¡das raioliñas da lúa
que entran, a furto, na ermita!
E no me lembres a torre
donde te tuvo enmeigada
industria de amor que morre...
¡Doutros máis altos destinos
che fala a paz destes ermos
i o psalmear destes pinos!
Quen te veu, musa, algún día
fastuosiña no adro,
desguedellada na fía”
Antonio Noriega Varela, D’o Ermo
Denantes de que este pasado verán me internase en solitario nas comarcas ourensás da Limia e de Valdeorras, denantes mesmo de coñecer as senlleiras e históricas torres de Sande, Sandiás e a Pena, achegaríame até a Comarca do Bolo para visitar e retratar a Torre da Homenaxe doutra importante fortaleza nobiliaria galega ateigada de batallas e historia, e inmersa no centro mesmo dunha pequena vila ourensá, nunha paraxe de gran valor natural e paisaxístico. A torre que agora nos ocupa non é outra que a de Viana do Bolo. A historia desta fermosa e harmónica vila foi xerándose entorno ó seu castelo, -entorno a esta maxestosa Torre da Homenaxe-, que dende a baixa Idade Media e até os nosos días, fica en pé no centro e no alto; no corazón e nas entrañas desta vila. Nada máis chegar a Viana, como non podía ser doutro xeito, albiscaría a impoñente Torre da Homenaxe no alto dun promontorio e arroupado polos fogares dos veciños. Achegueime ata ela logo de deambular en silencio polas pétreas e intricadas rúas vienesas.
A Torre da Homenaxe de Viana do Bolo, a derradeira lembranza, o derradeiro vestixio da orixinaria fortaleza baixomedieval sobre da que se foi xerando a vida desta vila, posúe unha planta cadrada de 10 por 10 metros, e uns 18 metros de altura. Foi erixida sobre dun asentamento castrexo arredor do ano 800 coa finalidade de servir de defensa contra as esporádicas incursións dos árabes. De feito, sería destruída por estes durante as batallas que mantiveron cos vianeses. As primeiras referencias achadas falan de que no 1180 chegaría a Viana do Bolo Fernando II de León, que atoparía a Torre da Homenaxe completamente destruída, co propósito de reedificala e repoboar a vila. Co paso do tempo, esta torre pertencería á Casa de Lemos, inicialmente da man de Fernando Osorio de Castro, e tempo despois por medio de Pedro Enríquez de Castela, Conde de Trastámara e Lemos.Posteriormente, a fortaleza sería propiedade de Felipe II. Durante o século XV, a torre volvería a ser de novo derrubada logo dunha serie de conflitos pola súa sucesión, e sería reconstruída novamente ó longo do mesmo século XV por Rodrigo Alonso Pimentel. Durante o século XVIII derrubaríase boa parte da muralla exterior da fortaleza, e durante a Guerra Civil, a torre albergaría o cárcere da vila.
A Torre da Homenaxe, o derradeiro vestixio da antiga fortaleza, foi Declarado Monumento Histórico-Artístico o 22 de Abril do 1949, e actualmente alberga nas súas entrañas o Museo Etnográfico de Viana do Bolo, no que se exhibe unha ampla mostra de cultura popular e tradicional da zona, así como unha sala de exposicións pictóricas ateigada de cadros da pintora vienesa Nelson Zumel. A Torre, que aínda conserva a porta de entrada ó Patio de Armas e tamén a que servía de acceso ó Patio de Honor, está dividida en dúas partes; a superior e a inferior. Na parte inferior, é dicir, na planta baixa, localízase a sala de exposicións. Este andar fica cuberto por unha bóveda de canón sobre da que se ergue a parte superior; a que alberga o museo e que está composta polos tres restantes andares. É unha auténtica sorte que esta Torre da Homenaxe de Viana do Bolo sexa hoxe propiedade do pobo, de tódolos vieneses e galegos, e que fique nos nosos días tan ben conservada e coas portas abertas. Mais desgraciadamente, e como ben sabemos, non sempre é así. Despedinme desta antiga vila ourensá descendendo con tento e paseniño, por antr’as intricadas e pétreas rúas vienesas, o outeiro no que se asenta esta impoñente e histórica Torre da Homenaxe, albiscando as augas do Encoro do Bao, os mestos e verdescentes bosques da contorna e outros “máis altos destinos” que aínda me resta por coñecer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario