venres, 14 de novembro de 2008

As Ondas do Mar de Cangas



"As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña"

Celso Emilio Ferreiro


As ondas do mar de Cangas, xunto coa colorida vila da Guarda, no corazón do Rosal; foron os primeiros recunchos en amosarnos as sosegadas augas termais das Rías Baixas. Seguímola ruta do Albariño sen perder de vista as sempre impresionantes e solitarias Illas Atlánticas e os horizontes de bateas. Os cormoráns, gaivotas e araos son os donos desta costa marisqueira, e na vila de Cangas do Morrazo e o seu Cabo Home, de fronte ás Illas Cíes, fican como berce ecolóxico e virxe para estas especies. A miña frenética viaxe ás Rías Baixas deu moito de si, como vos irei amosanso pouco a pouco. O porto de Cangas e a súa multitude de praias agochan loita e traballo no mar. O turismo, a historia, os seus veciños, e a súa proximidade coa cidade olívica semellan nutrir de vida este porto de lendas, inspiración e aves mariñas. O Cabo Home é un punto estratéxico para observar o curso das aves, e lembroume moito á Britona galega polos seus cantís de fronte a un mar de diáspora para as almas viaxeiras, as enloitadas aves de paso. Boa sorte e saúde para os veciños do Morrazo, xentes que ollan de fite ás Cíes e ó camiño incerto do instinctivo rumbo das aves.


3 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Foi unha viaxe rápida pero que cundíu moitísimo. Profundizamos no sentir e no vivir dunha das zonas da Galicia más importantes, e descubrimos por qué ten tanta fama a nivel turístico.

Anónimo dixo...

Boas Xoán:
Ben certo é que a costa non ten nada que ver co interior. O mar sempre significou unha opción vital e un vieiro de escape ou entrada para sociedades e tempos, loitos e victorias, riquezas e naufraxios; mais agora semella unha paraxe turística á cal só lle queda pasar peaxe nos areais. Nembargantes no interior, nin tan sequera se baralla esa gloriosa ou fatal posibilidade.(Ese é o principal motivo polo cal adoro o interior galego). A parte positiva das Rías Baixas é o máximo proveito que o pobo, con loita, unidade i esforzo, saca do recurso do mar; sexa mediante bateas, pesca deportiva ou, ao igual que Compostela, mostrando o fétido recendo da Galicia Folclórica e de souvenirs. Un saúdo e non te me enfades pola crítica á Capital.

Anónimo dixo...

O teu blog, amigo Iván, estanos a amosar este inmenso mar de belezas que ten o país,imaxino que innumerables, polo que, de seguro ,tes traballo para moito tempo;asimesmo, os que seguimos atentamente as túas pegadas, poderemos disfrutar durante longo tempo das maravillas do país dende a túa perspectiva.Animo e adiante compañeiro.J.M.Velay