxo xa deramos boa conta da multitude de afiados puñais que semellaban revelarse co solpor, nembargantes, a cobiza humana esnaquizou parte la laxa, e parte tamén da súa historia.  Desta volta tiñamos a sorte de fitar outro dos soños dos nosos primitivos antepasados, unha xigantesca peza de caza. Quizais os cervos tatuados nestes outeiros foron un trofeo de caza soñado por moitos dos nosos antepasados. Mais quen sabe se somentes lles rendían culto. Algúns estudosos opinan que este tipo de gravados figurativos e a súa estratéxica situación, pode levarnos a pensar que funcionasen como delimitadores territoriais, fronteiras ou “marcos” do pasado. Mais o certo é que este tipo de lugares sempre estiveron vencellados ó culto, ó misterio. Deixamos tras de nós a espectacular Laxe dos Carballos para proseguir coa ruta fixada. A terceira laxe que nos quedaba por ver ficaba no alto do parque, e coñécese como o Outeiro das Ventaniñas. Trátase dunha laxe que fica a carón dun misterioso petouto dende o que se pode divisar unha fantástica panorámica do val. Alí puidemos ollar unha obra máis común pero abstracta. Tratábase dun conxunto de aureolas concéntricas, dos que tanto abundan na nosa Galiza. Logo de visitar o Outeiro de Ventaniñas, decidimos baixar por onde viñeramos para coñecer outra importantísima laxe que non deixa a ninguén indiferente. 

Outeiro dos Cogoludos

Non tardamos en achar o Outeiro dos Cogoludos. Nesta laxe puidemos contemplar numerosos conxuntos circulares entrelazados uns cos outros. Semellaba un cosmos, un tecido sucado en fría rocha, un universo fascinante e incomprensible. Aquí tamén puidemos achar pequenas figuras nas que semellan representarse cabras ou cervos, iso si, todos eles de menor tamaño que o da Laxe dos Carballos. 
Deixamos tras de nós este espazo milenario, este museo á intemperie. Aínda nos quedan outros moitos petróglifos na recámara, xa que somentes quixen expoñer os máis representativos; os do itinerario principal. Nembargantes, tivemos o pracer de ollar a Fonte da Pena Furada, a Laxe dos Cabalos, a Forneiriña e o Outeiro da Pena Furada; todos eles do itinerario secundario. Tamén fixemos parada na recración do poboado da Idade do Bronce, onde puidemos maxinar como sería a vida cotiá dos seus habitantes. Liscamos coa lembranza posta nos feitiños ollos daquel cervo, coa testa chea de dúbidas e coa satisfacción de coñecer as máis primitivas obras d’arte de Campo Lameiro!

sábado, 13 de abril de 2013

Os labirínticos sucos de Mogor


“Venceredes vós,
pero nosoutros
temos da nosa parte
o Cadramón, o Piapáxaro,
o Cabo de Home, a illa
de San Simón, o lusco, o fusco,
o Castromao, o Xallas, as lagoas
innumerables de Valverde,
ou de Antioquía, o labirinto
de Mogor”

Darío X. Cabana, Cabalgada na brétema


Neste noso verdescente país, de eternas lendas e lonxeva historia, os sinais dos nosos antergos semella que aínda fican á intemperie nas frías e mudas pedras; a carón da herba miúda. Fican como altares graníticos no alto dos montes, baixo os toxos e silveiras, a carón das brañas e mesmo preto do mar. Esta terra garda moitos segredos incomprensibles en rochas sacras, en outeiros milenarios. Nesta nosa viaxe polos vieiros que nos encamiñan ás orixes do noso País, faltaba un deses recunchos míticos que non debemos esquecer para comprender parte da nosa historia máis primitiva. Temos falado dos fascinantes sucos rabuñados en pedra a carón da vella Capital da Patria, os do Monte de Correxíns e os do Alto do Pedroso; así como os afiados puñais do Castriño de Conxo. Visitamos tamén o incrible conxunto de petróglifos de Laxe das Rodas, de costas a Monte Louro, onde ollamos un dos petróglifos mellor conservados do noso territorio, mais aínda nos quedaba por visitar un dos máis senlleiros e recoñecidos de Galicia. Collemos rumbo ó sur, para mergullarnos na cálida brisa das rías pontevedresas, e arribar nos envexosos areais de Marín. Alí é onde nos agarda unha das laxes máis simbólicas e míticas do chan galiciano, o labirinto de Mogor. 

