“N' os verdexantes cómaros do Esto,
No val de Brántuas,
Ou d' Angeriz;
Ou nas pendentes
De Corcoésto,
Ou sobr' o cume do Gomariz.
Se dos curutos,
Na vaga bruma,
De prado verde na branda cor;
De negro baixo,
Na branca escuma,
De casta estrela no resprandor”
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos
Aló polos costeiros montes de Ponteceso, nas máis salitrosas e cantareiras terras de Bergantiños, tiven oportunidade de coñecer outro senlleiro santuario galego que desta volta se distingue por posuír unha monumental torre cilíndrica, coñecida como a Torre do Faro e presidida por unha pétrea virxe, que se albisca dende varios quilómetros á redonda e que non deixa a ninguén indiferente. Viaxei cara a vila natal do insigne poeta Eduardo Pondal para atravesar e acompañar o curso do Río Anllóns e internarme noutra erma e mítica paraxe pondaliana, noutro lendario recuncho galego. A capela da Nosa Señora do Faro, o santuario que me traería até esta coruñesa vila de Ponteceso, localízase no Monte do Faro, na parroquia de San Xián, no mítico e pondaliano “val de Brántuas”.
O Monte do Faro localízase a uns escasos 250 metros de altitude sobre do nivel do mar e o seu nome semella traernos á memoria a vella función de faro que desenvolvían estes outeiros máxicos e salitrosos da Costa da Morte nos que se adoitaban prender fogueiras, ben pra para guiar ós barcos ou ben para alertar da aproximación de embarcacións inimigas.
Este recuncho conformado pola Capela da Nosa Señora do Faro, que data do ano 1731, a súa torre e a súa Virxe, que dende antano ofrece guía e protección ós mariñeiros destas terras de Bergantiños, é un dos espazos máis máxicos, emblemáticos e monumentais de Ponteceso. Conta a lenda que neste recuncho de Brantuas, as mulleres dos mariñeiros adoitaban realizar un ritual coñecido como “virar a tella” e que consistía en voltear unha tella da Capela da Nosa Señora do Faro para que os ventos trocasen e a choiva amainase nas noites de temporal, coa única intención de que os mariñeiros chegasen sans e salvos a porto. Este ritual comezaría a decaer coa chegada das embarcacións a motor. Mais se algo chama a atención do visitante neste Monte do Faro, neste recuncho de San Xián de Brantuas, é a súa monumental torre cilíndrica de 39 metros de altura que semella impoñerse no horizonte. Esta impoñente torre sería custeada polo devoto emigrante pontecesán Ricardo Pose Ouréns, mais nunca chegaría a vela en vida. O seu fillo e a súa viúva serían os encargados de ordenar a súa construción para cumprir o derradeiro desexo do seu finado.
Esta torre de Brantuas, inaugurada no ano 1959 e dedicada ó Sagrado Corazón de Xesús, posúe no seu interior unha escaleira de caracol de 133 chanzos a través da cal se pode acceder até o máis alto, onde podemos albiscar unhas vistas realmente impresionantes e maxestosas da beira atlántica bergantiñá. A torre do Monte de O Faro, un dos monumentos máis senlleiros da Costa da Morte, foi erixida para desafiar a forza dos ventos desta costa traizoeira e asasina. Isto implica que a estrutura adoite sufrir un leve balanceo, mais este feito responde á elasticidade dos materiais empregados na súa construción e resulta imprescindible para que se manteña en pé. A base desta impoñente torre presenta catro talles, coma catro puntos cardinais, que representan a San Xián, -o santo patrón da parroquia-, á Virxe do Faro, a San Ricardo e ó Apóstolo Santiago. Debo confesar que non me atrevín a subir até o alto daquela torre; as súas entrañas semellaban estreitas i escuras de máis. Lisquei transitando a súa sombra namentres cavilaba nas últimas vontades humanas, nos derradeiros desexos por satisfacer, nas mulleres dos mariñeiros e nos seus ritos de fe i esperanza, nunha cultura de maxia e tradicións que remataría por desaparecer.
Imos xunto a Virxe
do Monte do Faro
que nos mande o vento
para que chegue o barco
Nosa Señora do Faro
está no alto, fai que dorme
mais ela ben veu pasar
aos mariñeiros de Corme
Ningún comentario:
Publicar un comentario