venres, 8 de marzo de 2013

A Espera, na lembranza das viúvas do mar


"Tecin soya á miña tea,
Sembrey soya o meu nabal,
Soya vou por leña ô monte,
Soya á veo arder n'o lar.
Nin n'a fonte nin n'o prado
Asi morra c'o á carráx
El non ha de virm' á erguer,
El a non me pousará.
¡Que tristeza! ó vento soa,
Canta ó grilo ô seu compás...
Ferbe o pote... mais, meu caldo,
Soiña t'hey de cear.
Cala rula, os teus arrulos
Ganas de morrer me dan,
Cala, grilo, que si cantas
Sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
Ninguen sabe en onde vay...
Anduriña que pasache
Con él as ondas d'o mar,
Anduriña, voa, voa,
Ven e dime en ond'está".
Rosalía de Castro, Follas Novas

As mulleres galegas fixeron posible dende antano, que este país se erguera a pesares da soidade, das inxustizas e do sufrimento. A pesares do medo, das bágoas e do silencio. A pesares, mesmo da fame. A Galicia que coñecemos é unha terra de mulleres rudas que tiveron que enfrontarse, xa dende ben novas, á amarga realidade de criaren soas ós fillos. A realidade de cargaren co peso da familia, mesmo de botarse soas ó monte e coidar dos animais. A dura loita de procurar o pan na beira da praia, vender o peixe ou remendar nas salitrosas redes mariñeiras. As mulleres traballaban as terras, picaban a leña o mesmo que os homes, coidaban o gando e mantiñan aceso o calor do fogar. Moitas das nosas avoas, criaron soas ós seus fillos, agardando que o seu amor voltase de navegar. Que chegara san da guerra, rico das Américas ou tan sequera, que voltase sen máis. Nembargantes, a dura e solitaria vida que lles tocou ás nosas nais e avoas foi trocando este chan nun forte matriarcado; unha terra de musas e dona de seu. Fixo posible unha Galicia gobernada durante séculos por valorosas mulleres, "as viudas d'os vivos e as viudas d'os mortos", que a pesares de tantos atrancos, foron quen de sacar os seus fillos adiante e garantir o porvir do noso País.


É por iso que hoxe, Día Internacional da Muller, quero recordar unha viaxe que fixeramos pola contorna da miña terra nai, na sempre bravía Costa da Morte, para homenaxear a todas e cada unha das nosas mulleres loitadoras.  Achegámonos pois, ata os feros cantís onde se xogan a vida, amais dos mariñeiros, numerosas percebeiras que, esquivando os azoutes do bravo mar, brincan de pedra en pedra para dar co seu máis prezado tesouro. Arribamos unha vez máis ata a costa dos naufraxios, onde alén do horizonte, numerosos mariñeiros i emigrantes foron arrastrados polo destino. Moi preto do Roncudo, e a carón  mesmo do Faro de Laxe, achamos a espectacular silueta dunha muller que, co seu fillo no regazo, olla con tristeza ese mar que tanto nos dá e tanto nos quita. Ese mar que tanto nos atrae e nos dana. A escultura, coñecida como “A Espera”, é obra da artista coruñesa Iria Rodríguez, que soubo representar eses momentos tan tristes, pero reais, que lles tocou vivir a tantas mulleres galegas. A carón deste fermoso monumento, o cilíndrico faro de Laxe apréciase refulxente e cheo de brancura no alto dos cantís, a uns cincuenta metros sobre do mar. A súa estrutura lembrounos ó do Roncudo, que visitaramos anos atrás. A branca cor desta muxena fai atraer de xeito especial a nosa atención. A pesares da súa simple estrutura, a súa cor contrasta co intenso azul do mar e acentúa a súa presenza. Cantas bágoas deberon naufragar nestas costas, cantos lamentos e verbas silenciosas que viaxaron no ar e se perderon no tempo. Esta obra quere homenaxear a todas aquelas mulleres que perderon ós seus homes no mar, a todas aquelas que tiveron que facerse de pedra para sacar adiante soas ós seus fillos.


Por moi duros que fosen os tempos, a nosa Galicia -“nai e señora”-, non deixou de ver medrar mulleres valorosas que, pese a non dispor dos mesmos dereitos que os homes, non dubidaron en erguerse contra o asoballamento e a opresión. Mulleres que denunciaron as inxustizas e se resistiron a calar. Quen non escoitou falar da heroína coruñesa María Pita, ou dos máis entristecidos  versos de Rosalía?. Quen non coñece o legado e a escrita de Emilia Pardo Bazán?. Quen non coñece a valentía de Concepción Arenal?. Tamén nesta fraga temos falado da valentía de Dona Constanza de Castro, filla do Mariscal Pardo de Cela e neta do poderoso Conde de Lemos. Mais as verdadeiras heroínas deste chan sufrido e verdescente, son aquelas que todos coñecemos. Dende as avoas enloitadas que, pese a súa avanzada idade, se resisten a abandoar os labradíos, ata aquelas nais viúvas que, case sen recursos, alentan a fartura do fogar. Non entenderemos endexamais unha Galicia sen as súas redeiras, artesás, mariscadoras, gandeiras, sen as súas palilleiras e pulpeiras. Non concibiremos endexamais o noso país sen as mulleres que de verdade o gobernan, sen esas mozas, nais e avoas que, con valor i esforzo, sacan este matriarcado galego adiante.


 Deixamos tras de nós este fermoso recuncho da Costa da Morte cunha posta de sol impresionante, coma é propio destas terras do alén. Que as bágoas do pasado non enferruxen o futuro das nosas loitadoras mulleres galegas!

"Foi preciso, quizais, para atopar no espello
baixo o bazo ese rostro da muller en Galicia,
para recuperar as mans e os seus tesouros.
Para escoitar coa orella no buraco
voces rotas, silencios, faragullas de vida.
Viaxar como Exeria xunto aos soños de Amantia
ou coa nena da historia trala pedra figueira.
Dicir da semellanza ou dun amor de tango,
de amantes que despertan novamente ao milagre.
Soedade de Antígona, fera noite de inverno
foi precisa, quizais, na procura da escrita da certeza.
Marica Campo, Mulleres

2 comentarios:

navegacruz dixo...

Magnífica entrada; grazas como muller, e grazas como individua fascinada pola Costa da Morte e a vida mariñeira. A Costa da Morte, a miña referencia vital do mar. Para min non existe outro mar, outro océano. Na mente levo a bravura das augas batidas do cabo de san Hadrián, frente ás Sisargas.

Grazas compañeiro! Unha forte aperta!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Prezada Cruz, alégrame saber que che gustara esta entrada, tan pouco común como necesaria. As mulleres sodes e seredes as donas e señoras desta terra que nos é común. Unha aperta e grazas polo comentario!