mércores, 6 de maio de 2009

O Famoso Manolo do Monteiro



"Terras outas e soias!
Serras longas mouras!
Eu son esta coor de soedá
Ancares soñados co lonxe!
Penas de Marco de Meio Mundo en ringuileira do
Candedo ás Moás!
Alto da Lucenza Formigueiros Montouto Pía-Páxaro
Tesos cumes do Courel! Pobos probes
Ardidos de tristura mouros de queimados!
Lor ruxindo polo val pecho!
Ucedo e ucedo!
Fontiñas outas
penedos
carrozos escuros
fragas agros soutos e devesas! Labregos e pastoras
que soio vistes
istes tesos e máis estes vales!
Aturula a curuxa e canta o cuco
Medindo o tempo quedo que se para na cor e tornándose
Contra un ven cravarse no sitio onde máis se sinte!

Serra aberta"
Uxío Novoneyra, o poeta do Caurel

Os mellores solpores da serra adoecen nos escachados vidros dos fogares de Vilamor, na labrega Serra do Caurel. As casas orfas que conforman este lugar agonizan co silenzo que albergan os seus muros. De costas ó sol e baixo a sombra das boinas que acollen os anos, os veciños da aldea perseguiron coa ollada que altera a monotonía os nosos pasos. O mudo silenzo de Vilamor morre cando as chocas das leiteiras vacas do Monteiro comezan a resoar de camiño á cuadra, logo dun farturento pasto na serra aberta. Quen lles marca o camiño, vara en man, non é outro que Manolo do Monteiro, O Famoso. Este bo e xeneroso labrego, amosounos as casas esquecidas e os fogares doutros días. Falounos da dura partida dos máis novos ás cidades e da solitaria vida na serra.


Abréuno-las portas da súa casa coa hospitalidade marcada no sorriso para falarnos da amizade que compartía co Poeta, Uxío Novoneyra, así como da mala sorte que tivo en amores. Según él; por falta de atrevemento. Semella que o contraditorio destino quixo que este veciño de Vilamor non coñecese o amor, pero si a lenda da súa vila. Quizáis o seu destino ficaba en Vilamor para ser parte dos labregos […] que soio vistes istes tesos e máis estes vales…, ou para dar vida ás silenciosas rúas de Vilamor. O Famoso, como é coñecido na aldea, foi sacristán e labrego dende ben novo. Vende mel, castañas e augardente, e de seguro que non pasa desapercibido para aqueles viaxeiros que se achegan ata Vilamor. Boa sorte a Manolo do Monteiro e a tódolos labregos galegos!

3 comentarios:

Rosalía Fernández Rial dixo...

qué fermosa actualización!!!

cando era pequena ía todos os outonos ao Courel coa familia e amigos...gardo moi, moi bos recordos desa época...

"Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home"
enorme! Novoneyra

Unha aperta!!!!

Anónimo dixo...

Gustaríame aproveitar esta emotiva entrada para lembrar aos visitantes desta bitácora que o sector gandeiro e lácteo galego están a pasar por un mal momento e precisan do noso apoio e solidariedade.Vivan por moito tempo os traballadores nobres da nosa terra, sen o seu tesón e o seu amor pola terra non sería realidade o noso presente nin será viable un futuro coa actual calidade de vida da que gozamos.

Xoán S. Pazos dixo...

Fermosa entrada. Temos que voltar ó Courel e darlle unha copia da foto a Manolo do Monteiro, coma lle prometeramos.
Un saudiño dende Compostela!!
e saude, sorte...e republica!