“Venceredes vós,
pero nosoutros
temos da nosa parte
o Cadramón, o Piapáxaro,
o Cabo de Home, a illa
de San Simón, o lusco, o fusco,
o Castromao, o Xallas, as lagoas
innumerables de Valverde,
ou de Antioquía, o labirinto
de Mogor”
Darío X. Cabana, Cabalgada na brétema
Neste noso verdescente país, de eternas lendas e lonxeva historia, os sinais dos nosos antergos semella que aínda fican á intemperie nas frías e mudas pedras; a carón da herba miúda. Fican como altares graníticos no alto dos montes, baixo os toxos e silveiras, a carón das brañas e mesmo preto do mar. Esta terra garda moitos segredos incomprensibles en rochas sacras, en outeiros milenarios. Nesta nosa viaxe polos vieiros que nos encamiñan ás orixes do noso País, faltaba un deses recunchos míticos que non debemos esquecer para comprender parte da nosa historia máis primitiva. Temos falado dos fascinantes sucos rabuñados en pedra a carón da vella Capital da Patria, os do Monte de Correxíns e os do Alto do Pedroso; así como os afiados puñais do Castriño de Conxo. Visitamos tamén o incrible conxunto de petróglifos de Laxe das Rodas, de costas a Monte Louro, onde ollamos un dos petróglifos mellor conservados do noso territorio, mais aínda nos quedaba por visitar un dos máis senlleiros e recoñecidos de Galicia. Collemos rumbo ó sur, para mergullarnos na cálida brisa das rías pontevedresas, e arribar nos envexosos areais de Marín. Alí é onde nos agarda unha das laxes máis simbólicas e míticas do chan galiciano, o labirinto de Mogor.
Atravesamos unha vez máis a histórica Ría de Pontevedra, onde finan as augas do Lérez, e collemos rumbo a Marín coa mirada posta na Illa de Tambo, nas faenas marisqueiras da baixamar. Adentrámonos pois, na parroquia de San Xurxo de Mogor, no antigo San Xiao dos Ancorados, onde descubrimos uns dourados areais, e a carón deles, un dos máis lendarios conxuntos de petróglifos do País. Á fin pisamos a pasarela que nos facilita o acceso a unha das mostras máis excepcionais do Grupo Galaico de Arte Rupestre (III-II milenio denantes de Cristo), que está constituído por todos aqueles gravados que datan de tempos prehistóricos. Unha infinidade de sinuosos e dinámicos sucos, así como unha chea de cazoletas, fican diante de nós. Ollamos a multitude de círculos concéntricos e os máis esféricos trazos dos antergos, namentres moi de vagar, os ecos dos tómbolos do mar semellan ancorar nos nosos pensamentos. O recendo a salitre fainos cavilar no estratéxico emprazamento do petróglifo, no vínculo que debeu ter dende sempre co mar. Este mítico conxunto está constituído por diferentes gravados coñecidos como a Pedra dos Mouros, a Pedra do Labirinto e Os Campiños. O primeiro conta con máis de vinte combinacións circulares unidas por trazos curvos, namentres a Pedra do Labirinto e Os Campiños se representan como auténticos labirintos. As cazoletas tamén acentúan a presenza dos sucos, e nalgunhas ocasións, conforman o epicentro dos labirintos, así como doutras combinacións circulares. Os estudosos sitúan este conxunto en pleno Neolítico, sobre o 2000 denantes de Cristo, en época de dolmens.
Quen sabe o que significarían estas curvas, estas cazoletas. Algúns estudosos, como o Doutor Xesús Carballo, sosteñen que son obra de antigos celtas con fins funerarios e de culto ós mortos. Ferro Couselo, nembargantes, afirmaba que se trataba de sinais ou marcas territoriais. Esta teoría lembrounos á formulada no ano 1995 por Brandley, Fábrega e Criado e os seus mapas de recursos. Eles sostiñan que os petróglifos, nos que ás veces ata se ven cérvidos e outros animais, poderían ser mapas de recursos da contorna. Mais o profesor X. L. Galovart, logo de estudar Mogor, afirmou que se podía tratar de antigos almanaques de carácter astronómico. Os sucos marcados na Pedra do labirinto de Mogor, segundo indica este profesor vigués, sinalan o oeste máis estrito que se corresponde co equinoccio de primavera. Sostén que en Mogor, o equinoccio en 270º indica unha invocación ó Atlántico. Con esta teoría, comprendemos o vínculo que debía ter este petróglifo co seu mar, debeu ser algo así como o espello que lles marcaría a dourada raiola do equinoccio. Mais todo son teorías, o certo é que ninguén puido demostrar a utilidade que deberon ter estes sucos para os máis antergos. Quen sabe cales serían as súas inquedanzas, os seus medos, as súas teimas. Quen sabe que agardarían, a quen suplicarían naquelas pedras. O certo é que resultaría moi interesante analizar i estudar máis en profundidade todas estas teorías, e ir procurando similitudes entre as múltiples mostras que abondan no noso territorio. Abandonamos San Xurxo de Mogor, desexando que os sucos desta xoia milenaria sigan a peneirar as raiolas do equinoccio de primavera ó longo dos séculos. Que nunca se desgasten os sinais dos máis antergos neste noso verdescente país de eternas lendas e lonxeva historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario