“El, cos ollos rubios e cheos de bágoas,
coa cabeza desnorteada pola emoción,
vai saindo, as tontas, andar lento, pensativo,
vai deixando para tras moita recordación.
Casa, outeiros, montes, fragas e ríos
da miña encantada Terra de Montes,
cecais non poida olla-la, moitas veces máis,
andar nos sendeiros e atravesar súas pontes”
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración
En numerosas ocasións, os nosos pasos condúcennos por camiños descoñecidos, vieiros denantes transitados polos nosos silenciosos pasos. Ás veces, o destino semella xogar co rumbo establecido polas nosas sombras, achegándonos até os máis diversos recunchos do noso País. Foron moitas as veces que nos temos perdido ó longo e ancho do territorio galego, mais o certo é que nestas desafortunadas ocasións temos achado, tamén, outros moitos lugares non previstos pero dignos da nosa atención. As nosas sombras perdíanse no leito do Río Lérez, procurando a vella Ponte de Pedre e o fermoso lugar de Serrapio, aquí en Terras de Montes. Nestas terras bendicidas pola natureza, centos de regatos loitan por formar parte do imparable curso do Lérez. Fitamos cada unha daquelas gotas d’auga que esvaraban por antr’as follas das ramaxes, os centos de cursos e fervenzas que procuraban instintivamente a confluencia das augas. Coma se estas augas loitasen por emprenderen xuntas unha fugaz viaxe ata un máxico final, onde mesturarse co salitre da histórica Ría de Pontevedra. Asombrados pola fermosura destas fértiles ribeiras e “coa cabeza desnortada pola emoción”, o destino quixo levarnos até un pequeno recanto onde atravesar, unha vez máis e case sen querelo, outra de tantas pontes feitas en pedra que abondan nestas terras do interior pontevedrés. De costas ó termo municipal de Cerdedo, topamos cun empedrado vieiro que logo de atravesar un río, semellaba conducir ata unha pequena capela.
O destino non quixo deixarnos marchar das Terras de Montes sen antes atravesar a fermosa Ponte de San Antón e visitar a súa feiticeira capela. Namentres baixabamos, caemos na conta de que estabamos a pisar unha antiquísima calzada medieval, que nos encamiñaba a atravesar o Río Castro sobre dunha ponte rexa e contundente. O Castro é un afluente do Lérez, coma non podía ser doutro xeito, e polo que se pode ver, o seu curso xa debeu supor un auténtico atranco para as xentes da Idade Media. A Ponte de San Antón, de estilo románico, data do Século XIII e conta con máis de trinta metros de lonxitude. Posúe un esquema triangular e dous arcos de medio punto, un deles, de maiores proporcións que o outro. Conta con piares ou contrafortes triangulares en cada unha das caras da ponte, afiados augas abaixo e augas arriba. Unha fría cruz de pedra eríxese no seu vértice máis elevado.
Capela de Santo Antón de Cerdedo |
Comezamos a ver o treito final da vella calzada, que vai morrer ós mesmos pés da Capela de San Antón e do seu cruceiro de máis de seis metros de altitude. Achegámonos ata este pequeno santuario do século XVI para coñecer de preto a súa situación, a carón da vella calzada e fronte a esta rexa ponte, arrodeada somentes pola frondosidade da fraga. Pero o que máis chamou a nosa atención foron as súas reducidas dimensións e o seu belido campanario. Semella que este santuario quedou xa pequeno, en desuso, comesto pola humidade e relegado a un segundo plano ante o voraz crecemento da fe. Mais a súa presenza, o seu estilo, resulta necesario para comprender parte da historia deste encrave a carón do Lérez. Cantas paraxes adormecen a carón do murmurio deste importantísimo río pontevedrés, nesta terra de infindas pontes erixidas en pedra por xeracións enteiras de canteiros. Cantos camiños se perden no tempo, a carón de ríos, capelas e cruceiros. Cantas xoias ateigan de beleza cada palmo de terreo da nosa verdescente Galicia. Deixamos tras de nós a vella capela de San Antoniño para volver ollar por última vez a vella ponte, agora asolagada polas hedras. Quen sabe cantas crecidas lle agardarán aínda, e cantos transeúntes perdidos no camiño. Que o curso do Castro siga a doar as súas augas ó Lérez nos séculos que están por vir, baixo a sobra da Ponte de San Antón!.
Ningún comentario:
Publicar un comentario