Atravesamos unha vez máis a histórica Ría de Pontevedra, onde finan as augas do Lérez, e collemos rumbo a Marín coa mirada posta na Illa de Tambo, nas faenas marisqueiras da baixamar. Adentrámonos pois, na parroquia de San Xurxo de Mogor, no antigo San Xiao dos Ancorados, onde descubrimos uns dourados areais, e a carón deles, un dos máis lendarios conxuntos de petróglifos do País. Á fin pisamos a pasarela que nos facilita o acceso a unha das mostras máis excepcionais do Grupo Galaico de Arte Rupestre (III-II milenio denantes de Cristo), que está constituído por todos aqueles gravados que datan de tempos prehistóricos. Unha infinidade de sinuosos e dinámicos sucos, así como unha chea de cazoletas, fican diante de nós. Ollamos a multitude de círculos concéntricos e os máis esféricos trazos dos antergos, namentres moi de vagar, os ecos dos tómbolos do mar semellan ancorar nos nosos pensamentos. O recendo a salitre fainos cavilar no estratéxico emprazamento do petróglifo, no vínculo que debeu ter dende sempre co mar. Este mítico conxunto está constituído por diferentes gravados coñecidos como a Pedra dos Mouros, a Pedra do Labirinto e Os Campiños. O primeiro conta con máis de vinte combinacións circulares unidas por trazos curvos, namentres a Pedra do Labirinto e Os Campiños se representan como auténticos labirintos. As cazoletas tamén acentúan a presenza dos sucos, e nalgunhas ocasións, conforman o epicentro dos labirintos, así como doutras combinacións circulares. Os estudosos sitúan este conxunto en pleno Neolítico, sobre o 2000 denantes de Cristo, en época de dolmens. 


Quen sabe o que significarían estas curvas, estas cazoletas. Algúns estudosos, como o Doutor Xesús Carballo, sosteñen que son obra de antigos celtas con fins funerarios e de culto ós mortos. Ferro Couselo, nembargantes, afirmaba que se trataba de sinais ou marcas territoriais. Esta teoría lembrounos á formulada no ano 1995 por Brandley, Fábrega e Criado e os seus mapas de recursos. Eles sostiñan que os petróglifos, nos que ás veces ata se ven cérvidos e outros animais, poderían ser mapas de recursos da contorna. Mais o profesor X. L. Galovart, logo de estudar Mogor, afirmou que se podía tratar de antigos almanaques de carácter astronómico. Os sucos marcados na Pedra do labirinto de Mogor, segundo indica este profesor vigués, sinalan o oeste máis estrito que se corresponde co equinoccio de primavera. Sostén que en Mogor, o equinoccio en 270º indica unha invocación ó Atlántico. Con esta teoría, comprendemos o vínculo que debía ter este petróglifo co seu mar, debeu ser algo así como o espello que lles marcaría a dourada raiola do equinoccio. Mais todo son teorías, o certo é que ninguén puido demostrar a utilidade que deberon ter estes sucos para os máis antergos. Quen sabe cales serían as súas inquedanzas, os seus medos, as súas teimas. Quen sabe que agardarían, a quen suplicarían naquelas pedras. O certo é que resultaría moi interesante analizar i estudar máis en profundidade todas estas teorías, e ir procurando similitudes entre as múltiples mostras que abondan no noso territorio. Abandonamos San Xurxo de Mogor, desexando que os sucos desta xoia milenaria sigan a peneirar as raiolas do equinoccio de primavera ó longo dos séculos. Que nunca se desgasten os sinais dos máis antergos neste noso verdescente país de eternas lendas e lonxeva historia.