Amosando publicacións coa etiqueta Lagoas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lagoas. Amosar todas as publicacións

domingo, 25 de xaneiro de 2015

Da Devesa da Rogueira á Lagoa da Lucenza


“Esculquei os teus seos
en cada un dos perfís de Corrubedo;
os teus ventres en fendas sucesivas
dalgúns pregues antigos do Paraño;
na tépeda Devesa de Rogueira
-carreiros silandeiros entre a fraga,
exóticos silencios entre as pólas
das árbores notábeis-
as túas concavidades uterinas”
Vítor Vaqueiro, A cámara da névoa

Este finado outono retornamos ós centenarios soutos e veigas, ás alongadas faldras e profundos vales que o curso do Lor foi conformando ó longo dos séculos na sempre fascinante e paradisíaca Serra do Courel. Volvemos até estas fermosísimas terras luguesas, nas que xa tiveramos a sorte de coñecer recunchos tan impresionantes como o Castro da Torre, o antigo e ruinoso Castelo do Carbedo, o Pregamento Xeolóxico de Campodola e unha boa parte das súas máis senlleiras aldeas, para tratar de coñecer agora un dos meirandes atractivos desta serra. Andabamos na procura do maior tesouro natural da Serra do Courel, un marabilloso verxel, un pequeno paraíso coñecido como a Devesa da Rogueira. O noso propósito sería percorrer esta feiticeira fraga e tratar de chegar até a lagoa glaciar da Lucenza, situada a uns 1.420 metros de altitude. Comezaríamos esta andaina, o meu amigo Tinín e máis eu, unha húmida mañá de novembro dende a Aula de Natureza de Moreda. Dende alí parte unha das rutas para coñecer os segredos desta senlleira e paradisíaca devesa situada na vertente norte de Formigueiros, que cos seus 1.643 metros de altitude, é o cumio máis alto do Courel. 


Botamos a andar a media mañá, xa un pouco tarde tendo en conta que teríamos que percorrer unha literal ducia de quilómetros para acadar a Lagoa da Lucenza, e outros tantos de volta ata Moreda. Durante os primeiros pasos puidemos contemplar unha fermosa veiga arrodeada de soutos centenarios e seríamos gratamente sorprendidos por un silencio e unha paz somentes rachada polo canto dos paxaros. Sorprendeunos tamén comprobar que esta ruta fica ateigada de paneis informativos que nos explican en todo momento o que estamos a ver e todo aquilo que fai desta “tépeda Devesa de Rogueira” un lugar único, non somentes no noso país, senón tamén na península ibérica e a nivel internacional. O murmurio do río comezábase a facer máis evidente a medida que nos íamos internando na devesa, nesta xoia ecolóxica do Courel. Camiñamos de vagar, contemplando a paisaxe e deixándonos seducir por cada un dos recantos que conforman este máxico verxel. Esta da Rogueira é a devesa máis extensa e mellor conservada do Courel, i está considerada polo World Wildlife Fund como un dos bosques con maior diversidade da Península Ibérica. Nos seus dous quilómetros cadrados de superficie, a mestura dos diferentes solos louseiros, cuarcíticos e calcarios, e as variacións de altitude favorecen a concentración dunha gran riqueza botánica. 


A Devesa da Rogueira localízase no extremo oeste da rexión eurosiberiana e moi preto dunha zona con gran influencia mediterránea, facendo posible que eiquí convivan, polo tanto, especies do centro e do norte de Europa nas zonas altas, como as faias, con especies do sur de Europa no fondo dos vales, como as aciñeiras e as sobreiras. Esta devesa é, por riba de todo, unha gran mostra dos antigos bosques das montañas galegas, e nos nosos días segue a ser un valioso refuxio para a fauna e a flora. A medida que camiñabamos por esta devesa de beleza indescritible, iámonos decatando da gran cantidade e variedade de especies arbóreas que se distribúen nos distintos niveis de altitude deste pequeno paraíso terreal. Amais dos xa citados soutos, ateigados de centenarios castiñeiros (Castanea sativa), e das sobreiras (Quercus suber), aciñeiras (Quercus ilex) e faias (Fagus sylvatica), esta devesa agocha abondosos exemplares de acivros (Ilex aquifolium), teixos (Taxus baccata), salgueiros (Salix atrocinerea), freixos (Fraxinus excelsior), pradairos (Acer pseudoplatanus), carballos (Quercus robur), cerquiños (Quercus pyrenaica), capudres (Sorbus aucuparia), bidueiros (Betula alba) e abeleiras (Corylus avellana). 


Por se fose pouco, nesta devesa podemos atopar tamén unha gran cantidade e variedade de pequenas plantas que manifestan o inmenso valor botánico destas terras courelás, como a herba dos mendigos (Clematis vitalba), a seixebra (Teucrium scorodonia) ou a tóxica e fedorenta chaveira (Helleborus foetidus). Tamén se poden ver por esta devesa os estalotes (Digitalis purpurea), os marelos panqueixos (Primula vulgaris), os couselos (Umbilicus rupestris), as calzas de cuco (Linaria triornithophora) e a abrairiña (Saxifraga spathularis). Nas zonas máis elevadas, é común achar narcisos (Narcissus spp.) que nacen antr’a neve do desxeo e plantas medicinais como a xanzá (Gentiana lutea), así como arandeiras (Vaccinium myrtillus) e tollemerendas (Merendera pyrenaica). Sobre dos taros ou tesos, que son rochedos calcarios, medra a flora de maior valor biolóxico da serra, xa que estes solos non son moi comúns no noso territorio. Nestes “tesos cumes” é frecuente achar roseiras bravas (Rosa spp.) i especies endémicas asociadas a este tipo de substrato como o té de pedra (Sideritis hyssopifolia), os anxiños (Teucrium pyrenaicum) e diversas orquídeas. Estas son somentes unha mínima parte das máis de 1.000 especies botánicas que se ven representadas neste verxel.


Logo de cruzarmos o Rego da Rogueira, o afluente do Lor que nutre esta valiosa devesa, comezaríamos un ascenso bastante duro cara o Alto do Couto que nos deixaría realmente fatigados, de feito, teríamos que detérmonos unhas cantas ocasións pra poder continuar. Estabamos a salvar un importante desnivel de 700 metros, dende os 750 até os 1.400 metros de altitude, nuns escasos tres quilómetros. Durante o ascenso teríamos a sorte de achar a Fonte do Cervo ou Fonte da Fame. Trátase dun rochedo do cal brotan xuntos dous mananciais con diferentes características e propiedades medicinais que semellan mesturar as súas augas. Por un deles baixa auga clara, calcaria, e polo outro auga avermellada e ferruxinosa. Bebemos daquelas augas, refrescámonos e continuamos coa nosa andaina rumbo ó cumio de Formigueiros e camiño da Campa da Lucenza. A partires daquela fonte, a paisaxe mudaría drasticamente. Agora estabamos a escasos metros do cumio da máis alta montaña da serra e as árbores semellaban dar paso ás uces e ás carqueixas. Sopraba un vento frío e seco que nos obrigou a abrigarnos e a continuar. Non resultou nada doado proseguir camiño da Lucenza, mais logo do que levabamos camiñado, xa non había volta atrás. 


Dende o alto das faldras da serra albiscamos o voo dos miñatos (Buteo buteo), mais este verxel agocha outras moitas aves como a Avelaiona (Strix aluco), a curuxa e outros moitos paxariños como a carriza (Troglodytes troglodytes), os merlos (Turdus merula), o paporrubio (Erithacus rubecula), as papuxas (Sylvia spp.), o pimpín (Fringilla coelebs), o ferreiro abelleiro (Parus major), os gaios (Garrulus glandarius), o ferreiriño azul (Parus caeruleus), o papamoscas cincento (Muscicapa striata), o cardeal (Pyrrhula pyrrhula), o gabeador común (Certhia brachydactyla), a lavandeira real (Motacilla cinerea) ou a estreliña riscada (Regulus ignicapilla); esta última é a ave máis pequena da fauna galega. Esta devesa é o fogar, tamén, de animais tan senlleiros como os corzos, os raposos, os xabarís ou o mesmo lobo, sen esquecer a outros moitos mamíferos como a marta, o leirón cincento, o armiño, o gato bravo, a lontra ou a donicela, nin a gran cantidade e variedade de anfibios e réptiles que cohabitan nas súas húmidas ribeiras. 


Logo de moito camiñar, á fin albiscariamos no horizonte a tan agardada Campa da Lucenza. Á fin deixabamos de ascender, agora era o momento de descender cara a lagoa glaciar que nos fixera chegar até un dos recunchos máis elevados i especiais desta serra. No intre en que albiscamos dende o lonxe a pequena Lagoa da Lucenza, daríamos chimpos literais de ledicia. Achegámonos correndo e brincando os derradeiros metros que nos separaban xa daquela máxica lagoa glaciar para dar por finalizada unha dura andaina ante a mellor das recompensas. A Lucenza, como dicía ó comezo, é unha lagoa de orixe glaciar situada a 1.420 metros de altitude que se alimenta da auga que recolle do desxeo dos cumios que a arrodean. Adoita ter auga a meirande parte do ano, nembargantes, nas épocas estivais perde unha gran parte do seu caudal. Esta lagoa posúe, aproximadamente, uns 70 metros de diámetro e a súa antigüidade remóntase a 16.000 anos atrás. Empapámonolos rostros naquelas augas repousadas, elevadas i especiais, ollamos as árbores que sobreviven no seu leito de musgos e follas humedecidas, e tratamos de maxinar o moito que debeu mudar ó longo dos milenios aquela pequena pero fermosa paraxe. 


Despedímonos da Lucenza e botamos a andar de regreso cara Moreda. Aínda nos quedaba por diante volver a camiñar o mesmo treito de 12 quilómetros que tiveramos que percorrer para chegar até a lagoa, mais desta volta somentes tiñamos que descender, polo que o tempo que nos levaría chegar reduciríase case que á metade. Baixamos axilmente polos fermosísimos sendeiros da devesa deténdonos en varias ocasións a ollar os sequeiros; pequenas construcións de pedra que se erixían arredor dos soutos para secar as castañas e conservalas. Os sequeiros estaban divididos en dous andares separados por unha sinxela estrutura de madeira. Na parte superior, ou caniceira, depositábanse as castañas, e na inferior, ou remoleiro, prendíase unha pequena fogueira para secalas. O proceso de secado duraba entre 20 e 25 días co fume e ca calor do remoleiro, que ficaría aceso día e noite. Despois dese tempo, as castañas serían golpeadas nunha saca para desprendérense da casca. A meirande parte dos sequeiros que achamos ficaban derrubados e asolagados polas hedras e matogueiras. 


Chegaríamos de volta a Moreda a iso das tres e media da tarde. Procuramos unha taberna en Folgoso e gozamos dun humilde xantar namentres conversabamos encol da impresionante experiencia que acabaramos de vivir. Aquela mañá fixeramos dúas ducias literais de quilómetros i en somentes unhas horas tiveramos tempo de coñecer, non somentes un paradisíaco verxel e unha antiquísima lagoa, senón tamén numerosas especies de plantas que nunca denantes viramos nas nosas vidas. Ademais de saber que nesta fraga concéntrase a esencia, a singularidade, a maxia e os segredos desta fascinante serra. Liscamos do Courel, do pequeno pero fascinante universo de Novoneira, sobradamente satisfeitos, mais desexando que algún día, máis pronto que tarde, este delicado e importantísimo verxel da Rogueira, esta devesa de beleza indescritible, sexa o sétimo Parque Natural deste noso país. 

martes, 23 de setembro de 2014

Lagoa da Frouxeira, refuxio de aves viaxeiras


“Están, meu corazón, meu neno lindo,
os carballos batendo-se co ar e co machado
e o monte alto contra a máquina que o aboura,
a lagoa azul renovando a sua auga
teimosamente cegada,
a águia rexa sulcando a luz contra o disparo,
e o bosque e a serra e o mar,
e o rio e a luz e o sol e a noite branca”
Lois Diéguez, Sete poemas e un maio

Logo de coñecer algunhas das paraxes máis fermosas do concello coruñés de Valdoviño, tal que a Ermida da Virxe do Porto ou o moderno faro de Punta Frouxeira, ámbolos dous sitos na parroquia de San Vicenzo de Meirás, decidimos coller camiño cara un dos meirandes atractivos que aínda agardabamos coñecer neste fascinante concello da Comarca da Ferrolterra. Denantes de liscar de Valdoviño debiamos percorrer aquel extenso areal que albiscaramos ó nordeste do faro, e por suposto, coñecer a lagoa que agocha e protexe dende a noite dos séculos; unha das máis senlleiras do noso país. Collemos rumbo cara a praia e lagoa da Frouxeira, un espazo ecolóxico virxe, un conxunto de gran valor medioambiental, onde cada ano se refuxian milleiros de aves viaxeiras. Camiñamos un bo anaco por aquel branco Areal da Frouxeira denantes de coñecer a súa lagoa. A praia, de mar aberto i embravecido, de finísima area, posúe máis de tres quilómetros de lonxitude dende Valdoviño até a parroquia de San Vicenzo de Meirás. 


As dunas deste areal xogan un papel fundamental para a protección e conservación da Lagoa da Frouxeira, xa que serven de represa natural e favorecen a contención das augas. De feito, tanto o areal como a lagoa, foron declarados Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA), Humidal de Importancia Internacional (RAMSAR) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Costa Ártabra). Así mesmo, foron tamén incluídos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia. Logo de coñecer unha pequena parte deste branco e fino areal, decidimos procurar a súa lagoa. Achegámonos ata ela sobre das dunas pero a través dun ecolóxico paseo de madeira. Á fin estabamos ante a senlleira Lagoa da Frouxeira, ante a verdadeira xoia natural que nos trouxo até este fermoso Concello de Valdoviño. Como diciamos anteriormente, a Lagoa da Frouxeira é un encrave húmido de gran importancia no noso país, especialmente por ser un lugar de gran valor ornitolóxico. 


Nesta lagoa, neste recanto de augas transparentes, adoitan descansar, ano tras ano, numerosas aves migratorias. Eiquí deben atopar a paz, a protección e o alimento necesario pra seguiren a súa instintiva viaxe até os máis afastados e descoñecidos confíns. Esta lagoa posúe unha forma ovalada, case que rectangular, e unhas dimensións aproximadas de 1.700 metros de longo por uns 500 metros de ancho. A profundidade non adoita superar o metro e medio de altura. A lagoa recibe as augas doces do Rego de Vilar e os aportes da chuvia, e desemboca nas salgadas augas do mar a través dunha canle, duns aproximados 20 metros de anchura, que se abre coa acción das mareas. Nos últimos invernos, xa semella unha costume que se inunden os terreos próximos á lagoa, froito do aumento periódico da cota hídrica e das adversas condicións meteorolóxicas. Contan que antano eran os propios veciños do lugar os que abrían a canle, previndo o posible asolagamento das súas terras. 


Nesta lagoa teñen o seu leito, o seu hábitat, o seu fogar, numerosas especies animais. Baixo das augas deste húmido verxel nacen e medran as anguías, namentres que as marxes da lagoa son o fogar de numerosos anfibios como a ra estroza (Hyla arborea), a ra vermella (Rana temporaria), a ra verde (Pelophylax perezi), a píntiga común (Salamandra salamandra), o sapo (Bufo bufo), e o sapo corredor (Bufo calamita), así como mustélidos como a lontra (Lutra lutra) e micrótidos como a rata de auga (Arvicola sapidus) ou a trilladeira dos prados (Microtus agrestis). No que respecta ó mundo dos réptiles, son as cobras de colar (Natrix natrix) e os escánceres os que adoitan localizarse a rentes mesmo da lagoa, procurando zonas húmidas. A perigosísima víbora de Seoane (Vipera seoanei) pódese achar tanto en ambientes húmidos como nos secos areais. É frecuente que polos arredores da lagoa se albisquen raposos e mesmo xabarís. Mais se por algo se distingue este importantísimo espazo natural, é por ser o fogar, a estación; o refuxio para a vida e o descanso de milleiros de aves. 


Moitas das aves que eiquí conviven son sedentarias e pasan aquí todo o ano, para elas a Frouxeira é o seu fogar. Outras, nembargantes, son aves de paso ou migradoras, e a pesares de viren tódolos anos, somentes paran pra descansar. Estas aves de paso viaxan dende a costa occidental de África até o norte de Europa, onde semellan aniñar. Na contorna da Lagoa da Frouxeira pódense albiscar galiñolas negras ou demos negros (fulica atra), rascóns de auga (Rallus aquaticus), patos frisados (Anas strepera), pitas da auga (Gallinula chloropus), gaivotas choronas (Larus ridibundus), azulóns (Anas platyrhynchos), pilros comúns (Calidris alpina), pilros tridáctilos (Calidris alba), parrulos chupóns (Aythya ferina), píllaras reais (Charadrius hiaticula), mazaricos rabinegros (Limosa limosa), cercetas, corvos mariños, garzas imperiais e até falcóns. Deixamos tras de nós este areal i esta lagoa, este verxel onde pousan, onde peteiran, onde berran, onde descansan; onde reinan as aves viaxeiras. 

martes, 19 de febreiro de 2013

A Lagoa de Cospeito e as lendas de Valverde


“Venceredes vós,
pero nosoutros 
temos da nosa parte
o Cadramón, o Piapáxaro,
o Cabo de Home, a illa
de San Simón, o lusco, o fusco,
o Castromao, o Xallas, as lagoas
innumerables de Valverde”
Darío Xohán Cabana, Cabalgada na brétema

Cantos regatos, mananciais e fervenzas, marmulan a carón de nós, en cada recanto desta bendicida terra na que nacemos. Cantos encoros, ríos e lagoas, acougan a sede dos campos e dos animais. Canta auga alenta o verdescente chan galego, canta humidade desprende das súas concas e vales! Canta fartura se albisca no vello fogar de Breogán. Encamiñámonos cara as lixeiras depresións e as planicies, cara os terreos enchoupados e as máis nutridas chousas. Liscamos coa alborada cara o interior da Patria, coa mirada posta na fértil Comarca da Terra Chá, e co firme desexo de atravesar as cerrumes dos máis verdescentes prados. Co afán de camiñar, de enchoupármonolos pés na terra branda e lamacenta.  Nas nosas primeiras visitas a estas chairas luguesas, xa fixeramos parada na Lagoa da Fonmiñá e no feiticeiro Encoro de San Xoán, no Concello de Guitiriz. 

Alí puidemos contemplar a fermosura das paraxes que se estenden ó redor dos encoros e o aproveitamento que os veciños lle souberon sacar á súa auga. Nembargantes, aínda nos quedaban por coñecer as máis importantes brañas do País e as escuras lendas da vila somerxida de Valverde. De camiño ó Concello de Cospeito, albiscamos as frondosas carballeiras e as ringleiras de especies hidrófilas que acompañan o curso de innumerables regatos. Achamos dende o lonxe, a conca na que adormece unha das lagoas máis recoñecidas de Galicia, un inmenso brañal cheo de vida e de lendas. Logo de tantos quilómetros percorridos sobre da asfáltica brea das autoestradas, os nosos pés botaron a andar á fin na Feira do Monte, para coller rumbo cara a feiticeira Ruta das Lagoas. Denantes de comezar a camiñar a carón destas vellas lagoas de Valverde, decidimos deternos no seu Centro de Interpretación. Dende alí puidemos avistar ós seus habitantes, os verdadeiros protagonistas deste húmido e belido lugar; as súas aves.  O Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito fica nun alto onde se pode albiscar unha excelente panorámica desta paraxe chairega. Son moitos os regatos que conflúen e se ramifican nestas arxilosas terras da Chá, en parte, grazas á planicie da conca alta do Miño. Non debemos esquecer que esta lagoa ábrese entrámbolos cursos do Miño e do Támoga, o seu afluente. 


Botamos a andar polos sendeiros marcados, respirando a humidade que se desprende das terras. Atrás deixamos a presa e as preocupacións, e por diante agardábannos as sendas e as xunqueiras; as longas i extensas pradarías. Este importantísimo espazo natural, antano, estaba conformado por dúas lagoas. Unha delas ocupaba unha extensión aproximada de 58 hectáreas, mentres que a outra, unhas 16. Aló polos anos sesenta, un proxecto quixo desecar esta paraxe co único obxectivo de dedicar as terras ó aproveitamento do sector agrícola. Para levar a cabo o seu firme propósito, deforestaron a meirande parte das árbores e matogueiras que arrodeaban as lagoas, o que levou consigo a perda de gran parte da súa fauna. Nembargantes, foi nos oitenta cando se coñeceu o alcance do erro cometido anos atrás. Nesa década púxose en marcha a recuperación do brañal, tal como hoxe o coñecemos. Agora consta dunha lagoa central de 57 hectáreas, que fica á beira doutra lagoa máis pequena, dunhas dez hectáreas aproximadas. Hoxe é un perfecto lugar de lecer, onde camiñar é un pracer, unha necesidade. Ó noso carón imos vendo numerosas ringleiras de bidueiros e ameneiros, pradarías verdescentes abafadas pola humidade. Mais o que de verdade enche de vida este verxel, son os seus habitantes. 


A Lagoa de Cospeito é o refuxio e o sustento de numerosas aves migratorias como as avefrías ou galos da braña, que fuxen das extremas temperaturas do Norte de Europa para procuraren o noso clima, máis cálido, nos meses de inverno. E que dicir das galiñas de auga, cercetas, garzas, e multitude de anátidos que adoitan presenciarse nestes terreos enchoupados. No que respecta ó mundo dos anfibios, estas augas lamacentas son o hábitat idóneo de tritóns, píntegas e rás de San Antonio. As carballeiras que arrodean este lendario brañal, a bo seguro que agochan ós máis silenciosos, ós nocturnos. Quen sabe cantos corzos, ourizos, xabaríns e donicelas, pisarán estas terras chás e lamacentas. Quen sabe cantas troitas, londras e sapos, acougarán baixo as súas augas. Logo de centos de metros percorridos, decidimos voltar polo mesmo vieiro, a carón das ramaxes dos salgueiros. Deixamos tras de nós as xunqueiras e as densas matogueiras para voltar ó lugar onde deramos comezo a nosa andaina. Namentres retornabamos, afondamos na lenda de Valverde.


Contan que nesta lagoa, antano existira un pobo coñecido como a Vila de Valverde, onde un forasteiro sen recursos fora procurar pousada. Uns dicían que era un pobre que andaba a pedir, namentres outros sostiñan que se estaba a tratar da mesmísima virxe disfrazada. Mais ninguén en Valverde quixo acollelo no seu fogar. Foi entón cando tivo que deixar atrás esta vila e coller camiño cara o monte. Nunha ladeira puido avistar un pequeno fogar onde vivía unha familia moi pobre tamén, mais honrada e hospitalaria. Acollérono no seu fogar e mataron a única tenreira que lles quedaba para darlle de comer á familia e ó forasteiro. Cando remataron de cear, o pobre home pediu que botaran os osos máis grandes nunha cuadra, e os máis pequenos noutra; e así fixeron. Ó día seguinte, o pobre espertou chamando polo dono da casa, mandouno muxir as vacas e dar de mamar ós tenreiros. O dono pensaba que o pobre forasteiro toleara. Como vou muxir as vacas se a única tenreira que nos quedaba ceámola onte?.  O forasteiro contestoulle que, tan certo era que tiña vacas e tenreiras como que a Vila de Valverde ficaba baixo das augas. Logo, o forasteiro desapareceu, e a familia puido constatar todo canto el dixera. Para o seu asombro,  a Vila de Valverde ficaba baixo das augas da lagoa, como castigo polo trato dispensado a aquel home sen recursos, e as súas cuadras, ateigadas de vacas e tenreiros. Algúns contan que anos atrás, nas épocas de seca, aínda se podían ver parte da torre da igrexa e as chemineas da asolagada Vila de Valverde. Deixamos tras de nos as lendas de Valverde e as aves que se refuxian neste húmido e rico brañal. Que o milagre da auga non consiga asolagar, tamén, as sabias lendas herdadas polos máis vellos.

venres, 26 de outubro de 2012

O Encoro de San Xoán no Río Pardiñas


"Están, meu corazón, meu neno lindo,
os carballos batendo-se co ar e co machado
e o monte alto contra a máquina que o aboura,
a lagoa azul renovando a sua auga
teimosamente cegada"

Lois Diéguez. Sete poemas e un maio

Achegámonos ata as fértiles terras de Guitiriz para coñecer de preto os segredos que gardan as nutridas e verdescentes terras da comarca chairega, así como as fermosas paraxes que agocha en cada ferrado. Esta é a gran chaira lucense, lendaria terra de labregos eternamente peiteada polos arados, unha comunidade de bos e xenerosos que nunca deixaron de loitar polo seu pan. Mais se algo ten de especial este extremo occidental da Terra Chá é a súa auga, o seu bafo, a lama e a humidade. Os habitantes destas terras acostumáronse dende antano a sacarlle proveito a esta riqueza vital. Guitiriz, de feito, conta cun dos mellores balnearios do chan galego, e con diversidade de regatos e roteiros entre fervenzas e muíños. Ademais, esta capital do occidente chairego pode presumir de ser dona das súa propia auga. Para iso está o encoro de San Xoán, no curso alto do río Pardiñas. 
Ascendemos polas esgrevias ladeiras dos montes na procura desta pequena lagoa sita na parroquia de San Xoán de Lagostelle. Ó noso paso ábrense numerosas fragas de carballos, coníferas e outras moitas especies autóctonas que nos amosan a riqueza que agocha esta paraxe. Finalmente acadamos o noso obxectivo de ollar as prácidas e limpas augas do encoro, e contemplamos a xeitosa obra de enxeñaría que logrou crear esta fermosa lagoa de montaña. 


O dique, construído a comezos dos anos oitenta, abastece de auga o casco urbano de Guitiriz. A superficie reflicte cal espello unha infinda gama de cores, e as escuras nubes que se arremuíñan no ceo tinguen de nostalxia este lugar. O bosque fúndese nunha inabarcable gama de verdes, e as afiadas coníferas aportan á paisaxe un aspecto de lagoa de alta montaña. Os rosados penedos, desgastados pola auga, emerxen cando o nivel do encoro baixa, e as numerosas algas bailan unha danza eterna baixo da superficie. 
Atravesámo-la área recreativa para achegarnos ata o dique, deixando a un lado o amplo aliviadoiro que garante a estabilidade e o nivel das augas. Cruzámo-lo encoro fascinados pola beleza do lugar e chegamos ata a ribeira oposta. Alí puidemos ver que a infinidade de verdes se traducía en multitude e variedade de especies arbóreas, dende o piñeiro até o salgueiro, pasando por freixos, ameneiros, bidueiros, e castiñeiros. Os liques e o musgo apodéranse de toda a ribeira, pois a humidade abrolla a cada centímetro. Por estas datas, de seguro que estas terras húmidas acollen multitude de cogomelos e de seguro que a súa fauna será tamén abondosa e variada. 


A auga da lagoa do Río Pardiñas abastece os fogares dos veciños de Guitiriz, e permítelles tamén regaren as súas hortas, os seus cultivos. Pero ademais, constitúe unha fermosa reserva natural, e unha área de lecer onde se poden coñecer os segredos destas fragas. É moi habitual que as familias da contorna se acheguen ata esta área de recreo para disfrutaren da beleza e do sosego que se respira neste pequeno pero fermoso recuncho. Na antiga cabana do gardamontes achamos a aula da natureza, que permite ó visitante descubrir a gran riqueza e biodiversidade que fai deste encoro un dos encraves máis fermosos das terras de Guitiriz. 
Que endexamais sequen as augas do encoro de San Xoán, lagoa vital de Guitiriz! 

xoves, 23 de agosto de 2012

As aves que peteiran na Marisma de Baldaio


"O monte. O mar... ¿Qué brisa me ergue 
soños de luces, praias preguizosas
nos ventanais azuis, nas enseadas,
en illas de durmidos hourizontes?

Flores mariñas. Peixes. Verdes algas.
Fermosísima flora diminuta.
Pinos rexos e antegos aciñales.
A vexetal marisma do meu mundo".
Pura Vázquez, Man que escribiu no mar

As aves da brava costa bergantiñá, aló onde o vento axita de cotío as feras e salgadas augas do Atlántico, retoman o voo para ollaren dende o alto os seus finos areais e os seus rochosos cantís, namentres os ventos mareiros achegan a brisa e o salitre. Achegámonos ata un fermoso encrave da costa coruñesa, situado nas plácidas chairas que se estenden dende as faldras dos montes do Concello deCarballo ata as ribeiras mesmas do mar. Estamos a falar das sempre húmidas marismas de Baldaio, fogar e verxel das aves de paso. Entre a coñecida Praia de Razo, paraíso de surfeiros, e a Pedra do Sal, as forzas do mar e do vento foron moldeando unha longa liña de dunas ou tómbolo areoso que as raigames de innumerables herbas e plantas silvestres contribuíron a conformar e sustentar. Entre elas, atopamos algunhas moi ameazadas coma o Omphalodes littoralis gallaecica, que somentes sobrevive nestes recodos virxes da costa coruñesa. Son esas especies endémicas que tanto valor teñen para o noso legado natural e das que tan pouco sabemos.

 Esta costa atlántica fica sucada polo voo das sempre presentes aves mariñas. Os berros das gaivotas non deixa de resoar nunca, namentres os mascatos e os corvos mariños, pousan nas rochas afastadas desta costa esgazada polo mar e polo tempo. Os albatros apenas se albiscan no horizonte, e os araos poucas veces abandonan a seguridade que lles proporcionan os cantís. Baixo das augas salgadas, os robalos e os arroaces xogan coas correntes e as mareas, nos solpores e amenceres dun mar ateigado de naufraxios.  Alén dos areais, a marusía asolaga a húmida chaira, e abafa ó seu paso as plácidas xunqueiras que arrodean a Lagoa de Baldaio. Trátase dunha zona afundida por longos e complexos procesos terrestres, que foi somerxida polo mar e gorecida pola acción do vento e da area. Ó tratarse tamén dunha pequena conca onde desembocan multitude de rebuldeiros regatos, a marisma de Baldaio constitúe un delicado e rico ecosistema. Neste verxel entre as salgadas augas do mar e as doces augas da marisma, atopan o seu refuxio multitude de aves limícolas que peteiran a rentes das augas na procura de infinidade de moluscos e insectos que constitúen boa parte dos seus hábitos alimenticios. As marismas son o fogar de especies como o Pilro común, a Becacina ou os biluricos. Os máis habituais son os mazaricos, que peneiran centímetro a centímetro as finas areas da praia e a escorregadiza lameira da marisma e da lagoa. A pesares da súa aparente fraxilidade, algunhas destas especies limícolas realizan longas viaxes migratorias dende terras afastadas. Nembargantes, os viaxeiros máis célebres de Baldaio son as anátidas, é dicir, os parrulos que tanto descansan na vella lagoa. O Alavanco Real, de relucentes e chamativas cores, ten en Baldaio unha parada xeracional. O Parrulo asubión, a Cerceta Real ou a belida Garza, son outros dos máis célebres hóspedes desta estación de aves de paso. Foi este o motivo polo que foi declarada Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e Lugar de Interese Comunitario. Grazas a esta protección, e a pesares dos danos ocorridos nas últimas décadas, Baldaio segue a ser un verxel onde repousan estes ousados e experimentados viaxeiros, que percorren os continentes dende o Ártico ata as exóticas terras austrais. Hai quen mesmo di que o escaso Picapeixes, ou Martiño Peixeiro, aínda se deixa ver por estas húmidas terras, perturbando a plácida superficie das augas da lagoa.


Mais non son as aves as únicas habitantes das marismas; os solitarios raposos e os noctámbulos teixugos, esquíos, xenetas e donicelas, percorren e habitan as ribeiras de Baldaio. Baixo das augas, as londras brincan e mergúllanse entre as raigames que cercan a lagoa. Entre as xunqueiras, os rebuldeiros e coloridos cabaliños do demo, as bolboretas e outros moitos insectos, conforman unha parte fundamental deste ecosistema. Baixo os nosos pés, os anfibios como as rás de Santo Antón e as píntegas, procuran a auga doce e os pequenos insectos que tanto abondan neste verxel. Multitude de réptiles como a víbora de Seoane e infinidade de lagartas, buscan as raiolas do sol dos estíos.

Coa nosa partida, unha bandada de aves retomaron o seu itinerante voo, erguendo as súas maxestosas ás ó vento, e agoirando novos destinos. Quen sabe se moitas delas se deterán aínda nas esgrevias Sisargas, denantes de emprenderen o camiño cara mares descoñecidos.

martes, 26 de xuño de 2012

As praias de Monte Louro e a lagoa de Xalfas


"MONTE Louro pelado.
A lagoa dos patos.
A parella lanzando
unha botella ó mar.
Regatos do verán.
Augas e unhas mans
que alí lavarán
seivas de amor puro.
Camiños de por Muros.
Solitarios e duros
de andar, entre xuncos.
(Os frades coidan a horta)
Arroaces na porta
da ría, prata absorta
que brinca. Campá tola
rezando no eirado.
Monte Louro pelado.
Vía Crucis que andamos
con paso namorado.
Unha frecha cruzándonos".

