luns, 15 de febreiro de 2016

Castelo do Bolo, baluarte de Valdeorras


“Estaba a dona outonía
no lar do castel do ceo,
a fiar a lâ das nubes,
a quentarse ao sol marelo:
brial azul por vestido,
alto cume por asento,
inxente pena por roca
e fuso de bris nos dedos.
Ao mando das anduriñas
seu home, baril guerreiro,
a longas terras do sul,
por conquerir o bon tempo
e alfaias de estrelas novas
foi, leixando aquel castelo
onde a belida outonía
fiaba o seu desespero
antre lavandeiras donas,
papos-rubios escudeiros,
e curuxas axexantes,
e galos de crarín rexo”
Florencio Delgado Gurriarán, Cantarenas

Aló polas avermelladas terras da Comarca de Valdeorras, e máis concretamente na nobre vila de O Bolo, acharía os restos dunha antiga fortaleza desaparecida que me convidaría a naufragar nun pesadelo de contendas e batallas, de reguengos i estirpes nobiliarias, de fortalezas erixidas unha e outra vez sobre das mesmas ruínas. 

Non hai máis protagonistas neste municipio ourensán que a súa antiga e impoñente torre, que se albisca dende calquera punto da vila e da contorna que a aperta. Ascendín paseniño até o máis alto recuncho de O Bolo camiño destoutra pétrea atalaia valdeorresa e sentei ante os seus pés apoiado nun dos muros defensivos que aínda resisten, que aínda seguen a testemuñar a historia destas terras e desta pequena vila. Estaba ante outra impoñente atalaia ourensá, como a da Pena, a da Forxa, a de Sande, a de Sandiás, a de Vilanova dos Infantes, a veciña de Viana do Bolo, ou mesmo as que atesouran as fortalezas de Castro Caldelas ou Monterrei

O Castelo de O Bolo, considerado un dos monumentos máis importantes e senlleiros da Comarca de Valdeorras, ten as súas orixes nunha iniciática construción que data de entrámbolos séculos XII e XIII, e que posteriormente chegaría a pertencer ós poderosísimos Condes de Lemos. Mais durante o século XV, e por mor das revoltas Irmandiñas, o castelo sufriría importantes danos que obrigarían a reconstruílo case por completo a finais do século XVI baixo o patrocinio de Juan de Pimentel, Conde de Benavente, i engadíndolle unha segunda liña de murallas. Por estes mesmos tempos a vila de O Bolo deixaría de ser unha vila nobre para ser un reguengo, e polo tanto, pasaría a depender directamente da coroa. A partires do século XVIII, nembargantes, a sorte trocaría e comezaría a decadencia do castelo, que pasaría a albergar unha escola, un cárcere e até un campo da feira. Contan tamén que, tal e como adoita suceder en moitos achados e monumentos históricos en ruínas, mesmo chegaría a funcionar de canteira dos máis raposeiros espoliadores. Sería no ano 1999 cando daría comezo unha primeira actuación de rehabilitación na fortaleza, que finalizaría no ano 2001 e na cal se recuperaría tanto a torre como o edificio anexo, que dende aquel entón alberga un interesante museo aberto ó público e de carácter interactivo que nos narra de xeito ameno a historia deste castelo dende as súas orixes até a actualidade. 


No ano 2011 levaríanse a cabo novos traballos de rehabilitación que se centrarían nas murallas e na súa contorna. Grazas a esta serie de actuacións habilitaríase un acceso tanto para a terraza como para a Torre da Homenaxe, de planta cadrada e duns aproximados 20 metros de altura. Ó redor desta torre aínda resisten parte das murallas daquela fortaleza desaparecida, con baluartes semicirculares nos muros e circulares nos seus vértices, así como o patio de armas e o alxibe. Foi toda unha sorte que as administracións decidisen rehabilitar esta torre, así como esta casa i estas murallas defensivas, e abrir as súas portas ó público. Sen dúbida foi un acerto, tamén, que as instalacións rehabilitadas acollan agora, e de xeito permanente, un museo sobre da historia desta fortaleza que estivo a piques de desaparecer. 


Foi un grande pracer coñecer estoutro baluarte ourensán, estoutra fortaleza do sur galiciano, estoutra atalaia coas portas abertas. A medida que ía descendendo por esta vila de O Bolo comezarían a fuxir dos meus ouvidos os sons das ferraduras e o relincho das bestas, do meu tacto a dor e o calor do lume, dos meus ollos as imaxes máis funestas, do meu gusto o sangue dos probes, e do meu olfacto; o arume incensado e vitorioso da nobreza.

Ningún comentario: