venres, 28 de novembro de 2008

Illa de San Simón, A Estación das Almas


"Sediam'eu na ermida de San Simón
e cercaronm'as ondas, que grandes son,
eu atendendo ao meu amigo,
eu atendendo ao meu amigo"

Mendinho

As aves da díáspora, que a rentes do mar surcan camiños, deixan de voar e peteiran na beiramar da enseada de San Simón, na Ría de Vigo. Quizais sexan as mesmas que a semana pasada, e mesmo nos días de Pondal, aproveitaban as correntes do incesante e sempre presente vento das Sisargas. As aves de paso e as súas tradicionais visitas foron as vivas liberdades que soñaban os presos do cárcere de San Simón. O ensanguentado chan do campo de concentración e estación final de almas republicanas, socialistas e comunistas durante a Guerra Civil, foi tamén mosteiro, lazareto e orfanato. Na Idade Media ficou na inspiración de Meendinho i estivo habitada por templarios e franciscanos de curta estadía. En 1702, a illa foi esceario e testigo presencial da Batalla de Rande; loita cos ingleses polo sempre prezado ouro e xoias chegadas da América, nos fatigados e trunfantes galeóns da Coroa de Castela, saíndo estes derrotados. Agora os asolagados navíos agochan lenda, tesouro e historia baixo o mar das ondas de Mendinho. En 1859, a illa é saqueada por piratas ingleses do talle de Francis Drake. Semella que os pasos da historia escollen bo sendeiro, xa que en 1999, a illa é recoñecida coma Ben de Interese Cultural e recentemente habilitada e convertida en centro de recuperación da memoria histórica. Agora esta illa fica solitaria e toma folgos para seguir sendo refuxio de aves, leprosos, piratas, monxes, falanxistas, comunistas ou poetas. Seguirá sendo a estación das almas de paso, residencia de estadías indesexadas.

venres, 21 de novembro de 2008

As Sisargas de Santo Hadrián


"... e van en ringleira
gritando e voando,
en demanda das illas Sisargas,
eu noto reparo.
Ah! quen fora como elas tan libre!..."

Eduardo Pondal

A escasos 750 metros de Santo Hadrián, na mariñeira vila de Malpica, érguese o arquipélago da Costa da Morte no Mar dos Ártabros, o linde pétreo das Illas Sisargas. As lendas falan de cultos a Santo Hadrián, patrón dos mariñeiros. No 1853, Celedonio de Uribe prende a mecha do Faro das Sisargas para alumear o vello Mar Ártabro, excelentemente mergullado no arquivo do tempo polo tardío ollar surrealista do pintor coruñés, Urbano Lugrís. A súa altitude é de 111 metros respecto ao nivel do mar e o arquipélago está formado polas illas Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante. Este territorio é agora un paradiso de aves como a gaivota escura, o arao dos cons, corvos mariños, andoriñóns reais e choias, que deben voar tan ceibas como as que describe Pondal; "Quen fora como elas tan libre!" Malpica e as súas embarrancadas rúas ollan ó porto, sendo este o centro de principal actividade da vila. Preto da lonxa, as mulleres tecen as redes da esperanza e o sustento, mentres os rapaces xogan. As gaivotas e o vento traen con eles os sons doutros tempos no porto da Malpica de Bergantiños. As Illas Sisargas fican agora silandeiras, sen serea e sen torreiros, pero sendo o paradiso das aves de Pondal, e escoitarán por sempre o eco da linguaxe das súas aves.

venres, 14 de novembro de 2008

As Ondas do Mar de Cangas



"As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña"

Celso Emilio Ferreiro


As ondas do mar de Cangas, xunto coa colorida vila da Guarda, no corazón do Rosal; foron os primeiros recunchos en amosarnos as sosegadas augas termais das Rías Baixas. Seguímola ruta do Albariño sen perder de vista as sempre impresionantes e solitarias Illas Atlánticas e os horizontes de bateas. Os cormoráns, gaivotas e araos son os donos desta costa marisqueira, e na vila de Cangas do Morrazo e o seu Cabo Home, de fronte ás Illas Cíes, fican como berce ecolóxico e virxe para estas especies. A miña frenética viaxe ás Rías Baixas deu moito de si, como vos irei amosanso pouco a pouco. O porto de Cangas e a súa multitude de praias agochan loita e traballo no mar. O turismo, a historia, os seus veciños, e a súa proximidade coa cidade olívica semellan nutrir de vida este porto de lendas, inspiración e aves mariñas. O Cabo Home é un punto estratéxico para observar o curso das aves, e lembroume moito á Britona galega polos seus cantís de fronte a un mar de diáspora para as almas viaxeiras, as enloitadas aves de paso. Boa sorte e saúde para os veciños do Morrazo, xentes que ollan de fite ás Cíes e ó camiño incerto do instinctivo rumbo das aves.


martes, 4 de novembro de 2008

Atardecer no Roncudo, Corme



"Amar amas con son ainda máis
ama o sol incendiando o horizonte
de amarelos e malvas".

Cesáreo Sánchez

Este pasado mes de outubro deixou fermosos solpores nos horizontes galegos. En Corme, os atardeceres mesturan as cores do ceo coa branca escuma do mar do Roncudo. O mellor percebe é o combatente e residente milenario dos cons desta punta, onde o mar bate con furia. O mar de Corme marca para moitos o comezo da Costa da Morte, pois as súas augas agochan traxedias marítimas ó longo de toda a historia. En 1879, O Óscar, un vapor de bandeira austríaca, embarrancou nos baixos das Barrosas do Roncudo e afundeu logo de rachar á metade. En 1907, a espesa brétema da noite tamén fixo naufragar ó pesqueiro Gladiator, pero non levou consigo vidas, xa que os seus trece tripulantes conseguiron salvarse.

A Pedra do Roncudo, berce do mellor percebe, ás veces cobra a súa vinganza cos mariñeiros e mariscadores do lugar. As cruces brancas fican coma testemuña destes tristes sucesos. Cóntase que uns mariñeiros ingleses crearon unha delimitación fai máis de dous séculos; Cabo Roncudo-Cabo Fisterra, considerando o Arco Fisterrán coma o tramo de costa máis perigoso pola cantidade de baixos ou laxas que se agochaban a poucos metros da costa, así como polos temporais, a borraxeira e os naufraxios. A nosa visita foi curta pero intensa. Fomos recibidos pola Pedra da Serpe, un cruceiro cunha base de rocha granítica, na cal se pode observar unha serpe alada tallada na mesma. De camiño ao porto, observámolo ir e vir da xente da vila, e na praza deste pequeno porto, as mulleres mantiñan conversas namentres os rapaces xogaban. Decidimos coller rumbo ao Roncudo, e nel escoitamos o incesante ruxido ronco do mar, divisando o que xa escribira Cesáreo Sánchez; "O sol incendiando o horizonte". O Roncudo é outra das visitas de obrigado cumprimento na Costa da Morte. ¡Que o mar siga mantendo con vida ó prezadísimo percebe de Corme!.