Luis Rei Núñez, A casa na brétema

Pasou o San Xoán e xa ficamos inmersos no verán. Esta época estival convídanos a facer unha parada nas nosas axetreadas vidas para achegármonos a calquera dos innumerables areais que engalanan toda a costa galega, dende a Guarda ata Ribadeo. Estas praias, cada unha das cales é única, son remansos de paz ó longo da nosa esgrevia e irregular liña costeira. Nesta época, son moitos os bañistas e forasteiros que se achegan a estes paraísos de area e mar, para disfrutar das refrescantes e salgadas augas, e tamén das súas brancas e finas areas. Nembargantes, algúns areais permiten tamén admirar a paisaxe, a natureza e a lenda. Desta volta, aproveitamos as primeiras raiolas do verán para achegármonos a un deses areais míticos do litoral coruñés.
Vista dende a baixada de Taxes, preto da Laxe das Rodas
O sol alumea a fermosa e longa praia de San Francisco, ós mesmos pés de Monte Louro. Este areal, acubillado no fondo dunha pequena enseada situada na fronteira norte da Ría de Muros e Noia, acolle a multitude de bañistas que aportan vida e prosperidade ós veciños da pequena e fermosa parroquia de Louro, no concello de Muros. Esta antiga aldea de mariñeiros, viviu certo auxe grazas ó turismo, aínda que segue a conservar algunhas das antigas vivendas de pescadores, así coma cruceiros, cabaceiras, unha igrexa, e mesmo un Via Crucis que gabea polas ladeiras. Sen embargo, o monumento principal da parroquia é o Mosteiro de San Francisco (Século XIII), que lle dá nome á praia e á sé parroquial.
Cara ó sur, a enseada de San Francisco amósase aberta ás plácidas augas da ría. Nembargantes, polo norte, a baía fica dominada pola impoñente silueta do ancestral e lendario Monte Louro. Este esgrevio macizo granítico fica ergueito entre dous mares, separado do continente por unha estreita franxa de terra. Contan que esta sinuosa península emerxeu do mar hai máis de dous millóns de anos. Sobre a súa rochosa cortiza, apenas dan medrado os toxos e as silveiras, e os penedos graníticos relocen ó sol, dando nome a este mítico monte costeiro. As súas dúas cimas érguense a 277 e 244 metros sobre o nivel do mar, rachando a liña do horizonte.


A parte exterior da península fica aberta ó mar máis fero da Costa da Morte; non en van, Monte Louro ten sido considerado o remate desta costa de naufraxios. O vello faro, erixido no ano 1862, vela para que os mariñeiros volten sans e salvos ós seus fogares. Mentres tanto, o vento remexe as douradas dunas da mítica praia de Area Maior, namentres os mazaricos peteiran na ribeira, e as gaivotas sucan os ceos para logo pousárense nos altos i esgrevios penedos de Monte Louro. Este maxestoso areal, de mil catrocentos metros de lonxitude, fica presidido por un alongado sistema dunar que actúa de dique para as augas que o Río Longarelo deposita na Lagoa de Xalfas. Este impoñente brazo de area presenta somentes unha saída para a auga da lagoa, o que permite a conformación dun valioso e rico ecosistema.
A pequena Lagoa de Xalfas, duns douscentos metros de diámetro, constitúe un remanso de paz e sosego para infinidade de aves migratorias que procuran o acougo da lagoa para coller novos folgos e novos destinos. O parrulo real, o mergullón pequeno, a galiñola negra, o pato chupón, o rascón de auga, a cerceta real, a garzota común ou as esveltas garzas, son algunhas das moitas especies que aquí se poden albiscar. Este entorno húmido, repleto de xunqueiras, árbores hidrófilas e plantas acuáticas, constitúe o hábitat ideal para todas estas aves de paso. Entre as especies de flora, cabe destacar a Lilaeopsis Caroliana, unha especie que somentes aquí pode ser atopada. A comuñón da auga doce da lagoa, coa salitrosa auga mariña do Atlántico, crea unha explosión de riqueza biolóxica que mesmo permite a existencia de mamíferos tan difíciles de ollar por estas terras coma as lontras. Dende o alto do monte, as aves rapaces ollan os seus dominios; a diario sobrevoan a antiga e lendaria Lagoa de Xalfas. Contan os máis vellos que baixo as augas deste humidal fica mergullada unha antiga cidade, hoxe case esquecida.

Vista xeral de Monte Louro dende Porto do Son

Son os ecos que resoan aínda de tempos pasados. Son verbas herdadas dos antigos pobos que habitaron esta terra. De fronte ó Monte Louro, as ladeiras acollen a ancestral Laxe das Rodas, e hai quen di que este petróglifo pode reproducir o mesmo Monte Louro. Pero o pasado tamén fica agochado nunha das cimas do propio monte; as ruínas da antiga capela adicada a María Magdalena apenas se albiscan entre os penedos.
Dende a beira sur da Ría de Muros e Noia, a silueta de Monte Louro érguese impoñente. Os mariñeiros acostuman, dende tempos antergos, a ollala para coñeceren o estado do tempo. Observando con sabedoría o horizonte dominado por esta montaña lendaria, os lobos de mar de Porto do Son ou de Portosín predicían a evolución das treboadas. A carón da lagoa, mentres tanto, os fermosos e belidos parrulos gozan da paz que semella emanar das súas augas. Nas húmidas veigas aínda pacen sosegadas as ovellas, coma o levan facendo dende sempre. O sol esvaécese no amplo horizonte, namentres a luz xoga coa impoñente silueta do vello e sinuoso Monte Louro.

martes, 3 de xaneiro de 2012

O vento que acariña a Duna de Corrubedo


“Unha canción é un mapa e tamén unha vía,
un pasaporte, un modo de substento,
unha escada que leva
ó máis alá. Se vas pola túa vía
espantarás o mal.
Tódolos teus encontros serán con irmandiños
e a loita será sempre hospitalaria.
Cada un dos episodios do cantar compartido
é unha zona sagrada,
militar. Pero, ai do que se para
e bebe dunha fonte
ou dun regato
que soan noutro ton,
alleos á epopea salmodiada.

Quizais atope a morte,
ou desentoe coa vida.

Os trazos da canción conectan o invisible que está próximo
co invisible arredado: dunas
de corrubedo”
.

María do Cebreiro, Pérfida Erín (sete visións en terra)

A maxia que acompaña as forzas do vento e do mar dende o alén do Océano Atlántico, moldea e conforma ó seu antollo numerosas marabillas dignas de admirar por calquera ser humano que se prece. Un deses tesouros naturais é, sen dúbida, o Parque Natural de Corrubedo, inmerso na ventilada costa do Concello coruñés de Ribeira, -en concreto, entre Corrubedo e Olveira-, e ós pes da sempre impetuosa sombra da Serra do Barbanza.

Vista da Praia dende o Complexo Dunar de Corrubedo
Este complexo natural comprende numerosos atractivos que se ven acentuados pola diversidade do seu entorno. Marismas, lagoas de augas doces e salgadas, praias, chairas, dunas e moitísimas outras xoias que só un mesmo pode chegar a descubrir,- así coma unha morea de camiños que nos ensinan un espazo onde escoitar o murmurio laborioso do vento e recender o salitre do mar-; son só unha pequena mostra dos agasallos que  agochan estas terras do Barbanza. Tamén é un lugar onde ollar unha flora e fauna tan peculiar coma delicada, singular e innumerable. As dunas de Corrubedo constitúen un lugar onde meditar, aprender e disfrutar dun entorno natural único, dentro e fóra das nosas fronteiras. Este espazo natural protexido, situado entre a Rías de Arousa e a de Muros e Noia, acolle a influencia dos ventos predominates do sudoeste que, gran a gran e día tras día-, van conformando unha xigantesca e espectacular duna móbil de máis dun quilómetro de lonxitude por uns douscentos cincuenta metros de ancho. Mais neste espazo onde se mesturan as augas doces da Lagoa de Vixán coas augas salgadas da Lagoa de Carregal, que recibe o salitre do mar; créase un fascinante escenario de biodiversidade única que paga a pena valorar e urxe protexer. A flora caracterízase pola presenza das xunqueiras, cardos mariños e Ammófilas de area, así coma ranúnculos, carrizos e extensos piñeirais que protexen e acougan a paz das súas fértiles marismas. 

Xunqueiras a carón da Duna de Corrubedo
 A fauna que habita neste rico ecosistema caracterízase principalmente, por unha ampla diversidade de anfibios e réptiles, que compoñen a meirande parte dos presentes en todo o chan galego. No que respecta ó mundo das aves, cabe destacar os mazaricos, as garzas, os lavancos, os pernileiros, os cullereiros, os carráns cristados, as gabitas e as gaivotas. Moitas destas, aves viaxeiras, fan parada no seu itinerante voo para deterse neste paradiso de vento e natureza, na procura de descanso e alimento. Por algo este lugar, dende o ano 2003 é Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Este verxel é tamén territorio de numerosas especies de mamíferos como a lontra, o raposo, o porco teixo ou o ourizo cacho. Pero non esquezamos tampoco a riqueza viva que aínda  habita baixo o leito mariño. Estas costas do Barbanza gozan dunha incuestionable fama de tradición pesqueira e dunha riqueza marisqueira coñecida no mundo enteiro, e os seus productos; os máis suculentos praceres do mar. Que o milagre das forzas do vento e do mar siga moldeando a Duna de Olveira, tesouro de nácar acariñado a barlovento.

mércores, 18 de marzo de 2009

A Fonmiñá, o berce do Miño


A Marina Ónega, da Pastoriza
"Frorón antíguo d'o chao gallego,
Por entre frores dános o rego
D'a sua rica fonte Miñá."

Valentín Lamas Carvajal

Nas labregas terras do concello lugués da Pastoriza, a lenda fálanos dos Xacios, seres metade persoa e metade peixe que vivían sumerxidos baixo as augas da Lagoa de Fonmiñá. Esta paraxe comparte co Pedregal de Irimia, no Concello de Meira, o privilexio de enxendrar ao mesmísimo Río Miño, a franxa celeste que atravesa a nosa bandeira. Pero se algo ten de peculiar esta lagoa, son as burbullas que emerxen á superficie e que tradicionalmente se coñecen coma Os ollos do Miño. Este fenómeno xeolóxico é a surxencia cárstica; as rochas calcáreas permiten que o caudal subterráneo do río atope unha saída disolvendo a rocha, e isto produce que as burbullas emerxan á superficie. Estas terras están situadas a uns 600 metros de altitude, e fican nutridas por diversas fontes, mananciais e regatos para enxendraren ao pai dos ríos que sacian a sede da meirande parte das terras do noso país.
O Miño comeza a súa andaina pola Terra Chá e remata o seu curso no Atlántico, aló polas terras do Rosal. Non cabe dúbida de que esta distinguida lagoa e o Pedregal de Irimia, constitúen o nacemento do río que atravesa e nutre ó seu paso o chan galego. Agora somentes queda desexar longa vida á Lagoa de Fonmiñá, e que non deixen de emerxer os Ollos do Miño do seu máxico e uterino berce.